Por motivos que non veñen ao caso comentar agora, os meus estados anímicos parecen a miúdo un dragón chino, con baixadas e subidas, ás veces subidas moi altas e outras veces baixadas moi fondas. Na primavera pasada estaba eu nunha desas baixadas e púxose en contacto comigo Antón Mascato, para que lle fixera chegar un texto con motivo da edición dun libro de homenaxe a Luís Rei. Malia que o intentei moitos días, non conseguía que saíse nada decente.O último día en que remataba o prazo para levar os textos á imprenta, Antón púxose de novo en contacto comigo, díxenlle que non tiña nada que se poidese publicar. Insistiu. Que fixera algo, que a Luís habíalle de gustar, e con este empurrón, ás presas, sen moita reflexión, saíron unhas cantas liñas das que non estou precisamente orgullosa, pero que hoxe alédome de que formaran parte dese libro homenaxe.
Hoxe o dragón ise do que falei está de subida, así que vou intentar escribir algo máis. Coñecín a Luís na antiga casa de cultura que estaba na rúa Nova, nunha desas localizacións itinerantes que tivo a biblioteca cambadesa. Fun preguntar por libros sobre a historia de Cambados, e fun a bo sitio. Luís doume todo o que había de Caamaño Bournacell, cronista oficial da vila. Daquela Luís xa sabía que para estudar a historia de Cambados hai que ler primeiro a Caamaño, para logo darse de conta de que aquiles textos teñen máis de novela que de libros de historia. Ou quizais non, xa dixo Raymond Carr - gran historiador- que non entendía porque a historia resultaba tan aburrida, se era todo invención. Por Luís coñecín tamén a outro historiador cambadés, máis humilde que Caamaño, Xaquín Sánchez Peña, bo amigo de Cabanillas a quen lle dou un fermoso libro manuscrito sobre a Historia de Cambados que é outro documento imprescindible para adentrarse na historia desta vila. Por entón xa Luís me inoculara o interese pola historia cambadesa e decidín meter no asunto aos meus alumnos e alumnas e a uns cantos compañeiros e compañeiras que se deixaron liar. O alumnado removeu Roma con Santiago, acribillaron a Luís na biblioteca, a onde acudían para resolver as preguntas que eu lles suxería e Luís saía do paso como podía ás veces maino e ás veces con ese xenio seu que coñecen ben os que algunha vez foron "estudar" á biblioteca. Da experiencia saíron uns traballos magníficos e un fermoso libro do que estou moi orgullosa porque o escribiron case integramente os alumnos e alumnas: "Cambados, cen anos de historia a través da fotografía". Luís fíxome entender a importancia da historia local, estudar o particular para achegarse ao universal. Na torre-miradoiro do Pazo de Fefiñáns hai unha inscrición que empeza así: "Conócete a ti mismo...", frase atribuída a un filósofo grego, ese que só sabía que non sabía nada. Esa sinxela frase encerra máis sabiduría que unha enciclopedia enteira . Eu interprétoa tanto no que se refire á dimensión ética e moral: coñécete a ti mesmo, sé consciente das túas virtudes e as túas limitacións e non intentes nunca, nunca, ser o que non eres, porque diso derívanse grandes males. Como tamén no que se refire á busca do coñecemento. Os misterios do universo están dentro de nós, só temos que mirar cara adentro e atoparemos o sentido do mundo e da nosa propia vida. O particular e o universal que diciamos.
Por Luís cheguei tamén a Ramón Cabanillas, excelso poeta do que dicía que "Os de Cambados non saben o grande que foi". Jose Vaamonde escribiu no libro-homenaxe do que falei "que tiña que vir un do Ghrove" a dicirnos o grande que foi Cabanillas. Os de Cambados quizais non saiban (aínda) o grande que foi Luís Rei. Tanto me interesou Cabanillas que decidín facer unha fotobiografía do poeta, e para buscar material, fun, como non, á biblioteca, a xunto Luís. Estaba o noso amigo a piques de rematar a súa excelente biografía do poeta, e chego eu alí a pedirlle material. Miroume sorprendido e díxome, vamos tomar un café. Tiven sorte de que saíse o seu lado maino e non o xeniudo, porque senón houbérame botado de alí, non o fixo e en troques pasoume unha "Cronoloxía da vida e obra de Ramón Cabanillas" que condensaba en máis de cen páxinas, vinte anos de traballo sobre a vida do poeta. Grazas a ese material a miña fotobiografía saiu a flote.
E por Cabanillas cheguei a Francisco Asorey, está vez fíxeno eu soa, a Luís non lle caía ben. E seguín a súa metodoloxía, con todo o material que tiña, elaborei unha cronoloxía sobre a vida e obra de Francisco Asorey que me axudou moito para a redacción do traballo que estou a piques de rematar.
E vou acabando, co fermoso poema que lle dedica o seu amigo Emilio Ínsua. Faille caso a Luís, Emilio. Deixa o ensaio e dedícate máis á poesía, ti eres un vate, un deses poucos elixidos que tocan os deuses coa súa variña. Emilio leu este sentido poema no enterro do noso amigo.
LUCES QUE FULGURAN
Para Luís Rei, amigo, camarada, irmán
Agárdanos a todos o día
en que debamos converternos
en luces que fulguran na néboa,
soas,
coa única ilusión de orientar as travesías,
dende lonxe,
daqueles que han ser carne da nosa carne
pola historia fóra.
O tempo vainos convidando, andar de boi,
a nos perdermos polo ronsel de popa
- xa foron os días de aturar rexamente
en luces que fulguran na néboa,
soas,
coa única ilusión de orientar as travesías,
dende lonxe,
daqueles que han ser carne da nosa carne
pola historia fóra.
O tempo vainos convidando, andar de boi,
a nos perdermos polo ronsel de popa
- xa foron os días de aturar rexamente
bategadas, pantocadas, vendavais -
e as manobras van adoptando
un ar preludial de recalada ou desembarco.
e as manobras van adoptando
un ar preludial de recalada ou desembarco.
Contra a dureza cruel, porén,
deste destino que asexa inexorábel,
querendo convertelo todo en cinza,
érguense maxestosos e puros
tesouros labrados no decorrer dos días:
ansias convictas de exemplaridade,
desafiantes proclamas contra a submisión,
risos e bicos frescos apañados
nas bocas cálidas que máis quixemos,
traballos, loitas, sacrificios
que despregamos, ilusos e teimudos,
sobre un lenzol de entregas
en horas sen taxa
para darmos iluminado un algo
os escuros subterráneos
en que se extravía por veces a vida
ou para desvelarmos,
intrépidos, rebeldes e únicos,
teselas ata entón opacas da nosa identidade.
ou para desvelarmos,
intrépidos, rebeldes e únicos,
teselas ata entón opacas da nosa identidade.
E todo isto será o que quede,
concluso pero firme,
mentres camiñamos cara ao silencio repleto
sabéndonos rumor incensante
a borboriñar nos oídos do futuro,
candea ou farol perpetuo na néboa
en que han de se ver mergullados igualmente,
noite e vida adiante,
os argonautas que veñen
incesantes
atrás de nós.
Seguide as "luces que fulguran na néboa" e chegaredes seguro, ao porto do coñecemento: de vós mesmos e do que vos arrodea.
Deixo aquí un enlace ao artigo que Luís publicou neste blog no que debulla de vagar un fermoso poema de Cabanillas que fala curiosamente de frechas feridoras, dunha meniña e dunha nai que se vai... como se foi Luís.
Ningún comentario:
Publicar un comentario