sábado, 27 de xullo de 2013

DOCUMENTAL DE 1951 NO QUE APARECE CABANILLAS

En xullo de 1951 ten lugar, organizado polo Padroado Rosalía de Castro, unha visita aos "lugares Rosalianos", é dicir aos fitos básicos da vida da poeta. A visita tivo lugar o 15 de xullo, cabodano de Rosalía. A excursión sae de Santiago e visita: Ortoño, Bastavales, O Pazo de Lestrove, A Hermida, o Pazo de Arretén, a Igrexa de Iria e o Cemiterio de Adina. En cada etapa algún dos participantes fai unha pequena intervención: Sebastián Martínez-Risco, Paulino Pedret, Pura Vázquez, José Mosquera... Estes actos complétanse cos celebrados o 24 e 25 de xullo en Santiago: reunión do Padroado no Colexio San Clemente (hoxe IES Rosalía Castro) e ofrenda floral diante do monumento á escritora no Paseo da Ferradura, no que interveñen Otero Pedrayo, Cabanillas e o Marqués de Figueroa, Juan Gil Armada e visita da tumba da poeta en Bonaval. É a única aparición de Cabanillas, que saibamos,  nun documental. Aparecen tamén un novo Xose Manuel Beiras, García-Sabell, Fermín Penzol e a súa dona Blanca, Valentín Paz-Andrade, Ramón Piñeiro e outros galeguistas.

Por iniciativa de  Antón Beiras, médico galeguista e aficionado ao cine, grávanse as imaxes que logo se montan no documental: "Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos" que foi reeditada fai uns anos por iniciativa do Diario de Pontevedra, O Progreso e a Fundación Caixa Galicia. Na introdución varios personaxes, xa falecidos, presentan o documental : Francisco Fernández del Riego, Borobó, Pura Vázquez e a viúva de Antón Beiras a pedagoga Antía Cal. De casualidade o atopamos en youtube e o traemos hoxe aquí. Moi recomendable.


Ningún comentario:

Publicar un comentario