Subo nesta entrada o artigo que preparei xunto a unhas alumnas miñas sobre a historia da Torre de San Sadurniño. Presenteino como comunicación ao encontro CAMBADOS NA HISTORIA que fixo en Cambados no Museo do Viño en colaboración coa UIMP os días 26 e 27 de xullo.
A TORRE DE SAN SADURNIÑO,
MOITAS PREGUNTAS E ALGUNHA RESPOSTA.
Mariña Busto Iglesias
Uxía Casais Fernández
Sara Falcón Fariña
Maribel Iglesias Baldonedo
Alba Rodríguez Aragunde
Fragmento do
mapa da xurisdicción de “Dozo da Torre”, s. XVII
VILLA
DE CAMBADOS , SAN THOME Y FAFIÑANES
“Destas villas la primera que se fundó fue San Tomé do Mar que es una
islilla questá cercada de agua y quando devala queda en seco pero muy mojado y
para poder entrar desde tierra a esta islilla hay una calçada de piedra gruesa,
que será de alto como dos varas, y quando hay fortuna, la suele cubrir el mar y
aun pasar un barco por encima. Esta isla se llama la Isla Vieja. Tiene una
hermita que se llama San Tomé y también hay otro sancto que llaman San
Saturnino. Tiene esta islilla una casa fuerte que por los dos lienços le rodea
el mar .Dicen la fundó Pedro Pardo, el mariscal, questá enterrado en Sancto
Domingo de Pontevedra, en la capilla que ahora es San Jacinto. Esta islilla
tiene diez y siete vecinos y son pobres. Solian ser ochenta. No hay en esta
islilla agua dulce.”
Jeronimo
del Hoyo, Canónigo y Visitador del Arzobispo de Santiago en el Asciprestazgo
del Salnés, año de 1607.
Partimos neste breve traballo destes dous documentos: un esquemático debuxo
conservado no Arquivo Histórico Universitario de Santiago, para marcar lindes de terras e xurisdición da
Casa de Dozo da Torre (hoxe coñecida como Ouso da Torre) e o relato do que ve o
Coengo Jerónimo del Hoyo na súa visita ao Arciprestado do Salnés en 1607. Ambos
documentos son en exceso esquemáticos e conteñen seguramente erros, pero son,
que saibamos, os únicos que existen que nos falen con certo detalle do obxecto
do noso estudo: A Torre de S. Sadurniño.
Comparemos mapa e texto, que deben corresponder a un arco de tempo similar
pero extenso, o s. XVII. Di o Coengo que o asentamento no illote de S.
Sadurniño é seguramente o primeiro das tres vilas históricas que hoxe
constitúen Cambados. Este illote proporcionaba defensa e protección á primitiva
poboación, en tempos tan inseguros como a alta idade media, sometida primeiro
ao ataque de pobos xermanos que se
asentaron no territorio e logo a piratas vikingos ou normandos e tamén
sarracenos (musulmáns) que saquearon as costas peninsulares durante varios
séculos. De aí que ao ser o primeiro asentamento acabase chamándose, Vila
Vella, ou “Villa Vieja”, tal como se ve no mapa: “Torre y cerca de Villa Vieja”,
“Villa Vieja con mar alrededor”, “Entrada y salida de Villa Vieja”. Comenta
tamén Jerónimo del Hoyo que había unha calzada empedrada que cando a marea está
baixa (cando “devala”) pódese cruzar. Di tamén que ten unha ermida adicada a
Santo Tomé e a S. Sadurniño, que darán nome posteriormente á illa e á Vila de
Santo Tomé do mar. O debuxo parece que corrobora a afirmación de Del Hoyo
porque aparece unha edificación anexa á Torre. E o historiador cambadés José
Caamaño Bournacell comenta no seu libro “Cambados a la luz de la historia” de
1933, que nese ano aínda era posible ver os alicerces desta primitiva ermida.
Logo fala o coengo que esta illa ten unha “casa fuerte que por los dos lienços
le rodea el mar . Dicen la fundó Pedro Pardo, el mariscal”, e aí atopamos un
primeiro erro no documento porque seguramente Del Hoyo confunde ao mariscal
Pedro Pardo de Cela que nada ten que ver con esta Torre, co tamén mariscal
Sueiro Gomes de Soutomaior, contemporáneo do anterior, herdeiro da fortaleza de
Lantaño e señor de Santo Tomé do Mar nos anos en que a Torre seguramente foi destruída
polas Revoltas Irmandiñas de 1467.
E imos coas preguntas:
- Cando e por que se fixo a Torre de San Sadurniño?