luns, 2 de xullo de 2018

S.O.S. FEFIÑÁNS

Despertámonos esta fin de semana coa boa nova de que se peonalizou a praza de Fefiñáns e rúas anexas. Fecebook e instagram rebosaba de fotos da praza núa en todo o seu esplendor, sen coches, só persoas. Algún titular de xornal cenizo avisaba de que xa había hostaleiros descontentos, pero non nos van amargar o pracer de desfrutar da praza este verán. E quen sabe, ao mellor xa non volve abrirse...



Pero nesta entrada quero chamar a atención sobre outra cousa. Parece que no tema peonalización xa vamos estando dacordo, a ver se agora nos concienciamos doutro tema. Non vale de nada peonalizar se a praza en vez de estar ocupada por coches, acaba ocupada por postos de pulpo, palcos de orquestas ruidosas e inchables varios:



Hai acontecementos importantes no verán, que son xa tradicionais na vila, como a romería de san Bieito ou as festas do albariño nos que hai que facer unha excepción. Pero é que ao longo do mes de xullo e agosto hai toda unha serie de actos que usan a praza como se fose un multiusos. Non. A praza debe verse libre, como aparece na foto superior.

Non hai que organizar eventos en agosto en Cambados, a xente xa vén. E veñen a ver esta magnífica praza, coa escenografía da fachada do Pazo, non a tapemos!

Voume centrar no esperpento dun evento que se celebrou o verán pasado e témome que tamén se repetirá este ano:
  unha feira medieval!.

Que queda de medieval en Fefiñáns?, que mo expliquen.

É orixinal facer unha feira medieval? debe haber no país unhas 200.

Tampoco queda moi medieval os inchables para nenos en medio da praza.

Quen se beneficia con este evento? non o teño claro. Pero Cambados e o selo de calidade que deberiamos buscar non.

Insisto, en agosto, Fefiñáns non precisa traer xente, a xente vén soa, e veñen ver a icona do noso pobo que é a fermosura da fachada  do Pazo e esa praza libre de coches. Onde se ula a mar e se escoiten os chíos dos paxaros  e as risas dos nenos xogando.


Notades o cheiro mesturado a sardiñas, pulpo e mexo? en Cambados, que ten unha oferta gastronómica de nivel.