domingo, 25 de marzo de 2018

O CONDE DE MACEDA E VICENTA WANDEN, "Amor en tempos de cólera"

Tivemos ocasión de falar de Bieito Pardo de Figueiroa noutra entrada anterior, imos falar agora do seu sobriño: Baltasar Pardo de Figueiroa Sarmiento Soutomaior (1773-1808), Grande de España, VI Vizconde de Fefiñáns, V Marqués de Figueiroa, VI de la Atalaya e VIII Conde de Maceda.


Retrato de Baltasar Pardo conservado no Pazo de Fefiñáns


Baltasar Pardo nace en 1773 en Pontevedra, no Pazo dos Condes de Maceda, hoxe Parador de turismo coñecido como a casa do Barón. Este pazo era a residencia habitual dos seus pais os Vizcondes de Fefiñáns: Francisco Xavier Pardo de Figueroa e María Xosefa Sarmiento Soutomaior, ver xenealoxía completa.

Casa do Barón, Parador de Turismo, Pontevedra, Foto: Wikimedia commons

 Baltasar é neto do III Marqués de Figueroa -e leva o seu nome- que ao casar con Ana Xacoba Valadares, Vizcondesa de Fefiñáns, xúntanse os dous títulos na mesma familia. Posteriormente herda o título e propiedades do Condado de Maceda, ao morrer a última condesa, María Concepción Lanzós, sen descendencia directa (el era o seu tataraneto). Este título convertíao en Grande de España e levaba aparellado trinta mil ducados de renda anual. E sendo el aínda menor e morto seu pai en 1784, a súa nai pleitea para que lle sexa concedido tamén o título de Conde de Taboada que estaba unido ao de Maceda dende o matrimonio de Xosé Bieito Lanzós (III Conde Maceda) e Tareixa Vilamarín e Castro (I condesa de Taboada), pero non o consegue.


En 1781 Baltasar ingresa no Real Seminario de Nobles de Madrid, tiña oito anos. Neste centro de élite formábanse os fillos da nobreza, estivo vinculado á Compañía de Xesús ata que os xesuítas foron expulsados por Carlos III, pasando a depender da Coroa. Coma seu tío Bieito tivo vocación militar. Puido facer carreira na Corte dentro da Garda Real pero prefiriu volver a Galicia para formar parte das Milicias Gallegas, pasando a ser Teniente Coronel do Reximento Provincial de Monterrei, onde tivo que actuar contra os ingleses e diversos puntos fronteirizos con Portugal. Neste momento España era aliada dos franceses dentro do marco dos chamados Pactos de Familia, coa Monarquía borbónica francesa. Xunto a eles loitou España pola independencia dos Estados Unidos e volverao facer cando acceda Napoleón ao goberno de Francia, a partir de 1799. Foi un admirador das reformas militares que seu tío Bieito introduciu no exército e procurou aplicalas nos reximentos que mandou.
Durante a súa estancia no cuartel da Coruña coñece a unha muller de orixe humilde da que se namora: Vicenta Wanden, para disgusto da súa familia. Isto debeu de acontecer en torno a 1784, contando el 21 anos e ela probablemente 27. Ao pouco tempo xa nace o seu primeiro fillo que morre ao pouco tempo e aínda nacerán outros dous. Tamén neste aspecto sigue os pasos de seu tío Bieito que casou con Adelaida  Destrehan. O seu caso atopa aínda máis oposición da familia por seren o vinculeiro e herdeiro dos títulos da casa. Non chegan a casar e a súa historia de amor corre de boca en boca.

Mentres tanto prosigue a súa carreira militar. En 1803 deixa o Reximento dos provinciais de Monterrei e pasa ao Reximento de Infantería de Linea del Príncipe e en 1805 o de Infantería de Zaragoza, a súa fama de militar non deixa de medrar. Ascende a Brigadier. Pedro Agustín Girón (futuro Marqués de las Amarillas) militar coma el co que coincide en Cádiz descríbeo deste xeito:

"joven del carácter más noble y franco que he conocido, bizarro hasta la temeridad y apasionado por su oficio, cosa muy poco común entre nosotros”. Bajo su mando “el bello Regimiento de Zaragoza se puso muy pronto en brillante estado” (tomado de J.A. Durán

Son anos convulsos. Napoleón conquista media Europa e como consecuencia dos tratados firmados por Manuel Godoy, España é aliada súa. Polo Tratado de Fontainebleu  (27-10-1807) Francia e España comprométense a conquistar Portugal (aliado dos ingleses) para despois repartila. Portugal é dividida en tres sectores: Lusitania septentrional, central e meridional (Principado dos Algarves). Baltasar Pardo e o seu reximento de Zaragoza teñen que poñerse ás ordes do xeneral Junot. Valéndose do seu organizado reximento e dos contactos familiares pasa a controlar o sector oriental da Lusitania Septentrional e fixa a súa residencia en Oporto a onde se traslada tamén a súa parella e fillos.

Os acontecementos precipítanse. As tropas españolas controlan Portugal mentres as francesas co permiso de Godoy entran na península e aséntanse en importantes cidades. Neste contexto a oposición de parte da poboación ás políticas de Godoy unida á conspiración do príncipe Fernando contra seu pai o rei Carlos IV desembocan no chamado Motín de Aranjuez en marzo de 1808, que provoca a caída de Godoy e a abdicación do rei. Napoleón aproveita o valeiro de poder para forzar tamén a abdicación de Fernando VII (que ante a renuncia do seu pai pasou a ser o novo rei) e mandar avanzar as súas tropas coa desconfianza que isto vai crear na poboación. En maio de 1808 estalan os levantamentos populares de Madrid e ante a falta dun rei unha serie de Xuntas rexionais e provinciais, como a Xunta Suprema do Reino de Galicia reclaman a soberanía. Decláraselle a  guerra a Francia.

O reximento de Zaragoza, mandado polo Conde de Maceda é enviado a Castela para facer fronte ao exército francés. O enfrontamento vai ter lugar na localidade vallisoletana de Medina de Rioseco. Dirixen as operación dous xenerais españois enfrontados por motivos persoais e ansia de protagonismo. O exército francés aproveita a descoordinación e consigue a victoria provocando numerosísimos mortos no bando español, un deles será o Conde de Maceda. Así se conta o episodio no "Diario de operaciones del Ejército de Galicia desde el 14 de julio hasta el 10 de agosto de 1808." Arquivo Histórico Nacional:

Los enemigos ocuparon el mogote [San Cristóbal] por no poderlo nosotros sostener por la falta de la caballería y subieron un cañón. Nuestra artillería y tropas ligeras empezaron la acción con brillantez. La vanguardia mandaba por el inmortal conde de Maceda, despreció fuego y derrota de sus compañeros y continuo un vivísimo fuego mas o menos sostenido hasta la incalculable desgracia de su digno jefe, la cual sucedida entibiaron las tropas y se pusieron todas en fuga a cosa de las 12 de la mañana. 

Tamén se conserva a testemuña de José Maria Queipo de Llano Ruiz de Saravia Tereno, Historia del levantamiento, Guerra y Revolución de España. Publicado por don Tomas Jordan en1835:


Los franceses luego acometieron intrépidamente por todos lados, extendiéronse por la meseta ó alto de la posición de Blake, y todo lo atropellaron y desbarataron, apoderándose de nuestras no aguerridas tropas la confusión y el espanto. Individualmente hubo soldados, y sobre todo oficiales que vendieron caras sus vidas, contándose entre los mas valerosos al ilustre conde de Maceda, quien, prodigo de su grande alma, cual otro Paulo, prefirió arrojarse á la muerte antes que ver con sus ojos la derrota de los suyos.

O drama histórico da derrota unido ao drama persoal da morte do Conde que deixa á súa namorada soa en con dous fillos pequenos sen dereito á herdanza, inspirou este romance que se cantou moitos anos polos pobos de Castela:



















”Demostración de la lealtad española: colección de proclamas, bandos, ordenes, discursos, estados de exército ..., publicadas por las juntas de gobierno, ó por algunos particulares en las actuales circunstancias ... "Tomo Quinto, Año 1808. Libro dixitalizado por Google de acceso libre.

Esta historia triste ten un epílogo. Vicenta Wanden despois de morto o pai dos seus fillos decide reclamar unha pensión alimenticia de 40 reais diarios para a manutención de seus fillos Baltasar e Baltasara á familia do Conde, que lle é concedida. Alomenos ata decembro de 1811 en que se interrumpe o pago. Así iníciase un longo preito coa irmá do Conde, Ramona Escolástica Pardo de Figueroa, que herda o título e propiedades do Conde de Maceda e Marqués de Figueiroa debido á falla dun herdeiro lexítimo. Vicenta Wanden reclama entón en 1816 os morgados ou mayorazgos de Maceda e san Antoniño para os fillos do Conde, declarados fillos naturais pola Audiencia de Galicia.
Ramona deféndese argumentando que Vicenta é de orixe plebeo, filla dun carpinteiro, Domingo Wanden, e que xa tivera unha filla antes de coñecer ao Conde (Anita Wanden) e que cando o Conde a coñeceu este tiña 21 anos e:

 Á este tiempo ya pasaba la Wanden de 27 años ... La Wanden es sin disputa una muger de talento y amaestrada por su egercicio y edad en el arte de seducir y aparentar: por el contrario el difunto Conde al tiempo en que se supone haber entablado trato con ella, que no pudo menos de ser en el año de (1) 795 (puesto que ya se le atribuye un hijo en Junio del siguiente) era un joven inexperto de solo la edad de veinte y uno...

O preito rematará en 1826 na Chancillería de Valladolid onde se falla en contra de Vicenta e os seus fillos e a favor da condesa. Consérvase a documentación do preito no Arquivo da Nobleza de Toledo.


Foto: Wikipedia
Existe un Monumento en Medina de Rioseco, Valladolid, que foi levantado en honra dos mortos na batalla contra os franceses e no que é posible ver a imaxe en bronce do Conde morto e a súa amada desconsolada de dor.