mércores, 10 de xullo de 2013

SERIE DE POSTAIS DO HOTEL CALIXTO


Seguindo co Hotel Calixto publicamos hoxe unhas postais editadas por este establecemento turístico cambadés, probablemente para vender aos visitantes que alí paraban. Están editados pola fototipia Thomas de Barcelona, son en branco e negro e o seu tamaño orixinal era de 14 x 9 cms. A data aproximada en que foron feitas está en torno a 1910. Cremos que se editaron dúas series de 10 postais que finalmente localizamos ao completo.


A primeira postal da serie, como non podía ser doutro xeito, corresponde ao Hotel Calixto. Aparece diante un coche co rótulo de "Garage Moderno", sería tamén de Calixto, como o café Moderno? A postal aparecía no manuscrito sobre a historia de Cambados de Xaquín Sánchez Peña. A postal inferior tamén aparecía nese manuscrito. Ten anotado  polo propio Sánchez Peña "Las Goritas" ou como se di en Cambados "as Ghoritas", esas pedras que estaban á beira do peirao, e están aínda pero bastante cubertas polos recheos que se fixeron e a ponte que comunica co illote artificial e porto deportivo que se fixo en Santomé.





















SEGUNDA SERIE







Panorámica da Ribeira de Fefiñáns, á esquerda as torres de S. Bieito e a continuación a Torre principal do Pazo. Diante, as casas de mariñeiros do barrio de Triana. Unha construción alongada probablemente corresponda a unha antiga fábrica de conservas que aí houbo de Cándido Carreró (pechou en 1907). Por detrás vese a casa dos Pillado. E pode que corresponda á  rectoral (recentemente restaurada), ese muro longo. Ao seu carón, xa á dereita da foto debe ser casa de Botana, pero aínda non ten hedras.


Esta foto correspóndese coa actual avenida de Madrid, á esquerda está o muro do Pazo de Bazán (hoxe Parador) , e logo o de Torrado, ao fondo vese San Bieito e a rúa Real e a casa Modernista na que viviu Valle-Inclán


A Praia do Borrón. Antes da construción de malecóns e de gañarlle terreo ao mar, de Cambados a Santomé había un areal que atravesaban os veciños para ir dunha vila a outra xa que o Marqués de Montesacro tiña prohibido atravesar pola súa Alameda.


A postal sinala que se trata do edificio onde está o xulgado. Cambados era o principal partido xudicial da bisbarra, non existía nin en Vilagarcía nin no Grove. Este edificio construíuse efectivamente como sé do xulgado, na planta baixa estaba o cárcere. Posteriormente trasladouse aquí o Concello dende a Praza da Constitución (hoxe de Alfredo Brañas ou das Palmeiras). Finalmente como sabemos acabou sendo exclusivamente o edificio do Concello.



Nesta panorámica pódese ver  á esquerda a casa de Quintanilla, o lateral do Hotel Calixto, 0 Salón Variedades e a chamada daquela travesía do muelle, precisamente porque levaba ata o peirao de Cambados construído en torno a 1910. Por detrás do hotel Calixto pódese ver a arboleda da casa dos Taboada (logo de Silva) e a igrexa parroquial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario