luns, 22 de xullo de 2013

O PAZO DE FEFIÑÁNS PÓDESE VISITAR






Festa de San Bieito

 
 



Xa desde fai uns meses e despois da restauración acometida nas cubertas é posible visitar o Pazo de Fefiñáns. Unha xoia da arquitectura civil galega. Podes consultar prezos e contacto neste enlace.

"Nesta histórica vila de orixe xermánica asentáronse os señores da casa de Valladares coa autorización da Igrexa Compostelá, probablemente no s. XIV, edificando a súa casa-pazo no solar que ocupa actualmente o Pazo de Fefiñáns. Onde agora se atopa a igrexa existía, xa dende o s. XI, un mosteiro bieito.

O título nobiliario de Conde de Fefiñáns remóntase a principios so s. XII, como o demostran as tres bandeiras procedentes da conquista de Ciudad Rodrigo, doadas á Catedral de Santiago. No último terzo do s. XV a vila segregouse da xurisdición arcebispal a favor de Filipe II, quen a cedería a D. Gonzalo de Valladares, "O Vello", fundador do morgado de Fefiñáns en 1562 e avó do primeiro Vizconde de Fefiñáns. O s. XVII será o momento histórico máis importante da vila e dos señores de Fefiñáns coa construción do pazo, a administración de xustiza, a reforma da Igrexa de S. Bieito, o levantamento do muiño das mareas de Tragove e o primeiro peirao erixido na baía cambadesa. Xa desde o s. XIX, cos primeiros concellos constitucionais, Fefiñáns integrarase no de Cambados, fusionándose as tres antigas xurisdiccións de Sto Tomé do Mar, Fefiñáns e Cambados."

Así empeza a explicación sobre o Pazo nos folletos que se entregan coa visita, foi feito o texto polo historiador cambadés, Jacobo Domínguez Pedreira.

Aproveitamos dende este blog para recomendar a visita a esta xoia arquitectónica que temos tan preto e que resulta tan descoñecida para os veciños e veciñas de Cambados. É unha mágoa non aproveitar  a magnífica oportunidade que se nos dá de coñecer o Pazo, recén declarado Ben de Interese Cultural (BIC) a ao mesmo tempo contribuír ao seu mantemento. Para abrir boca poño aquí unhas fotos dalgunhas cousas que poderedes ver na visita:



Escaleira nobre de acceso ao Pazo


Salón decorado con papel pintado do s. XVIII traído dende París, na mesma estancia pódese ver o retrato en bronce que Asorey lle fixo ao malogrado Miguelito Gil Armada  e tamén unha obra en  mármore do escultor Benlliure




Comedor, vese na parede dereita o retrato do Catedrático de medicina Miguel Gil Casares obra de Jesús Corredoyra


Detalle da cheminea no mesmo comedor, co escudo en pedra dos Valladares e o retrato de Baltasar Pardo de Figueroa do s. XVIII.


Esculturas de Joaquín Gil Armada, pai das actuais propietarias, que foi discípulo e amigo de Asorey

Joaquín Gil Armada, a súa dona e Asorey no Salón do papel pintado


Solaina á que se accede dende o comedor


Patio de armas cun gran escudo familiar


Vista do patio de armas dende a Torre 


Os xardíns e horta do Pazo vistos dende a cima da torre

O Grove ao lonxe

Unha visita ideal para veciños e veciñas de Cambados, familiares ou amigos que nos visiten, grupos reducidos de escolares e por suposto turistas. E despois da visita podedes degustar os excelentes viños e licores da Bodega Joaquín Gil Armada ou sentarse baixo os magnolios centenarios na terraza de verán que se habilitou alí, a carón da destilería (accédese por unha porta que está baixo o arco).


Ningún comentario:

Publicar un comentario