Amosando publicacións coa etiqueta fotógrafos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fotógrafos. Amosar todas as publicacións

sábado, 15 de xuño de 2013

FOTOS ANTIGAS COLOREADAS

Era moi frecuente a principios do s. XX (e posteriormente, pero con outras técnicas) a emisión de series de postais sobre vistas de vilas galegas. En Cambados foi especialmente importante a serie feita por encargo do Hotel Calixto cara 1910. Pero a que mostramos hoxe é un pouco anterior, cara 1905. Os datos que temos son de que o fotógrafo é Ramón P. Charlín, do que nada sabemos. Foron editadas coa técnica da fototipia e como xa dixemos deberon saír en torno a 1905.

Son fotografías orixinais en branco e negro que logo se colorean a man. Na rede atopamos fotos xaponesas tiradas pola mesma época, finais do s.XIX, principios do vinte e coloreadas cunha técnica similar. Este sistema permitía dar unha apariencia máis real ás fotos, moitos anos antes de que se inventasen os sistemas fotográficos a cor. Hoxe son documentos históricos e bonitas obras de arte.


Pero volvamos a Cambados, Pazo de Fefiñáns:







Igrexa Parroquial


Ruínas de Sta Mariña




Tragove




Muiño da Seca



Se alguén nos pode facilitar información sobre este fotógrafo: Ramón P. Charlín o agradecemos

domingo, 2 de decembro de 2012

José Bellver. Un xuíz fotógrafo

José Bellver Álvarez ( Ponferrada, León, 1896- Pontevedra, 1968) estivo destinado en Cambados como xuíz de primeira instancia, e tamén noutras localidades como Caldas, Ortigueira ou Redondela. O seu derradeiro destino foi en Pontevedra onde se xubila coma Maxistrado da Audiencia Provincial. Alí morre en 1968.

Foi un gran afeccionado á fotografía que combina tamén co seu interese pola pintura e o cine. Durante a súa estancia en Cambados nos anos 20-30 tomou numerosas fotografías da vila, das súas rúas e monumentos e das súas xentes, recollendo esceas do mercado -que naquel entón aínda se celebraba en Fefiñáns- ou do traballo dos mariñeiros.

O fondo documental de Bellver está custodiado no Museo de Pontevedra, e en Cambados expóñense agora 62 imaxes, seleccionadas pola comisaria María Reyes Camiña. A exposición estará aberta ata o 13 de xaneiro, no Pazo de Torrado.



A Bellver, en liña coa pintura impresionista, interésalle especialmente a luz. As súas imaxes teñen un valor etnográfico e histórico, por retratar motivos da primeira metade do século XX pero tamén teñen un gran valor artístico. Prefire, coma os impresionistas, as vistas do mar e a auga, prefentemente en contraluz, como vemos na imaxe superior de dornas en Cambados fronte ao Grove.

domingo, 8 de xullo de 2012

CAMBADOS NO ARQUIVO PACHECO

Xaime de Sousa Guedes Pacheco, nado nunha aldea da Serra da Estrela, formárase como fotógrafo no estudio do seu irmán en Ourense. Posteriormente trasládase a Vigo onde se asocia coa viúva dun fotógrafo de orixe italiano que ten o seu estudo na rúa Príncipe que en 1915 pasa a ser propiedade exclusiva del. Recentemente o Concello de Vigo comprou o seu arquivo e iniciou unha tarefa de recuperación das máis de 100.000 imaxes que posúe.

Con motivo do traballo que fixen sobre Asorey consultei este arquivo e atopei numerosas imaxes relacionadas co escultor e algunhas tamén con Cambados que mostro agora aquí.






O antigo Balneario da Toxa creado polo Marqués de Riestra



 E non faltan tampouco estupendos retratos de estudo de Asorey e Cabanillas