O anuncio publicitario que reproducimos arriba apareceu nun número do xornal O Umia, fundado por Cabanillas en 1907. Aí comentase que este hospedaxe existe na vila dende fai sete anos, é dicir 1900. Luís Rei atopou no arquivo do Concello unha referencia a este establecemento na rúa do Príncipe, polo que supón que existiu primeiro nese lugar e neste ano de 1907 trasládase á praza do Concello. O edificio era propiedade de Benito González, a quen llo aluga a Calixto Pereira.
Esta debe ser unha das primeiras fotografías que se conservan da Fonda de Calixto Pereira xa que aparecen recén plantadas as árbores que logo adornarán a praza. Na fronte da casa aparece un cartel co nome do establecemento e no lateral outro que pon "Fonda y café". Tal como nos di o cartel publicitario, no baixo da casa (dereita) estaba o "Café Moderno" onde se podía escoitar todos os días ao pianista invidente, orixinario de Lugo, Ramón Ulloa. Tamén se indica que neste baixo (esquerda) está a administración dos coches que saen para Vilagarcía.
Esta fonda creouse a principios do s. XX en relación coa afluencia de turistas que viñan tomar os baños á Illa da Toxa, onde se contruirá un balneario. Daquela a ponte de comunicación coa Illa non existía e era máis doado achegarse en motora dende o peirao de Cambados. Moitos turistas chegaban en tren ata Carril, primeira liña ferroviaria que existiu en Galicia, e de aí en coche de liña ou de alquiler ata Cambados.
O antigo balneario da Toxa, Arquivo Pacheco.
Bañistas embarcándose para a Toxa nunha motora dende o peirao de Cambados
Comenta Luís Rei na serie de tópicos e (pre)textos que fixo para o Faro de Vigo que "O café e a fonda de Calixto poden considerarse os pioneiros da hostelería moderna en Cambados. Para a decoración e a publicidade contou Calixto cun xoven pintor que prometía moito e que se chamaba Alfonso R. Castelao, que lle pintou o famoso cadro de "Eugenio, o cego de Padrenda", cadro que engalanou moitos anos as paredes do café , e deseñou tamén Castelao os tarxetóns anunciadores". Ambos aparecen reproducidos abaixo.
Vista lateral da Fonda de Calixto, na parte do café. Ao fondo o Concello e a casa de Quintanilla. Ao lado do Calixto existía un solar sin edificar que segundo Xoán Antonio Pillado, Dionisio Rodríguez, que tiña unha empresa de transportes, solicita permiso para construír un garaxe en 1922.
Nesta foto posterior vense as árbores máis crecidas e á dereita o Salón Variedades inaugurado en 1909 como salón de baile, zarzuela, cine... e outras "variedades". En 1920 o Calixto foi convertido en hotel e funcionou ata o ano 1948. Posteriormente outros negocios ocuparon este espacio como o Café Iglesias ou máis recentemente a tenda de teas de Basilio ou Banesto e calzados Froján. O edificio consérvase na actualidade sin demasiados cambios no seu exterior.
Nesta foto dos anos 70 apréciase a esquina oeste da casa e parte do cartel de "Tejidos Basilio". Tamén se ve o antigo cine Cervantes (hoxe edificio MontBlanc) levantado no solar do Salón Variedades e o restaurante Reboredo contruído nos terreos gañados ao mar.
O edificio hoxe
Maravillosas fotos
ResponderEliminar