Estupendo artigo, con moitos datos inéditos que nos envía Sindo Mosteiro. Debido á súa extensión repartirémolo en tres entradas diferentes, aquí vai a primeira. Fálase da vida do Marqués.
Diego de Zárate Murga naceu na vila de Salinas de Añana (Araba) o 28 de febreiro de 1666 e morrería no seu domicilio de Madrid no 1717. Os seus pais foron Diego de Zárate (nacido en Salinas de Añana, o 8/VIII/1632, “hijodalgo de Salinas de Añana” e Procurador xeral no 1695, fai testamento o 20 de decembro de 1699), e Ana de Murga (nacida en San Millán de la Cogolla o 6/VIII/1639). Casaron en San Millán de la Cogolla o 16/IV/1657. Despois de Diego, tiveron por fillos a Francisco, María e José.
Salinas de Añana, Álava/Araba. Foto Iñaki Linazasoro, 1979
Na súa vila de orixe xa acadara certa relevancia e logra o nomeamento de “Alcalde de la Hermandad por los Hijosdalgo de Salinas de Añana”no 1693. Chegaría incluso a fundar aquí un hospital con capelanía e unha preceptoría de gramática. Posteriormente aparece algunha noticia que fai pensar que xa andaba a buscar negocios en Galicia, pois no 1694 preitea sobre unha serie de bens do Casal de Moldes contra Juan Ignacio Padín Valladares, herdeiro do morgado de Quintáns. Mais el xa tiña posta a mirada nos asuntos da Corte e se aveciña en Madrid, buscando as alianzas doutros vascos e navarros que co tempo formarían, a imitación da congregación navarra, a “Congregación de Naturales y Originarios de las Tres Provincias Vascongadas establecida bajo la Advocación del Glorioso San Ignacio de Loyola”, un verdadeiro lobby vasco que presionaba en favor dos seus intereses nos organismos do Estado, fundada formalmente no 1715 e sendo o primeiro prefecto o marqués de Montesacro.
O seu domicilio madrileño semella foi unha casa arrendada ao Marqués del Carpio, que aínda no 1727 habitaba o seu herdeiro e irmán José, quen xa figura como veciño de Madrid nun preito de 1723 contra o marqués de Tosos, embargándolle bens e lugares, e outro de 1725. Pero non tardaría este segundo marqués en trasladar o seu domicilio a Compostela coa súa familia (a muller María Josefa Luyando Barrón, e as súas fillas Francisca, Rosalía e Josefa, casada en Compostela co marqués del Arco no 2 de xaneiro de 1732), constando a construción dunha nova casa na rúa do Vilar baixo a dirección do mestre de obras Xosé de Seixas, tal e como indica o seu testamento de 1740 e o inventario dos seus bens de 1744. Aínda así, no 1745 figura unha casa ao seu nome en Madrid, na rúa da Concepción, onde ocupaba o baixo a Libraría de Miguel Ximénez.
Madrid,
praza da “Cebada” e rúa da “Concepción”. Gravado de Pieter van der Aa,
1707.
A relación co rei
“Philippe V. Roy d’Espagne”. Gravado da Guerra de Sucesión, 1704.
Diego de Zárate foi secretario real no final do reinado de Carlos II e tamén sería “Gentilhombre de la Cámara de su Majestad” e membro do Consello de Facenda co seu sucesor Felipe V. Co tempo vaise converter en asentista e prestamista da coroa, así como un destacado comerciante coas Indias; é un caso de nobreza recente e ornamental, asentada nas rendas de propiedade e non no poder xurisdicional, orixinada nos servizos pecuniarios á Coroa. No 1705 xa ten unha posición importante como home de negocios coa plena confianza do rei. Este, no medio dunha situación dos seus estados bastante crítica nese ano, decide reorganizar o sistema de actividades económicas e convoca unha Xunta para o restablecemento do comercio, do que entra a formar parte Diego de Zárate, e aquí é onde se ofrece para adiantar os cartos con que afrontar os convois que partían ás Indias no ano 1706. Na súa intervención propón despachar polos seus medios, e trimestralmente, un barco a Portobelo e outro a Veracruz, levando e traendo correo oficial e de particulares, reservándose o control do comercio de bens que ían e viñan nos barcos. Isto rompía o monopolio andaluz de séculos, porque se permitía a carga e descarga na costa vasca. O asento de Montesacro é aprobado en 1707 a pesar da oposición andaluza, pero as operacións resultaron de dubidoso rendemento, co que renuncia ao pouco ante a necesidade de liquidez desorbitada e o enorme risco da empresa. En atención aos servizos que fixo ao rei é distinguido con sucesivas titulacións, a previa de vizconde de Vite mediante un decreto executivo do 5 de novembro de 1706 (polos “servicios que le había hecho”), e definitivamente, o 14 de marzo de 1707, nun despacho de nomeamento, o título de marqués de Montesacro. En paralelo vai ter acceso á concesión do hábito de Cabaleiro da Orde de Santiago nese 1706. Posteriormente, nun decreto de 11 de abril de 1708, exímese a perpetuidade do pago de servizo de lanzas e media annata “en consideración a los servicios que me ha hecho el marqués de Montesacro para las urgencias de la presente guerra en diferentes préstamos sin conduzión ni intereses y que es justo hazerle merced correspondiente a esta utilidad (...) por el beneficio que ha resultado a las mismas urgencias”. A exención destes dous impostos resultaba un monto apreciable, xa que o servizo de lanzas era unha contribución en metálico que substituíra á obriga dos nobres da coroa de Castela de aportar lanzas (tropas) para as necesidades do rei desde 1631, mentres que o de Media annata gravaba os nomeamentos para empregos públicos retribuídos ou mercedes, pagadoiro cando xa se acadara ese emprego.
O acceso á nobreza
Para acceder ao título nobiliario era imprescindible ser señor con vasalos, polo que buscou negociar este asunto e solicita á comunidade do mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela que se lle afore unha das súas xurisdicións. Acordan o 25 de xaneiro de 1707 que o mosteiro, mediante licencias superiores, dar foro da xurisdición chamada do Monte Sacro coa freguesía de San Lourenzo da Granxa, da que non recibía beneficio de ningún tipo, a cambio dunha renda anual de oito reais de prata. Esta era colindante á outra xurisdición de Monte Sacro, coas freguesías de San Pedro de Sarandón e de Santa María de Lestedo, pertencentes á Mitra compostelá. O noso protagonista ve a oportunidade de utilizar a súa posición para un ennobrecemento progresivo en moi pouco tempo. Xa acadado o título desexado, e buscando a incorporación deste neófito entre a vella fidalguía compostelá, fai acto de presenza nun acto público de relevancia, xa que doa o novo palio para a nova igrexa de San Paio de Antealtares, que se estrea o 21 de maio de 1707 cunha procesión multitudinaria e pomposa, moi ao estilo compostelán, todo un acontecemento da vila arcebispal da época, onde se daba traslado ao Sacramento desde San Martiño Pinario á nova igrexa de San Paio, atravesando a catedral. O espectáculo estaba lucido polos xigantes, catro grupos de danzas, os tocadores de chirimías, as confrarías de oficios da cidade, as comunidades relixiosas do entorno, priores e abades invitados, militares dos acuartelamentos próximos, fogueteiros e moreas de persoas de a pé que demoraron varias horas en percorreren uns 200 metros. Aproveitouse a ocasión para a estrea do novo órgano da catedral doado polo arcebispo Monroi.
Á pequena xurisdición de Monte Sacro incorpora no 1709
outras de certa relevancia adquiridas ao IV conde de Castronuevo, Martín de Guzmán Niño Enríquez de Soutomaior, unha serie de posesións dos seus
antepasados procedentes do morgado establecido por Sueiro Gomes de Soutomaior
na súa filla María no 1483, entre as que está a xurisdición de San Tomé do Mar,
que incluía as vilas de San Tomé do Mar, Portonovo e couto de Usso da Torre,
así como as freguesías de San Martiño e San Salvador de Meis, San Clemenzo de
Sisán e San Miguel de Deiro, por aforamento da Encomenda de Pazos de Arenteiro
da Soberana Orde Militar e Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, Rodas e
Malta. Entre as adquisicións que fai o marqués que viñan dos tempos de Sueiro
Gomes de Soutomaior está tamén a Torre da Ínsua de Vea ou de Cora, no concello
da Estrada, e así foi do marquesado de Montesacro ata o 1852, en que se fai co
seu dominio útil Francisco Touceda, tras un ano de fame no que os veciños non
puideron pagar a renda ao marqués e este Touceda faise cos tres ferrados de
posesión coas ruínas da torre (segundo algúns autores, xa que o arcebispo foi
recuperando gran parte do que tiña aforado aos Soutomaior xa no século XVI,
destacando a casa principal de Lantañón). A vella torre fora destruída na Segunda
Guerra Irmandiña e xa estaba reconstruída no 1470, pois o mariscal fai preito
de homenaxe ante o arcebispo Alonso de Fonseca por medio de Estevo de
Xunqueiras. Posteriormente déixaa en herdanza á filla María de Mendoza dentro
do morgado que indicaba as tres casas-fortaleza
principais de Lantañón, Rianxo e Ínsoa de Vea, no 1485. En relación con
este lugar hai que facer notar o comportamento detestable de Sueiro Gomes de
Soutomaior coas súas prácticas do máis puro estilo mafioso, xa que lle servía
para o secuestro, a extorsión e a tortura de camiñantes e mercaderes daquela
parte, para o que utilizaba sicarios, dos que se fixo famoso un matón negro que
debía de impresionar moito (seria algo así como un Mike Tysson do momento) e
que torturaba á xente levándoa ao extremo do afogamento no río Ulla, tal e como
indican testemuñas no famoso preito Tabera-Fonseca.
Os negocios
San
Domingos de Pontevedra. Foto Francisco Zagala, 1903.
Nos últimos
anos da súa vida, quizais prevendo a súa desaparición á penas superados os 50
anos, prestará atención a outra das adquisicións que viñan no paquete dos
Soutomaior, o padroado da capela de San Tomé e Santo André do convento dominico
de Pontevedra. Manda facer unha peritaxe que se realiza os días 11 e 12 de
xaneiro de 1715, recoñecendo as tumbas dos seus antecesores na xurisdición de
San Tomé do Mar. Están presentes o canteiro Brais de Cacabelos, Gomes Varela e
Xosé Mariño de Lobeira, xunto co apoderado do marqués, Francisco Antonio Vélez.
Probablemente ven que o lugar non era axeitado para a súa tumba, pois xa estaba
repleto cos monumentos sepulcrais do fundador, Diego Álvarez de Soutomaior, o
seu fillo Paio Álvarez de Soutomaior, María Álvarez Gomes Chariño, Xoán
Fernández de Soutomaior e Sueiro Gomes de Soutomaior. Tamén indican que naquela
altura a torre e casa de San Tomé do Mar tiña na fachada o escudo idéntico aos
dunha lauda sepulcral hoxe desaparecida, desde 1867, coas armas dos Soutomaior,
seguramente de Diego Gomes de Soutomaior, realizado entre 1425 e 1435. Pero a
propiedade e padroado da capela non estaba clara e o convento dominico é
denunciado por Xoán de Romai Soutomaior, que reclama a posesión, mediante
preito que se inicia no 1714 e se remata, cos dous protagonistas xa mortos, no
1719. Había que buscar outro lugar e pon os ollos en Compostela. A Venerable
Orde Terceira Franciscana, que xa estaba presente nesa vila desde tempo atrás,
decide comprar un terreo aos frades á beira do convento franciscano no 1662,
construíndo unha primeira capela de pequeno tamaño encargada a Andrés de
Castro. No 1671 contan coa primeira fundación de misas perpetuas e os ingresos
permiten erguer o retábulo. Rapidamente queda pequena pola grande actividade e
prestixio da VOT e, xa no 1676, fan acopio de fondos e chaman a Domingo de
Andrade e Diego de Romai, membros da orde, para trazaren a obra da súa igrexa,
que se inicia no 1681 baixo direción do segundo ao principio e do primeiro máis
tarde. Os cartos chegan moi amodo para unha igrexa onde se querían enterrar,
sobre todo, artistas e non se pode rematar, máis ou menos, ata 25 anos despois,
no 1706, sendo ampliada no 1708 e no 1715-19 para ergueren o coro, a sancristía
e aínda máis tarde para un novo edificio anexo como remate. O retábulo maior
lévao a cabo Miguel de Romai desde 1711. Os retábulos colaterais fannos Manuel
de Leis e Francisco das Moas no 1737-38 seguindo as trazas de Simón Rodríguez, pero
orixinalmente había un acordo polo que Diego de Zárate se compromete a pagar o
retábulo colateral do evanxelio en 5.000 reais, segundo o Libro de Contas da
VOT. No Libro de Xuntas da VOT infórmase no 1715 do acordo definitivo polo que
o compromiso era pagar a construción e dourado do retábulo que incluía o escudo
do marqués, reservando un lugar ao seu pé para a súa tumba e outro inmediato
para a súa familia, ambas tamén co seu escudo, nun prezo de 200 doblóns, pero
no ano seguinte xa están en preitos ambas partes. O caso é que ese retábulo queda sen facer polo momento
e a tumba do marqués é colocada nun nicho sepulcral inmediato ao presbiterio,
acompañado por outras dúas tumbas sinxelas da familia. Quizais a prematura
morte do noso protagonista desbaratase os plans. Consta que Fernando de Casas
traballa no 1715 nas obras da sancristía para a VOT, co que ben podería ser o
autor da tumba do marqués, atendendo ao seu estilo, aínda que esta traza tamén
podía estar feita pola man de Simón Rodríguez.
Monumento funerario de
Diego de Zárate na capela da VOT en Compostela. Foto Maribel Iglesias, 2015.
En canto ao monumento funerario do Marqués de Monte
Sacro, que recentemente coñecín grazas ao traballo incansable de Maribel
Iglesias Baldonedo, o máis sorprendente é comprobar o diferente que é o estilo desta
peza en relación coa parafernalia decorativa do seu pazo en San Tomé do Mar. Eu
diría que son dúas testemuñas moi claras das dúas liñas que seguiran os
discípulos de maior sona de Domingo de Andrade na primeira metade do século
XVIII: Fernando de Casas Novoa e máis Simón Rodríguez. A súa casa cambadesa é
quizais unha obra trazada por Simón Rodríguez ou algún seguidor, cos seus
característicos pináculos e decoración xeométrica de placas recortadas. No caso
deste monumento funerario parece estar máis na liña de Casas Novoa, seguramente
menos innovadora, pero nunha busca constante de equilibrio entre a xa clásica
decoración vexetal, con uso de sartas de froitas no remate inferior e volutas
orgánicas e carnosas no medio dos acantos e similares (que tan ben desenvolvera
Domingo de Andrade) e novos elementos xeométricos, como esas volutas quebradas moi
perfiladas, deitadas entre o escudo e a propia tumba, que non se perturban
entre eles. O conxunto articúlase co leito moi simple, cunha cartela no frontal
onde un marco moldurado con orelleiras, moi plano, inclúe no seu interior a
inscrición que presenta ao defunto: “Este
nicho es de Don Diego de Zárate i Murga i de sus herederos. Cavallero del
horden de Santiago, Marqués de Monte Sacro, Gentilhombre de la Cámara de su
Magestad, de su Consejo de Azienda, Señor de las Villas y Jurisdeciones de Santo
Tomé do Mar y de la de Portonobo y Coto de Usso de A Torre”. Sobre a habitual
tampa troncopiramidal sitúase todo o repertorio decorativo, cun pé moldurado de
base que porta unha placa recortada, sobre a que se labra o escudo ovoidal e
cuartelado coas armas de Murga e Zárate, sobre a cruz que alude á condición de
Cabaleiro de Santiago. Remátase con coroa de marqués e enmarca o escudo unha
decoración vexetal sobre todo a base de acantos e volutas, ademais de dous
colgantes de restas de froitas e follato. Tamén teñen interese eses putti tan
ben mantidos da pintura mural, co pano na man nun xesto de lamentación e
portando símbolos referidos á morte: a caveira como reflexión ante a condición
mortal do ser humano e a trompeta como anuncio final que portan os anxos
tubicinantes da Apocalipse, sobre un fondo decorativo de acantos carnosos. Esta
pintura podería andar na onda do taller
de García de Bouzas, o principal pintor compostelán do momento. Este monumento
funerario seguramente foi mandado facer polo II Marqués de Montesacro, o irmán
do fundador, José, pouco despois da morte de Diego de Zárate, no 1717,
acontecida en Madrid, onde tiña a súa residencia e centro de operacións. Este
testara o 24 de agosto dese ano, dando instrucións para a fundación de dous
morgados: un coas posesións galegas en favor do seu irmán José e outro coas
vascas e rioxanas en favor da súa irmá Josefa, determinando que nunca poderían
estar unidos ambos vínculos. A escritura de fundación definitiva dos
morgados é de
16 de xuño de 1720. Esta decisión irá provocar no futuro unha grave crise
familiar que altera a sucesión, con sucesivas sentencias, entre 1850 e 1863.
|
¡Enhorabuena! por un trabajo tan completo y tan profesional. Este personaje es absolutamente desconocido en su patria chica: Salinas de Añana, y menos chica: Alava
ResponderEliminarYo he rastreado desde Vitoria cuanto he podido pero, pálido reflejo de lo que has llegado a realizar desde Galicia.
Juan Vidal-Abarca, corresondiente en Alava de la Real Academia de la Historia
Enhorabuena. Pero me supo a poco.
ResponderEliminarEnhorabuena. Pero me supo a poco.
ResponderEliminarMuy interesante el trabajo biográfico. Yo me encuentro también estudiando la figura del I marqués de Montesacro, especialmente en lo que respecta al periodo que ejerció como asentista del oficio correo mayor de España (1707-1711). Me gustaría saber si alguien conoce de la existencia de algún retrato del personaje y donde se encuentra.
ResponderEliminarUn saludo. (David González)