Amosando publicacións coa etiqueta cambados. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cambados. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de abril de 2019

CAMBADOS: ONTE-HOXE (1)

Recibín estes días dúas mensaxes de lectores deste blog que me lembraron que de tanto remexer papeis de Fefiñáns o teño abandonado. Vai esta entrada por eles, especialmente para o Centro de Día.

Praza de Fefiñáns con árbores e piso terreño. Ao fondo Igrexa de s. Bieito coas escaleiras frontais eliminadas, que daban acceso directo á entrada sur da Igrexa. Lembro que algúns políticos se comprometeron a repoñer, houbo incluso resolución do Parlamento galego. Seguimos esperando.

PRINCIPIOS S. XX




Praza de Fefiñáns con árbores. Agora que xa é peonil podería ser unha posibilidade. Comentaba eu cun amigo que agora ten un aspecto un tanto "escurialense"



Ribeira de Fefiñáns. Por detrás vese a torre do Pazo, e as torres da Igrexa de Fefiñáns. Diante na Ribeira vese a nave alongada da conserveira de Cándido Carreró que pechou en 1907, tras ela parece a galería da casa dos Pillado e á dereita o muro e casa rectoral.


Xa non é posible ver a torre do Pazo ou as torres de s. Bieito


O antigo Pazo de Bazán, familia emparentada con Dona Emilia Pardo-Bazán. Foi derrubado para construír o actual Parador de Cambados.


 Mágoa non haber restaurado o pazo!



O Concello nunha vista de principios de século cando aínda non foran prantadas as palmeiras nin estaba construída a casa da muller de Plácido Castro.


Ao mellor un día había que pensar en tirar o edificio de Caixa Rural, antes Zaragozano



Fonda Calixo onde se hospedaban moitos veraneantes que ían á Toxa a tomar as augas. De aquí salían os autocares de liña cara Pontevedra e Vilagarcía. Á esquerda a casa da familia Quintanilla na que estivo un tempo o Casino de Caballeros.

O antigo Hotel Calixto consérvase case igual


 
A praza do Concello nos anos cincuenta, vese o malecón e peitoril que daba ao mar antes de que se fixeran os recheos. Conta Xoán Antonio Pillado que no peitoril xuntábase a mocidade cambadesa a falar e ver pasar a vida da vila.


Outra vista da praza do Concello e a Fonda Calixto Pereira





Cambados visto dende o peirao vello, ou de Cambados. De esquerda a dereita vense ben a casa na que viviu Plácido Castro, o Concello, por detrás a Xuventude, a casa de Quintanilla, a fonda Calixto, e o vello Salón Variedades. Por detrás as árbores da horta do pazo de Taboada ou de Silva a igrexa parroquial. Máis á dereita é posible ver a antiga ferraxería de Otero e o Pósito e por detrás as ruínas de Sta Mariña.


Vista dende o mesmo peirao vello. Os recheos para a casa Reboredo, centro de saúde e Casa do mar taparon todo.


Antiga rúa do "muelle", hoxe Avenida de Galicia que daba directamente ao mar. Ao lado do concello vese o Cine Cervantes.


O cine cervantes desaparece para facer o edificio Montblanc, pero é posible que aínda se conserve algunha casa da antiga rúa. Como a da xoiería Fariña, que aínda conserva un rótulo de imprenta Fariña.


Vista da actual avenida de Galicia que se fixo tamén con recheos cando se trazou a estrada Vilagarcía-Gondar. Ferraxería de Otero á esquerda e torre da igrexa do Hospital atrás. Aínda non se construíra o Pósito nin a cultural e non se abríra a rúa nova, de aí o nome. Tampouco están  as conserveiras de Galván e Alasá (onde hoxe está o Gadis)


Novo paseo marítimo gañado ao mar e ponte asentada nas pedras das "joritas" para conectar co illote artificial. O edificio de Gadis aínda conserva a estrutura da antiga conserveira de Alasá.


Esquerda pombal do Pazo de Taboada ou de Silva que ata aquí chegaba, dende a praza Ramón Cabanillas ou do Baco. Ao fono a Xuventude e á dereita o que queda da carballeira do Convento, porque efectivamente era do Convento de Franciscanos que aí había, expropiado polo Estado na Desamortización. Aquí fixéronse nos anos de Franco as chamadas "Casas Baratas".




A mesma vista dende o adro da igrexa, ao fondo o auditorio da Xuventude


As pedras das "Joritas". Ao fondo o Borrón. Aínda non está a conserveira de Peña, que tamén se fixo sobre recheo.


A alameda de Santomé onde hoxe está o parque infantil.



O Pazo de Montesacro, hoxe asilo, sen escalinata, que se fixo posteriormente e non é barroca como teño escoitado


Á esquerda outro edificio que había que tirar, menos mal que non son alcaldesa senón facía unha desfeita.


A torre a finais do s. XIX. Vense unhas rochas que hoxe non existen. De aquí sacouse pedra para facer moitas casas.





A illa de san Sadurniño seguramente nos anos 60-70, sen ponte.





As ruñinas de Santa Mariña sen os panteóns que se fixeron posteriormente, como o da familia de orixe francesa, os del Valle, en estilo neogótico





Por hoxe abonda. Outro día máis

domingo, 5 de febreiro de 2017

DELIMITACIÓN APROXIMADA DA XURISDICIÓN DE CAMBADOS EN 1670

Consérvase un documento feito en 1671 no que se fai unha delimitación, con indicación de marcos e "mojones" da vila de Cambados, señorío ata 1653 do Conde de Fuentes e Monterrei. Nesa delimitación ou apeo, indícanse os lindes que separan o señorío e xurisdición de Cambados respecto á de Fefiñáns (nesa data de Fernando de Valladares) e Santomé (do conde de Castro Nuevo e Villahumbrosa). O motivo desta delimitación puidera estar nos preitos frecuentes entre estas casas nobres polas lindes dos seus dominios, que tiñan implicacións no pago dos impostos a un señorío ou outro. Consérvase no arquivo da Real Chancelería de Valladolid, o preito que en torno a 1617 lle fai o señor de Cambados ao de Fefiñáns por ter movido este último os marcos das lindes e invadido a súa xurisdición. Aparece así referenciado na web do Arquivo histórico Nacional (onde hai copia dixital):

Título de la unidad: "Ejecutoria del pleito litigado por Manuel de Fonseca y Zúñiga, conde de Monterrey y de Fuentes, con Gonzalo Sarmiento de Valladares, sobre la posesión de unas casas, situadas en los límites de la villa de Cambados (Pontevedra), jurisdicción del condado de Fuentes"

Archivo: Archivo de la Real Chancillería de Valladolid
Signatura: REGISTRO DE EJECUTORIAS,CAJA 2367,1 1623


Pode ser probable que a colocación dos marcos corresponda a unha data próxima á finalización do preito, quizais un xeito de delimitar con precisión a xurisdición e evitar outra nova "invasión".

Tamén por motivos similares debeu de facerse un mapa en 1593 do que xa teño falado, para delimitar as lindes da xurisdición do Couto de Ouso da Torre.


E volvendo ao principio consérvase ese documento de 1671 no que se delimita con bastante exactitude o señorío de Cambados e polo tanto tamén os de Fefiñáns e San Tomé respecto a este. Debe corresponder a un documento manuscrito, rescatado dalgún arquivo e publicado en Pontevedra e que os editores do xornal El Umia,  publican nos números 1, 2 e 3 dese xornal editado en Cambados e que foron publicados á súa vez por iniciativa do lembrado Luís Rei en edición facsímil comentada, no 2001 (edición do Concello de Cambados).

Con esta documentación traballei, e tamén seguindo testemuñas de veciños, fotografando os marcos conservados, estudando o terreo in situ ou con fotos de satélite das webs: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ , http://www.ign.es/iberpix2/visor/  e http://mapas.xunta.es/visores/basico/ . Pois con todo iso, un pouco de intuición e a axuda impagable sempre de Sindo Mosteiro confeccionei este mapa (aproximado) das lindes do señorío de Cambados en 1670.

(Mirádeo por favor e se localizades algún erro comunicádeo. Tamén se coñecedes da existencia dalgún marco máis facédeo saber. Non deixedes de ler a explicación que sigue ao mapa na que se indica  como se fixo e que axuda a entendelo mellor)




É recomendable tamén para entender mellor o mapa seguir a descrición que fai o documento de 1671 xa citado que se pode ver e descargar neste enlace.

O documento empeza describindo os lindes do Señorío de Cambados (cara o vendaval -o sur- ), San Tomé (cara levante -o leste-) e Fefiñáns (cara o norte). Empeza na cima do  monte da Pastora na que aínda existe unha pedra con 3 crúces que marca a división entre Cambados (oeste) e San Tomé (leste). Continúa ata a aparición dun marco conservado aínda hoxe no emprazamento orixinal, a carón da moblería Vilas e que foi reforzado recentemente para impedir que algún vehículo o tirase. Este marco leva o Nº 1. É o primeiro de sete marcos que lidos en conxunto teñen esta lenda: " SON DE (marco nº 1) SU EXª [abrev. de excelentísima] (marco nº 2, conservado) EL SEÑOR (marco nº 3, conservado) CONDE (marco nº 4, non conservado) DE (marco nº 5, non conservado) FUENTES (marconº 6, non conservado), CONDE" (marco nº 7, non conservado. Continuaría outro marco indicando o outro título do señor de Cambados, DE MONTERREI?

O documento continúa coas lindes con San Tomé-Uso da Torre situadas máis ao sur. Empeza de novo na cima do monte da Pastora e vai indicando sucesivos marcos que están marcados no mapa con círculos verdes pequenos. Xa non se trata de marcos altos e con inscrición, como os anteriores, senón máis baixos e que teñen só marcada unha cruz, non localicei ningún, pero a ruta está ben descrita e polo tanto resultou doado situar o límite.

Á hora de marcar o límite: liña vermella fina (separación da xurisdición de Cambados)e a verde fina tamén (separación da xurisdición de Santomé-Uso da Torre), optei case sempre por seguir os camiños, a pesar de saber que en moitos casos o documento fala de que a separación atravesa as fincas e non segue camiño ningún. Os camiños soen ser en moitos casos o elemento de separación, pero non sempre. Ademais soen permanecer moitos anos no territoiro, son lugares de paso común e necesarios, polo que se seguen en uso permanecen. Consultei as fotografías aéreas feitas polos americanos en 1956 cando se regularon as relacións co goberno de Franco e se instalaron as bases militares. Estes mapas son moi útiles para ver como era o territorio nesa data, cando aínda a fase de urbanización e industralización máis intensa que viviu o país na súa historia, non se iniciara. Unha aplicación dunha web da xunta fai doada a comparación da situación de 1956 e a actual: http://mapas.xunta.gal/visores/comparador/. Así puden diferenciar os sendeiros más antigos no mapa actual.

Outro tema aparte do documento citado, son os marcos que aparecen no mapa marcados coas letras, A,B e C e non teñen relación co documento anterior. Ademais non parece que a epigrafía (as letras) sexan da mesma época. O marcado coa letra A, situado aínda hoxe no lugar de Cacabelos semella ser un marco de separación entre a parroquia de Vilariño e a de Santa Mariña Dozo e polo tanto entre a xurisdición de San Tomé e de Fefiñáns. A  primeira liña non se le ben, pode que diga JURISDICION, as outras din claramente:  D[e] STO TOME DO MAR PAR[roqui?]A D[e] STA MARIÑA DOZO. O marcado coa letra B, está hoxe no Museo do viño e parece ser que foi atopado no camiño que vai da Igrexa de Sta Mariña cara Monterrei. A inscrición pode que diga: SON DE SU EXª [elentísima?] MT [Monterrei?]. Se o lugar onde o situei no mapa é correcto, estaría situado na linde entre as dúas xurisdicións indicando este marco a onde chega a do conde de Monterrei. Fixen continuar o límite entre os dous territorios cruzando Monterrei. Correspondería esta zona coa que aparece representada no mapa de 1593 que se reproduce no principio desta entrada. Monterrei foi un antigo castro, e aparece nese mapa rodeado por un muro e incluso cunha entrada monumental. Dubidei moito tempo a que podía corresponder e concluín que tiña que ser Monterrei pola súa situación e o perfil redondeado que ten. Ademais se se percorre hoxe aínda se pode ver un muro non moi alto que o arrodea case completamente. O marco que ten a letra C, gárdase no museo do muíño da seca, os datos que teño din que apareceu nese lugar, no camiño dos Caeiros cara Monterrei, e dende logo a súa inscrición debe ter relación con iso, porque lense claramente as letras MR. Porén non cadra nos lindes marcados.

Tamén se indican no mapa unhas frechas cara o mar. É que a xurisdición dos señoríos non ficaba na terra senón que continuaba no mar como se pode ler no documento de 1671. As referencias para San Tomé e Cambados son a pena do Monsón, situado a uns 100 mtrs do peirao de Santomé, é visible só con mareas moi baixas. Outra referencia é a punta do Galiñeiro que está situada moi perto da Illa de Arousa, mirando cara o Grove. Tamén se fai referencia no documento á punta de Xestelas (ou Festelas), no extremo do Carreirón, na Illa de Arousa.

E isto é todo, como xa dixen é unha delimitación aproximada que pode ser refeita se alguén atopa erros ou me facilita outros datos. Alguén sabe si se conservan máis marcos?


venres, 25 de marzo de 2016

UNHA OBRA DE ASOREY EN CAMBADOS?

A imaxe de Xesús Nazareno que está na Igrexa parroquial de Cambados (non na capela do Hospital) poidera ser de Asorey.

Francisco Asorey empezou a súa formación como escultor en Sarriá, Barcelona. Alí existía un obradoiro de imaxinería relixiosa dirixida polo escultor Parellada. Polo tanto "as primeiras letras" artísticas do cambadés foron como escultor de imaxes relixiosas. Posteriormente adicouse a moitos xéneros escultóricos diferentes, pero nunca deixou de esculpir imaxinería. Podería decirse que foi "o último gran imaxineiro".


Obradoiro de imaxes relixiosas no Colexio Salesiano de Sarriá. O home de traxe puidera ser Parellada, mestre de Asorey. Foto facilitada polo Padre salesiano Amado Pérez. 


As imaxes relixiosas están feitas en madeira. A tradición de facer estas imaxes remóntase á Idade Media na cultura cristiá, pero podemos atopalas tamén na cultura grega e exipcia. Tiveron especial difusión durante o Barroco (ss. XVII-XVIII). Os encargos da Igrexa Católica pedían realismo e a técnica usada permitíao. Tampouco había tantos medios económicos como en Italia por exemplo, onde se facían en mármore. A madeira sae máis barata. Aparecen en Galicia,  nestes séculos e posteriores, un gran número de escultores que acadan un enorme grado de mestría: Gregorio Fernández,  Francisco de Moure, Gambino, Felipe de Castro, Xosé Ferreiro... A Igrexa era a que tiña maior poder económico e polo tanto a que facía máis encargos, eso explica a non existencia á penas de escultura profana ou non relixiosa en Galicia neses séculos. Pese á enorme calidade dos artistas citados quizais está pouco valorada e coñecida a súa obra no momento actual. Asorey beberá de toda esta tradición escultórica galega.

As esculturas relixiosas fanse en madeira, logo recóbrense dunha capa de estuco (cola de coello+ xeso) que vai absorber ben a pintura ao óleo que se aplica posteriormente. Para gañar en realismo, moitas veces úsanse "postizos": pelo natural, ollos de cristal, marfil nos dentes... Unha técnica chamada "estofado" enriquece ás veces a policromía. A figura recóbrese de láminas de pan de ouro ou prata (nas zonas onde van ir as roupas) que logo se pintan por riba e finalmente ráspase esa pintura facendo debuxos que permiten ver por baixo o dourado, o resultado é moi vistoso e imita os brocados das roupas antigas.

Detalle do "estofado" da Virxe do Carme de Cuntis de Asorey. Foto: Maribel Iglesias

A primeira obra de escultura que coñecemos de Asorey é precisamente unha imaxe relixiosa. Trátase dun Cristo (que formaba parte dun Calvario coa Virxe e S. Xoán a cada lado) que se atopa no Colexio dos Salesianos de Barakaldo, a onde foi Asorey como profesor de debuxo e onde montou o seu primeiro obradoiro de escultura cos artistas vascos Beovide e Guraya. A datación aproximada é sobre 1908. Asorey tería sobre 19 anos. Chámanlle en Barakaldo: "O Cristo do Perdón".

Crucificado, Capela do Colexio dos Salesianos de Barakaldo. Foto: Maribel Iglesias

Pero imos á obra que nos ocupa hoxe. Púxome sobre a pista de que o Nazareno poidera ser de Asorey unha reseña nun xornal: El Ideal Gallego do 7-4-1920, pax. 2, que se pode consultar doadamente na BIBLIOTECA GALICIANA, alí dise:

DE CAMBADOS

La Semana Santa en esta villa resultó muy solemne, predicando en el Lavatorio, Descendimiento y Soledad el ilustrado capellán de la Casa-Hospicio de Pontevedra Sr. Vidal Vecino, estando muy elocuente y a gran altura, y en el encuentro y Pasión, el coadjutor Sr. Rodríguez Cadarso, siendo muy elogiada su labor oratoria.
Las procesiones respectivas resultaron muy brillantes, especialmente la del Santo Entierro que presidió el Ayuntamiento con las autoridades militares.
 Haremos mención de una hermosa escultura del Nazareno, obra del ilustre paisano, hijo de Cambados, Sr. Asorey. Fué estrenada esta imagen este año y es de completo agrado del pueblo. Por su autor podemos juzgar la obra de arte.  

Consérvanse algunhas fotos antigas onde se pode ver a imaxe. Corresponden seguramente aos anos 40.

"O Santo Encontro" na Praza Alfredo Brañas. O Nazareno vese na parte dereita da foto. Aparece na publicación, "Cambados dos tempos idos" coordinada por Luís Rei e editada en 1990. Alí indícase que a foto é de 1944.




Probablemente é da mesma data esta foto que nos facilitou Manolo Pillado a través do grupo de facebook: Fotos de Cambados.

Para recoller máis datos sobre esta escultura visitei o Arquivo Diocesano de Santiago que se atopa no edificio do Seminario Maior. Alí conservan a maior parte da documentación das parroquias da diócese de Santiago. Teñen tamén unha catalogación das imaxes que existen nas igrexas desa diócese (á que pertence Cambados) feita polo profesor Ares Espada, na que se indica que esta imaxe pertence a Asorey. Pero non se di de onde se obtén a información e data a imaxe nos anos 40.

Os datos que teño parecen indicar que efectivamente a escultura sae do taller de Asorey. Pero, cal é a súa data? 1920, como indica o xornal, é a mesma imaxe que temos hoxe? anos 40 como di Ares Espada?

Alguén pode facilitarme algún dato máis?


A escultura do Nazareno hoxe. Trátase dunha imaxe de vestir. Só están esculpidas, rostro, brazos e pernas. Os brillos da policromía (que non aparecen noutras obras de Asorey) parecen indicar que probablemente foi repintada. Fotos: Maribel Iglesias.






xoves, 9 de abril de 2015

O castro de Sta Mariña



Hai numerosas evidencias de que houbo un castro no monte da Pastora. Nestas dúas presentacións, inténtase introducir a alumnado da ESO no estudo da cultura castrexa en xeral e do castro de Sta Mariña en particular.


sábado, 2 de agosto de 2014

O cemiterio de Santa Mariña Dozo

Aproveitamos a candidatura deste cemiterio a uns premios convocados pola revista "Adiós" para contar un pouco da súa historia.

Ainda estás a tempo de votar! ata o 30 de setembro neste enlace, na categoría de
 "mejor monumento arquitectónico"

O cemiterio de Sta Mariña está situado dentro do conxunto das ruínas da igrexa de Sta Mariña Dozo. Aconsellamos mirar esta estupenda páxina-web  do historiador  Julio González Montañés na que se fala da arte e historia do  monumento. 

Alí cóntase como a igrexa parroquial perde a súa función co traslado á  Igrexa do antigo convento dos franciscanos de Cambados que fora desamortizado e os seus monxes exclaustrados. Eu creo que son varios os motivos que explican o traslado:

- O deterioro da Igrexa de Sta Mariña

- Un conflicto de tipo político entre absolutistas e liberais entre dúas casas nobiliares de Cambados: a Igrexa de Sta Mariña pertencía ao señorío dos Condes de Monterrei, que por herdanza pasou á Casa de Alba. O duque de Alba tiña por tanto o padroado sobre a igrexa e estaba obrigado ao seu coidado, cousa que parece ser que non facía. Javier de Zárate Piñeiro, liberal, alcalde de Cambados, membro da casa de Montesacro (os señores de Santomé do Mar), manda destellar a igrexa e de aí vén a súa ruína posterior, corre o  ano de 1838 (segundo J. Caamaño Bournacell). Comenta Luís Rei con razón que "derrubou máis cousas este Zárate que o terremoto de Lisboa de 1755",   porque a el se lle atribúe tamén o desmantelamento dos edificos do convento de S. Francisco desamortizado e o derribo dos arcos do Pazo de Fefiñáns.

- Pero outro motivo debeu pesar tamén, a igrexa de S. Francisco estaba situada en lugar máis céntrico. Cando en séculos pasados se escollera o emprazamento de Sta Mariña para facer a Igrexa (xa existía un castro próximo) o núcleo máis habitado de Cambados estaba situado aí, nun lugar doadamente defendible, igual que o Illote de San Sadurniño (chamado Vila Vella). Cando os perigos das invasións pasaron, a poboación situouse ao longo de toda a liña de costa dende Fefiñáns a Santomé, cunha forma combada (de aí quizais o nome de Cambados?).

O historiador José Caamaño Bournacell aporta a data de 1838 como inicio do abandono da Igrexa de Sta Mariña, outro importante historiador cambadés (pero con menos laureles) Xaquín Sánchez Peña, dá outros datos interesantes: que a igrexa fora roubada en 1833, "entonces debió desaparecer la reliquia de la santa", que tiña un rosetón na fachada que foi vendido a uns ingleses "por unas pocas pesetas". Ou que o retablo que está hoxe na igrexa de S. Francisco era o de Sta Mariña (reformado e restaurado posteriormente). E tamén fala do proxecto que houbo a principios do s. XX de convertir o cemiterio de Sta Mariña en Panteón de galegos ilustres, baixo deseño do arquitecto de Porriño, Antonio Palacios, pero non foi adiante.

Foto do fotógrafo pontevedrás Zagala a principios de século. Apréciase no derrube do teito das capelas  o mesmo fenómeno que aconteceu co teito de madeira da nave central

Co destelle e o abandono posterior, os teitos de madeira da nave principal da Igrexa podrecen e véñense abaixo. Sta Mariña pasa a utilizarse como cemiterio. A Igrexa permitía dende finais da Idade Media o enterramento nas capelas laterais a quen puidera facer importantes donacións. As capelas laterais de Sta Mariña son aínda lugares de enterramento privado dalgunhas familias cambadesas como os Fariña-Salgado (capela da Anunciación). Tras a ruína da igrexa, a nave principal, a capela maior ... pasan a ser tamén lugares de enterramento, e cando estes se enchen, o cemiterio esténdese arredor da igrexa.

Exterior da Igrexa vista dende o lado sur, onde está hoxe a maior parte do cemiterio

Nesta foto coloreada ( en torno a 1905) é posible ver o osario que existía no lateral sur da igrexa entre a sacristía e unha das capelas. Os osarios son frecuentes nas igrexas cristiás. Usábanse para depositar os osos das sepulturas que eran valeiradas e ocupadas por novos difuntos. O Osario de Sta Mariña desmantelouse, quitáronse os adornos que tiña (están agora tirados nunha das capelas do lado norte). Pegada ao antigo osario están agora as sepulturas da familia  Pomares-Zárate. Pero conservamos isto: (compárese coa foto coloreada) unha voluta, un frontón coa escea das ánimas queimádose no purgatorio e unha caveira con dúas tibias

Non é habitual en Galicia que unha igrexa en ruínas se convirta en cemiterio, pero si en Irlanda, onde o decreto de disolución dos mosteiros feito por Enrique VIII  no s. XVI, fixo que moitas abadías quedasen abandonadas e fosen reutilizadas como camposantos. Véxanse estas dúas imaxes de Kilmacduagh, Irlanda:



pero volvamos a Sta Mariña:


Fotos incluídas no  Catálogo monumental da provincia de Pontevedra  feito por Balsa de la Vega en 1907-08. Son seguramente algunhas das fotos máis antigas conservadas


Nesta última foto non é posible ver os dous dos panteóns máis antigos e relevantes que se conservan no cemiterio de Sta Mariña: Os da familia Padín-Torrado e dos del Valle Bèchade. O primeiro é de 1904-6 e o segundo en torno a 1919. Na foto inferior si se ven os dous, á esquerda cara atrás o de Padín-Torrado, diante da entrada á igrexa o da familia Del Valle. Os dous con tonos blancos  polo revoque con cal que se daba entón á maior parte dos muros arquitectónicos. O da familia Del Valle destaca máis por ser máis novo, nesta foto debe estar recén feito. Pero empezaremos a falar polo máis antigo.




O panteón da familia Padín -Torrado foi realizado por iniciativa de Egidio Padín Torrado, membro dunha importante familia fidalga cambadesa, con pazos en Corbillón e Cambados. Tamén co tempo emparenta esta familia cos comerciantes da familia Fraga, ao casar Encarnación Padín Torrado (irmá de Egidio) con Eugenio Fraga Mascato. Entroncan na mesma familia fidalgos como os Padín e Torrado con comerciantes galegos como os Fraga . É un feito histórico repetido moitas veces no tempo, as familias fidalgas aportan patrimonio e linaxe e a burguesía comerciante o diñeiro, nunha sociedade en proceso de cambio polo auxe da industria fronte a unha sociedade rural en decadencia que basa a súa riqueza na propiedade da terra e no cobro dos foros.

Grazas á documentación facilitada por Juan Rivas Botana (dende aquí llo agradecemos), puidemos reconstruír a historia deste panteón. Sabemos que morre Egidio Padín Torrado o 28 de decembro de 1890 e que deixa estipulado no seu testamento que se constrúa un panteón familiar onde se depositen os seus restos e os da súa nai e posteriormente os dos seus familiares. Aporta para realizar a obra tres accións da compañía arrendataria de tabacos, depositadas no banco Crédit Lyonnais de Madrid. Consérvase a documentación na que a Banca de José Riestra de Pontevedra fai entrega aos legados testamentarios (dous sobriños do finado) de 8.583,8 pesetas, polo importe da venda destas accións. A solicitude de cesión de terreos no cemiterio parroquial para a construción do Panteón faise en 1893, pero non será ata 1904 en que se dea a autorización final por parte do Arcebispado de Santiago. Debido a diferenzas existentes  na extensión dos terreos polos que se pide a cesión. Eugenio Fraga Padín, avogado, e sobriño do finado, fai a xestión ante o Arcebispo e escribe:

"(...) Solicitado el terreno necesario por los cumplidores testamentarios en 4 de Octubre de 1893, calculado por el maestro de obra en 42 metros cuadrados, no se les concedió más que 15 metros de conformidad con lo informado por el Párroco desta Villa. Debido a esta insuficiencia y a otras dificultades de distinto órden, quedó hasta hoy incumplida la voluntad del testador.
En nombre de toda su numerosa familia y en especial de los dos cumplidores testamentarios sobrevivientes, acudo a V. Excma Rvma para que se amplíe la primera concesión por lo menos hasta 36 mtrs cuadrados, o sea, un rectángulo de 9 metros de largo por cuatro de ancho. (...) Extrañará a primera vista, Excmo y Rvmo Sr. la amplitud que se le quiere dar a este panteón si se tratase de una sola familia, pero como quiera que son cinco, porque cinco son los hermanos que tuvo el señor Egidio Padín Torrado, todos ellos con numerosa descendencia, hasta el punto de que los actualmente vivos ascienden a 44 y a más de 60 contando con los fallecidos y cuyas cenizas serán trasladadas(...)

Finalmente en dec. de 1903 o Arcebispo dá o visto bó á concesión de terreo que se pide, eso si advertíndolle ao cura párroco de que non dea a conformidade antes de percibir "ochocientas cuarenta pesetas para la fábrica de la iglesia". Consérvase tamén o contrato de realización da obra con Cándido Hermida que se compromete a tela rematada antes do 1  nov. de 1904. En abril de 1906 Eugenio Fraga Padín, volve solicitar ao arcebispado permiso para realizar misa na Capela-Panteón, polo que nesa data debemos supoñer que está rematado definitivamente.

 O Panteón constrúese en estilo neo-gótico, repite os motivos decorativos de bolas da igrexa anexa de Sta Mariña. Ten unha inscrición que di: "Fundado por D. Egidio Padín Torrado. Hoy de sus herederos". A frecha vermella indica o lucernario que dá luz á cripta que está debaixo.

A capela-panteón dispón dunha cripta soterrada á que se accede mediante escaleira dende a capela. Nesta cripta deposítanse  os difuntos antes de colocar os seus restos nos cinceiros do Panteón. É o que chaman en Castela "pudridero". Ao panteón foron trasladados os restos de Egidio Padín Torrado e a súa nai Ramona Torrado que repousan na parede de fondo da capela, diante sitúase un ara ou altar no que se pode oficiar misa. Nos laterais están pequenos nichos para acoller as cinzas dos difuntos, a modo dos Columbarios romanos, chamados así porque a forma e a repetición dos nichos lembra a un pombal.

Neste panteón está soterrada media historia de Cambados: xa comentamos como a familia Padín Torrado enparentou cos Fraga, que controlaron a vida política de Cambados e da provincia de Pontevedra durante máis de 50 anos. Tamén a familia Cabanillas emparentou con eles e unha filla do poeta: Aurora Cabanillas está soterrada aquí. A estas liñas familiares hai que engadir a dos Gonzalez-Pardo, os Quintanilla, os Vidal, os Botana, Caamaño Bournacell.... sería interminable reconstruír as xenealoxías familiares cambadesas, porén, un novo historiador cambades, Jacobo Domínguez, case o consegue. Consultamos as xenealoxías que nos facilitou e que preparou para o libro sobre a Historia de Cambados que está  a piques de publicar. Tamén me valín do traballo xa feito no meu libro Ramón Cabanillas Enríquez, Biografía en imaxes, publicado no 2008. Na xenealoxía familiar reconstruída a continuación todos os personaxes están soterrados neste panteón:





Interior do Panteón da familia Torrado-Padín


Imos rematando por hoxe,  queda falar do panteón da familia Del Valle. Tivemos ocasión  de falar desta familia na entrada publicada sobre a casa na que naceu Francisco Asorey . A construcción do panteón debeu realizarse nos anos finais da década de 1920. O cabeza de familia, o comerciante francés, Léon Manuel Anatole del Valle finou en 1919  (20 de nov 1846- 22 de set de 1919) e alí está soterrado. Tamén o está a súa muller Lucie Marguerite Amèlie Bèchade viúva de del Valle (19 abril 1864-1 dec 1954) e as súas fillas: María Dolores del Valle Bèchade (24 abril de 1885- 11 de out de 1967) e María del Valle Bèchade (9 de set de 1888- 8 xan 1988). María casou con Enrique Vidal Oubiñas, fillo do 1º matrimonio de  Salustiano Vidal (ver. xenealoxía anterior) que tamén está soterrado aquí. Dicir como curiosidade que este panteón tamén ten cripta.


O panteón da familia del Valle ao pé da torre da Igrexa de Sta Mariña


Xa se falou tamén noutra entrada deste blog de dous difuntos ilustres soterrados aquí como foron un fillo e a muller de Valle-Inclán e queda pendente para outro momento falar dos panteóns doutras familias cambadesas enterradas neste camposanto. 

Rematar dicindo que non esquezades votar por este cemiterio que é na miña opinión o máis bonito de Galicia, do que dicía Álvaro Cunqueiro que os seus arcos sostiñan o ceo.