Celébrase esta fin de semana en Cambados un mercado medieval por iniciativa do grupo de Acción Costeira (?). Parece algo anacrónico celebrar un mercado medieval en Fefiñáns, non é no medievo cando esta vila vive o seu esplendor senón a partir do s. XVII en que se remata a construción do Pazo, na chamada xa Idade Moderna, pero a iniciativa é interesante. E debeu ser nese século cando empeza o "mercado das cortafeiras" (cuartas feiras aínda lle chaman aos mércores os nosos veciños portugueses), porque efectivamente aparece no Catastro do Marqués da Ensenada que "todos los miércoles de cada semana se celebra un mercado en esta villa..."
Moitos anos despois, tamén se celebraba o mercado todos os domingos. E dado que esta actividade inclumpría o preceptivo descanso dominical o alcalde cambadés Fernando Botana vese na obriga de elevar un escrito ás autoridades en 1923 no que se di "para proceder a instruir expediente justificativo de que en esta villa se celebran desde tiempo inmemorial mercados, además de los miércoles, los domingos de cada semana..." Iníciase nese mesmo ano a Ditadura de Primo de Rivera e o descanso dominical vaise a respectar. O mercado pasa a celebrarse só os mércores. Esto nos conta Xose Lois Vila Fariña no seu libro sobre a Historia de Vilariño e Fefiñáns.
A decadencia definitiva do mercado prodúcese algúns anos despois cando este deixa de celebrarse en Fefiñáns, na Praza do mercado, como era coñecida entón a Praza de Fefiñáns. En 1949 trasládase á zona do peirao e a praza de abastos. Fefiñáns deixaba de ser o centro comercial de Cambados.
Así que aproveitando a ocasión recuperamos hoxe fotos deste mercado tradicional que non estaría mal volver recuperar nesta fermosa praza
Vense nesta foto, "as Estendas" ou alpendres onde se situaban algúns postos, corresponde ao lado oeste da praza a carón da casa de Rovira que está contigua á Igrexa, tal como se pode ver na foto inferior.
Consérvanse tamén varios debuxos de Francisco Lloréns, pintor galego afincado en Madrid que veu a Cambados en varias ocasións (era bo amigo de Cabanillas e Asorey). Tamén retratou neses debuxos e nun magnífico lenzo (que non reproducimos aquí e que conserva unha familia de Santiago) o ambiente do mercado de Fefiñáns.
Ningún comentario:
Publicar un comentario