Pazo
situado diante da capela do Hospital, hoxe propiedade da familia Daporta (antes
da familia de Aniceto Vidal) aínda se ve
na foto a ponte que unía a casa coa horta e deixaba libre o camino que ía cara
a fonte dos píos, “o camiño do río”.
Efectivamente a rúa Hospital, situada en Cambados, chámase así por existir
alí un “antigo hospital de coléricos”
como dí no seu libro Xaquín Sánchez Peña e este hospital estaba “adosado a la
iglesia”. Deixa moi claro Sánchez Peña que o antigo hospital non estaba situado
no actual pazo dos Daporta (antes dos Vidal ou da Caramuxa) como ten aparecido nalguna
publicación senón a carón da igrexa.
Páxina do libro manuscrito de Xaquín Sánchez Peña na que se describe e
delimita a rúa Hospital.
Continúa dicindo Sánchez Peña: “Había un hospital llamado de Sancti
Espiritu” e baseándose nun acta dunha xunta de beneficiencia de 1839 di que
“aún existe la casa que sirvió de hospital, está unida a la capilla del
hospital y tiene una inscrición que dice que fue fundado en el 1789”. Xoán
Antonio Pillado dounos pistas sobre esa inscrición e atopámola doadamente no
lintel dunha casa que está na rúa que vai por detrás da igrexa. Na inscrición
vese claramente a data 1793 (non a que di S-P) e HOSP. Pese a que se mantén
esta inscrición a casa que albergaba ao hospital probablemente xa non exista.
As epidemias eran moi frecuentes en épocas nas que non había coñecementos
sobre medicina e hixiene e nos que a xente humilde pasaba fame e miseria.
Sánchez Peña de novo lémbranos que en
1620 houbo fame en Galicia, en 1680, peste, en 1768, peste e fame que a miúdo
ían xuntas xa que a xente mal comida tiña menos defensas para afrontar a
enfermidade. En 1865 houbo unha epidemia
de viruela e colerina (?), no verán de 1881 unha gran epidemia de viruela negra, en
1891, 1892 e 1899 gripe e neste último ano tamén dengue. En 1838 houbo cólera e
di S-P que por ese motivo o Concello decide construír o cemiterio de Fefiñáns e
prohibir o enterramento nas igrexas. E en 1918 unha gripe moi forte coincidindo
coa Primeira Guerra Mundial e que afectou a toda Europa e causou máis mortes que a propia guerra. A partir do
descubrimento da penicilina e outros antibióticos e os novos coñecementos sobre
hixiene estas epidemias desapareceron, isto unido á construción de novos
hospitais (por exemplo o Hospital Provincial de Pontevedra) fixo que estas
casas deixasen de utilizarse.
Nesta imaxe vese a Capela
de Sta Margarida e o cruceiro situado na rúa San Roque, santo moi avogoso para os
temas de pestes e enfermidades infecciosas e motivo seguramente polo que dá nome
a esta rúa que continúa a do hospital. O cruceiro foi movido do seu
emprazamento orixinal para abrir unha nova rúa. Sta Margarida tamén está relacionada con temas de pestes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario