mércores, 18 de xullo de 2012

A TORRE DE SAN SADURNIÑO (I)



Subo nesta entrada o artigo que preparei xunto a unhas alumnas miñas sobre a historia da Torre de San Sadurniño. Presenteino como comunicación ao encontro CAMBADOS NA HISTORIA que fixo en Cambados no Museo do Viño en colaboración coa UIMP os días 26 e 27 de xullo.


A TORRE DE SAN SADURNIÑO,
 MOITAS PREGUNTAS E ALGUNHA RESPOSTA.

Mariña Busto Iglesias
Uxía Casais Fernández
Sara Falcón Fariña
Maribel Iglesias Baldonedo
Alba Rodríguez Aragunde

 Fragmento do mapa da xurisdicción de “Dozo da Torre”, s. XVII

                                 VILLA DE CAMBADOS , SAN THOME Y FAFIÑANES
“Destas villas la primera que se fundó fue San Tomé do Mar que es una islilla questá cercada de agua y quando devala queda en seco pero muy mojado y para poder entrar desde tierra a esta islilla hay una calçada de piedra gruesa, que será de alto como dos varas, y quando hay fortuna, la suele cubrir el mar y aun pasar un barco por encima. Esta isla se llama la Isla Vieja. Tiene una hermita que se llama San Tomé y también hay otro sancto que llaman San Saturnino. Tiene esta islilla una casa fuerte que por los dos lienços le rodea el mar .Dicen la fundó Pedro Pardo, el mariscal, questá enterrado en Sancto Domingo de Pontevedra, en la capilla que ahora es San Jacinto. Esta islilla tiene diez y siete vecinos y son pobres. Solian ser ochenta. No hay en esta islilla agua dulce.”     

Jeronimo del Hoyo, Canónigo y Visitador del Arzobispo de Santiago en el Asciprestazgo del Salnés, año de 1607.

Partimos neste breve traballo destes dous documentos: un esquemático debuxo conservado no Arquivo Histórico Universitario de Santiago,  para marcar lindes de terras e xurisdición da Casa de Dozo da Torre (hoxe coñecida como Ouso da Torre) e o relato do que ve o Coengo Jerónimo del Hoyo na súa visita ao Arciprestado do Salnés en 1607. Ambos documentos son en exceso esquemáticos e conteñen seguramente erros, pero son, que saibamos, os únicos que existen que nos falen con certo detalle do obxecto do noso estudo: A Torre de S. Sadurniño.
Comparemos mapa e texto, que deben corresponder a un arco de tempo similar pero extenso, o s. XVII. Di o Coengo que o asentamento no illote de S. Sadurniño é seguramente o primeiro das tres vilas históricas que hoxe constitúen Cambados. Este illote proporcionaba defensa e protección á primitiva poboación, en tempos tan inseguros como a alta idade media, sometida primeiro ao ataque de pobos xermanos  que se asentaron no territorio e logo a piratas vikingos ou normandos e tamén sarracenos (musulmáns) que saquearon as costas peninsulares durante varios séculos. De aí que ao ser o primeiro asentamento acabase chamándose, Vila Vella, ou “Villa Vieja”, tal como se ve no mapa: “Torre y cerca de Villa Vieja”, “Villa Vieja con mar alrededor”, “Entrada y salida de Villa Vieja”. Comenta tamén Jerónimo del Hoyo que había unha calzada empedrada que cando a marea está baixa (cando “devala”) pódese cruzar. Di tamén que ten unha ermida adicada a Santo Tomé e a S. Sadurniño, que darán nome posteriormente á illa e á Vila de Santo Tomé do mar. O debuxo parece que corrobora a afirmación de Del Hoyo porque aparece unha edificación anexa á Torre. E o historiador cambadés José Caamaño Bournacell comenta no seu libro “Cambados a la luz de la historia” de 1933, que nese ano aínda era posible ver os alicerces desta primitiva ermida. Logo fala o coengo que esta illa ten unha “casa fuerte que por los dos lienços le rodea el mar . Dicen la fundó Pedro Pardo, el mariscal”, e aí atopamos un primeiro erro no documento porque seguramente Del Hoyo confunde ao mariscal Pedro Pardo de Cela que nada ten que ver con esta Torre, co tamén mariscal Sueiro Gomes de Soutomaior, contemporáneo do anterior, herdeiro da fortaleza de Lantaño e señor de Santo Tomé do Mar nos anos en que a Torre seguramente foi destruída polas Revoltas Irmandiñas de 1467.



E imos coas preguntas:

-           Cando e por que se fixo a Torre de San Sadurniño?


O historiador cambadés Xaquín Sánchez Peña no seu manuscrito inédito de 1927 sobre a Historia de Cambados escribe que foi construída polo Prelado Iriense Don Cresconio e dá unha data precisa: 1056 que non sabemos de onde obtén. Pola contra José Camaño Bournacell di que foi en tempos do Bispo Sisnando II, un século antes. Ante esta contradición consultamos varias fontes e non fomos capaces de atopar unha mención directa á Torre de S. Sadurniño: nin o Cronicón Iriense, nin Jerónimo del Hoyo nin López Ferreiro na súa historia da Catedral de Santiago fan unha mención expresa á Torre. Jerónimo del Hoyo relaciona os bispos santiagueses e as súas principais fazañas e di de Sisnando II que “Çercó a Santiago para defenderla de los normandos”, de Cresconio que: “acabó los muros de la Çiudad de Compostela y reparó la iglesia de Iria y el castillo del Oeste, que él había echo”. López Ferreiro baseándose seguramente no Cronicón Iriense e no Tumbo A escribe:

“Los normandos volvieron a infestar nuestras costas, al principio en pequeñas expediciones como para ejercitarse y reconocer el terreno, después en grandes masas y con numerosos ejércitos de desembarco. La Diócesis de Iria era la más amenazada por lo abierto de sus rías y de sus puertos, y por la riqueza y fertilidad de su territorio. El estado del reino no permitía que en Galicia hubiese otro, que el Prelado compostelano, que pudiera encargarse de la defensa y armamento del país; y en efecto, Sisnando desempeñó á maravilla este encargo. Levantó fortalezas como la de la Lanzada y la de Cedofeita en los puntos más estratégicos, estableció guardias y retenes para vigilar y guardar las costas, organizó milicias, y arbitró recursos para atender a todas estas urgencias”. 


Máis recentemente, Jorge Simón Izquierdo (2009) dá por feito que Sisnando II levantou un Castelo sobre o Castro de Cedofeita e levantou ou restaurou as Torres da Lanzada e de S. Sadurniño en Cambados, pero non sabemos de que crónica obtén o dato. Con toda esta información o que parece máis probable é que a construción (ou restauración se xa había algo feito antes) da Torre de S. Sadurniño se deba a Sisnando II, sin que teñamos a seguridade absoluta a falla dunha excavación arqueolóxica que aporte datos. Resulta cando menos sorprendente que non se cite na documentación a existencia dunha torre neste illote de S. Sadurniño se efectivamente había algo de certa entidade. Pola contra parécenos raro que dada a posición tan estratéxica do illote non existise algún elemento de vixianza e defensa pensando sobre todo en que era un lugar habitado dende tempos antigos (pudo existir un castro), do que despois saíron os poboadores de terra firme. Cousa que remarca Jerónimo del Hoyo ao afirmar que se chamaba "Vila Vella" e que de aí partiu a poboación que ocupou a posteriori a vila de Sto Tomé do mar e inclusive as outras vilas de Cambados.
 Polo tanto podemos considerar que a  primitiva e primeira Torre de San Sadurniño foi construída polos bispos composteláns, en terras baixo o seu señorío, na marxe esquerda da Ría de Arousa, para defender a Santiago dos ataques vikingos ou normandos e sarracenos. Formaba parte dunha estrutura de vixiancia, alarma e defensa que tiñan os bispos composteláns e que incluía entre outras A Torre da Lanzada, A Torre de San Sadurniño, a Torre do Mosteiro de Calogo en Vilanova  e as Torres de Oeste en Catoira. Mediante lumes, feitos seguramente con palla mollada, o fume alertaba, dunha torre a outra da chegada dos inimigos que entraban pola Ría, remontaban o Ulla ata onde era navegable e logo por terra chegaban á cidade Compostelá para intentar roubar os ricos tesouros que esta tiña. Así aconteceu con Gonderedo un xefe vikingo que chegou no ano 988 ás portas de Santiago, derrotou ás tropas do bispo Sisnando II na batalla de Fornelos (en Teo), onde morreu o propio bispo atravesado por unha frecha vikinga, e saqueou Compostela.

Torre e ermida da Lanzada


A Torre tamén servía como defensa e lugar de acubillo dos veciños do pobo e seguramente tamén como faro do porto de San Tomé.

-           Por que está situada aí?

A situación das torres e fortalezas do lado esquerdo da ría, especialmente a da Lanzada e a de Santomé, está en lugares onde a visibilidade dos barcos que entran na Ría de Arousa non é a mellor das posibles. Isto fíxonos pensar na posibilidade de que en tempos pasados os barcos piratas entrasen atravesando o Bao, é dicir a zona do tómbolo areoso da Lanzada que séculos atrás non existía. Varios mapas feitos no s. XVII refírense ao territorio meco como “Grobe Ysla” (por exem. o feito por Ojea en 1603). Consultamos a  mariñeiros, á nosa compañeira de Ciencias Naturais no IES Asorey, Adela Leiro e  vimos in situ o emprazamento: por onde entrarían os barcos piratas? o farían pola pola canle que aínda hoxe se usa para o acceso aos portos de Cambados e Vilagarcía e que está situada entre a Illa de Sálvora e a península do Grove? ou a través do Bao que pode que naqueles tempos fose navegable porque non se formara aínda a estrutura do tómbolo areoso da Lanzada?. No primeiro caso o emprazamento das torres ten unha mediana visibilidade, no segundo moi boa e en todo caso o que sí se dá é  un óptimo emprazamento defensivo. Xa que tanto a Lanzada, como S. Sadurniño como as Torres de Oeste están situadas sobre illotes que cando a marea subía os deixaba completamente illados de terra e facía a súa defensa moi doada.

  As torres de Oeste en Catoira

-           De que época é o conservado hoxe?

Numerosos historiadores falan de que a Torre de S. Sadurniño foi “derrocada” durante o levantamento Irmandiño de 1467-68, pero cremos que tampouco hai unha mención expresa na documentación. Neses momentos a Torre pertencía ao señorío do mariscal Sueiro Gomes de Soutomaior, principal representante da rama de “Lantaño” da familia dos Soutomaior á que pertencía tamén o seu curmán Pedro Álvares (IV) de Soutomaior, máis coñecido por Pedro Madruga, Conde de Caminha e señor de Soutomaior. A furia dos irmandiños contra os excesos cometidos polos nobres galegos descargouse sobre o símbolo do seu poder, as fortalezas. Nesta revolta irmandiña non só foi destruída a Torre de Santomé senón tamén moitas outra fortalezas  da Ría de Arousa como as de Tenorio, Lobeira, ou a de Lantaño, a principal residencia dos Soutomaior arousáns. E tamén foron destruídas outras da outra banda da ría xa  que os Soutomaior controlaban estas terras dende o matrimonio de Diego Álvares Soutomaior, o mozo, con María Álvares Gomes, neta de Paio Gomes Chariño,  almirante maior e poeta, señor de Rianxo que obtivera dos bispos composteláns o aforamento das terras que a mitra tiña no Salnés. Deste matrimonio nace Paio Gomes de Soutomaior, herdeiro da casa de Lantaño e Rianxo e embaixador do rei Enrique III ante o “Tamorlán”. Dunha das “princesas” húngaras que trouxo en ofrecemento ao rei castelán por parte do Tamorlán, a famosa Xoana de Hungría, nacerían varias fillas. Tamén casou Paio con Maior de Mendoza, irmá do arcebispo Lope de Mendoza e de este matrimonio sairía o xa citado herdeiro de Lantaño: Sueiro Gomes de Soutomaior (v. Suso Vila, 2010).


 Torre de Calogo en Vilanova de Arousa

O preito Tabera-Fonseca de 1526, dá conta do derrocamento da meirande parte dos castelos galegos durante 1467-68 e da súa reedificación cara a 1470, polo que podemos pensar que tamén sería reedificada a Torre de San Sadurniño nesas datas. Unha moldura conservada na parte alta da cara oeste da Torre, cunha característica decoración do gótico mariñeiro arousán, as bolas, e que se repite na igrexa de Sta Mariña, tamén iniciada por estas datas,  permítenos pensar que o que hoxe conservamos debeuse de facer nesta época, os anos finais do s. XV. Por estes anos o señorío de Santo Tomé do mar pasara a María de Ulloa, irmá do Conde de Monterrei. María casara sendo moi nova, con Álvaro Paes (III) de Soutomaior, do que enviúva en 1468, quedando entón como señora de Cambados. Pensa Suso Vila que María aporta como dote a este matrimonio a metade da vila e porto de Cambados e Álvaro aportaría como arras a outra metade (que incluiría Santo Tomé). Consérvase o documento recollido por López Ferreiro da partición da vila cambadesa entre a casa de Soutomaior e a de Ulloa en 1421. Segundo esta partición, entre outras cousas o lugar de Sta Mariña de Dozo e metade do porto de Cambados quedaría para a familia de Ulloa e pola contra a fregresía de S. Tomé e de San Lorenzo de Nogueira así como a outra metade do porto de Cambados para os Soutomaior.

“Iten mais poemos con esta dita partizon o lugar de santa Mariña dozo con apertenenzas según pertenece a o mosteyro desde la fonte como corre o rrego que vay para cambados e corre asta o mar eesto non sentenda,o que pertenece a freguesia de santa Mariña. Item poemos mais con esta dita partizon a metad do porto de Cambados como bbay polo dito rego asopee aparte onde mora Roy Fernandez e Alonso de mouran e con a casa noba que faz Fernan Alvariño=e esta partizon baa asta la fonte de Cambados=
Iten poemos en esta partizon a feligresía de s. tomé e de san Lorenzo de nogueyra(…) Iten lo poemos mais a mita do porto de Cambados como bay o rego da fonte de Cambados a sopee a tomar da mau direyta cando entre o lugar aparte a onde mora martin tacon e Ruy da fonte con o lugar das cortes con todas las eredades e viñas e monte como bay desde la fonte de Cambados según corre o rigueiro fasta o mar e fasta fefiñans a onde se parte a eredad do mosteyro da eredad de Santiago, e aquel á quen ficar esta partizon que pissa facer viñas e casas sin embargo de outro sivir que lle cumpre”.

Dado que parece claro que a decisión de construír a igrexa de Sta Mariña foi de María de Ulloa tal como asegura Jerónimo del Hoyo (v. tamén Julio González Montañés, http://www.santamarinadozo.tk/ ), ben pudo ser ela tamén a que reconstruíu a Torre. A existencia desa moldura da que falamos, que repite os mesmos motivos decorativos que os de Sta Mariña abunda nesta idea.

 Parte superior do muro oeste da Torre de S. Sadurniño

Torre da Igrexa de Sta Mariña

-           Como era a fortaleza de S. Sadurniño?

O mapa do que xa falamos e a análise dos restos conservados pode darnos unha idea. Segundo o mapa a fortaleza estaba amurallada, remataba en merlóns (“almenas”), tiña tres andares e unha cheminea. Anexa á torre e dentro da cerca da muralla existía unha ermida da que fala Jerónimo del Hoyo, adicada a S. Sadurniño e San Tomé, (posteriormente tamén á Virxe). Caamaño Bournacell comenta que esas imaxes atópanse na igrexa da Valvanera. Nada saben as monxas do asilo, ao que pertence hoxe esta capela, da imaxe de S. Sadurniño, pero si conservan unha de Sto Tomé da que non podemos asegurar a antigüidade nin que proceda da antiga ermida. Pola súa parte Xaquín Sánchez Peña di: “al lado de la torre había una capilla donde se veneraba la imagen de Nuestra Señora, esta imagen estaba en un hórreo de D. Joaquín Rodríguez”.  Tamén dá conta da existencia desta ermida o testamento de Sueiro Gomes de Soutomaior (1485) que recolleu López Ferreiro. É un fermoso texto de cando os nobres galegos falaban na nosa lingua:

“Item mando a las iglesias de San Juan de Vaion e de Santa Maria de Paradela e de san fies de Loys e santa maria digna de Santa Comba de Rianjo he ermida de Santome do mar casa un das dictas yglesias en descargo do que dellas goze y [xxx] un marco de plata para ajuda de fazer cada un seu caliz de plata e que os den aos procuradores de cada un das ditas yglesias e hermidas”.

Nos restos da torre actual non hai merlóns, as pedras ensartadas nos muros, onde irían apoiadas as trabes do edificio si dan idea de que había tres andares e si se conserva en bastante bo estado unha fermosa cheminea. Nada queda á vista nin da ermida nin da muralla, pero temos oído falar de escavacións arqueolóxicas realizadas nas que si aparecían algún restos. Nun futuro próximo, se a crise o permite, a riqueza histórica deste lugar aconsellaría realizar novas escavacións.

  Cheminea da Torre de San Sadurniño

-           Que pasou despois?

Cara finais da idade moderna as ameazas de ataques de piratas ou de loitas nobiliares desaparecen e a función defensiva da Torre perdeu importancia. Sánchez Peña comenta que o maremoto de Lisboa de 1755 causoulle moitos danos. O abandono, o tempo e a reutilización das pedras da fortaleza para facer o peirao de S. Tomé e probablemente algunhas casas de veciños fixeron o resto. Por sorte algo conservamos e hoxe a Torre ergueita e fachendosa coma un mascarón de proa dun barco desafía ao “vento mareiro”, nun dos lugares máis fermosos de Cambados e de toda a Ría de Arousa.

BIBLIOGRAFÍA:

CAAMAÑO BOURNACELL, J. (1933), Cambados a la luz de la historia.

DEL HOYO, J. (1607), Memorias del Arzobispado de Santiago.

IZQUIERDO DÍAZ, J.S. (2009), Os vikingos en Galicia, ed. Lóstrego, Santiago.

LÓPEZ FERREIRO, A. (1899), Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, imprenta del Seminario Conciliar Central, Santiago.

SÁNCHEZ PEÑA, X. (1927),  Historia de Cambados, inédito.

VILA, S. (2010), A casa de Soutomaior (1147-1532). Ed. Toxosoutos, Noia.

VVAA (2005), Cambados cen anos de historia a través da fotografía, edita IES Francisco Asorey, Cambados.



As miñas colaboradoras que entre torre e torre tiveron tempo para un chapuzón, grazas.







Ningún comentario:

Publicar un comentario