martes, 15 de setembro de 2015

DIEGO DE ZÁRATE MURGA, I MARQUÉS DE MONTESACRO. Sindo Mosteiro


Estupendo artigo, con moitos datos inéditos que nos envía  Sindo Mosteiro. Debido á súa extensión repartirémolo en tres entradas diferentes, aquí vai a primeira. Fálase da vida do Marqués.


Diego de Zárate Murga naceu na vila de Salinas de Añana (Araba) o 28 de febreiro de 1666 e morrería no seu domicilio de Madrid no 1717. Os seus pais foron Diego de Zárate (nacido en Salinas de Añana, o 8/VIII/1632, “hijodalgo de Salinas de Añana” e Procurador xeral no 1695, fai testamento o 20 de decembro de 1699), e Ana de Murga (nacida en San Millán de la Cogolla o 6/VIII/1639). Casaron en San Millán de la Cogolla o 16/IV/1657. Despois de Diego, tiveron por fillos a Francisco, María e José.

Salinas de Añana, Álava/Araba. Foto Iñaki Linazasoro, 1979

Na súa vila de orixe xa acadara certa relevancia e logra o nomeamento de “Alcalde de la Hermandad por los Hijosdalgo de Salinas de Añana”no 1693. Chegaría incluso a fundar aquí un hospital con capelanía e unha preceptoría de gramática. Posteriormente aparece algunha noticia que fai pensar que xa andaba a buscar negocios en Galicia, pois no 1694 preitea sobre unha serie de bens do Casal de Moldes contra Juan Ignacio Padín Valladares, herdeiro do morgado de Quintáns. Mais el xa tiña posta a mirada nos asuntos da Corte e se aveciña en Madrid, buscando as alianzas doutros vascos e navarros que co tempo formarían, a imitación da congregación navarra, a “Congregación de Naturales y Originarios de las Tres Provincias Vascongadas establecida bajo la Advocación del Glorioso San Ignacio de Loyola”, un verdadeiro lobby vasco que presionaba en favor dos seus intereses nos organismos do Estado, fundada formalmente no 1715 e sendo o primeiro prefecto o marqués de Montesacro.

O seu domicilio madrileño semella foi unha casa arrendada ao Marqués del Carpio, que aínda no 1727 habitaba o seu herdeiro e irmán José, quen xa figura como veciño de Madrid nun preito de 1723 contra o marqués de Tosos, embargándolle bens e lugares, e outro de 1725. Pero non tardaría este segundo marqués en trasladar o seu domicilio a Compostela coa súa familia (a muller María Josefa Luyando Barrón, e as súas fillas Francisca, Rosalía e Josefa, casada en Compostela co marqués del Arco no 2 de xaneiro de 1732), constando a construción dunha nova casa na rúa do Vilar baixo a dirección do mestre de obras Xosé de Seixas, tal e como indica o seu testamento de 1740 e o inventario dos seus bens de 1744. Aínda así, no 1745 figura unha casa ao seu nome en Madrid, na rúa da Concepción, onde ocupaba o baixo a Libraría de Miguel Ximénez.


Madrid, praza da “Cebada” e rúa da “Concepción”. Gravado de Pieter van der Aa, 1707.

A orixe da riqueza de Diego de Zárate e do seu entorno está no século XVII, tras o afundimento das redes comerciais castelás e unha fonda crise económica que aproveitaron os portos comerciais do mar Cantábrico. A autoridade real merma máis a cada volta e a prata chega cada día menos a Sevilla. Establécense entón unhas redes comerciais potentes desde o Norte aproveitando sobre todo o porto de Bilbao, desde onde se vai controlar a exportación da lá castelá e o ferro vasco.  Desenvólvense os estaleiros e moitos armadores desa área se apuntan á construción de grandes naves para a Mariña e a Flota de Indias. A segunda metade do século XVII é de acumulación de grandes riquezas para vascos, navarros e cántabros, establecendo redes e alianzas de intereses moi frutíferas. Toda esta liquidez será decisiva para entraren nos negocios do rei e a corte, sempre interesantes, xa no reinado de Carlos II. Entre este grupo está Diego de Zárate, e todos eles aproveitarán o seu momento definitivo, o grande salto adiante que supón a Guerra de Sucesión, apoiando decisivamente a Felipe V, o herdeiro lexítimo. Para o rei a situación era crítica e soubo agradecer con xenerosidade o apoio financeiro, o aprovisionamento do exército e a distribución e venda de cargos e honras que reportaban bos dividendos. Estes benfeitores do rei acaban recibindo altos cargos no goberno, son asentistas do exército e arrendan as rendas reais. As redes clientelares trasládanse de xeito masivo agora a Madrid e ás oportunidades indianas. De feito, as casas comerciais procedentes de Navarra, País Vasco e Cantabria supuxeron case o 80% do total do gran comercio madrileño e máis do 50% dos banqueiros desde mediados do século XVIII a mediados da seguinte centuria. O “capo dei capi” de toda esta trama semella que foi Juan de Goyeneche y Gastón, que controlaba todo o que pasaba nas finanzas da Corte. A maior parte deles acabaría atopando o que buscaba, mellorar considerablemente a súa economía e acadar unha elevación no escalafón social derivados das relacións privilexiadas.

 A relación co rei

 “Philippe V. Roy d’Espagne”. Gravado da Guerra de Sucesión, 1704.

Diego de Zárate foi secretario real no final do reinado de Carlos II e tamén sería “Gentilhombre de la Cámara de su Majestad” e membro do Consello de Facenda co seu sucesor Felipe V. Co tempo vaise converter en asentista e prestamista da coroa, así como un destacado comerciante coas Indias; é un caso de nobreza recente e ornamental, asentada nas rendas de propiedade e non no poder xurisdicional, orixinada nos servizos pecuniarios á Coroa. No 1705 xa ten unha posición importante como home de negocios coa plena confianza do rei. Este, no medio dunha situación dos seus estados bastante crítica nese ano, decide reorganizar o sistema de actividades económicas e convoca unha Xunta para o restablecemento do comercio, do que entra a formar parte Diego de Zárate, e aquí é onde se ofrece para adiantar os cartos con que afrontar os convois que partían ás Indias no ano 1706. Na súa intervención propón despachar polos seus medios, e trimestralmente, un barco a Portobelo e outro a Veracruz, levando e traendo correo oficial e de particulares, reservándose o control do comercio de bens que ían e viñan nos barcos. Isto rompía o monopolio andaluz de séculos, porque se permitía a carga e descarga na costa vasca. O asento de Montesacro é aprobado en 1707 a pesar da oposición andaluza, pero as operacións resultaron de dubidoso rendemento, co que renuncia ao pouco ante a necesidade de liquidez desorbitada e o enorme risco da empresa. En atención aos servizos que fixo ao rei é distinguido con sucesivas titulacións, a previa de vizconde de Vite mediante un decreto executivo do 5 de novembro de 1706 (polos “servicios que le había hecho”), e definitivamente, o 14 de marzo de 1707, nun despacho de nomeamento, o título de marqués de Montesacro. En paralelo vai ter acceso á concesión do hábito de Cabaleiro da Orde de Santiago nese 1706. Posteriormente, nun decreto de 11 de abril de 1708, exímese a perpetuidade do pago de servizo de lanzas e media annata “en consideración a los servicios que me ha hecho el marqués de Montesacro para las urgencias de la presente guerra en diferentes préstamos sin conduzión ni intereses y que es justo hazerle merced correspondiente a esta utilidad (...) por el beneficio que ha resultado a las mismas urgencias”. A exención destes dous impostos resultaba un monto apreciable, xa que o servizo de lanzas era unha contribución en metálico que substituíra á obriga dos nobres da coroa de Castela de aportar lanzas (tropas) para as necesidades do rei desde 1631, mentres que o de Media annata gravaba os nomeamentos para empregos públicos retribuídos ou mercedes, pagadoiro cando xa se acadara ese emprego.

O acceso á nobreza


Para acceder ao título nobiliario era imprescindible ser señor con vasalos, polo que buscou negociar este asunto e solicita á comunidade do mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela que se lle afore unha das súas xurisdicións. Acordan o 25 de xaneiro de 1707 que o mosteiro, mediante licencias superiores, dar foro da xurisdición chamada do Monte Sacro coa freguesía de San Lourenzo da Granxa, da que non recibía beneficio de ningún tipo, a cambio dunha renda anual de oito reais de prata. Esta era colindante á outra xurisdición de Monte Sacro, coas freguesías de San Pedro de Sarandón e de Santa María de Lestedo, pertencentes á Mitra compostelá. O noso protagonista ve a oportunidade de utilizar a súa posición para un ennobrecemento progresivo en moi pouco tempo. Xa acadado o título desexado, e buscando a incorporación deste neófito entre a vella fidalguía compostelá, fai acto de presenza nun acto público de relevancia, xa que doa o novo palio para a nova igrexa de San Paio de Antealtares, que se estrea o 21 de maio de 1707 cunha procesión multitudinaria e pomposa, moi ao estilo compostelán, todo un acontecemento da vila arcebispal da época, onde se daba traslado ao Sacramento desde San Martiño Pinario á nova igrexa de San Paio, atravesando a catedral. O espectáculo estaba lucido polos xigantes, catro grupos de danzas, os tocadores de chirimías, as confrarías de oficios da cidade, as comunidades relixiosas do entorno, priores e abades invitados, militares dos acuartelamentos próximos, fogueteiros e moreas de persoas de a pé que demoraron varias horas en percorreren uns 200 metros. Aproveitouse a ocasión para a estrea do novo órgano da catedral doado polo arcebispo Monroi. 

Á pequena xurisdición de Monte Sacro incorpora no 1709 outras de certa relevancia adquiridas ao IV conde de Castronuevo, Martín de Guzmán Niño Enríquez de Soutomaior, unha serie de posesións dos seus antepasados procedentes do morgado establecido por Sueiro Gomes de Soutomaior na súa filla María no 1483, entre as que está a xurisdición de San Tomé do Mar, que incluía as vilas de San Tomé do Mar, Portonovo e couto de Usso da Torre, así como as freguesías de San Martiño e San Salvador de Meis, San Clemenzo de Sisán e San Miguel de Deiro, por aforamento da Encomenda de Pazos de Arenteiro da Soberana Orde Militar e Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, Rodas e Malta. Entre as adquisicións que fai o marqués que viñan dos tempos de Sueiro Gomes de Soutomaior está tamén a Torre da Ínsua de Vea ou de Cora, no concello da Estrada, e así foi do marquesado de Montesacro ata o 1852, en que se fai co seu dominio útil Francisco Touceda, tras un ano de fame no que os veciños non puideron pagar a renda ao marqués e este Touceda faise cos tres ferrados de posesión coas ruínas da torre (segundo algúns autores, xa que o arcebispo foi recuperando gran parte do que tiña aforado aos Soutomaior xa no século XVI, destacando a casa principal de Lantañón). A vella torre fora destruída na Segunda Guerra Irmandiña e xa estaba reconstruída no 1470, pois o mariscal fai preito de homenaxe ante o arcebispo Alonso de Fonseca por medio de Estevo de Xunqueiras. Posteriormente déixaa en herdanza á filla María de Mendoza dentro do morgado que indicaba as tres casas-fortaleza  principais de Lantañón, Rianxo e Ínsoa de Vea, no 1485. En relación con este lugar hai que facer notar o comportamento detestable de Sueiro Gomes de Soutomaior coas súas prácticas do máis puro estilo mafioso, xa que lle servía para o secuestro, a extorsión e a tortura de camiñantes e mercaderes daquela parte, para o que utilizaba sicarios, dos que se fixo famoso un matón negro que debía de impresionar moito (seria algo así como un Mike Tysson do momento) e que torturaba á xente levándoa ao extremo do afogamento no río Ulla, tal e como indican testemuñas no famoso preito Tabera-Fonseca. 

Os negocios

Por real decreto de 21 de novembro de 1706, Filipe V embargou os oficios de natureza fiscal e as súas rendas, incluído o correo maior, que viña sendo arrendado desde 1518, nos tempos de Carlos I, á familia Tasis de xeito exclusivo. No 23 de xullo de 1707 Zárate asina un asento polo que se fai cargo de todas as estafetas e carreiras de postas dos reinos e territorios de Filipe V durante 4 anos, arrendando en 1.800.000 reais -120.000 escudos cada ano-, entrando en vigor o 10 de setembro, aínda que se desestima antes dun ano. O cargo denominábase como “Director General de las Estafetas y Postas de España, Italia, Flandes y paquebotes para las Indias”, tal e como indica nun memorial que envía ao rei o 2 de febreiro de 1708, de resultas do que quedan rescindidas algunhas obrigas o 24 dese mes. Probablemente tería aquí certo quebranto económico, pois acode ao Monte de Piedad madrileño en busca de liquidez, concretamente 750 reais, no 27 de abril de 1708. Traspásase ao asentista navarro Juan Francisco Goyeneche Irigoyen, marqués de Ugena. Mentres estivo enaxenado este servizo –que incluía, ademais do correo privado, letras de cambio e efectos de comercio, así como ordes do rei, valixas diplomáticas e partidas de cartos da administración- en mans do lobby vasco-navarro, producíronse moitos abusos e non será até o 1716 cando se asuma directamente polo Estado, nomeando un administrador que, casualmente, procedía dese grupo de presión. No arrendamento dos correos, Zárate estaba asociado con Huberto Huybrecht, holandés nacionalizado español no 1700 e dedicado aos negocios como, entre outros, o asento de rendas reais das salinas en Galicia e Asturias e o de subministros ao exército, que xa no 1661 contaba con casa mercantil aberta en Bilbao a nome de David e no 1685 do mesmo Huberto, acusado de contrabando de prata no 1692, e coa nova situación política trasladado a Madrid (tiña que ser boa peza este socio). Entre outros negocios que emprendeu, podemos citar un pago de 60.000 reais para que se despache cédula de indulto a un navío no 1709 ou unha doazón ás arcas do Estado de 300.000 reais con algún fin que descoñecemos, no 1710. No 1711 actúa como aboador de Mateo Pablo Díaz Lavandero –o que sería despois, no 1732, marqués de Torrenueva- no asento de aprovisionamento de pan e orxo ás prazas de Andalucía. No 1712 consta que entrega 1.500 doblóns por unha negociación segreda. No 1713 (petición de licenza do 9 de febreiro) paga 1.000 pesos para exercer o correxemento de Quito, un cargo subrogado que lle pertencía a José de Echarri, marqués de Salinas, desde 1711, xa que se atopaba incapacitado para exercer esta función (posteriormente é prorrogado no 1719 ao seu nome en 1.600 pesos mediante provisión por vía executiva, aínda que supoño que sería realmente o seu irmán José o que se faga cargo). No 1714 firma outro asento para enviar tres navíos e un patache a Honduras con mercadoría. Tamén consta como intermediario na venda do navío Hermione, tamén chamado San Francisco Xabier, construído en Brest en 1702, adquirido para a Armada Española no 1716. Era unha fragata de dúas pontes con 52 canóns, que participou en varias accións de guerra e protexendo convois de mercantes. Destácase a participación no intento fracasado de desembarco en Escocia para apoiar ás tropas de James Stuart, pretendente ao trono escocés, no 1719. Deuse de baixa na Armada no 1724. 

“Plaza Mayor de Quito”. Anónimo ca. 1790
 (á dereita “Palacio de la Real Audiencia”, sé do correxedor).

Unha das empresas máis importantes do marqués foi a compra dun gran navío para comerciar coas Indias. Fora construído en Tolon por François Coulomb en 1703 co nome de “Toulousse”, armado con arredor de 60 canóns. Afundiríase no 1707 mais é reflotado inmediatamente. Durante a Guerra de Sucesión, no 2 de decembro de 1711, é capturado polos británicos, que modifican o nome, pasando a se denominar “Thoulousse”, sen que chegue a participar nos servizos da Armada, xa que no 1712 é vendido ao marqués de Montesacro, que o volve bautizar co nome de “San Felipe y Santiago”, indicando que se lle chamaba vulgarmente “La Tolosa”e que desprazaba 700 toneladas e armaba 52 canóns. Aproveita a suspensión de armas dese ano e a ausencia dos ingleses, pois o rei daquela outorga asentos de rexistro a particulares para retomaren o comercio de ultramar, a falla de flotas de galeóns, sendo os primeiros que aproveitan a ocasión Antonio de Echeverz Zubiza, o marqués de Montesacro, o almirante Manuel López Pintado e algúns especuladores máis. Ese mesmo ano alístase unha flota en Cádiz. En canto a este navío, fixo ruta cara Honduras e Caracas no decembro de 1714. En xuño de 1717 parte xunto co “Nuestra Señora de Aránzazu” cara Veracruz, e desde Honduras regresa a Cádiz en decembro dese ano. No 1718 é mercado pola Armada Española, participando en accións de guerra e outros servizos. A súa última viaxe foi desde Cádiz o 13 de xullo de 1724, cunha carga de mercurio de Almadén fundamentalmente, xunto co “Nuestra Señora de Guadalupe”. Ambos barcos serían afundidos por un temporal, chegando a Santo Domingo, o 24 de agosto. Co paso dos anos, a súa escavación constituiría un fito na arqueoloxía submariña. 

Plano da escavación subacuática da “Flota del Azogue”, 1994-96.

Este afundimento provoca unha grave crise en España pola imposibilidade de extracción de ouro e acuñación de moeda, pois o mercurio era imprescindible e non había outro abastecemento alternativo. A empresa de Montesacro non foi como agardaba, quizais por un exceso de ambición e audacia, pois o asento, autorizado no 1714, pretendía despachar dous buques no ano a Honduras e outro a Caracas, portando tamén cacao de Venezuela a Veracruz, coa obriga de levaren veedores que controlasen o posible contrabando e fraude. Foi esta a primeira compañía mercantil por accións en territorio hispano e un dos accionistas resultaba ser o mesmo rei. A empresa foi torpedeada desde o Consulado de Cádiz, a Universidade de Mareantes de Sevilla e o Consello de Indias, así como as autoridades indianas, xa que o comercio do cacao con Nueva España era, e volvería ser, monopolio de facto dos venezolanos. A expedición chegou ao porto de La Guaira a finais de 1714 e as mercadorías foron embargadas polas autoridades do lugar, queixándose o marqués ao rei de que a verdadeira razón dese embargo arbitrario era que querían protexer como fose o seu comercio irregular, especialmente o que se derivaba da produción de augardente destilado da cana dóce (ron). Pasaría algo semellante coa Compañía de Galicia no 1721 que pretendía dar saída aos produtos galegos manufacturados e de transformación cara ás Indias.

                                                                        A sepultura

 
San Domingos de Pontevedra. Foto Francisco Zagala, 1903.
 Nos últimos anos da súa vida, quizais prevendo a súa desaparición á penas superados os 50 anos, prestará atención a outra das adquisicións que viñan no paquete dos Soutomaior, o padroado da capela de San Tomé e Santo André do convento dominico de Pontevedra. Manda facer unha peritaxe que se realiza os días 11 e 12 de xaneiro de 1715, recoñecendo as tumbas dos seus antecesores na xurisdición de San Tomé do Mar. Están presentes o canteiro Brais de Cacabelos, Gomes Varela e Xosé Mariño de Lobeira, xunto co apoderado do marqués, Francisco Antonio Vélez. Probablemente ven que o lugar non era axeitado para a súa tumba, pois xa estaba repleto cos monumentos sepulcrais do fundador, Diego Álvarez de Soutomaior, o seu fillo Paio Álvarez de Soutomaior, María Álvarez Gomes Chariño, Xoán Fernández de Soutomaior e Sueiro Gomes de Soutomaior. Tamén indican que naquela altura a torre e casa de San Tomé do Mar tiña na fachada o escudo idéntico aos dunha lauda sepulcral hoxe desaparecida, desde 1867, coas armas dos Soutomaior, seguramente de Diego Gomes de Soutomaior, realizado entre 1425 e 1435. Pero a propiedade e padroado da capela non estaba clara e o convento dominico é denunciado por Xoán de Romai Soutomaior, que reclama a posesión, mediante preito que se inicia no 1714 e se remata, cos dous protagonistas xa mortos, no 1719. Había que buscar outro lugar e pon os ollos en Compostela. A Venerable Orde Terceira Franciscana, que xa estaba presente nesa vila desde tempo atrás, decide comprar un terreo aos frades á beira do convento franciscano no 1662, construíndo unha primeira capela de pequeno tamaño encargada a Andrés de Castro. No 1671 contan coa primeira fundación de misas perpetuas e os ingresos permiten erguer o retábulo. Rapidamente queda pequena pola grande actividade e prestixio da VOT e, xa no 1676, fan acopio de fondos e chaman a Domingo de Andrade e Diego de Romai, membros da orde, para trazaren a obra da súa igrexa, que se inicia no 1681 baixo direción do segundo ao principio e do primeiro máis tarde. Os cartos chegan moi amodo para unha igrexa onde se querían enterrar, sobre todo, artistas e non se pode rematar, máis ou menos, ata 25 anos despois, no 1706, sendo ampliada no 1708 e no 1715-19 para ergueren o coro, a sancristía e aínda máis tarde para un novo edificio anexo como remate. O retábulo maior lévao a cabo Miguel de Romai desde 1711. Os retábulos colaterais fannos Manuel de Leis e Francisco das Moas no 1737-38 seguindo as trazas de Simón Rodríguez, pero orixinalmente había un acordo polo que Diego de Zárate se compromete a pagar o retábulo colateral do evanxelio en 5.000 reais, segundo o Libro de Contas da VOT. No Libro de Xuntas da VOT infórmase no 1715 do acordo definitivo polo que o compromiso era pagar a construción e dourado do retábulo que incluía o escudo do marqués, reservando un lugar ao seu pé para a súa tumba e outro inmediato para a súa familia, ambas tamén co seu escudo, nun prezo de 200 doblóns, pero no ano seguinte xa están en preitos ambas partes. O caso é  que ese retábulo queda sen facer polo momento e a tumba do marqués é colocada nun nicho sepulcral inmediato ao presbiterio, acompañado por outras dúas tumbas sinxelas da familia. Quizais a prematura morte do noso protagonista desbaratase os plans. Consta que Fernando de Casas traballa no 1715 nas obras da sancristía para a VOT, co que ben podería ser o autor da tumba do marqués, atendendo ao seu estilo, aínda que esta traza tamén podía estar feita pola man de Simón Rodríguez. 

Monumento funerario de Diego de Zárate na capela da VOT en Compostela. Foto Maribel Iglesias, 2015.
 

En canto ao monumento funerario do Marqués de Monte Sacro, que recentemente coñecín grazas ao traballo incansable de Maribel Iglesias Baldonedo, o máis sorprendente é comprobar o diferente que é o estilo desta peza en relación coa parafernalia decorativa do seu pazo en San Tomé do Mar. Eu diría que son dúas testemuñas moi claras das dúas liñas que seguiran os discípulos de maior sona de Domingo de Andrade na primeira metade do século XVIII: Fernando de Casas Novoa e máis Simón Rodríguez. A súa casa cambadesa é quizais unha obra trazada por Simón Rodríguez ou algún seguidor, cos seus característicos pináculos e decoración xeométrica de placas recortadas. No caso deste monumento funerario parece estar máis na liña de Casas Novoa, seguramente menos innovadora, pero nunha busca constante de equilibrio entre a xa clásica decoración vexetal, con uso de sartas de froitas no remate inferior e volutas orgánicas e carnosas no medio dos acantos e similares (que tan ben desenvolvera Domingo de Andrade) e novos elementos xeométricos, como esas volutas quebradas moi perfiladas, deitadas entre o escudo e a propia tumba, que non se perturban entre eles. O conxunto articúlase co leito moi simple, cunha cartela no frontal onde un marco moldurado con orelleiras, moi plano, inclúe no seu interior a inscrición que presenta ao defunto:  “Este nicho es de Don Diego de Zárate i Murga i de sus herederos. Cavallero del horden de Santiago, Marqués de Monte Sacro, Gentilhombre de la Cámara de su Magestad, de su Consejo de Azienda, Señor de las Villas y Jurisdeciones de Santo Tomé do Mar y de la de Portonobo y Coto de Usso de A Torre”. Sobre a habitual tampa troncopiramidal sitúase todo o repertorio decorativo, cun pé moldurado de base que porta unha placa recortada, sobre a que se labra o escudo ovoidal e cuartelado coas armas de Murga e Zárate, sobre a cruz que alude á condición de Cabaleiro de Santiago. Remátase con coroa de marqués e enmarca o escudo unha decoración vexetal sobre todo a base de acantos e volutas, ademais de dous colgantes de restas de froitas e follato. Tamén teñen interese eses putti tan ben mantidos da pintura mural, co pano na man nun xesto de lamentación e portando símbolos referidos á morte: a caveira como reflexión ante a condición mortal do ser humano e a trompeta como anuncio final que portan os anxos tubicinantes da Apocalipse, sobre un fondo decorativo de acantos carnosos. Esta pintura podería  andar na onda do taller de García de Bouzas, o principal pintor compostelán do momento. Este monumento funerario seguramente foi mandado facer polo II Marqués de Montesacro, o irmán do fundador, José, pouco despois da morte de Diego de Zárate, no 1717, acontecida en Madrid, onde tiña a súa residencia e centro de operacións. Este testara o 24 de agosto dese ano, dando instrucións para a fundación de dous morgados: un coas posesións galegas en favor do seu irmán José e outro coas vascas e rioxanas en favor da súa irmá Josefa, determinando que nunca poderían estar unidos ambos vínculos. A escritura de fundación definitiva dos morgados é de 16 de xuño de 1720. Esta decisión irá provocar no futuro unha grave crise familiar que altera a sucesión, con sucesivas sentencias, entre 1850 e 1863.

4 comentarios:

  1. ¡Enhorabuena! por un trabajo tan completo y tan profesional. Este personaje es absolutamente desconocido en su patria chica: Salinas de Añana, y menos chica: Alava
    Yo he rastreado desde Vitoria cuanto he podido pero, pálido reflejo de lo que has llegado a realizar desde Galicia.
    Juan Vidal-Abarca, corresondiente en Alava de la Real Academia de la Historia

    ResponderEliminar
  2. Muy interesante el trabajo biográfico. Yo me encuentro también estudiando la figura del I marqués de Montesacro, especialmente en lo que respecta al periodo que ejerció como asentista del oficio correo mayor de España (1707-1711). Me gustaría saber si alguien conoce de la existencia de algún retrato del personaje y donde se encuentra.
    Un saludo. (David González)

    ResponderEliminar