Amosando publicacións coa etiqueta pazo de fefiñáns. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta pazo de fefiñáns. Amosar todas as publicacións

domingo, 12 de xuño de 2022

A PRAZA DE FEFIÑÁNS FAI 250 ANOS

 Volvo traballar neste blog para aclarar algunhas cuestións que aparecen no último libro que publiquei: O Pazo de Fefiñáns. Historia e Arte.


 

Aparece neste libro "unha reconstrución aproximada" de como sería a praza de Fefiñáns a finais do século XVIII, cando se realiza a última das ampliacións da igrexa de San Bieito. Parece que resultou unha reconstrución algo polémica e intentarei explicar aquí polo miúdo, que me levou a imaginar así a praza. A imaxinar, repito, non a afirmar categóricamente que a praza fose así. Non sabemos como foi, nin probablemente teñamos nunca a certeza, pero en base aos argumentos que expoño no libro, e que agora intentarei explicar doutro xeito para aclaralo mellor, creo posible que fose algo similar. Imos alá:

1- A praza de Fefiñáns e o Pazo e a igrexa forman claramente un conxunto arquitectónico unitario, que dun xeito ou outro debeu estar pechado e delimitado no pasado. Por varios motivos:

 - Primeiro  porque era propiedade dos señores do pazo, é lóxico que o delimitasen con claridade, estamos no país dos marcos; ben delimitado por muros está todo o recinto de horta e xardíns. E temos a documentación, que fala claramente de arcos e murallas.

- En segundo lugar porque se celebraba un importante mercado todas as cuartas feiras (mércores), a onde acudían xentes de toda a bisbarra: Caldas, Vilagarcía, Vilanova e seguramente por mar dende a outra banda da ría de Arousa. Controlar aos comerciantes que veñen vender ao mercado (e deben pagar os correspondentes dereitos ao conde de Fefiñáns) é bastante máis doado se a praza está pechada e ten só 3 entradas (si 3 entradas, pero seguramente catro arcos). 

- Non é imposible tampouco que estes muros tivesen tamén unha función defensiva. Sabemos da participación de Gonzalo Valadares (o primeiro construtor do pazo, nunha expedición contra os turcos que atacaron a ría en 1622, páx, 41 do libro). Non eran raras tampouco nas rías os ataques dos ingleses, inimigos da coroa española. E unhas murallas poden cumprir a dobre función de delimitar e defender. As murallas das cidades medievais que existían en case todas as cidades importantes galegas, as máis cercanas, Santiago e Pontevedra, tiñan unha triple función: defensiva, fiscal (recadar impostos, o famoso portádego, ao atravesar a porta con mercadorías) e incluso sanitaria. En caso de peste, pechábanse as portas e mantíñase a cidade en corentena.

- Non hai que esquecer tampouco que exitía un peirao en Fefiñáns, propiedade tamén dos señores do pazo. Dende a altura destes muros era máis doado vixiar a actividade do peirao. Hoxe xa todos os historiadores da vila admiten que a chamada torre da homenaxe non é tal cousa, senón unha torre miradoiro, dende é fácil ver os dominios do pazo que se extendían dende alí cara a poniente, as chamadas horta grande e pequena e cara levante, a Granxa do Conde, posteriormente vendida. Ademais ver as persoas dende certa altura non deixaba de ter unha significación simbólica, nunha época histórica, chamada Antigo Réxime, na que había privilexiados e non privilexiados e era moi importante remarcar quen tiña o poder e a autoridade e a quen se lle debían pagar as rendas. Que o pazo teña unha gran torre ameada, ao modo do que se facía na época feudal ía tamén nesta liña do simbolismo do poder señorial.

E arcos e murallas, cumprían todas esas funcións a un tempo.

2- Na Idade Moderna en Galicia cambia completamente a situación política respecto da época medieval. Despois da "doma e castración" que fan os Reis Católicos coa nobreza galega, novas linaxes castelás chegan a Galicia, e as propiamente galegas deixan as súas posesións aquí en mans de capataces e mordomos e marchan á Corte castelá buscando honores e xeitos de medrar. Especialmente destacado foi o papel do conde de Lemos: presidente dos Consellos de Indias e de Italia e Vicerrei de Nápoles. Menos importante pero tamén destacados foron os postos que ocupou Xoán Sarmiento Valadares, tío de Gonzalo Valadares, o iniciador do pazo (que o acompañou un tempo en Madrid), na corte de Filipe II. A nobreza galega  bascula cara a Castela. Os nobres galegos imitan á Corte do rei. Que a organización da praza de Fefiñáns esté imitando modelos castelás, non o digo eu só, véxase a Alfredo Vigo Trasancos e Ana Goy Diz, catedráticos ambos da Universidade de Santiago, están as referencias na bibliografía do libro. Pero que haxa unha inspiración nesta arquitectura dos seus palacios non quere dicir que sexa exactamente idéntica. Xa se explica en outras partes do libro (remarco a importancia de lelo todo), que en Fefiñáns uns canteiros galegos ou quizais portugueses, están reinterpretando modelos da arquitectura renancentista e adaptándoos ao contexto galego en xeral a ao de Fefiñáns en particular. Nos palacios do rei evidentemente non había unha praza do mercado. Ademais a interpretación simbólica que achego das esculturas que adornan as fachadas vai nesta liña. Estase intentando equiparar a dinastía dos Valadares coas dinastías de reis castelás.

As pasarelas do palacio de Aranjuez que se conservan actualmente son efectivamente da época de Carlos III, pero o palacio xa fora iniciado en tempos de Filipe II e era bastante diferente do actual, e nel novamante aparecían pasarelas para comunicar pazo con edificacións anexas.

                       Vista do Sitio Real de Aranjuez, Museo del Prado, c. 1636

 

 A praza de Lerma, construída tamén no século XVII, fronte ao palacio ducal, tamén estaba pechada:

Praza de Lerma, Burgos.

 3- A controvertida "reconstrución aproximada"

 


 O estupendo debuxo de Manuel Busto, gran artista, foi feito seguindo as miñas indicacións. Pero estas houbo que adaptalas ao programa informático de deseño que se utilizou, cunha perspetiva liñal e un punto de fuga común cara onde van todas as liñas do debuxo; e tamén á necesidade de que os arcos se visen claramente. Efectivamente é un debuxo feito cunha finalidade divulgativa, para que se entenda, non un plano levantado por un arquitecto.

Si, eu xa me decatara de que a inserción do arco co adro da igrexa "parece" estar feita en diagonal. Tamén Bríxida Leiro, coa que tiven ocasión de falar mo fixo ver. Como creo que tamén debía estar algo en diagonal o arco 2 que vai do que eran as cortes dos cabalos do pazo cara onde hoxe está o bar Laya. Pero se o debuxabamos así, a perspectiva impedía ver o arco, primou unha vez máis o interese didáctico que a precisión da reconstrución.

Especular sobre medidas é moito especular. As modificacións que aí se fixeron en case 300 anos impiden sabelo con exactitude se non se fai algún tipo de cata arqueolóxica ou se recorre a arquitectos ou outro tipo de especialistas, cousa que estaba lonxe das miñas posibilidades. O adro da igrexa foi modificado, como mínimo, cando se ampliou a igrexa a finais do XVIII, e os arcos xa existían; cando se derrubaron os arcos e nos anos 70 para empedrar a praza, como por exemplo a escaleira que se eliminou. E co que vemos hoxe non podemos especular que medidas puido ter ese arco no seu momento, aínda que non parece imposible que os 4 arcos tivesen unhas medidas aproximadas. Era unha cuestión de harmonía, tan importante na arquitectura dese tempo. Que se diga na documentación para xustificar o derrube que estorbaban o paso dos carros ou de persoas a cabalo é para min unha excusa. Os mestres de obras daquela facían ben as cousas, e tiñan tempo para pensalas, non se ían facer uns arcos que non permitisen a entrada na praza máis importante da vila e o seu mercado, epicentro da actividade económica. O motivo principal ao meu entender, era de tipo político. O novo concello liberal quería eliminar "las insignias de vasallaje", os restos do Antigo Réxime, da sociedade de privilexo que agora se combate no novo réxime liberal; citar esas insignias de vasalaxe nos documentos que temos, o que nos da a entender tamén é que estes arcos tiñan como decoración os escudos dos Valadares, como segue a ter o arco conservado. Din as actas municipais: "unos signos que lejos de presenciar el mérito (...) y escandalosamente se les atribuye según puede verse (...)  el señorío y vasallaje, ejercido despóticamente por los representantes del Sr Conde de San Román sobre el pueblo..." (9-6-1842)

Si había arcos e murallas, e na documentación así se menciona. Jacobo de Castro, 1722:

"Plaza con arcos y corredores de cantería labrada" páx. 173 do libro.

Libro de actas da Deputación de Pontecedra, 1843:

"Solicitando el derribo de un pasadizo en la entrada de la Villa de Fefiñáns y de unos trozos de muralla" páx. 173.

Non é imposible que fosen transitables os muros na parte superior. Non coñecemos acaso centos de exemplos de murallas que se poden percorrer?. E se no arco conservado temos decoracións de balaustres e bolas que continuan cara a igrexa, non é lóxico supoñer que tamén se repetiran aquí? un edificio imponente e harmónico non intentaría integrar toda a contorna con motivos decorativos similares?. Esa é a idea do debuxo.

En 1842 a corporación municipal decide o derrube "tanto de la muralla como de los dos arcos". E insta a que se proceda á demolición "al término de 15 días", que non ten porque significar que se derruben en 15 días, senón que tamén pode indicar que se inicie o derrube como máximo15 días despois de aprobada a moción. Non sabemos exactamente cando se demoleron os arcos e muralla, nin en canto tempo. En 1843  vólvese falar do tema na corporación municipal, nesa altura aínda non foran derrubados. Y sobre o estado no que estaba esta muralla despois de 250 anos tampouco podemos supoñer nada. Sería lóxico que cando se procede ao derrube non tería as dimensión iniciais e si non se conservou, como si o fixo o arco existente, pode deberse a que este era necesario para comunicar pazo e horta, e o que está en uso consérvase mellor que o que non é necesario, e a esa altura de 1842 esa función defensiva perdérase. Sabemos que había incluso casas apoiadas na muralla.

O que vemos no Pazo de Oca, feito posteriormente a Fefiñáns, no século XVIII, é algo similar. Muro en arcadas e pasarela enriba que comunica pazo e igrexa e continúa máis alá.

 

"otro [arco] entre la casa de D. Joaquín M.ª Sánchez Peña Rey, hoy de José González, y el atrio de San Benito"

Creo que se entendeu mal cando cito o libro de actas da deputación de 1843, en que José María Peña quéixase dos perxuízos que lle causaría a Cayetana Álvarez o derrube da muralla, polo que intúo que a casa desta muller estaría apoiada na muralla, pero non cara a praza senón cara fóra da muralla, o que hoxe é a rúa San Benito. Quizais falar de medianeira non foi o termo máis apropiado.

Creo que pensar que "os dous arcos do flanco leste (sic) [debe dicir oeste] foran máis ben cativos, e que o muro que os unise tampouco fose gran cousa", non se corresponde coas ideas artísticas da época. Certo que nas actas municipais se fala de "la muralla que por dos arcos mal construídos, da entrada a la plaza del mercado" (Libro de actas municipal 18-4-1942) pero estamos a falar do estado duns arcos moitos anos despois de seren feitos e tamén de que se mandan derrubar, non van dicir que son marabillosos se os queren tirar. Tampouco cadra ben coa realidade dunha familia que acumulaba riqueza e títulos como os de vizcondes de Fefiñáns, marqueses de Figueiroa, condes de san Román e condes de Maceda, con rango de grandeza de España e que levaba aparellado 327.000 reais de prata de rendas anuais en 1766 (ver páx. 57 do libro).

"Ao recrear un feito histórico, é doado deixarse levar pola opción máis fermosa, chamativa, ou adecuada ao momento dende o que se está investigando. Pero convén ser rigorosos". Eu penso que o son. Foron 3 anos de traballo e consulta de moitos arquivos (Toledo, Madrid, Simancas, A Coruña) e de moitas lecturas (ver bibliografía). O resultado é un libro de 357 páxinas, documentos transcritos nunca antes publicados, e máis de 400 fotografías (para min ver as cousas é moi importante, pese a que multiplica o traballo por 3).

3- Penso que había 4 arcos

- Coñezo ben a reprodución que fixo Mon Daporta no libro “Cambados. Cen anos de Historia a través da fotografía” (2005), páxina 32. Traballo que coordinei eu coa colaboración importantísima de Adela Leiro e os outros compañeiros/as do IES Asorey e por suposto do alumnado que fixo a maior parte dos textos. Ese traballo, do que estamos orgullosísimos no Asorey e co que aínda hoxe agasallamos as persoas que nos visitan para dar algunha charla ou conferencia, levou un premio de innovación educativa da Xunta de Galicia que fun recoller eu a Santiago como coordinadora. 

Pero xa ese debuxo de Mon me chocou no seu momento. Arcos conectando casas particulares co adro da igrexa e o pazo?, a praza aberta? algo non cadraba.

Sabemos polas actas do Concello de 1842 que se manda derrubar 2 arcos. 

En sesión de 18 de abril de 1842, la Corporación presidida por Don José Luis de Fraga, acordó que “ tanto la muralla como los dos arcos que dan salida a la calle opuesta a la principal por la parte de poniente, se derriben, dejando expedito y con toda libertad aquellos tránsitos, para cuya operación se haga saber del modo más propio a D. Juan Antonio Ricoy, mayordomo apoderado de la casa de Fefiñanes, propiedad del Exclmo. Sr Conde de San Román, trate de demoler dichos arcos y murallas al término de 15 días” (páx. 171 do libro)

"dos arcos que dan salida a la calle opuesta a la principal por la parte de poniente". Na praza de Fefiñáns desembocaba o camiño real que viña de Caldas, hoxe rúa Rosalía Castro e arco conservado (parte do levante ou leste).  Era a principal vía de acceso, non só a Fefiñáns, senón ás 3 vilas, a que conectaba coa única ponte sobre o Umia entonces construída, a de Pontearnelas. Non existía aínda a avenida de Vilariño actual. Polo tanto os arcos que dan saída a la calle opuesta a la principal por la parte de poniente, teñen que ser (cítase noutros textos), o que estaba sobre a rúa real e o que conectaba co adro da igrexa. Este en concreto permitía entrar en Fefiñáns dende a rúa Carreira, o seu nome xa nos di que por ela pasaban carros (os que ían ao mercado), porque efectivamente aínda non estaba aberta a avenida de Vilagarcía. Un plano que achegou en facebook Xurxo Charlín e que creo que localizou Jacobo Domínguez, indica como había unha casa interpoñéndose e que houbo que expropiar e derrubar para abrir, a finais do século XIX a estrada Vilagarcía-Gondar que acabou atravesando a praza. Pode que fose nese momento, ou antes, cando se derrubou este último arco, pese a que non apareceu (ata agora) ningún documento que o mencione. Pero temos algunha pista:

 

Debuxo de Enrique Mayer, 1909, Museo de Pontevedra

 

Detalle do debuxo anterior


 

- Conservamos un debuxo feito polo artista acibecheiro Enrique Mayer en 1909, ano en que visitou Fefiñáns. Debuxa varios elementos de Fefiñáns, varios escudos do seu pazo e da igrexa de San Bieito, e como se pode apreciar nun deles aparece un león aguantando un escudo cos emblemas heráldicos de Gonzalo Valadares (o taboleiro de xadrez) e a súa muller María de Ozores (o león aguantando unha espada) e escribe debaixo: En el paso a la Yglesia. (Arco desaparecido hoy). Pois aí temos unha evidencia de que seguramente se lle conta que ese escudo estaba no arco que levaba á igrexa, desaparecido xa á altura de 1909. A familia do pazo tamén fala da existencia deste arco, que lles permitía asistir aos oficios dende a tribuna da igrexa. 

-  Se miramos o que queda hoxe, vese claramente como se fixeron unhas casas no espacio que antes ocuparía o muro-pasarela que levaba ao arco. As casas son esaxeradamente estreitas. Están ocupando un espacio anterior.


 

Remato dicindo que as ideas que aparecen no libro son froito dunha investigación que aínda non está completa. Así o advirto no limiar e agradecementos. Novos documentos poden achegar novos datos que contradigan o que alí se afirma. Recentemente souben dun mapa que xa contradí o que no meu libro se di sobre o Muíño da Seca e que pode indicar que o que conservamos hoxe non se fixera en 1622, senón posteriormente. Non me supón ningún problema recoñecelo. E máis rectificacións virán no futuro, espero, eso significará que se segue a investigar no pazo.

Insisto, lede o libro, non tendes nin que mercalo, o concello mercou varios exemplares, están na biblioteca Luís Rei e nas bibliotecas das parroquias. E serán benvidas pola miña parte todas as achegas ou rectificacións que se fagan. Un saúdo.

Véxase tamén: https://www.facebook.com/iago.pillado/posts/pfbid0SAEg8T9VumQvM7VNVHC7it4LAdhXfNSYB2RxqVrgTTjaoa3F2ALY6cdrcL1uG5Sml?__cft__[0]=AZXza_Ak1HY5UZPM7YPV1JIwNUN0VaW0C2PAoqf_t9zRmw_Ch157Lr7qQmdfqnouAW5JqQ32RmAscThGHtarhi_-8AjVgjJgHu_moKLdip5T-yFJKXTCUma9Czjd6LvZirwjlF8_7EXK3y_v1Iwfdwv_&__tn__=%2CO%2CP-R

domingo, 25 de marzo de 2018

O CONDE DE MACEDA E VICENTA WANDEN, "Amor en tempos de cólera"

Tivemos ocasión de falar de Bieito Pardo de Figueiroa noutra entrada anterior, imos falar agora do seu sobriño: Baltasar Pardo de Figueiroa Sarmiento Soutomaior (1773-1808), Grande de España, VI Vizconde de Fefiñáns, V Marqués de Figueiroa, VI de la Atalaya e VIII Conde de Maceda.


Retrato de Baltasar Pardo conservado no Pazo de Fefiñáns


Baltasar Pardo nace en 1773 en Pontevedra, no Pazo dos Condes de Maceda, hoxe Parador de turismo coñecido como a casa do Barón. Este pazo era a residencia habitual dos seus pais os Vizcondes de Fefiñáns: Francisco Xavier Pardo de Figueroa e María Xosefa Sarmiento Soutomaior, ver xenealoxía completa.

Casa do Barón, Parador de Turismo, Pontevedra, Foto: Wikimedia commons

 Baltasar é neto do III Marqués de Figueroa -e leva o seu nome- que ao casar con Ana Xacoba Valadares, Vizcondesa de Fefiñáns, xúntanse os dous títulos na mesma familia. Posteriormente herda o título e propiedades do Condado de Maceda, ao morrer a última condesa, María Concepción Lanzós, sen descendencia directa (el era o seu tataraneto). Este título convertíao en Grande de España e levaba aparellado trinta mil ducados de renda anual. E sendo el aínda menor e morto seu pai en 1784, a súa nai pleitea para que lle sexa concedido tamén o título de Conde de Taboada que estaba unido ao de Maceda dende o matrimonio de Xosé Bieito Lanzós (III Conde Maceda) e Tareixa Vilamarín e Castro (I condesa de Taboada), pero non o consegue.


En 1781 Baltasar ingresa no Real Seminario de Nobles de Madrid, tiña oito anos. Neste centro de élite formábanse os fillos da nobreza, estivo vinculado á Compañía de Xesús ata que os xesuítas foron expulsados por Carlos III, pasando a depender da Coroa. Coma seu tío Bieito tivo vocación militar. Puido facer carreira na Corte dentro da Garda Real pero prefiriu volver a Galicia para formar parte das Milicias Gallegas, pasando a ser Teniente Coronel do Reximento Provincial de Monterrei, onde tivo que actuar contra os ingleses e diversos puntos fronteirizos con Portugal. Neste momento España era aliada dos franceses dentro do marco dos chamados Pactos de Familia, coa Monarquía borbónica francesa. Xunto a eles loitou España pola independencia dos Estados Unidos e volverao facer cando acceda Napoleón ao goberno de Francia, a partir de 1799. Foi un admirador das reformas militares que seu tío Bieito introduciu no exército e procurou aplicalas nos reximentos que mandou.
Durante a súa estancia no cuartel da Coruña coñece a unha muller de orixe humilde da que se namora: Vicenta Wanden, para disgusto da súa familia. Isto debeu de acontecer en torno a 1784, contando el 21 anos e ela probablemente 27. Ao pouco tempo xa nace o seu primeiro fillo que morre ao pouco tempo e aínda nacerán outros dous. Tamén neste aspecto sigue os pasos de seu tío Bieito que casou con Adelaida  Destrehan. O seu caso atopa aínda máis oposición da familia por seren o vinculeiro e herdeiro dos títulos da casa. Non chegan a casar e a súa historia de amor corre de boca en boca.

Mentres tanto prosigue a súa carreira militar. En 1803 deixa o Reximento dos provinciais de Monterrei e pasa ao Reximento de Infantería de Linea del Príncipe e en 1805 o de Infantería de Zaragoza, a súa fama de militar non deixa de medrar. Ascende a Brigadier. Pedro Agustín Girón (futuro Marqués de las Amarillas) militar coma el co que coincide en Cádiz descríbeo deste xeito:

"joven del carácter más noble y franco que he conocido, bizarro hasta la temeridad y apasionado por su oficio, cosa muy poco común entre nosotros”. Bajo su mando “el bello Regimiento de Zaragoza se puso muy pronto en brillante estado” (tomado de J.A. Durán) 

Son anos convulsos. Napoleón conquista media Europa e como consecuencia dos tratados firmados por Manuel Godoy, España é aliada súa. Polo Tratado de Fontainebleu  (27-10-1807) Francia e España comprométense a conquistar Portugal (aliado dos ingleses) para despois repartila. Portugal é dividida en tres sectores: Lusitania septentrional, central e meridional (Principado dos Algarves). Baltasar Pardo e o seu reximento de Zaragoza teñen que poñerse ás ordes do xeneral Junot. Valéndose do seu organizado reximento e dos contactos familiares pasa a controlar o sector oriental da Lusitania Septentrional e fixa a súa residencia en Oporto a onde se traslada tamén a súa parella e fillos.

Os acontecementos precipítanse. As tropas españolas controlan Portugal mentres as francesas co permiso de Godoy entran na península e aséntanse en importantes cidades. Neste contexto a oposición de parte da poboación ás políticas de Godoy unida á conspiración do príncipe Fernando contra seu pai o rei Carlos IV desembocan no chamado Motín de Aranjuez en marzo de 1808, que provoca a caída de Godoy e a abdicación do rei. Napoleón aproveita o valeiro de poder para forzar tamén a abdicación de Fernando VII (que ante a renuncia do seu pai pasou a ser o novo rei) e mandar avanzar as súas tropas coa desconfianza que isto vai crear na poboación. En maio de 1808 estalan os levantamentos populares de Madrid e ante a falta dun rei unha serie de Xuntas rexionais e provinciais, como a Xunta Suprema do Reino de Galicia reclaman a soberanía. Decláraselle a  guerra a Francia.

O reximento de Zaragoza, mandado polo Conde de Maceda é enviado a Castela para facer fronte ao exército francés. O enfrontamento vai ter lugar na localidade vallisoletana de Medina de Rioseco. Dirixen as operación dous xenerais españois enfrontados por motivos persoais e ansia de protagonismo. O exército francés aproveita a descoordinación e consigue a victoria provocando numerosísimos mortos no bando español, un deles será o Conde de Maceda. Así se conta o episodio no "Diario de operaciones del Ejército de Galicia desde el 14 de julio hasta el 10 de agosto de 1808." Arquivo Histórico Nacional:

Los enemigos ocuparon el mogote [San Cristóbal] por no poderlo nosotros sostener por la falta de la caballería y subieron un cañón. Nuestra artillería y tropas ligeras empezaron la acción con brillantez. La vanguardia mandaba por el inmortal conde de Maceda, despreció fuego y derrota de sus compañeros y continuo un vivísimo fuego mas o menos sostenido hasta la incalculable desgracia de su digno jefe, la cual sucedida entibiaron las tropas y se pusieron todas en fuga a cosa de las 12 de la mañana. 

Tamén se conserva a testemuña de José Maria Queipo de Llano Ruiz de Saravia Tereno, Historia del levantamiento, Guerra y Revolución de España. Publicado por don Tomas Jordan en1835:


Los franceses luego acometieron intrépidamente por todos lados, extendiéronse por la meseta ó alto de la posición de Blake, y todo lo atropellaron y desbarataron, apoderándose de nuestras no aguerridas tropas la confusión y el espanto. Individualmente hubo soldados, y sobre todo oficiales que vendieron caras sus vidas, contándose entre los mas valerosos al ilustre conde de Maceda, quien, prodigo de su grande alma, cual otro Paulo, prefirió arrojarse á la muerte antes que ver con sus ojos la derrota de los suyos.

O drama histórico da derrota unido ao drama persoal da morte do Conde que deixa á súa namorada soa en con dous fillos pequenos sen dereito á herdanza, inspirou este romance que se cantou moitos anos polos pobos de Castela:



















”Demostración de la lealtad española: colección de proclamas, bandos, ordenes, discursos, estados de exército ..., publicadas por las juntas de gobierno, ó por algunos particulares en las actuales circunstancias ... "Tomo Quinto, Año 1808. Libro dixitalizado por Google de acceso libre.

Esta historia triste ten un epílogo. Vicenta Wanden despois de morto o pai dos seus fillos decide reclamar unha pensión alimenticia de 40 reais diarios para a manutención de seus fillos Baltasar e Baltasara á familia do Conde, que lle é concedida. Alomenos ata decembro de 1811 en que se interrumpe o pago. Así iníciase un longo preito coa irmá do Conde, Ramona Escolástica Pardo de Figueroa, que herda o título e propiedades do Conde de Maceda e Marqués de Figueiroa debido á falla dun herdeiro lexítimo. Vicenta Wanden reclama entón en 1816 os morgados ou mayorazgos de Maceda e san Antoniño para os fillos do Conde, declarados fillos naturais pola Audiencia de Galicia.
Ramona deféndese argumentando que Vicenta é de orixe plebeo, filla dun carpinteiro, Domingo Wanden, e que xa tivera unha filla antes de coñecer ao Conde (Anita Wanden) e que cando o Conde a coñeceu este tiña 21 anos e:

 Á este tiempo ya pasaba la Wanden de 27 años ... La Wanden es sin disputa una muger de talento y amaestrada por su egercicio y edad en el arte de seducir y aparentar: por el contrario el difunto Conde al tiempo en que se supone haber entablado trato con ella, que no pudo menos de ser en el año de (1) 795 (puesto que ya se le atribuye un hijo en Junio del siguiente) era un joven inexperto de solo la edad de veinte y uno...

O preito rematará en 1826 na Chancillería de Valladolid onde se falla en contra de Vicenta e os seus fillos e a favor da condesa. Consérvase a documentación do preito no Arquivo da Nobleza de Toledo.


Foto: Wikipedia
Existe un Monumento en Medina de Rioseco, Valladolid, que foi levantado en honra dos mortos na batalla contra os franceses e no que é posible ver a imaxe en bronce do Conde morto e a súa amada desconsolada de dor.

domingo, 26 de marzo de 2017

UN CAMBADÉS NA CORTE DE FILIPE II: O LICENCIADO XOÁN SARMIENTO

 
Na fachada oeste do Pazo de Fefiñáns, baixo o escudo dun dos constructores do pazo, Gonzalo Valadares, "o mozo", atópase esta escultura en relevo que poidera representar a Xoán Sarmiento Valadares.



O licenciado Xoán Sarmiento Valadares debeu nacer en Fefiñáns ao redor de 1530 e finou en Madrid en 1599, un ano despois que o seu señor El-Rei, Filipe II. Era un dos fillos de Gonzalo Valadares Sarmiento, "o vello", señor de Fefiñáns, e Catalina Fandiño Soutomaior, que fundan vínculo e morgado das propiedades en 1562,( ver xenealoxía). Como acontece en todas as familias nobres da época, o fillo primoxénito, neste caso, Gregorio Valadares, herda o título e as propiedades do morgado, polo que as fillas buscarán matrimonios ventaxosos, para o cal soen levar unha substanciosa dote. E os fillos menores farán carreira militar, administrativa ou eclesiática. Así aconteceu co seu irmán Ares López Figueroa que chegou a ser Coengo en Astorga ou o frade Marcos Valadares, catedrático de Teoloxía en Salamanca e procurador xeral da orde dos predicadores en Roma, onde faleceu en 1587.

Xoán Sarmiento escollerá o estudo e o servizo ao rei como funcionario da súa corte. Estuda leis no colexio maior de Cuenca da Universidade de Salamanca, entre os anos 1566 e 1571. En 1574 xa é oidor na Chancillería de Granada e en 1579, Alcalde de Casa e Corte do rei Filipe II, cargo polo que sabemos que cobraba 225.000 marabedíes ao ano. Foi tamén Asistente na cidade de Sevilla entre 1588 e 1589. O cargo de Asistente da Xustiza en Sevilla, unha especie de alcalde ou correxidor na época, era unha das máis altas maxistraturas da coroa. Sevilla era daquela a cidade máis próspera e poboada de Castela, debido ao comercio con América. A ocupación deste cargo está documentada entre outras fontes pola cita que fai Miguel de Cervantes nunha das súas novelas exemplares (El coloquio de los perros), na que di:

"Dejólos encerrados y volvió a coger los trofeos de la batalla, que fueron tres vainas, y luego se las fue a mostrar al Asistente, que si mal no me acuerdo lo era entonces el licenciado Sarmiento de Valladares, famoso por la destrucción de la Sauceda"

Refírese Cervantes ao falar da Sauceda a unha banda de delincuentes que se movían sen control pola Serraría de Ronda, en concreto no lugar de La Sauceda,  ata que chegou o licenciado Sarmiento e os fixo apresar, collendo dende entón fama de home duro e decidido. 

 Xoán Sarmiento continuaría ascendendo na súa carreira, unha especie de cursus honorum, que seguían os licenciados en leis polos distintos organismos xudiciais e políticos na corte dos reis castelás do Antigo Réxime. Deste xeito en 1589 accede a unha praza no Consello Real (tamén chamado Consello de Castela) o principal órgano de goberno da Monarquía Hispánica no s. XVI. Vázquez de Arce, presidente deste Consello, dirá de el que era: "diligente, entendido y buen letrado". Outro informe ao seu favor para o cargo di que: "acompañó a su Majestad la Emperatriz [refírese a María, muller do Emperador  Maximiliano e irmá de Filipe II] en la yda y buelta de Lisboa, que fue en servicio de vuestra Majestad en la jornada de las cosas de Aragón (...) es de 51 años,  a [hace] los 16 que sirve en los dichos oficios". (deste texto poderiamos deducir a súa data de nacemento, se fose efectivamente certo que en 1589 tiña 51 anos, entón naceu en 1538)

Finalmente é promovido para a  o  Consello de Cámara do Rei, en 1595, un consello segregado do de Castela, que asesora ao rei sobre nomeamentos na administración e "gracias" e "mercedes" que concede o rei.

O 7 de marzo de 1597 fai testamento en Madrid, do que conservamos trascrición nun boletín da RAG grazas ao historiador cambadés José Caamaño Bournacell. Deste documento sacamos algúns datos de interese:

- Manda que sexa soterrado nunha das capelas do Mosteiro da Santisima Trindade de Madrid (onde parece que foi soterado tamén Cervantes), ata que sexa trasladado polos seus herdeiros á Capela Maior da igrexa de san Bieito de Fefiñáns, "donde soy natural" e onde están enterrados os seus antepasados. Non temos a seguridade de que este traslado finalmente se producira.

- Nomea como albaceas e testamentarios (entre outros) á súa muller Xoana Faxardo "que de presente esta reside en la dicha Villa de Fafiñanes"e ao seu irmán o coengo Ares López Figueroa "mi hermano que está en la dicha Villa de Fafiñanes"


- Pide ao seu señor o Rei  Filipe II "de hacerle merced" ao seu sobriño Gonzalo Valadares Sarmiento, futuro Vizconde de Fefiñáns, fillo do defunto Gregorio Valadares, o seu irmán maior, e María de Andrade. Fai constar que sempre foi a súa vontade de crialo e adoctrinalo para que cando tivese a idade servise ao rei. Igualmente deixa unha dote de casamento de 500 ducados para a súa sobriña  Xoana Valadares, irmá de Gonzalo Valadares.

- Deixa unha cadea de ouro "que tiene diez y ocho vueltas y pesa tres mil gramos poco más o menos". Foi un regalo da Emperatriz María, muller do Emperador  Maximiliano e irmá de Filipe II, polos servizos que lle prestou na viaxe a Lisboa da que falaba outro documento ao que fixemos mención. Indica que a cadea quede perpetuamente incluída no morgado (mayorazgo) de Gonzalo Sarmiento. Tamén fala de "una sortija grande de oro con su sello labrados las armas de mis señores Padres en una esmeralda" e pide que se use para aderezar a custodia do Santísimo Sacramento os días de Xoves Santo e Corpus.

- Nomea herdeiro universal de todos os seus bens ao seu irmán, Ares López Figueroa para que sexa usufructuario deles e despois da súa morte pasen ao seu sobriño Gonzalo Sarmiento para que os integre no morgado. Ares López Figueroa fora nomeado polo finado de seu irmán Gregorio Sarmiento, como titor e administrador dos bens dos seus fillos menores: Gonzalo e Xoana. A súa nai: María de Andrade pleitearía posteriormente varios anos con Ares López por desavenencias na administración da herencia.

O testamento engade un codicilo feito posteriormente, pero non indica a data. Obviamente tivo que facerse entre 1597 en que se asina o anterior e 1599 en que morre. Sorprende que en ese lapso de tempo un pouco breve, morre a súa primeira muller e casa coa segunda: Constanza Zúñiga Mendoza.  Non tivo fillos con ningunha das dúas, pero si un fillastro da segunda muller: o jurisconsulto Antonio Pazos Figueroa.

En moitos textos aparece Xoán Sarmiento como o iniciador das obras do Pazo de Fefiñáns, nada di acerca desto no seu testamento. Só aparece unha mención a un dos testamentarios, Antonio Pimentel, na que lle pide que "mire por la casa de mis padres". Tamén se lle atribúe haber sido o que comunica á Señoría de Venecia a vitoria na batalla de Pavía. Está claro que se trata dunha confusión porque esta batalla foi en 1525 e o noso personaxe non pudo nacer antes de 1530. O erro iníciao seguramente Manuel Murguía, ao afirmalo no seu libro Galicia de 1888, baseándose nun artigo de 1864 de Athanase Rendu (pax. 39), pero está claro que non é o mesmo Juan Sarmiento, as datas non cadran. Tamén se lle confunde ás veces cun inquisidor que viviu no século seguinte e que leva os seus mesmos apelidos: Diego Sarmiento Valadares, cousa frecuente na extensa linaxe familiar dos Sarmiento Valadares ou Valadares Sarmiento, que a miúdo invertían a orde dos apelidos para diferenciarse uns dos outros.

 Vella foto da ponte de Pontearnelas da que non sabemos a data, pero aparece o muro co escudo e inscrición na parte central así como o cruceiro de san Pedro (xa sen a cruz) que foron trasladados ao extremo sur da ponte

O que si parece seguro é que se conseguiu por iniciativa súa a reedificación da ponte de Pontearnelas.  Pode que xa existise nese emprazamento unha ponte romana, logo reformada na idade media (menciónase nun documento de 1287) e á altura de finais do s. XVI debíase atopar en bastante mal estado. A localización da ponte coincide cun estratéxico cruce de camiños, seguramente importante xa dende época romana. Por este punto sobre o río Umia estaba a conexión entre Vilagarcía, Vilanova, Cambados... con Pontevedra e  con Lois, Lantaño, Portas e Caldas  e tamén cara Portonovo, xa que xunto coa de Caldas, foi a única ponte sobre o Umia ata fins do s. XIX . Esta rede viaria mantívose na época medieval e moderna, recibindo os nomes de Camiño Francés, ou Real ou tamén Camiño Vello e de Santiago.

Foto do escudo e a inscrición debaixo. Vese o que queda do cruceiro á esquerda, coa imaxe de s. Pedro no medio da columna. Esta ponte é chamada Ponte dos Padriños e ten un curioso rito asociado relacionado coa fertilidade e as augas.

Consérvase nun extremo da ponte (trasladado como vimos) o escudo real de Filipe II e unha inscrición hoxe incompleta pero que reproduciu Luís Bouza Rei e que recolle Vila Fariña no seu libro Notas para a historia de Pontearnelas, dicía así: REINANDO EN ESPAÑA EL CATOLICO REI PHILIPE SEGUNDO DESTE NOMBRE SIENDO DE EDAD DE SETENTA Y UN AÑO MANDÓ REDIFICAR ESTA PUENTE POR SU MANDADO EL SEÑOR LICENCIADO (en negriña aparece o que se conserva da primitiva inscrición).

A inscrición, hoxe incompleta

Se Filipe II tiña 71 anos a reconstrución tivo que rematarse en 1598, o mesmo ano da morte do rei e un ano antes da morte do Licenciado Sarmiento. Non se cita expresamente a Xoán Sarmiento na inscrición, pero
o feito de que se fale do Licenciado e de este estivese ao servizo do Rei  nese momento confirman que tivo que participar. Pese a que a construción se vincula directamente a Filipe II, é probable que este só dise a autorización e que fose a casa de Fefiñáns a que desembolsase o diñeiro. Esta ponte como dixemos era importantísima para o transporte de persoas e mercadorías no Salnés, e os señores de Fefiñáns eran os primeiros interesados en facilitar que a xente chegase doadamente ao mercado semanal que se facía en Fefiñáns, o máis importante da zona nesa época, e polo que cobraban substanciosas rendas. A construción da ponte tamén leva aparellada o cobro dun portádego ou peaxe, outra fonte de rendas. Segundo o Catastro de Ensenada (s. XVIII)  referíndose ao dominio da casa de Fefiñáns di que "en los siglos pasados han sido de el dominio de la Dignidad Arzobispal que ha desmembrado de ella esta jurisdicción con otras de su facultad pontificia a favor del Sr Phelipe II para que las pudiese vender en favor de las urgencias que padecían entonces la Monarchía y que los predecesores de dicho conde [de Fefiñáns] las tenían adquirido de su Real Majestad por título de venta".

Este texto confirma que os dominios dos Valadares foron adquiridos durante o reinado de Filipe II e por venda, debido aos apuros económicos que pasaba a monarquía, metida en demasiadas guerras. Tense dito que o Licenciado Sarmiento intermediou nesta operación de venda, pero o feito de que se cree o morgado en 1562, antes de que el estivese na Corte, pode poñelo en dúbida. Comprounas entón Gonzalo de Valadares ("o vello")  pai do Licenciado?. Este aparece nas escrituras como Almirante e Merino das fortalezas de Lobeira e Lantañón e xuíz da xurisdición da Lanzada e Fefiñáns por cesión do Arcebispo compostelán, o anterior  propietario destas terras. O señorío de Fefiñáns estendíase entón polas parroquias de Corbillón, Vilariño, Oubiña, Ribadumia, Besomaño e Leiro. Outro motivo para reparar a ponte e ter comunicadas todas as terras do señorío.


Outra información que se repite en algúns autores é que se lle atribúe ao Licenciado a construción da Torre de homenaxe ou torre-miradoiro que está situada a carón do camiño Real que ven de Caldas, nun dos extremos da horta do pazo. A familia refírese a ela como torre da homenaxe, función que estaría xa un pouco desfasada a finais do s. XVI (data probable da súa construción). Si parece máis acertada a función de torre-miradoiro, non só como finalidade lúdica para os señores da casa, senón tamén de vixianza dos traballos dos criados, na horta do Señor.

 A torre en 1947. Fotografada polo arquitecto Durán Loriga


A torre presenta na súa fronte unha coñecida inscrición, que dá atinados consellos de sabedoría humanista ao camiñante que pasa a carón dela. Tamén se dubida se a inscrición sería do s. XVI, non é improbable, redactada por Xoán Sarmiento? ou posterior, do s. XVIII, debida a Bieito Pardo Figueroa?, ilustrado e tradutor de Horacio, que coñecía ben os textos clásicos e a sentenza atribuída a Sócrates que encabeza a inscrición, hoxe ilexible.

Lembro á miña compañeira Joaquina Gil de la Peña como a recitaba de memoria e percibo como o espírito que desprenden estas frases aínda está vivo hoxe nos habitantes deste pazo.


CONÓCETE A TI MISMO.

Por semejanda a Dios procede como hechura de su mano.
Huye del vicio. Busca la virtud. Aborrece el ocio, ama el trabajo.
 No seas soberbio, antes humilde.
No mientas porque es la mayor vileza de los viles.
Procura los amigos mejores que tú, pues con esto y verdad,
secreto y limpieza de alma, nos sucede bien todo.
Da lo que pudieres bien distribuído.
No olvides los beneficios ni te acuerdes de las injurias si quieres aparecerte a Dios,
y advierte que el osar morir da la vida,
 porque los honores con grandes peligros y trabajos se adquieren.
Ama y teme a Dios y atribúyele los sucesos porque no hay otra fortuna.