domingo, 7 de xullo de 2013

A FONDA DE CALIXTO PEREIRA



O anuncio publicitario que reproducimos arriba apareceu nun número do xornal O Umia, fundado por Cabanillas en 1907. Aí comentase que este hospedaxe existe na vila dende fai sete anos, é dicir 1900. Luís Rei atopou no arquivo do Concello unha referencia a este establecemento na rúa do Príncipe, polo que supón que existiu primeiro nese lugar e neste ano de 1907 trasládase á praza do Concello. O edificio era propiedade de Benito González, a quen llo aluga a Calixto Pereira.


Esta debe ser unha das primeiras fotografías que se conservan da Fonda de Calixto Pereira xa que  aparecen recén plantadas as árbores que logo adornarán a praza. Na fronte da casa aparece un cartel co nome do establecemento e no lateral outro que pon "Fonda y café". Tal como nos di o cartel publicitario, no baixo da casa (dereita) estaba o "Café Moderno" onde se podía escoitar todos os días ao pianista invidente, orixinario de Lugo, Ramón Ulloa. Tamén se indica que neste baixo (esquerda) está a administración dos coches que saen para Vilagarcía.

Esta fonda creouse a principios do s. XX en relación coa afluencia de turistas que viñan tomar os baños á Illa da Toxa, onde se contruirá un balneario. Daquela a ponte de comunicación coa Illa non existía e era máis doado achegarse en motora dende o peirao de Cambados. Moitos turistas chegaban en tren  ata Carril, primeira liña ferroviaria que existiu en Galicia, e de aí en coche de liña ou de alquiler ata Cambados.


O antigo balneario da Toxa, Arquivo Pacheco.

 Bañistas embarcándose para a Toxa nunha motora dende o peirao de Cambados

Comenta Luís Rei na serie de tópicos e (pre)textos que fixo para o Faro de Vigo que "O café e a fonda de Calixto poden considerarse os pioneiros da hostelería moderna en Cambados. Para a decoración e a publicidade contou Calixto cun xoven pintor que prometía moito e que se chamaba Alfonso R. Castelao, que lle pintou o famoso cadro de "Eugenio, o cego de Padrenda", cadro que engalanou moitos anos as paredes do café , e deseñou tamén Castelao os tarxetóns anunciadores". Ambos aparecen reproducidos abaixo.

xoves, 4 de xullo de 2013

CRUCEIROS

Recuperamos hoxe fotos antigas de cruceiros, algúns conservados aínda, pero con certo deterioro e ás veces cambiados de emprazamento. Novamente recurrimos ao material de Sindo Mosteiro. Empezamos por Santomé.

O cruceiro de Santomé no seu emprazamento orixinal á beira dos muros do Pazo de Montesacro, na actual rúa da Alameda Vella

Emprazamento actual
E isto é o que nos conta Sindo:

"O cruceiro que hoxe se sitúa na praza inmediata á fonte de San Tomé do Mar é un exemplo de mal trato ao longo do tempo. Como ben se pode apreciar o seu estado de conservación é un tanto deficiente en parte debido á súa situación histórica ao pé do mar, na Alameda Vella de San Tomé á beira dun tramo de muralla do pazo de Montesacro, hoxe desgraciadamente destruído nesa parte. Tantos anos de temporal e salitre deixaron a súa pegada impresa difuminando cada liña labrada na pedra. A isto súmase o traslado realizado nos anos 50 do pasado século, coincidindo coa construción dun grupo de casas sociais para os mariñeiros no lugar da alameda xa dita. Mais os seus males non haberían de remataren aí pois recentemente sería derrubado por un vehículo conducido por un chófer pouco habilidoso polo que se ve. Quedou tronzado en moitos anacos como ben se pode ver nas pegadas persistentes tras a restauración.
Érguese sobre dous pasos e un dado, enriba dos que se eleva o varal de sección circular, onde se incorporan os Instrumentos da Paixón en moi mal estado de conservación, case imperceptibles. O capitel é unha estilización bastante simple cun bocel e volutas nos catro ángulos, centrando o eixo catro discos decorados cunha esvástica que semella remitir a un signo astral. A cruz é ancorada e presenta por unha cara ao Cristo crucificado e pola outra á Quinta Angustia coa Virxe recollendo no colo o corpo de Cristo morto, cos seus pés apoiados enriba da caveira de Adán como símbolo da redención do pecado orixinal e do lugar de crucifixión enriba da tumba dese primeiro home mítico. Para a xente do mar de San Tomé no pasado realizar certos ritos arredor deste cruceiro garantía unha boa pesca; hoxe seica confían mellor no sónar e a electrónica de a bordo
". 

O cruceiro da rúa Hospital

luns, 1 de xullo de 2013

COLABORACIÓN

Hoxe traemos a este blog a unha persoa que sabe moito da historia e arte de Cambados, Sindo Mosteiro.

Sindo restaurando a imaxe da Inmaculada da Igrexa de Sta Mariña

Gumersindo Mosteiro é cambadés de nacemento. Licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, nas especialidades de Arte Antiga e Medieval (1992) e de Museoloxía (1993). É tamén Diplomado en Conservación e Restauración de Bens Culturais na especialidade de Arqueoloxía na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (Pontevedra) no ano 1996. Ten traballado en numerosos proxectos de restauración e arqueoloxía.

E hoxe utilizamos o seu material (co seu permiso por suposto) para dar a coñecer o traballo de divulgación que está facendo en Flickr e que pode ser accesible e coñecido por todo o que se achegue. Nesa plataforma de Flickr mostra as súas fotografías, excelentes casi todas, sobre o patrimonio artístico do Salnés e ás veces tamén de bastante lonxe do Salnés. Acompaña case sempre a imaxe cun texto explicativo sobre a historia do monumento tratado, ou un documento histórico ou literario que teña relación con el. Non falta tampouco a suxerencia dunha peza musical.

Traio esta información hoxe aquí porque para min foi un descubrimento e porque sei que pode interesar a quen coma min se interesan tamén pola historia de Cambados. Para mostra un botón, deixo tres fotos e tres textos que as acompañan pero tamén o enlace para que descubrades por vós mesmos o excelente material que aquí hai. Escollín tres imaxes nocturnas.


A capela da Pastora está situada no monte de tal nome, tamén denominado Castro de Santa Mariña, adquirido polo concello de Cambados nos anos 80 do pasado século. Trátase este dun edificio pequeno como corresponde á súa calidade de ermida. A primeira noticia documental que posuímos desta construción é o testamento de Martiño Fariña O Vello, onde se di: "Por cuanto yo retejé y reparé la ermita del Buen Jesús junto a la iglesia de Santa Marina d’Ozo de Cambados, donde puse dos imágenes, la una del Buen Jesús y la otra de Nuestra Señora de las Nieves que he tomado en devoción..." É un documento datado en Cambados, de onde era escribán, no 11 de agosto de 1603. Nel tamén se alude ao momento da constución da ermida, que se remonta a unha data indeterminada do século XVI e promovida por unha tal María d'Alegría, baixo a advocación do Bon Xesús. Desde este intre comeza a aparecer nas visitas pastorais que se realizan a Cambados, coa denominación de ermida do Bon Xesús e de Nosa Señora das Neves (así as de 1652, 1662 e 1715), mentres que na de 1821 xa se aprecia un cambio de denominación, co que adopta o actual de capela da Divina Pastora ou da Pastoriza. Foi un Luaces o que deu o paso do cambio de advocación. Pouco antes preitearan polo padroado da ermida os Fariña e os Luaces, caendo en favor destes, quen máis tarde venderían a Eduardo Matos. En 1890, cando Alfredo Brañas paga as festas en agradecemento por ter superado unhas oposicións a cátedra, é dona María Alonso.
Tal e como hoxe se conserva o edificio é de plan rectangular, con ábsida tamén rectangular, precedido por un pórtico sostido por piares e cunha porta abeirada baixo un arco rebaixado e moldurado. Enriba do cumio sitúase unha pequena espadana onde pende a campá baixo unha cruz e dous pináculos de bolas. O conxunto complétase cunha casa que se acaroa á capela, un cruceiro e as ruínas da vella casa dos caseiros do chamado monte da Marquesa.
Texto: Sindo Mosteiro.




“(…) Vuelven con las historias familiares las locales, que, por unidas, mutuamente se esclarecen y acaso se completan; tantos los signos que conservan, mostrando esa relación, la villa de Cambados y el Palacio de Fefiñáns. En sus grandes salones jugué lo no decible, y tengo en el cuerpo visible señal de golpe que allí recibí; bautismo de sangre, abundantemente vertida -pero al punto y sin mala consecuencia atajada- cuando acababa de soltar los andadores. Perdónese lo pueril del recuerdo, pero también los de este género tienen su valor. Aquellos salones donde así correteaba niño, conservaban su vieja traza y decoración y semejaban guardar secretos de vida que allí se llevó.”
Juan Gil Armada (Marqués de Figueroa), Del Solar Galaico, 1917.



"Yo había decidido escribir estos artículos sobre Cambados –tres, como las tres hojas de un trébol-, querido Caamaño Bournacell, a la temblorosa y viva luz de una primavera cualquiera, o cuando, finándose el alegre tiempo del verano, comienza a envolver el mundo con su cristal de oro en el sereno otoño. Pero he venido a escribirlos en plena invernía, golpeando un duro suroeste preñado de agua el oscuro rostro de mi tierra luguesa.

domingo, 16 de xuño de 2013

O MERCADO DE FEFIÑÁNS


Celébrase esta fin de semana en Cambados un mercado medieval por iniciativa do grupo de Acción Costeira (?). Parece algo anacrónico celebrar un mercado medieval en Fefiñáns, non é no medievo cando esta vila vive o seu esplendor senón a partir do s. XVII en que se remata a construción do Pazo, na chamada xa Idade Moderna, pero a iniciativa é interesante. E debeu ser nese século cando empeza o "mercado das cortafeiras" (cuartas feiras aínda lle chaman aos mércores os nosos veciños portugueses), porque efectivamente aparece no Catastro do Marqués  da Ensenada que "todos los miércoles de cada semana se celebra un mercado en esta villa..."

Moitos anos despois,  tamén se celebraba o mercado todos os domingos. E dado que esta actividade inclumpría o preceptivo descanso dominical o alcalde cambadés Fernando Botana vese na obriga de elevar un escrito ás autoridades en 1923 no que se di "para proceder a instruir expediente justificativo de que en esta villa se celebran desde tiempo inmemorial mercados, además de los miércoles, los domingos de cada semana..." Iníciase nese mesmo ano a Ditadura de Primo de Rivera e o descanso dominical vaise a respectar. O mercado pasa a celebrarse só os mércores. Esto nos conta Xose Lois Vila Fariña no seu libro sobre a Historia de Vilariño e Fefiñáns.

 A decadencia definitiva do mercado prodúcese algúns anos despois cando este deixa de celebrarse en Fefiñáns, na Praza do mercado, como era coñecida entón a Praza de Fefiñáns. En 1949 trasládase á zona do peirao e a praza de abastos. Fefiñáns deixaba de ser o centro comercial de Cambados.

Así que aproveitando a ocasión recuperamos hoxe fotos deste mercado tradicional que non estaría mal volver recuperar nesta fermosa praza



Vense nesta foto, "as Estendas" ou alpendres onde se situaban algúns postos, corresponde ao lado oeste  da praza  a carón da casa de Rovira que está contigua á Igrexa, tal como se pode ver na foto inferior.



Consérvanse tamén varios debuxos de Francisco Lloréns, pintor galego afincado en Madrid que veu a Cambados en varias ocasións (era bo amigo de Cabanillas e Asorey). Tamén retratou neses debuxos e nun magnífico lenzo (que non reproducimos aquí e que conserva unha familia de Santiago) o ambiente do mercado de Fefiñáns.


sábado, 15 de xuño de 2013

FOTOS ANTIGAS COLOREADAS

Era moi frecuente a principios do s. XX (e posteriormente, pero con outras técnicas) a emisión de series de postais sobre vistas de vilas galegas. En Cambados foi especialmente importante a serie feita por encargo do Hotel Calixto cara 1910. Pero a que mostramos hoxe é un pouco anterior, cara 1905. Os datos que temos son de que o fotógrafo é Ramón P. Charlín, do que nada sabemos. Foron editadas coa técnica da fototipia e como xa dixemos deberon saír en torno a 1905.

Son fotografías orixinais en branco e negro que logo se colorean a man. Na rede atopamos fotos xaponesas tiradas pola mesma época, finais do s.XIX, principios do vinte e coloreadas cunha técnica similar. Este sistema permitía dar unha apariencia máis real ás fotos, moitos anos antes de que se inventasen os sistemas fotográficos a cor. Hoxe son documentos históricos e bonitas obras de arte.


Pero volvamos a Cambados, Pazo de Fefiñáns:







Igrexa Parroquial


Ruínas de Sta Mariña




Tragove




Muiño da Seca



Se alguén nos pode facilitar información sobre este fotógrafo: Ramón P. Charlín o agradecemos

domingo, 2 de decembro de 2012

José Bellver. Un xuíz fotógrafo

José Bellver Álvarez ( Ponferrada, León, 1896- Pontevedra, 1968) estivo destinado en Cambados como xuíz de primeira instancia, e tamén noutras localidades como Caldas, Ortigueira ou Redondela. O seu derradeiro destino foi en Pontevedra onde se xubila coma Maxistrado da Audiencia Provincial. Alí morre en 1968.

Foi un gran afeccionado á fotografía que combina tamén co seu interese pola pintura e o cine. Durante a súa estancia en Cambados nos anos 20-30 tomou numerosas fotografías da vila, das súas rúas e monumentos e das súas xentes, recollendo esceas do mercado -que naquel entón aínda se celebraba en Fefiñáns- ou do traballo dos mariñeiros.

O fondo documental de Bellver está custodiado no Museo de Pontevedra, e en Cambados expóñense agora 62 imaxes, seleccionadas pola comisaria María Reyes Camiña. A exposición estará aberta ata o 13 de xaneiro, no Pazo de Torrado.



A Bellver, en liña coa pintura impresionista, interésalle especialmente a luz. As súas imaxes teñen un valor etnográfico e histórico, por retratar motivos da primeira metade do século XX pero tamén teñen un gran valor artístico. Prefire, coma os impresionistas, as vistas do mar e a auga, prefentemente en contraluz, como vemos na imaxe superior de dornas en Cambados fronte ao Grove.

domingo, 16 de setembro de 2012

CAMBADOS NUN MAPA DO S. XVI


Facilitáronnos unha copia dixital deste mapa, o orixinal consérvase no Arquivo Histórico Universitario de Santiago (signatura: clero 559, fol 251) e constitúe unha auténtica xoia para estudar o pasado da nosa vila. 


Lembrar que o Arquivo Universitario debe autorizar  a reprodución deste documento.

O mapa debeuse de facer para marcar lindes de terras e xurisdición da Casa de Dozo da Torre (hoxe coñecida como Ouso da Torre). Aparece nun libro de “apeos” (delimitación de lindes) do Mosteiro de S. Martiño Pinario que vai de 1579 a 1597 e a ficha do arquivo indica que o mapa corresponde a 1593. O mapa mostra a nosa vila dende o mar, na base do cal está perfectamente indicado e aparece a lenda: “Mar de la parte del  poniente”(oeste)  e están representadas as “vilas” de Cambados e Santo Tomé do Mar,  e non Fefiñáns. Xa algo debía existir nestas datas en Fefiñáns, pero non aínda o “Palacio” tal como o coñecemos hoxe. Pero o motivo polo que se fai o mapa non ten nada que ver con Fefiñáns senón coa delimitación dos señoríos de Cambados e Santomé, razón pola que cremos que non se representa nada desta vila.
Cambados aparece representado como un conxunto de casas arremuiñadas arredor dunha igrexa (con torre e campanario) e unha praza. Quizais sexa a igrexa do (daquela) Convento de S. Francisco (hoxe igrexa parroquial) e a praza debe corresponder ao que era entón o campo de S. Francisco que serviu aínda a principios do s. XX como campo da feira, onde se vendía o gando. Conservamos algunha foto antiga deste espazo, tamén chamado carballeira de S. Francisco, onde en torno a 1950 se edificaron as “casas baratas”.

Foto dos anos 50 na que se ve á esquerda o muro e horta do Pazo de Taboada ou de Silva, e á dereita ao fondo a Xuventude e en primeiro termo a carballeira de S. Francisco onde se construíron as casas baratas. 

Ao lado do núcleo de Cambados aparece a lenda: “Calle y camino que sale de Cambados para la fuente y crucero de S. Thomé”. A citada fonte e cruceiro aínda se atopan hoxe no núcleo de Santomé (lavadoiro e praza do cruceiro). É especialmente interesante o debuxo da Illa de S. Sadurniño, que o mapa chama “Villa Vieja” e o resalta varias veces: “ Entrada y salida de Villa Vieja”, marcando unha entrada cun arco de medio punto,  Torre y cerca de Villa Vieja” dando conta da existencia da Torre e dunha muralla (cerca) que a rodeaba, “Villa Vieja con mar alrededor”, remarcando o seu carácter insular. O nome de Vila Vella aparece noutros documentos como o que escribiu Xerónimo del Hoyo en 1607 que indica que o primeiro núcleo habitado foi este illote (por razóns defensivas) e dende aí a posteriormente a xente se foi instalando na liña de costa. É posible ver no debuxo como fóra da cerca da “Fortaleza” de San Sadurniño existen na illiña casas de veciños, Xerónimo del Hoyo di que “Esta islilla tiene diez y siete vecinos y son pobres. Solían ser ochenta”. Comenta Xerónimo del Hoyo que había unha calzada empedrada que cando a marea está baixa (cando “devala”) pódese cruzar. Di tamén que ten unha ermida adicada a Santo Tomé e a S. Sadurniño, que darán nome posteriormente á illa e á Vila de Santo Tomé do mar.  Caamaño Bournacell escribe en 1933 no seu libro “Cambados a la luz de la historia” que aínda se podían ver os alicerces da ermida.
O debuxo proba a existencia dunha fortaleza en San Sadurniño, con muralla e torre defensiva  O autor do debuxo fai circulares a muralla e a torre, así como tamén a torre-campanario de Sta Mariña, licenza do artista que non corresponde coa realidade do conservado hoxe, que vemos que é cadrado. A Torre parece que ten tres andares, ten merlóns (“almenas”) no remate e unha cheminea que aínda se conserva hoxe. O construído (que se ve no mapa) e o conservado hoxexa demostrou Gumersindo Mosteiro que é de finais do s. XV ou principios do XVI e ten unha finalidade residencial, construída probablemente polas descendentes de Sueiro Gomes Soutomaior, a súa filla María e a súa neta Xoana. Nada que ver polo tanto cunha torre defensiva e vixía contra ataques de piratas vikinkos ou sarracenos como se ten dito.
Outras inscricións no mapa indican: "Camino que también va para Espiñero y entrada de la jurisdicción y propiedad de Dozo da Torre” que cremos que corresponde ao camiño que bordeando o asilo actual, pasa por diante do antigo matadoiro, hoxe centro de día, e Ribeira de Mouta e continúa por Fonte de Brúa  ata o río Umia. Nese camiño aparece tamén indicado: “Crucero de S. Thomé  de la parte del Vendaval en el  mesmo camino”. Deste cruceiro tamén conservamos nunha foto a súa ubicación orixinal, á beira dos muros do Pazo de Montesacro (hoxe asilo) a carón de onde existiu posteriormente a chamada “Alameda vella”. 
Cruceiro de Santo Tomé situado a carón dos muros do asilo e ao lado de onde estaba situada a Alameda Vella de Santomé na que logo se construíron unhas casas para mariñeiros.

Destácanse no mapa varias viñas, seguramente pola súa importancia e extensión, como a “Viña de Canzela (?)” en Santomé ou "Viña de Rodrigo de Padín de la parte de la jurisdicción de la villa de Cambados"; e igualmente: "Viña de la entrada de Dozo da Torre" que estaban cercadas e que cadran no límite de separación entre as terras do señorío de Cambados e o de Santomé, neste caso o Couto de  Dozo da Torre.
Chegados a este punto é importante aclarar que na organización señorial que sigue á Idade Media,  a totalidade do territorio estaba dividido en señoríos, mandados por un señor, que podía ser laico (nobres) ou eclesiástico ( bispos e arcebispos ou abades de mosteiros). Legalmente a propiedade da terra e ás veces tamén o dereito de exercer xustiza e outras prevendas pertencía ao señor. Os campesiños traballaban estas terras e debían pagar polo seu uso uns impostos, chamados foros en Galicia, que podían ser en diñeiro ou en especie (parte da colleita ou días de traballo nas terras dos señores). En Galicia o poder da Igrexa foi moi forte, especialmente da Igrexa de Santiago que recibía numerosas doazóns en terras por parte do Rei; de feito na época medieval a Ría de Arousa era propiedade dos bispos santiagueses que logo aforaron (cederon) a varias casas nobres como é o caso dos Soutomaior, señores de Lantaño, que recibiron o señorío de Santomé do Mar. O señorío de Cambados pertencía a finais da idade media ao Conde de Monterrei.
Pero sigamos co mapa, na liña costeira aparece indicado “Espiñeyro propiedad del Cabildo de Santiago” e tamén “Río Umia donde anda la barca en Dozo da Torre” e “Casal da Barca”. O mapa fai clara referencia por tanto á barca que cruzaba o río Umia trasladando pasaxeiros e mercadorías dunha beira a outra do río moito antes de que se construíra a ponte, que é de finais do s. XIX  (e que leva tamén o nome de Ponte da Barca). No propio mapa aparece debuxada na parte superior esa barca que nesta copia dixital non se ve ben pero no mapa orixinal é posible ver con claridade a tres pasaxeiros, un dos cales manexa o timón. Supoñemos probable que o barqueiro que cruza o río , e que cobraba por facelo, dependa do señor de Dozo da Torre que percibe así outra renda señorial.
Aparece logo a casa de Dozo da Torre (hoxe chamada Ouso da Torre) elemento importante do mapa e polo cal se fai. Esta casa aparece debuxada cunha torre con merlóns similar a outras do debuxo. Cremos que aínda existen restos dela na actualidade no lugar chamado Ouso da Torre. Xaquín Sánchez Peña no seu libro de Historia de Cambados escrito a principios do s. XX falaba así dela: “Está situada esta casa detrás del monte de la Pastora, hacia el lado sur, por cuyo lado limita la huerta con el río Umia. Pertenece dicho lugar a la villa de Santo Tomé do Mar. La casa es del s. XVI, no es un edificio de importancia pero le dá algo de carácter feudal una especie de torre almenada que tiene hacia el poniente. Perteneció este caserón con el de Cacabelos al hidalgo Don Antonio Fernández Cardecid, que falleció el año de 1724, siendo enterrado en S. Francisco. Esta familia estuvo emparentada con Don Francisco Peña Cardecid y Doña Josefa Montenegro, de estos desciende Valle-Inclán o Valle Peña”. Fala Sánchez Peña de épocas posteriores, de cando a propiedade pasou a outros “señores” pero é significativo que fale da relación coa casa de Cacabelos que no mapa aparece debuxada e indícase “Cacavelos, con jurisdicción, sin propiedad”. É dicir o señor do couto de Dozo da Torre debía ter dereitos xurisdicionais (aplicar xustiza, cobrar certos servizos…) sobre Cacabelos, pero non a propiedade, como ás veces sucedía.

Foto do conservado hoxe da Casa de Dozo da Torre (Ouso da Torre), a casa debe estar moi modificada respecto da orixinal pero aínda conserva algo dos merlóns ("almenas") da torre.

Aparecen no mapa os límites da xurisdición de Dozo da Torre que cara o norte viñan marcados polo “camino y crucero de longe donde llega la jurisdicción de Dozo da Torre”. Este cruceiro puidera ser o que está actualmente no lugar do Cruceiro, xa na parroquia de Vilariño. Na divisoria de augas do monte da Pastora atópase outro límite: “Aguas vertientes a la parte del oriente que es Dozo da Torre”. Pola contra o lado oeste pertence a Santa Mariña Dozo e o señorío de Cambados: “ Castro y mojón de Sta Marina por do va Dozo da Torre”. A igrexa de Sta Mariña xa pertence ao señorío de Cambados e este debuxo aporta información de como era orixinalmente, aparece por exemplo un rosetón hoxe perdido e que Sánchez Peña conta que foi vendido a uns ingleses "por unas pocas pesetas".

Quizais sexa este marco o "Mojón de Sta Marina" ao que se refire o mapa, delimita na cima do monte da Pastora por onde pasa a liña de separación entre a xurisdición de Dozo da Torre e Cambados. Dou con el o noso amigo Manuel Núñez.
 
Rematamos dicindo que o mapa ten escrito no seu reverso o seguinte: “Planta del Coto de Dozo da Torre, con jurisdizión zevil y criminal que lleva oy en foro de este Monasterio,  Murga,  por ceçión que le hizo el Conde de Villa umbrosa y Castro nuevo". Esta inscrición refrenda que se trata dunha delimitación de lindes e cítase ao Mosteiro (de S. Martiño Piñario onde se atopaba o documento) indicando que o aforou a (Diego de Zárate e) Murga, 1º Marqués de Montesacro que comprou o señorío de Santo Tomé do Mar ao Conde De Villaumbrosa y Castronuevo. 
Polo libro de Suso Vila sobre a casa dos Soutomaior sabemos que o señorío de Santomé do Mar pertenceu na baixa idade media á familia dos Soutomaior de Lantañón. Posteriormente pasou á súa filla María e a súa neta Xoana e logo a seu bisneto  Enrique Enríquez de Guzmán Soutomaior. Este nobre, centrado nas súas posesións en Castela non prestou moito interese a esta propiedade e perdeu o preito (despois de varias décadas de litixio) que o Arcebispo de Santiago lle puxera a Sueiro Gomes de Soutomaior en 1478 coa finalidade de recuperar os feudos do Barbanza e o Salnés que foran propiedade da mitra santiaguesa e logo aforados  aos Soutomaior. 
  Pido aos lectores e lectoras que se atopan erros ou non están dacordo co que poño mo fagan saber: nos comentarios do blog ou neste enderezo, mariasorey@gmail.com. Un saúdo, Maribel Iglesias.

HOSPITAIS DE CAMBADOS E FEFIÑÁNS (I)

Temos en Cambados unha rúa chamada “Hospital” porque alí houbo moitos anos un “hospital para coléricos” é dicir enfermos de cólera e outras enfermidades infecciosas. Pero non era un hospital como podemos ver hoxe, non pasaba seguramente dunha casa normal con bastantes camas nas que se tiña illados aos enfermos contaxiosos e os coidados que se lles daban non ían máis alá de atendelos, darlles de comer e rezar por eles (de aí seguramente que se sitúe a carón da igrexa). Pero sabemos que alomenos houbo dous hospitais en Cambados e un provisional que funcionou durante o andazo de gripe de 1918.

 Pazo situado diante da capela do Hospital, hoxe propiedade da familia Daporta (antes da familia de Aniceto  Vidal) aínda se ve na foto a ponte que unía a casa coa horta e deixaba libre o camino que ía cara a fonte dos píos, “o camiño do río”.

HISTORIA: OS HOSPITAIS DE CAMBADOS E FEFIÑÁNS ( II)

Falamos na entrada do sábado pasado do Hospital de Cambados, falaremos hoxe do Hospital de Fefiñáns. Tamén neste caso hai unha inscrición que nos confirma a posibilidade da existencia dende tempos antigos dun hospital en Fefiñáns. O historiador José Caamaño Bournacell, na biografía que fai do señor de Fefiñáns: Fernando de Valadares di que data de 1458, pero unha vez máis este autor non indica de onde obtén o dato. 

 Dato certo si é porén, a inscrición da que falamos, que está situada no muro sur da igrexa de S. Bieito debaixo do escudo doutro señor de Fefiñáns, pai do anterior, Gonzalo de Valladares. A inscrición lese doadamente pero hai que ter en conta as numerosas abreviaturas que utilizan. Literalmente di así:
“LOS SEÑORES DON GONZALO DE VALLADARES Y DOÑA MARÍA OZORES SU MUGER PROSIGUEN EN LO QUE SUS ANTECESORES PRINSIPIARON:  AN HECHO TORRE  CAMPANAS  OSPITAL  PLATA  Y ORNAMENTOS: NADIE TENDRA PARTE EN TODO LO HECHO DENTRO NI FUERA: NI LO TENDRAN EN LO QUE ISIERE: QUE ASI SE LO MANDAN A LOS SUSESORES A QUIENES LEGAREN EL PREMIO: ANO 1634”


A inscrición está situada no muro sur da Igrexa de S. Bieito, sobre a porta de acceso lateral á igrexa e debaixo dun escudo ou brasón de Gonzalo de Valladares e Sarmiento, I Vizconde de Fefiñáns. No escudo aparecen a coroa de vizconde, a cruz de Santiago e os símbolos familiares dos Valladares (axadrezado), Sarmiento (roeles ou círculos), Osorio (león rampante) e Soutomaior (bandas “jaqueladas”).

mércores, 1 de agosto de 2012

ÁLVARO CUNQUEIRO E A FESTA DO ALBARIÑO

Fai uns meses poidose ver na Cultural de Cambados unha exposición sobre Álvaro Cunqueiro e a Festa do Albariño. Reproducimos aquí varias das fotos que aparecían e que remarcan o apoio que o escritor dou á festa. Por que non se lle dedica a el unha estatua?.

Aconsellamos tamén ler o artigo que publica o blog de A TI MEU CAMBADOS sobre as orixes da nosa festa escrito por Manuel Joaquín Abalo Ozores.


 O escritor Álvaro Cunqueiro do que se conmemorou o ano pasado o centenario do nacemento ten fondas raíces en Cambados e na Arousa. En Cambados naceu seu pai Joaquín Cunqueiro, fillo á súa vez do avogado Carlos Cunqueiro e Mariño de Lobeira e de Carmen Montenegro da Povoa do Caramiñal. Por esta pola da familia Álvaro era curmán de Valle-Inclán. Lembraba ben Cunqueiro as súas estadías en Cambados cos seus avós. Na foto superior aparece o pai do escritor e o seu fillo sendo neno.