domingo, 16 de setembro de 2012

HISTORIA: OS HOSPITAIS DE CAMBADOS E FEFIÑÁNS ( II)

Falamos na entrada do sábado pasado do Hospital de Cambados, falaremos hoxe do Hospital de Fefiñáns. Tamén neste caso hai unha inscrición que nos confirma a posibilidade da existencia dende tempos antigos dun hospital en Fefiñáns. O historiador José Caamaño Bournacell, na biografía que fai do señor de Fefiñáns: Fernando de Valadares di que data de 1458, pero unha vez máis este autor non indica de onde obtén o dato. 

 Dato certo si é porén, a inscrición da que falamos, que está situada no muro sur da igrexa de S. Bieito debaixo do escudo doutro señor de Fefiñáns, pai do anterior, Gonzalo de Valladares. A inscrición lese doadamente pero hai que ter en conta as numerosas abreviaturas que utilizan. Literalmente di así:
“LOS SEÑORES DON GONZALO DE VALLADARES Y DOÑA MARÍA OZORES SU MUGER PROSIGUEN EN LO QUE SUS ANTECESORES PRINSIPIARON:  AN HECHO TORRE  CAMPANAS  OSPITAL  PLATA  Y ORNAMENTOS: NADIE TENDRA PARTE EN TODO LO HECHO DENTRO NI FUERA: NI LO TENDRAN EN LO QUE ISIERE: QUE ASI SE LO MANDAN A LOS SUSESORES A QUIENES LEGAREN EL PREMIO: ANO 1634”


A inscrición está situada no muro sur da Igrexa de S. Bieito, sobre a porta de acceso lateral á igrexa e debaixo dun escudo ou brasón de Gonzalo de Valladares e Sarmiento, I Vizconde de Fefiñáns. No escudo aparecen a coroa de vizconde, a cruz de Santiago e os símbolos familiares dos Valladares (axadrezado), Sarmiento (roeles ou círculos), Osorio (león rampante) e Soutomaior (bandas “jaqueladas”).


A inscrición aporta moita información porque nos di quen foron os promotores da construción deste tramo da igrexa (que algo xa había feito dende a época medieval): o Vizconde de Fefiñáns, Gonzalo de Valladares e a súa muller (que está soterrada dentro da igrexa). Dinos tamén a data da construción, 1634 (ou máis ben reconstrución ou ampliación) e que fixeron torre con campás, prata e ornamentos e o que nos interesa: OSPITAL. As torres que hoxe locen na igrexa serían feitas (ou reedificadas) anos máis tarde por un descendente do vizconde, o Marqués de Figueroa no 1784, como tamén aparece nunha inscrición na fachada oeste da igrexa.

Sabemos entón certo que se fixo un hospital, pero onde? José A. Vázquez Casais apunta á posibilidade de que fose unha das casas que se atopan fronte á fachada oeste da igrexa e que ostenta un escudo da familia de Fefiñáns. Comenta que as casas que se atopan arredor da Igrexa dependían dos señores do Pazo. Desta casa di que foi morada do capelán que os vizcondes tiñan para levar os servizos relixiosas da Igrexa e moito máis recentemente parece que foi Cuartel da Garda Civil, hoxe é propiedade particular. 
O feito de que a casa leve un escudo no que aparecen os brasóns dos Valladares (axadrezado) e Ozores (león rampante) aporta probas nesta dirección. Un documento transcrito por Sánchez Peña tamén dá algunhas pistas, trátase dunha escritura de foro que outorga Antonio Gaspar Valladares, señor de Fefiñáns en 1688, fala dunha casa e horta (“donde luego se edificó la de los Zárate”, escribe S-P) e di así o documento orixinal: “que está junto a la cárcel pública desta villa de Fefiñanes, la cual confina y demarca por el levante del sol con la calle y camino que va para la iglesia de S. Benito desta villa y por el norte con la huerta que llaman del Hospital
É polo tanto probable que fose nesa casa que dixemos e que se atopa próxima ao que se describe no documento,  onde estivese o antigo hospital de Fefiñáns.

O  salón Variedades estaba situado diante da praza do Concello,á dereita do Hotel Calixto, onde hoxe están a zapatería Froján ou a oficina de Banesto. Existiu o edificio ata os anos 40 en que foi derrubado e construíuse o chamado Cine Cervantes, que logo tamén será derrubado e no solar existe hoxe o edifico de MontBlanc. A foto collémola do libro de Sabela Pillado, O Cine en Cambados.
Rematar dicindo que provisionalmente un edificio cambadés utilizouse nos días do terrible andazo de gripe de 1918. Foi o Salón Variedades inaugurado en 1909 e que funcionaba como cine e outras actividades artísticas (teatro, zarzuela, circo…) de aí o seu nome. Nese mesmo ano de 1918 o salón sufrira un gran incendio que o deixou en ruínas, nestas habilitouse unha cociña para facer comidas aos doentes da gripe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario