sábado, 24 de agosto de 2013

FOTO IDENTIFICADA

Pois grazas a moitos colaboradores (Xoán Antonio Pillado, Sindo Mosteiro, Jacobo Domínguez e Enriqueta Rubio) temos identificados á maior parte dos protagonistas desta foto que  é  das festas da Pastora de 1926. Clika aquí para máis info.



GRAZAS!!


FOTO ORIXINAL


mércores, 21 de agosto de 2013

O PAZO DE BAZÁN (e 3)

Seguindo o libro de José Caamaño Bournacell, Estampas de Cambados de 1953, diremos que o primeiro Bazán en instalarse en Cambados foi Pedro Juan de Bazán y Heredia, veciño de Vilanova de Arousa onde aparece censado en 1588. Casou con María Pérez de Torres e veuse instalar a Cambados, primeiro probablemente na Modia e logo na Calzada, onde constrúe o primeiro Pazo da Calzada no solar que ocupaba a casa rectoral. Caamaño baseándose nun documento da época, que como é frecuente nel non indica cal é, describe o Pazo así: "casa alta con torre de dos altos muy espaciosa, la expresada casa con capilla, oratorio, dos patios, galerías, solanas y plazuelas, con diferentes salas y salones largos " (fin de la cita).


Escudo do antigo Pazo de Bazán insertado na fachada do actual Parador de Turismo. Aparecen as armas  dos Bazán (xadrez), os Torres, as flores de lis dos pérez, as ondas dos Mariño, as bandas xaqueladas dos Soutomaior e as canas dos Canabal.

Si comenta Caamaño que ten no seu poder copia do testamento de Pedro Bazán de Torres, fillo do anterior e cura párroco de Cambados e Santomé e creador do vínculo de "Mayorazgo" ou morgado para a casa de Bazán, práctica moi común entre as familias fidalgas para evitar a división das propiedades coa herencia, xa que deste xeito herda todo o fillo máis vello.  Pedro morre en 1677 e é soterrado na capela do Rosario da igrexa de Sta Mariña, como xa o fora a súa avoa María Pérez Torres. A herencia pasa ao seu irmán Mauro Bazán de Torres que "unió su suerte en matrimonio con una dama de la más rancia nobleza gallega: Doña Catalina Manuela Abraldes de Mendoza Feijóo Sotomayor y Caamaño" (Caamaño) da linaxuda familia dos Abraldes que tiñan enterramento na Catedral de Santiago. Mauro foi correxidor de Monforte e Cambados.



Herda a casa o seu fillo Benito José Bazán Abraldes de Mendoza que se dedicou á carreira militar e ao parecer desatendeu o coidado da casa familiar polo que tivo que iniciar a súa reparación ou reedificación, o seu xenro Francisco Calderón y Andrade, casado con María Jacoba Tomasa Bazán de Mendoza que pasaban longas temporadas en Cambados. A casa pasou logo a Pedro Juan Bazán de Mendoza, irmán da anterior e que prosigue a súa restauración segundo Caamaño "cambiando su antigua estructura hasta dejarla en la forma actual, acaso no tan típica como la primitiva, al desaparecer las solanas, claustros y espaciosa torre de dos altos, que era como una magnífica atalaya frente al mar de Arosa". Deixa a continuación Caamaño unha sombra de dúbida sobre as circunstancias nas que tivo lugar o falecemento de Pedro Juan en Madrid en 1788 e o testamento que este fixo un mes antes deixando por único herdeiro ao seu fillo Benito e desdecíndose doutras decisións tomadas con anterioridade respecto á súa segunda muller e ás dotes das súas fillas e tamén mostrando a súa oposición ao matrimonio da súa filla Luisa Bazán (da que falou Sánchez-Peña) con Juan José Pardo de Lama.

Entre a descendencia de Pedro Juan Bazán temos a dúas figuras ilustres, o seu fillo Pedro Pablo Bazán de Mendoza do que xa falou Emilio Ínsua  tamén neste blog e Emilia Pardo Bazán, bisneta de Luisa Bazán e Juan José Pardo, xa citados. Esperamos ter ocasión de falar de dona Emilia e os seus vínculos con Cambados noutro momento.

Unha das fillas de Pedro Juan, María Gaspara Bazán de Mendoza casou co IV Marqués de Montesacro, Julián de Zárate y Murga de xeito que entroncan así estas dúas casas fidalgas de Cambados. Pasará posteriormente a casa a María Valvanera Izquierdo y Zárate bisneta dos anteriores que como xa dixemos morre sen fillos e deixa en testamento as propiedades "aos pobres" de Cambados. Quen se beneficiou do legado testamentario non o sabemos con exactitude pero non foron precisamente os pobres. O caso é que o Pazo é adquirido polo Estado en 1964, en parte polas xestións feitas polo daquela Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne e polo secretario de Turismo Pío Cabanillas Gallas (sobriño do noso poeta).


Esta foto debeu tomarse en datas próximas á venda do Pazo, non parece que estivese en moi mal estado de conservación polo que pensamos que foi unha mágoa que se derrubara totalmente.


O Pazo de Bazán é demolido para a construcción do actual parador do Albariño que imita a arquitectura en pedra das casas señoriais galegas pero que é de edificación moderna. Nada deixaron que saibamos do anterior pazo agás un blasón ou escudo na fachada do que xa falamos.




martes, 6 de agosto de 2013

Dúas olladas sobre A Calzada. Luís Rei

Deixamos de momento o Pazo de Bazán para poñer unha nova colaboración, esta vez do cambadés do Grove (ou viceversa), Luís Rei Núñez, que nos vai falar da Calzada de Cambados a través da visión dun poeta e un pintor, disfrutádeo.


            A Calzada de Cambados. Francisco Lloréns.  96 x 135 cm. Colección particular
 
Toda a veciñanza de Cambados e arredores sabe onde está A Calzada e poucos serán os que non pasaron ou pasearon por ela. Tamén han ser moitos os cambadeses que escoitaron ou leron o poema de Ramón Cabanillas titulado “A Calzada de Cambados”. Porén, posibelmente moi poucos saiban que existe un cadro do célebre artista Francisco Lloréns que leva o mesmo título e, consecuentemente, reproduce este singular espazo cambadés. Pois ben o lugar físico, os versos e a pintura vannos servir para contar unha historia. Velaí vai.

No estío de 1922 o pintor Francisco Lloréns Díaz veu pasar uns días de veraneo a Cambados. Veu coa súa xove esposa Eva Rodríguez e coa súa filliña Eva, que nacera o ano anterior. A vida sorríalle ao pintor xa que, ademáis do seu bo momento familiar, viña de obter a primeira medalla do Concurso Nacional de Bellas Artes o que o sitúaba alcanzando o cume da súa carreira artística.

O verán do 22 foi un verán de artistas en Cambados porque no concurso antes citado tamén foi premiado, coa terceira medalla, o escultor Francisco Asorey, que concurrira coa escultura “A Naiciña”, e como moitos críticos de arte e todos os amigos do escultor consideraron que un terceiro premio era pouca bagaxe para unha obra mestra coma aquela, organizouse en Cambados unha grandiosa homenaxe de desagravio ao noso escultor e poucos foron os artistas galegos de prestixio que faltaron á cita. Pintando, paseando coa familia e participando en festas cos amigos botou aqueles días Lloréns en Cambados.

Ese é, pois o contexto no que o pintor coruñés pintou esta obra, unha estampa familiar na que aparecen a súa muller e filla, unha imaxe optimista, retrato dun tempo seguramente feliz, para a que escolleu un marco luminoso e despexado. Así se pintou o cadro A Calzada de Cambados

O poema de Ramón Cabanillas que leva o mesmo título que a referida obra pictórica de Lloréns foi escrito no verán de 1925 e os versos saíron da pluma do vate para lembrar o cadro e honrar ao pintor. Comeza facendo xustiza á paisaxe, arte na que o poeta de Fefiñáns era un verdadeiro mestre. O ton da arrincada é alegre e calmo como o mar daquel asollado día.


Sol de vran . O mar de Arousa ,
de praia a praia tendido,
 canso de loitar , repousa .
Ceo azuado e senlleiro.
Limpóu de néboa á Curota
o maino vento mareiro.  

Esta primeira referencia á Curota xa nos dá indicios de que Cabanillas, falando do cadro, lembra a paisaxe que verdadeiramente se olla desde a Calzada, non a paisaxe pintada, porque o monte barbanzán non está na pintura de Lloréns. Pero vai ser moitos máis elementos paisaxísticos os que Cabanillas mira “de memoria” e Lloréns non viu ou non quixo meter no seu encadre, seguramente para non distraer ao espectador do que para el era o asunto central: o acougo e beleza dunha nai coidando unha neniña nunha delourada ribeira do Salnés.


Alá , na boca da ría ,
dende a solana da costa
o Con de Noro vixía.
A luz que cai brava e roxa
encende as cunchas de nácar
dos areeiros da Toxa,
atolada e cantareira
crava flechas de diamante
nos negros cons da ribeira ,
e , ardendo e brincando , chove
moída en pingas de ouro
nos pinales de Tragove.


Fai un paréntese o cronista neste punto, como groveiro de nación que é, para sinalar que nin o pintor nin o poeta “ven” nas súas respectivas obras a península de O Grove, que, porén, é o que ocupa o maior quiñón da paisaxe que se pode ollar desde a Calzada. Deixemos continuar a Cabanillas:

 
Nas ágoas craras e mornas ,
as velas albas ó sol,
agardan o leste as dornas.
Adiantan quedo quediño ,
perguiceiras, soñadoras,
durmíndose no camiño ,
deixando a popa , tras d-elas ,
leviáns ronseles de prata
coma regueiros de estrelas .


Remata o poeta a descrición da paisaxe física para comezar o rascuño da paisaxe emocional e nese punto os versos alónxanse do cadro. Mentres a quietude continúa presidindo a pintura, algo acontece no poema: un escurecemento do ánimo, un mal presaxio, unha tristura fonda e ignota que se anuncia:


Son as doce . Xoga o vento
c-o fino e dondo tanguido
 da campana do Convento ,
e rodan as badaladas
 sin rumbo, a ir e vir , voando
 coma pombas asombradas .
Da Isla a San Saturniño ,
pasa esguío , silenzoso ,
retinto corvo mariño.
Vai lanzado ras das ágoas
coma venablo firente,
agoiro de loito e bágoas.



Os versos finais do poema caballiniano supoñen unha brusca virada no fío do relato, de facto só se entenden cabal e completamente se coñecemos o cuadro de Lloréns e a historia dos personaxes:

 
¡Neniña, gomo de rosa,
que á sombra dos vellos olmos
floreces leda e ditosa 
¡Baixo os maternos coidados
bicada do mar de Arousa
na Calzada de Cambados,
que lonxe estás nesta hora
de saber que anda no aire
unha frecha feridora!

¡Dalle un bico a túa nai,
neniña, gomo de rosa!
¡Dalle un bico que se vai!



   Efectivamente a nai da neniña, Eva Rodríguez, finou no verán de 1925, tres anos despois daquel estío no que foi pintada polo seu marido na Calzada de Cambados e o poema que estamos glosando foi o pésame emocionado que Ramón Cabanillas lle dedicou ao seu amigo Francisco Lloréns.  

Luís Rei

Maio de 2013
 

xoves, 1 de agosto de 2013

O PAZO DE BAZÁN E A FESTA DO ALBARIÑO (2)

O Pazo de Bazán está moi unido ás orixes da festa do Albariño. A primeira edición da festa tivo lugar en 1953 por iniciativa de Bernardino Quintanilla. O I Concurso do Albariño fíxose na finca ou horta de Ánxel Botana (xenro de Ramón Cabanillas), repetiuse escenario na edición de 1954 e 55 e en 1956 faise na finca da casa dos Pazos ou de Ulloa.

A  primeira comida do Albariño foi na horta de Botana un 28 de agosto de 1953, festa da Pastora. Manolo Pillado  deixanos un comentario no que identifica a todos os personaxes desta foto, de esq a dta: Manuel Pillado Fernández, Bernardino Quintanilla, Notario de Vigo, Ernesto Zárate, José Otero Otero e Isidoro Millán.

Os asistentes van aumentando e a horta de Botana quédase pequena. No 1958 por mor da chuvia o xantar celébrase na Cultural en no 1959 empézase a utilizar a horta do Pazo de Bazán.

Estas fotos que aparecen a continuación corresponden ao xantar de 1959 na horta ou xardíns do Pazo de Bazán.


Presidiron o xantar de esq a dta: Alberto Casal, o escritor Álvaro Cunqueiro, a xornalista Mª Victoria Fernández España, o alcalde Andrés Iglesias, con traxe branco o escritor José María Castroviejo e á dereita de todo Antonio "Tucho" Magariños.


Tamén asisten nesta edición Celso Emilio Ferreiro e Plácido Castro del Río. A festa foi durante moitos anos un lugar de encontro de intelectuais galegos e de exaltación galeguista, como ten remarcado o xornalista Benito Leiro.


Discurso de Álvaro Cunqueiro


 Álvaro Cunqueiro foi un gran valedor da festa, asistiu moitos anos e falou repetidamente na prensa de Cambados, do Albariño e da súa festa, traemos aquí un deses estupendos artigos:


Nunha edición dos anos 70 Cunqueiro descúlpase no Faro de Vigo por non asistir ese ano á festa. O feito de que tampouco acuda o seu amigo José María Castroviejo e certo desacordo co rumbo que está tomando a celebración, son as motivacións principais:

"Pero me veo obligado a decir que en la nación de los albariñenses, José María y yo, como el escribano del Albariño, Alberto Casal, éramos, y somos, fieles de una manera muy nuestra y libre , amorosa. Y el vino Albariño lo sabía, y lo sabe. Por ello, entre otras cosas, hemos querido para el Albariño, siempre, una fiesta un poco diferente a la que se le viene haciendo, una fiesta popular y gozosa, una romería".

Pois a nós tamén nos gustaría outro tipo de festa na que a cultura teña maior presenza e os políticos  menos. Onde sexan compatibles a diversión , o consumo moderado de alcohol e a promoción turística.





luns, 29 de xullo de 2013

O PAZO DE BAZÁN (1)


Empezamos esta entrada cun texto escrito por Xaquín Sánchez Peña na súa Historia de Cambados:

No apartado de casas señoriais de Cambados di:

"La de Izquierdo: tiene huerta de 56 ferrados y 7 concas, limitando al Norte con el camino que conduce al crucero de Vilariño, Sur, muro que la divide de las cortes (?) que perteneció a la familia de Peña (hoy Rodiño), Este, la robleda e iglesia de S. Francisco y Oeste, la Calzada que la divide de playa mar. En la actualidad está dividida por la carretera de Gondar a Villagarcía, quedando unida a la casa la cantidad de 10 ferrados y La Granja llamada de Bazán tiene 26 ferrados y tres concas (...) El apellido de Bazán proviene de una palabra vasca que significa "todos de una calidad", en la lucha contra los moros, Sancho VIII, rey de Navarra, ennobleció a todos los baztaneses, su blasón es el tablero de ajedrez. (...) La huerta es hermosa aun cuando está dividida por las carreteras que conducen de Gondar a Villagarcía y de Cambados a Pontevedra y por el camino que va a la Iglesia de S. Francisco (...)

El 5 de julio de 1784 nació aquí D. Miguel Pardo Bazán, hijo de Doña Luisa Bazán Ojea de Mendoza y de padre desconocido, fue bautizado el mismo día, habiendo sido padrinos D. Julián Zárate y Murga, Marqués de Montesacro, residente en Sto Tomé do Mar. Al año siguiente el 17 de junio D. Juan José Pardo, capitán del real cuerpo de artillería, declaró ser el padre de D. Miguel. D. Juan José es hijo de D. Pedro Patiño y Doña Ángela Pardo de Cela, natural de S. Julián de Coirós. D. Miguel Pardo Bazán casó en 1821 en La Coruña con Doña Joaquina Mosquera y Ribera, teniendo por hijo a D. José pardo Bazán, abogado en La Coruña de quien era hija Doña Emilia Pardo Bazán".

Falando de "La de Izquierdo" referíase Sánchez-Peña á última dona do Pazo de Bazán: María de la Valvanera Salomé Izquierdo Zárate que casara con Juan Armada Losada, pasando a ser entón Marquesa consorte de Figueroa. Neste matrimonio uníanse as tres grandes casas fidalgas de Cambados: os Zárate (Santomé), os Bazán e os Figueroa (Fefiñáns). Pero a parella non tivo descendencia, parece que a natureza nega fillos a quen ten para mantelos e viceversa. "A de Izquierdo" morre o 23 de agosto de 1952 e no seu testamento deixa a súa herencia ao que despois será o Asilo de ancianos desamparados de Cambados.

María Valvanera Izquierdo aparece nesta foto sentada no centro esquerda da imaxe, co rostro lixeiramente de perfil. Recoñecemos tamén na esquina superior esquerda a un novo Plácido Castro. A foto é da festa da Pastora de 1926. Agradeceriamos que si alguén recoñece a máis personaxes na foto que nolo faga saber.  Pois Xoán Antonio Pillado axudounos, el pensa, e cremos que acerta, que o home vello que está a carón de Plácido Castro é o Marqués de Figueroa, Juan Armada Losada, marido de Valvanera Izquierdo. A figura que está detrás do cura que apoia a súa man é Enrique Vidal. A carón do cura pode estar o mestre Antonio Magariños Granda. E finalmente o 2º home abaixo á dereita pode ser o alcalde de Cambados nesas datas: Juan Salgado Pérez. Tamén nos comenta X. Antonio que:

"A presenza de Plácido Castro tén a súa explicación. Nesta época acompañaba á súa nai, que viña tomar os baños á Toxa, pero que paraba en Cambados, como moita outra xente que collía a diario a motora para desplazarse ao balneario. Neste ano de 1926 Plácido Castro colabora coa organización das Festas da Pastora, que daquela eran as máis importantes de Cambados. Esta colaboración valeralle que a Corporación Municipal tome un acordo plenario no que lle amosa o seu agradecemento e felicitación". 

Tamén Sindo Mosteiro botou unha man, pensa que a figura con bigote que está nun extremo á dereita da foto é o avogado cambadés José González Fraga do que pode que falemos noutra ocasión grazas aos datos e fotos que o propio Sindo nos facilitou. Grazas!



Seguindo o relato de Sánchez-Peña, collimos este plano do recomendable libro de Jacobo Domínguez sobre a "Juventud" de Cambados. Nel aparece delimitada con forma máis ou menos triangular, a "Granxa de Bazán", ese terreo da familia do Pazo de Bazán que quedou separado do resto da propiedade pola construcción da estrada de Vilagarcía a Gondar (hoxe Avda de Madrid que vén da rúa real) e a estrada de Cambados a Pontevedra. No plano vense claramente fitos de referencia que cita S-P no seu texto e tamén aparece á esquerda marcada a horta do Pazo da familia Taboada (onde estivo o supermercado Moldes, na praza Ramón Cabanillas). Na parte inferior a Carballeira de S. Francisco (expropiada pola desamortización aos frades do antigo Convento franciscano de Cambados) e onde se celebraba unha feira de gando. No plano aparece sinalado: "Campo de la Fer(ia).

Ese terreo da Granxa de Bazán, tal como nos conta Jacobo no seu libro, foi donado por Valvanera Izquierdo para a construcción dun edificio para a "Juventud Católica", iniciativa do párroco Jesús Rodriguez Cadarso.

Volvemos ao texto de S-P para falar dos escudos. O Pazo de Bazán será destruído totalmente para contruír o actual Parador do Albariño (volveremos sobre isto noutra entrada). Porén da verxa exterior que o rodeaba conservouse algún elemento como os dous escudos que flanqueaban a entrada:


Na esquerda aparece un escudo co "jaqueladao" ou axedrezado do que falaba S-P, símbolo dos Bazán. No da dereita (abaixo) seguindo o libro de heráldica de J. Vázquez Casais comentaremos que aparece unha coroa de Marqués, a salutación AVE MARÍA GRATIA PLENA dos Mendoza e no cuartel inferior as 3 flores de lis dos Pérez.




sábado, 27 de xullo de 2013

DOCUMENTAL DE 1951 NO QUE APARECE CABANILLAS

En xullo de 1951 ten lugar, organizado polo Padroado Rosalía de Castro, unha visita aos "lugares Rosalianos", é dicir aos fitos básicos da vida da poeta. A visita tivo lugar o 15 de xullo, cabodano de Rosalía. A excursión sae de Santiago e visita: Ortoño, Bastavales, O Pazo de Lestrove, A Hermida, o Pazo de Arretén, a Igrexa de Iria e o Cemiterio de Adina. En cada etapa algún dos participantes fai unha pequena intervención: Sebastián Martínez-Risco, Paulino Pedret, Pura Vázquez, José Mosquera... Estes actos complétanse cos celebrados o 24 e 25 de xullo en Santiago: reunión do Padroado no Colexio San Clemente (hoxe IES Rosalía Castro) e ofrenda floral diante do monumento á escritora no Paseo da Ferradura, no que interveñen Otero Pedrayo, Cabanillas e o Marqués de Figueroa, Juan Gil Armada e visita da tumba da poeta en Bonaval. É a única aparición de Cabanillas, que saibamos,  nun documental. Aparecen tamén un novo Xose Manuel Beiras, García-Sabell, Fermín Penzol e a súa dona Blanca, Valentín Paz-Andrade, Ramón Piñeiro e outros galeguistas.

Por iniciativa de  Antón Beiras, médico galeguista e aficionado ao cine, grávanse as imaxes que logo se montan no documental: "Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos" que foi reeditada fai uns anos por iniciativa do Diario de Pontevedra, O Progreso e a Fundación Caixa Galicia. Na introdución varios personaxes, xa falecidos, presentan o documental : Francisco Fernández del Riego, Borobó, Pura Vázquez e a viúva de Antón Beiras a pedagoga Antía Cal. De casualidade o atopamos en youtube e o traemos hoxe aquí. Moi recomendable.


luns, 22 de xullo de 2013

O PAZO DE FEFIÑÁNS PÓDESE VISITAR






Festa de San Bieito

 
 



Xa desde fai uns meses e despois da restauración acometida nas cubertas é posible visitar o Pazo de Fefiñáns. Unha xoia da arquitectura civil galega. Podes consultar prezos e contacto neste enlace.

"Nesta histórica vila de orixe xermánica asentáronse os señores da casa de Valladares coa autorización da Igrexa Compostelá, probablemente no s. XIV, edificando a súa casa-pazo no solar que ocupa actualmente o Pazo de Fefiñáns. Onde agora se atopa a igrexa existía, xa dende o s. XI, un mosteiro bieito.

O título nobiliario de Conde de Fefiñáns remóntase a principios so s. XII, como o demostran as tres bandeiras procedentes da conquista de Ciudad Rodrigo, doadas á Catedral de Santiago. No último terzo do s. XV a vila segregouse da xurisdición arcebispal a favor de Filipe II, quen a cedería a D. Gonzalo de Valladares, "O Vello", fundador do morgado de Fefiñáns en 1562 e avó do primeiro Vizconde de Fefiñáns. O s. XVII será o momento histórico máis importante da vila e dos señores de Fefiñáns coa construción do pazo, a administración de xustiza, a reforma da Igrexa de S. Bieito, o levantamento do muiño das mareas de Tragove e o primeiro peirao erixido na baía cambadesa. Xa desde o s. XIX, cos primeiros concellos constitucionais, Fefiñáns integrarase no de Cambados, fusionándose as tres antigas xurisdiccións de Sto Tomé do Mar, Fefiñáns e Cambados."

Así empeza a explicación sobre o Pazo nos folletos que se entregan coa visita, foi feito o texto polo historiador cambadés, Jacobo Domínguez Pedreira.

Aproveitamos dende este blog para recomendar a visita a esta xoia arquitectónica que temos tan preto e que resulta tan descoñecida para os veciños e veciñas de Cambados. É unha mágoa non aproveitar  a magnífica oportunidade que se nos dá de coñecer o Pazo, recén declarado Ben de Interese Cultural (BIC) a ao mesmo tempo contribuír ao seu mantemento. Para abrir boca poño aquí unhas fotos dalgunhas cousas que poderedes ver na visita:



Escaleira nobre de acceso ao Pazo


Salón decorado con papel pintado do s. XVIII traído dende París, na mesma estancia pódese ver o retrato en bronce que Asorey lle fixo ao malogrado Miguelito Gil Armada  e tamén unha obra en  mármore do escultor Benlliure




Comedor, vese na parede dereita o retrato do Catedrático de medicina Miguel Gil Casares obra de Jesús Corredoyra

xoves, 18 de xullo de 2013

Personaxes: RAMÓN CABANILLAS

Recupero aquí unha vella presentación con fotos que fixen sobre Ramón Cabanillas con motivo das homenaxes que se fixeron no 50 aniversario da súa morte:



sábado, 13 de xullo de 2013

PEDRO PABLO BAZÁN DE MENDOZA. Conferencia de Emilio Ínsua

Emilio Ínsua é doutor en filoloxía  galego-portuguesa pola USC e profesor de lingua e literatura galega no IES A Basella de Vilanova de Arousa. Naceu en Viveiro (Lugo) pero leva vivindo en Cambados máis de 10 anos. No ano 2011 os libreiros de Cambados concedéronlle o premio Ramón Cabanillas. Ten numerosos libros publicados, a maioría de ensaio e algún de poesía.

En novembro do 2010 pronunciou na biblioteca municipal de Cambados, esta magnífica conferencia sobre o cambadés Pedro Pablo Bazán de Mendoza (1758-1835) que gravamos nese momento e reproducimos hoxe aquí. Advertimos que é un pouco longa pero paga a pena.



Pedro Pablo Bazán de Mendoza, por Emilio Ínsua from fotos antigas de cambados on Vimeo.

mércores, 10 de xullo de 2013

SERIE DE POSTAIS DO HOTEL CALIXTO


Seguindo co Hotel Calixto publicamos hoxe unhas postais editadas por este establecemento turístico cambadés, probablemente para vender aos visitantes que alí paraban. Están editados pola fototipia Thomas de Barcelona, son en branco e negro e o seu tamaño orixinal era de 14 x 9 cms. A data aproximada en que foron feitas está en torno a 1910. Cremos que se editaron dúas series de 10 postais que finalmente localizamos ao completo.


A primeira postal da serie, como non podía ser doutro xeito, corresponde ao Hotel Calixto. Aparece diante un coche co rótulo de "Garage Moderno", sería tamén de Calixto, como o café Moderno? A postal aparecía no manuscrito sobre a historia de Cambados de Xaquín Sánchez Peña. A postal inferior tamén aparecía nese manuscrito. Ten anotado  polo propio Sánchez Peña "Las Goritas" ou como se di en Cambados "as Ghoritas", esas pedras que estaban á beira do peirao, e están aínda pero bastante cubertas polos recheos que se fixeron e a ponte que comunica co illote artificial e porto deportivo que se fixo en Santomé.