A Calzada de Cambados. Francisco Lloréns. 96 x 135 cm. Colección particular
Toda a veciñanza de Cambados e arredores sabe onde está A Calzada e poucos serán os que non pasaron ou pasearon por ela. Tamén han ser moitos os cambadeses que escoitaron ou leron o poema de Ramón Cabanillas titulado “A Calzada de Cambados”. Porén, posibelmente moi poucos saiban que existe un cadro do célebre artista Francisco Lloréns que leva o mesmo título e, consecuentemente, reproduce este singular espazo cambadés. Pois ben o lugar físico, os versos e a pintura vannos servir para contar unha historia. Velaí vai.
No estío de 1922 o pintor Francisco Lloréns Díaz veu pasar uns días de veraneo a Cambados. Veu coa súa xove esposa Eva Rodríguez e coa súa filliña Eva, que nacera o ano anterior. A vida sorríalle ao pintor xa que, ademáis do seu bo momento familiar, viña de obter a primeira medalla do Concurso Nacional de Bellas Artes o que o sitúaba alcanzando o cume da súa carreira artística.
O verán do 22 foi un verán de artistas en Cambados porque no concurso antes citado tamén foi premiado, coa terceira medalla, o escultor Francisco Asorey, que concurrira coa escultura “A Naiciña”, e como moitos críticos de arte e todos os amigos do escultor consideraron que un terceiro premio era pouca bagaxe para unha obra mestra coma aquela, organizouse en Cambados unha grandiosa homenaxe de desagravio ao noso escultor e poucos foron os artistas galegos de prestixio que faltaron á cita. Pintando, paseando coa familia e participando en festas cos amigos botou aqueles días Lloréns en Cambados.
Ese é, pois o contexto no que o pintor coruñés pintou esta obra, unha estampa familiar na que aparecen a súa muller e filla, unha imaxe optimista, retrato dun tempo seguramente feliz, para a que escolleu un marco luminoso e despexado. Así se pintou o cadro A Calzada de Cambados
O poema de Ramón Cabanillas que leva o mesmo título que a referida obra pictórica de Lloréns foi escrito no verán de 1925 e os versos saíron da pluma do vate para lembrar o cadro e honrar ao pintor. Comeza facendo xustiza á paisaxe, arte na que o poeta de Fefiñáns era un verdadeiro mestre. O ton da arrincada é alegre e calmo como o mar daquel asollado día.
Sol de vran . O mar de Arousa ,
de praia a praia tendido,
canso de loitar , repousa .
Ceo azuado e senlleiro.
Limpóu de néboa á Curota
o maino vento mareiro.
Esta primeira referencia á Curota xa nos dá indicios de que Cabanillas, falando do cadro, lembra a paisaxe que verdadeiramente se olla desde a Calzada, non a paisaxe pintada, porque o monte barbanzán non está na pintura de Lloréns. Pero vai ser moitos máis elementos paisaxísticos os que Cabanillas mira “de memoria” e Lloréns non viu ou non quixo meter no seu encadre, seguramente para non distraer ao espectador do que para el era o asunto central: o acougo e beleza dunha nai coidando unha neniña nunha delourada ribeira do Salnés.
Alá , na boca da ría ,
dende a solana da costa
o Con de Noro vixía.
A luz que cai brava e roxa
encende as cunchas de nácar
dos areeiros da Toxa,
atolada e cantareira
crava flechas de diamante
nos negros cons da ribeira ,
e , ardendo e brincando , chove
moída en pingas de ouro
nos pinales de Tragove.
dende a solana da costa
o Con de Noro vixía.
A luz que cai brava e roxa
encende as cunchas de nácar
dos areeiros da Toxa,
atolada e cantareira
crava flechas de diamante
nos negros cons da ribeira ,
e , ardendo e brincando , chove
moída en pingas de ouro
nos pinales de Tragove.
Fai un paréntese o cronista neste punto, como groveiro de nación que é, para sinalar que nin o pintor nin o poeta “ven” nas súas respectivas obras a península de O Grove, que, porén, é o que ocupa o maior quiñón da paisaxe que se pode ollar desde a Calzada. Deixemos continuar a Cabanillas:
Nas ágoas craras e mornas ,
as velas albas ó sol,
agardan o leste as dornas.
Adiantan quedo quediño ,
perguiceiras, soñadoras,
durmíndose no camiño ,
deixando a popa , tras d-elas ,
leviáns ronseles de prata
coma regueiros de estrelas .
Remata o poeta a descrición da paisaxe física para comezar o rascuño da paisaxe emocional e nese punto os versos alónxanse do cadro. Mentres a quietude continúa presidindo a pintura, algo acontece no poema: un escurecemento do ánimo, un mal presaxio, unha tristura fonda e ignota que se anuncia:
Son as doce . Xoga o vento
c-o fino e dondo tanguido
da campana do Convento ,
e rodan as badaladas
sin rumbo, a ir e vir , voando
coma pombas asombradas .
Da Isla a San Saturniño ,
pasa esguío , silenzoso ,
retinto corvo mariño.
Vai lanzado ras das ágoas
coma venablo firente,
agoiro de loito e bágoas.
retinto corvo mariño.
Vai lanzado ras das ágoas
coma venablo firente,
agoiro de loito e bágoas.
¡Neniña, gomo de rosa,
que á sombra dos vellos olmos
que á sombra dos vellos olmos
floreces leda e ditosa
¡Baixo os maternos coidados
bicada do mar de Arousa
na Calzada de Cambados,
que lonxe estás nesta hora
de saber que anda no aire
unha frecha feridora!
¡Dalle un bico a túa nai,
neniña, gomo de rosa!
¡Dalle un bico que se vai!
Efectivamente a nai da neniña, Eva Rodríguez, finou no verán de 1925,
tres anos despois daquel estío no que foi pintada polo seu marido na Calzada de
Cambados e o poema que estamos glosando foi o pésame emocionado que Ramón
Cabanillas lle dedicou ao seu amigo Francisco Lloréns.
Luís Rei
Maio de 2013
Ningún comentario:
Publicar un comentario