domingo, 12 de xaneiro de 2014

QUEN FOI JOSEFINA BLANCO?

 Josefina, Valle e a súa  primeira filla, Mª Concepción

Josefina Blanco (1880- 1957) foi unha importante actriz española máis coñecida hoxe por haber aturado vintecinco anos ao insigne escritor vilanovés Ramón María del Valle-Inclán.

O que sabe tamén pouca xente é que está soterrada no cemiterio de Santa Mariña de Cambados, recentemente integrado nunha rede de cemiterios singulares de Europa.



A familia Valle-Inclán viveu en Cambados durante catro anos. Aquí morreu o seu primeiro fillo varón, que foi soterrado aos 5 meses de idade na capela maior das ruínas da  Igrexa de Sta Mariña, baixo a bóveda gótica que a cubre. Quizais foi este o motivo polo que moitos anos máis tarde a súa nai, Josefina Blanco, leonesa de nacemento, elixa ser enterrada aquí.

Josefina e Ramón coñecéronse en Madrid en torno a 1898 e no ámbito teatral. Neses anos Josefina empezaba a súa carreira como actriz e Valle tamén quería ser actor. Sandra Domínguez Carreiro (á que seguiremos, ver nº 16 da revista Cuadrante) sinala que foi nos ensaios da obra teatral La Comida de las fieras onde tivo lugar o encontro. Pero non será ata 1906 cando se consolide a relación,  Josefina participa nese ano na representación teatral da obra de Valle, El Marqués de Bradomín. Ao ano seguinte celébrase a boda relixiosa o 24 de agosto de 1907. A noiva xa tivera ocasión de coñecer o "xenio" do xenial escritor en decembro do ano anterior estando de xira teatral nas Canarias. Existen dúas versións do incidente, a que circulou como rumor: que o escritor pechou á actriz no camarote do barco para evitar que participase na representación dunha obra de Echegaray (escritor moi criticado por Valle) e a que apareceu nun xornal canario na que a actriz fora ao parecer pechada polo seu home (que acabou detido) no camerino do teatro como protesta por non haberlle pagado o seu salario.

En 1908 teñen a súa primeira filla, Mª Concepción,  Josefina continúa coa súa carreira de actriz e inician unha xira teatral con gran éxito por Bos Aires e Montevideo coa obra de Valle, Cuento de abril. A substitución desta obra por outra dun autor que tampouco era do gusto de Valle, levou a este a rachar o contrato coa compañía teatral, unha das máis importantes do momento. Afortunadamente a compañía de María Guerrero atopábase de xira pola Arxentina e Josefina incorporouse a ela. A influenza do carácter de Valle na traxectoria profesional de Josefina Blanco será determinante e pode explicar a retirada posterior da actriz que acontece en 1912 cando se atopaba no cénit do seu prestixio artístico.

Coincide esta retirada co traslado a Galicia e o inicio dunha nova etapa na vida da familia Valle-Inclán. Instálanse entón en Cambados, onde nace, e morre aos 5 meses, o seu primeiro fillo varón.



A familia Valle retratada en Cambados, á esquerda de Valle Josefina, á dereita sentada na mesa, a súa filla.

Porén en 1918  Josefina reincorpórase esporadicamente á escea teatral, facía poucos meses que dera á luz a outro fillo. Cales son os motivos desta reincorporación? problemas económicos?. Valle metérase na aventura agrícola do Casal da Merced na Póvoa do Caramiñal e precisaban diñeiro. En  1924 volven a Madrid e Josefina continúa a súa carreira. Anos máis tarde, en 1932,  a relación personal xa moi deteriorada, remata en divorcio (por iniciativa da propia Josefina e posibilitado pola nova lei republicana). Valle morre en Santiago en 1936 e  o réxime franquista posterior, que non recoñece o divorcio, convirte a Josefina na viúva oficial do escritor que xestionará o seu legado literario e os dereitos de autor.

Cando morre en Pontevedra en 1957 expresa o desexo de ser soterrada en Cambados, no cemiterio de Santa Mariña onde xa o estaba o seu fillo Joaquín.


Tumba en pedra de Josefina Blanco no Cemiterio de Sta Mariña. Na lápida pode lerse: "Rogad a Dios Por Josefina Blanco de Valle-Inclán  XIX XI MIXMLVII" (19-11-1957)


A sepultura atópase nada máis entrar no cemiterio á esquerda, a carón dunha sepultura en mármore