luns, 3 de marzo de 2014

UN 4 DE MARZO, FAI 125 ANOS NACEU FRANCISCO ASOREY

 

Nesta casa de Fefiñáns (a da dereita)  nace fai 125 anos o escultor cambadés, sirva este artigo de pequena homenaxe. Intentaremos contar nesta entrada un pouco da historia desta casa.

Figura na partida de nacemento do escultor, conservada no Rexistro Civil de Cambados que:

 " En la villa de Cambados a las nueve de la mañana del día 6 de marzo de 1889 ante D. Ramón Salgado Betanzos, juez municipal de este distrito y D. Eulogio Silva (?), secretario, compareció D. Antonio Asorey Rey, natural de La Coruña, provincia de La Coruña, de 40 años de edad, profesión comerciante, estado casado, vecino de Cambados, según cédula personal que exhibe del corriente ejercicio nº 566, presentando para su inscripción en el registro Civil de este Juzgado un niño; y al efecto como padre del mismo declaró: Que dicho niño nació vivo en la casa del declarante, calle del Sol, nº (non figura), el día 4 de marzo del corriente año a las 8 de la noche. Que es hijo legítimo del declarante y de Dña Elisa González, natural de Cambados, provincia de Pontevedra de 34 años de edad y domiciliada en el del compareciente. Que es nieto por linea paterna de D. Manuel Asorey, natural de Santiago, difunto y de Dña Manuela Rey, natural de Santiago, difunta. Que es nieto por linea materna de D. Hipólito González, natural de Santiago, difunto y de Dña Purificación González, natural de Cambados, difunta y que al expresado niño se le había puesto el nombre de Francisco Hipólito. Todo lo cual presenciaron como testigos D. Manuel Abraldes, natural y vecino de Cambados y D. Francisco López Montes (?), natural y vecino de la misma (...)"

A partida sinala que nace nunha casa da Rúa do Sol, que hoxe chamamos praza de Asorey. A foto superior  corresponde a unha postal de principios do s. XX. Á dereita da foto está a casa natal de Asorey, na chamada daquela rúa do Sol, pola súa orientación cara o sur, logo renomeada “Calle Real”, tal como indica a postal.

No baixo da casa tiña a familia o seu negocio de telas e logo tamén nun galpón anexo (na rúa Terra Santa) unha fábrica de xabóns que acabará comprando Antonio Gelpi (xenro de Antonio Asorey). En 1895 a casa será vendida tamén a uns comerciantes de panos de Vilagarcía (herdeiros de Simón Borruel y Campo e Simeón García de la Riva) cos que a familia tiña unha importante débeda. Pouco despois vendeuse de novo a un comerciante francés, León Anatole Del Valle, que pasaba os veráns en Cambados coa súa familia; a súa bisneta Enriqueta Rubio, actual propietaria da casa, facilitounos copia da escritura de compra-venda da casa aos comerciantes vilagarcianos e outros datos interesantes que dende aquí lle agradecemos.


A escritura asínase en xaneiro de 1895, falecera xa a nai de Asorey, morreu o 21 de dec. de 1890, cando o noso escultor, derradeiro fillo da parella, tiña á penas 22 meses de idade. Na escritura faise constar que el "Sr Antonio Asorey Rey, desde el año 1878, en el que se estableció en este pueblo con el comercio de tejidos vino surtiéndose al fiado de los efectos necesarios para su establecimiento, de los almacenes de los Sres Borruel y Campo y Simeón Martínez de la Riva, situados en Vilagarcía". Enriqueta comentounos que inicialmente a familia Asorey viviu nunha casa que logo foi expropiada pola construción da estrada Vilagarcía-Gondar, a resultas do cal edificaron a actual, que se describe na escritura deste xeito:

"Una casa de nueva planta, sin número, situada en donde llaman Tierra Santa, término de la villa de Fefiñanes, en este pueblo de Cambados, con fachada a la carretera de Villagarcía a Gondar: consta de dos cuerpos, bajo y principal, convenientemente divididos: tiene anejo un cobertizo, convertido ahora en fábrica de jabón, con sus calderas y más aparatos destinados a la fabricación. Le son anejos además un pozo y un terreno destinado a huerta"


Anuncio aparecido no xornal cambadés O Umia de 1907. Antonio Gelpi era un mariño mercante orixinario de Mugardos que casou en Cambados con Blanca Asorey, irmá do noso escultor, deixa o mar e dedícase ao comercio. El mercou a fábrica de xabóns que montara Antonio Asorey. Cando morre, a súa viúva vai vivir a Xinzo de Limia onde viven aínda varios descendentes.

Parte traseira da casa coa horta. Vese ao fondo desta imaxe a galería en madeira que foi engadida polos Del Valle e o cuberto pegado á rúa que serviu como fábrica de xabón (queda un muro en ladrillo con remate triangular)

Figura como dato curioso na escritura que a finca sobre a que se asenta a casa está gravada cun foro do Pazo de Fefiñáns.


"está gravada con la pensión anual de seis concas de trigo, igual a siete litros y setenta y dos céntimos, ó sean ocho pesetas, sesenta y cinco céntimos, para el dominio de la casa-palacio de Fefiñanes, Tierra-Santa".

Os foros eran uns impostos de orixe medieval que se pagaban aos Señores feudais, neste caso aos de Fefiñáns. Foron eliminados ou redimidos (con indemnización aos propietarios) a partir de 1923, durante a ditadura de Primo de Rivera.

Os cónxuxes Antonio Asorey e  Elisa González, acumularan unha débeda cos comerciantes vilagarcianos  de panos Simón Borruel  (de sonoro apelido catalán) e Simeón García de la Riva (comerciante de orixe rioxana que inicia importantes empresas comerciais en Santiago: Almacenes Simeón e o banco Viuda e hijos de Simeón García que logo se une a Olimpio Pérez). Morta Elisa González a débeda segue a medrar e acada no momento da sinatura da escritura a cantidade de 20.000 pesetas. Débeda á que deben facer fronte Antonio Asorey e tamén os seus fillos como herdeiros de Elisa González. A esta situación xa de por si precaria únese outra débeda de 5.000 pesetas ao madeireiro Manuel Silvoso Martínez, que se avalou hipotecando a metade da horta da casa. Ante esta situación Antonio Asorey decide a venda da casa aos herdeiros dos comerciantes vilagarcianos. Fíxose unha primeira venda en 1893 que non era válida porque non figuraban os fillos (herdeiros da metade da propiedade). A nova escritura firmouse o 2 de xaneiro de 1895 e aparecen  xa Antonio Asorey González,  xa maior de idade nesa data  e os demais fillos: Araceli de 21 anos, Casta de 20, Álvaro de 18, Romberto de 14 e Blanca, Manuel e Francisco menores de 12 anos. Figuran coma testemuñas da venda os cambadeses Lorenzo Fraga Padín e Alejandro Padín Fraga.

 Segundo nos contou Enriqueta Rubio a casa orixinal tiña só catro balcóns, a parte situada enriba do estudo do fotógrafo foi engadida posteriormente, así como a última planta, unha especie de ático. Na escritura dise claramente que a casa só constaba de planta baixa e primeira planta. Tamén se engade posteriormente á primeira planta  unha galería en madeira na parte posterior da casa que mira cara a horta.

Acontecía que algúns anos antes, dende 1892, o comerciante francés, León Anatole Del Valle, a súa muller Lucie Marguerite Amélie Béchade e as súas fillas, Mª Dolores e María del Valle Béchade, pasaban os veráns en Cambados. Parece ser que alugaban a planta principal da casa aos Asorey  que se instalaban na planta baixa. A relación entre eles era casi familiar. E León del Valle unha vez resolto o enredo da venda da casa e saldadas as débedas, decide mercar a propiedade aos comerciantes vilagarcianos e asentarse en Cambados, onde a familia bota fondas raíces (no cemiterio de Sta Mariña está soterrada toda a familia).  Moitos anos máis tarde Mª Dolores, morre sen fillos e dona importantes propiedades como o Pazo de Serantellos (hoxe dos Salesianos) ou a finca da Merced. María casara co farmacéutico Enrique Vidal Oubiñas (que tiña a súa farmacia na casa situada enfronte) e entronca así con esta influente familia cambadesa.

Esta foto, facilitada por Enriqueta Rubio, foi  feita en torno ao 1900, está tomada na casa natal de Asorey. Aparecen retratados algúns membros da familia Del Valle  e probablemente tamén dos Asorey sen que poidamos precisar quen.


Quédalle pendente a Cambados facer unha homenaxe a esta familia. Houbo fai tempo unha proposta do grupo socialista cambadés de dar o nome dunha rúa a Mª Dolores del Valle que sigue esperando.