Amosando publicacións coa etiqueta valle-inclán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta valle-inclán. Amosar todas as publicacións

domingo, 12 de xaneiro de 2014

QUEN FOI JOSEFINA BLANCO?

 Josefina, Valle e a súa  primeira filla, Mª Concepción

Josefina Blanco (1880- 1957) foi unha importante actriz española máis coñecida hoxe por haber aturado vintecinco anos ao insigne escritor vilanovés Ramón María del Valle-Inclán.

O que sabe tamén pouca xente é que está soterrada no cemiterio de Santa Mariña de Cambados, recentemente integrado nunha rede de cemiterios singulares de Europa.



A familia Valle-Inclán viveu en Cambados durante catro anos. Aquí morreu o seu primeiro fillo varón, que foi soterrado aos 5 meses de idade na capela maior das ruínas da  Igrexa de Sta Mariña, baixo a bóveda gótica que a cubre. Quizais foi este o motivo polo que moitos anos máis tarde a súa nai, Josefina Blanco, leonesa de nacemento, elixa ser enterrada aquí.

Josefina e Ramón coñecéronse en Madrid en torno a 1898 e no ámbito teatral. Neses anos Josefina empezaba a súa carreira como actriz e Valle tamén quería ser actor. Sandra Domínguez Carreiro (á que seguiremos, ver nº 16 da revista Cuadrante) sinala que foi nos ensaios da obra teatral La Comida de las fieras onde tivo lugar o encontro. Pero non será ata 1906 cando se consolide a relación,  Josefina participa nese ano na representación teatral da obra de Valle, El Marqués de Bradomín. Ao ano seguinte celébrase a boda relixiosa o 24 de agosto de 1907. A noiva xa tivera ocasión de coñecer o "xenio" do xenial escritor en decembro do ano anterior estando de xira teatral nas Canarias. Existen dúas versións do incidente, a que circulou como rumor: que o escritor pechou á actriz no camarote do barco para evitar que participase na representación dunha obra de Echegaray (escritor moi criticado por Valle) e a que apareceu nun xornal canario na que a actriz fora ao parecer pechada polo seu home (que acabou detido) no camerino do teatro como protesta por non haberlle pagado o seu salario.

En 1908 teñen a súa primeira filla, Mª Concepción,  Josefina continúa coa súa carreira de actriz e inician unha xira teatral con gran éxito por Bos Aires e Montevideo coa obra de Valle, Cuento de abril. A substitución desta obra por outra dun autor que tampouco era do gusto de Valle, levou a este a rachar o contrato coa compañía teatral, unha das máis importantes do momento. Afortunadamente a compañía de María Guerrero atopábase de xira pola Arxentina e Josefina incorporouse a ela. A influenza do carácter de Valle na traxectoria profesional de Josefina Blanco será determinante e pode explicar a retirada posterior da actriz que acontece en 1912 cando se atopaba no cénit do seu prestixio artístico.

Coincide esta retirada co traslado a Galicia e o inicio dunha nova etapa na vida da familia Valle-Inclán. Instálanse entón en Cambados, onde nace, e morre aos 5 meses, o seu primeiro fillo varón.



A familia Valle retratada en Cambados, á esquerda de Valle Josefina, á dereita sentada na mesa, a súa filla.

Porén en 1918  Josefina reincorpórase esporadicamente á escea teatral, facía poucos meses que dera á luz a outro fillo. Cales son os motivos desta reincorporación? problemas económicos?. Valle metérase na aventura agrícola do Casal da Merced na Póvoa do Caramiñal e precisaban diñeiro. En  1924 volven a Madrid e Josefina continúa a súa carreira. Anos máis tarde, en 1932,  a relación personal xa moi deteriorada, remata en divorcio (por iniciativa da propia Josefina e posibilitado pola nova lei republicana). Valle morre en Santiago en 1936 e  o réxime franquista posterior, que non recoñece o divorcio, convirte a Josefina na viúva oficial do escritor que xestionará o seu legado literario e os dereitos de autor.

Cando morre en Pontevedra en 1957 expresa o desexo de ser soterrada en Cambados, no cemiterio de Santa Mariña onde xa o estaba o seu fillo Joaquín.


Tumba en pedra de Josefina Blanco no Cemiterio de Sta Mariña. Na lápida pode lerse: "Rogad a Dios Por Josefina Blanco de Valle-Inclán  XIX XI MIXMLVII" (19-11-1957)


A sepultura atópase nada máis entrar no cemiterio á esquerda, a carón dunha sepultura en mármore


martes, 3 de setembro de 2013

VALLE- INCLÁN EN CAMBADOS

Ramón José Simón Valle Peña, máis coñecido como Ramón María del Valle-Inclán, apelido que el mesmo recuperou do seu avó, viviu en Cambados de 1912 a 1916. Cando se instala en Cambados coa súa familia tiña 46 anos. Iniciara facía tempo os estudos de dereito en Santiago que tivo que deixar debido á morte de seu pai, pero xa entón lle tiraba máis o periodismo e a literatura. Viaxou a México e Arxentina e coñeceu á actriz Josefina Blanco coa que casou. Viviu en Madrid e na tertulia do Novo café de Levante contactou e fixose célebre entre a intelectualidade madrileña. E volve a Galicia en 1912 en relación probablemente á morte da súa nai.


Casa da rúa real onde pararon Valle e a súa familia. A foto é dos anos 50, moito despois de estadía de Valle-Inclán, vese un surtidor de gasolina no primeiro termo

 E como dixemos instálase coa súa muller e a súa filla en Cambados en 1912, nunha casa alugada á Lucila Fernández-Soler viúva de Eugenio Fraga Padín, que á morte do seu home marchara a vivir a Santiago. Nesta casa estivo a primeira farmacia de Fefiñáns rexentada por Enrique Vidal. Parece ser que posteriormente viviu tamén nunha casa da rúa Carreira, propiedade do avogado José González Fraga. A estancia en Cambados alternábase con estadías breves en Madrid ou a viaxe que fixo en 1916 a Francia como corresponsal na Guerra Europea que estalara en 1914.

Valle-Inclán na casa de Dona Lucila

O historiador José Caamaño Bournacell fala da estadía de Valle en Cambados no libro Estampas de Cambados de 1953, alí conta diversas anécdotas co seu peculiar estilo medio histórico medio literario, como esta que parece que lle contou Enrique Vidal:

“Había a la sazón en Fefiñanes, enfrente a la casa en que vivió Valle, una taberna sui generis, propiedad de Pepe Ínsua, un veterano de la guerra de Cuba, a la que concurrían, formando peña especial, unos cuantos amigos de la localidad, que pasaban el tiempo trazando planes, preparando conquistas o utilizando aliquando sus dicharacheras lenguas en reformar los trajes de los vecinos... ó de las vecinas, aun cuando en ocasiones la tal reforma saliese... un poco apretada ó excesivamente ancha. Gente joven, alegre, con inquietudes de tipo intelectual, que estaba al día del movimiento cultural de España y que seguía la campaña iniciada en torno a la figura y a la obra de Valle-Inclán. Alli se reunían, entre otros, formando la élite de la tertulia, bautizada luego con el nombre de “Club de la Tijera”, el siempre pulcro y ceremonioso Juanito Vidal, el humorista Manolo Sánchez Peña, el hercúleo Emilio Cid, el prosaico Antonio Pillado, Pepe Fraga, Pedro Vidal y su hermano Enrique. Cuando esta peña tuvo conocimiento de la próxima llegada de Valle a Cambados acordó , más que rendirle un homenaje popular, exteriorizar su júbilo por la presencia de don Ramón en este pueblo,cuya figura componía tan bien en el histórico marco cambadés... Al efecto, al llegar Valle frente a la que iba a ser su morada, ve en la fachada de la citada taberna un gran rótulo en el que se leía: “El Club de la Tijera saluda al príncipe de las letras españolas don Ramón María del Valle-Inclán y se complace en darle la bienvenida, deseándole una grata estancia en esta tierra...”. A los pocos minutos se recibe en la taberna una caja de botellas de marca, con una tarjeta que decía; “Ramón María del Valle-Inclán, a ratos también canónigo de la tijera, agradece cordialmente la salutación de ese simpático y alegre Club”.

En Cambados visítano os intelectuais e amigos que tratou en Madrid. Caamaño afirma que veñen á nosa vila, o escritor Ramón Pérez de Ayala, o seu traductor ao francés M. Chaumié e os artistas Julio Romero de Torres e Rafael de Penagos, asiduos da tertulia madrileña do Novo Café de Levante. E tamén tivo que vir o pintor Anselmo Miguel Nieto, amigo dos anteriores, que lle fixo un retrato que custodia hoxe o Museo de Pontevedra e no que Valle aparece sentado, nun ambiente oscuro como lle gustaba a estes pintores de orientación simbolista (e ao mesmo Valle) e por detrás unha fiestra na que é posible ver unha vista da Ría de Arousa, probablemente pintada dende a casa de Dona Lucila.