martes, 11 de agosto de 2015

A Luís Rei. In Memoriam



Por motivos que non veñen ao caso comentar agora, os meus estados anímicos parecen a miúdo un dragón chino, con baixadas e subidas, ás veces subidas moi altas e outras veces baixadas moi fondas. Na primavera pasada estaba eu nunha desas baixadas e púxose en contacto comigo Antón Mascato, para que lle fixera chegar un texto con motivo da edición dun libro de homenaxe a Luís Rei. Malia que o intentei moitos días, non conseguía que saíse  nada decente.O último día en que remataba o prazo para levar os textos á imprenta, Antón púxose de novo en contacto comigo, díxenlle que non tiña nada que se poidese publicar. Insistiu. Que fixera algo, que a Luís habíalle de gustar, e con este empurrón, ás presas, sen moita reflexión, saíron unhas cantas liñas das que non estou precisamente orgullosa, pero que hoxe alédome de que formaran parte dese libro homenaxe.

Hoxe o dragón ise do que falei está de subida, así que vou intentar escribir algo máis. Coñecín a Luís na antiga casa de cultura que estaba na rúa Nova, nunha desas localizacións itinerantes que tivo a biblioteca cambadesa. Fun preguntar por libros sobre a historia de Cambados, e fun a bo sitio. Luís doume todo o que había de Caamaño Bournacell, cronista oficial da vila. Daquela Luís xa sabía que para estudar a historia de Cambados hai que ler primeiro a Caamaño, para logo darse de conta de que aquiles textos teñen máis de novela que de libros de historia. Ou quizais non, xa dixo Raymond Carr - gran historiador- que non entendía porque a historia resultaba tan aburrida, se era todo invención. Por Luís coñecín tamén a outro historiador cambadés, máis humilde que Caamaño, Xaquín Sánchez Peña, bo amigo de Cabanillas a quen lle dou un fermoso libro manuscrito sobre a Historia de Cambados que é outro documento imprescindible para adentrarse na historia desta vila. Por entón xa Luís me inoculara o interese pola historia cambadesa e decidín meter no asunto aos meus alumnos e alumnas e a uns cantos compañeiros e compañeiras que se deixaron liar. O alumnado removeu Roma con Santiago, acribillaron a Luís na biblioteca, a onde acudían para resolver as preguntas que eu lles suxería e Luís saía do paso como podía ás veces maino e ás veces con ese xenio seu que coñecen ben os que algunha vez foron "estudar" á biblioteca. Da experiencia saíron uns traballos magníficos e un fermoso libro do que estou moi orgullosa porque o escribiron case integramente os alumnos e alumnas: "Cambados, cen anos de historia a través da fotografía". Luís fíxome entender a importancia da historia local, estudar o particular para achegarse ao universal. Na torre-miradoiro do Pazo de Fefiñáns hai unha inscrición que empeza así: "Conócete a ti mismo...", frase atribuída a un filósofo grego, ese que só sabía que non sabía nada. Esa sinxela frase encerra máis sabiduría que unha enciclopedia enteira . Eu interprétoa tanto no que se refire á dimensión ética e  moral: coñécete a ti mesmo, sé consciente das túas virtudes e as túas limitacións e non intentes nunca, nunca,  ser o que non eres, porque diso derívanse grandes males. Como tamén no que se refire á busca do coñecemento. Os misterios do universo están dentro de nós, só temos que mirar cara adentro e atoparemos o sentido do mundo e da nosa propia vida. O particular e o universal que diciamos.

Por Luís cheguei tamén a Ramón Cabanillas, excelso poeta do que dicía que "Os de Cambados non saben o grande que foi". Jose Vaamonde escribiu no libro-homenaxe do que falei "que tiña que vir un do Ghrove" a dicirnos o grande que foi Cabanillas. Os de Cambados quizais non saiban (aínda) o grande que foi Luís Rei.  Tanto me interesou Cabanillas que decidín facer unha fotobiografía do poeta, e para buscar material, fun, como non, á biblioteca, a xunto Luís. Estaba o noso amigo a piques de rematar a súa excelente biografía do poeta, e chego eu alí a pedirlle material. Miroume sorprendido e díxome, vamos tomar un café. Tiven sorte de que saíse o seu lado maino e non o xeniudo, porque senón houbérame botado de alí, non o fixo e en troques pasoume unha "Cronoloxía da vida e obra de Ramón Cabanillas" que condensaba en máis de cen páxinas, vinte anos de traballo sobre a vida do poeta. Grazas a ese material a miña fotobiografía saiu a flote.

E por Cabanillas cheguei a Francisco Asorey, está vez fíxeno eu soa, a Luís non lle caía ben. E seguín a súa metodoloxía, con todo o material que tiña, elaborei unha cronoloxía sobre a vida e obra de Francisco Asorey que me axudou moito para a redacción do traballo que estou a piques de rematar.

E vou acabando, co fermoso poema que lle dedica o seu amigo Emilio Ínsua. Faille caso a Luís, Emilio. Deixa o ensaio e dedícate máis á poesía, ti eres un vate, un deses poucos elixidos que tocan os deuses coa súa variña. Emilio leu este sentido poema no enterro do noso amigo.




LUCES QUE FULGURAN


Para Luís Rei, amigo, camarada, irmán


Agárdanos a todos o día
en que debamos converternos

en luces que fulguran na néboa,

soas,

coa única ilusión de orientar as travesías,

dende lonxe,

daqueles que han ser carne da nosa carne

pola historia fóra.


O tempo vainos convidando, andar de boi,

a nos perdermos polo ronsel de popa

- xa foron os días de aturar rexamente
bategadas, pantocadas, vendavais -

e as manobras van adoptando

un ar preludial de recalada ou desembarco.


Contra a dureza cruel, porén,

deste destino que asexa inexorábel,

querendo convertelo todo en cinza,

érguense maxestosos e puros

tesouros labrados no decorrer dos días:

ansias convictas de exemplaridade,

desafiantes proclamas contra a submisión,

risos e bicos frescos apañados

nas bocas cálidas que máis quixemos,

traballos, loitas, sacrificios

que despregamos, ilusos e teimudos,

sobre un lenzol de entregas

en horas sen taxa

para darmos iluminado un algo

os escuros subterráneos
en que se extravía por veces a vida

ou para desvelarmos,

intrépidos, rebeldes e únicos,

teselas ata entón opacas da nosa identidade.


E todo isto será o que quede,

concluso pero firme,

mentres camiñamos cara ao silencio repleto

sabéndonos rumor incensante

a borboriñar nos oídos do futuro,

candea ou farol perpetuo na néboa

en que han de se ver mergullados igualmente,

noite e vida adiante,

os argonautas que veñen

incesantes

atrás de nós.



Seguide as "luces que fulguran na néboa" e chegaredes seguro, ao porto do coñecemento: de vós mesmos e do que vos arrodea.







Deixo aquí un enlace ao artigo que Luís publicou neste blog no que debulla  de vagar un fermoso poema de Cabanillas que fala curiosamente de frechas feridoras, dunha meniña e dunha nai que se vai... como se foi Luís.

venres, 24 de xullo de 2015

TORRE DE SAN SADURNIÑO, NOVAS HIPÓTESES

Tiven ocasión de asistir estes días no Pazo de Vista Real de Vilanova, a un curso da Universidade de Santiago (USC) dirixido polas profesoras da USC Marta Cendón e Dolores Barral e a doctoranda Alicia Padín. O curso resultou moi interesante e aclaroume algunhas dúbidas que tiña, polo que podo retomar o tema da orixe da Torre que tratei noutras entradas e aportar novos datos e novas hipóteses que pode que se acheguen un pouco máis á realidade.


 Basicamente hai dúas teorías en torno a orixe da torre:

1ª Hipótese: Que foi construída na alta idade media, s. X aprox. formando parte da estrutura defensiva que os bispos composteláns ( como Cresconio ou Sisnando) crearon na Ría de Arousa para defender a cidade de Santiago da entrada de piratas, primeiro vikingos ou normandos e logo tamén musulmáns ou sarracenos,  que pretendían chegar a Santiago e saquear a cidade e levar con eles os ricos tesouros que alí había, froito das numerosas rendas e doazóns que o rei, nobres e peregrinos en xeral facían. A función da torre sería de alarma e vixía que avisaría mediante fumes, da chegada de naves piratas que outras torres verían (Cálogo, Torres de Oeste...) e poñerían en alarma a Santiago e a toda a comarca. Hai quen dubida deste feito, por exemplo que se fose capaz de ver os fumes dunhas torres a outras, bastante distanciadas entre si, pero eu persoalmente penso,  e despois de visitar co arqueólogo Vicente Caramés (dentro do programa deste curso), que dende o excelente mirador de Lobeira, no que existiu unha fortaleza que dominaba  toda a comarca, era perfectamente visible calquer sinal de alarma.

O tema das torres ardendo e dando a alarma serían algo parecido a isto:




Datos en contra desta hipótese: A) que a Torre de S. Sadurniño non aparece mencionada en ningún documento altomedieval, como si aparecen outras. B) Que a apariencia constuctiva da torre non se asemella a outras torres máis antigas como serían a da Lanzada ou as de Oeste en Catoira.

2ª Hipótese: Que foi construída máis tardiamente no s. XV baixo patrocinio dos Soutomaior que tiñan nese momento o señorío de Santo Tomé do Mar. Datos en favor desta hipótese:

- A) As trazas constructivas (tipo de muros, decoración...) da torre, asemélllanse máis ás construccións de fins da Idade Media (baixa Idade Media). Xa aportamos neste blog unha comparativa entre unha moldura decorativa que aparece na cima da torre, e na que pouca xente repara porque está na parte exterior da torre, que só se ve dende o mar. Esta moldura decorativa é prácticamente idéntica á da torre da Igrexa de Sta Mariña que efectivamente foi construída no s. XV.


B) Os datos arqueolóxicos de que se dispón ata agora (a falta dunha excavación máis completa) din que existe un  nivel inferior de ocupación castrexa con abundante cerámica, ou sexa que se confirma que no illote houbo un castro arredor do s. IV ac. e dende ese estrato castrexo non aparece nada significativo ata os ss. XV- XVI . Estes datos facilitounos o arqueólogo municipal Ángel Acuña no transcurso do desenvolvento do curso, advertindo que era unha cata parcial e que debe ser confirmada por unha excavación máis ampla.

C) Dispoñemos de varios documentos: un mapa de 1593, un texto referido a Santomé do visitador Jerónimo del Hoyo de 1607 e un texto aparecido na revista Galicia Diplomática en 1889 de Antonio de la Iglesia que tiña localizado Sindo Mosteiro. E tamén unha foto antiga da Torre.

O texto de Jerónimo del Hoyo xa se reproduciu neste blog noutras entradas e como o texto de Antonio de la Iglesia colle datos de Del Hoyo reproduciremos só o de De la Iglesia que di así:



(...) En la avanzada isla de la Vila Vella de San Tomé do Mar se conserva únicamente pero, en malísimo estado, la calzada que unía al continente, los arruinados paredones y una puerta de arco de la ermita, o de lo que fue un tiempo su iglesia parroquial, de 75 pies de largo por 18 de ancho, y al Noroeste de la isla el llamado Picacho de San Tomé, que viene a ser el resto de la Torre de la Villa Vieja o sea de la Casa fuerte y palacio de D. Pedro Pardo el Mariscal, de D. Pedro de Sotomayor y de la Infanta doña Juana de Hungría. Quedan de este Pazo dos paredes de sillería de una torre o sea el ángulo Noroeste, besado por las blanquecinas y azuladas ondas del bello mar de Arosa. Lo demás del Pazo ha desaparecido. Por lo que de sus restos ha quedado, reconócese haber sido esta torre de tres cuerpos. Hállanse todavía por defuera al final del primero las ménsulas de las vigas, que podrían unir a la torre armaduras de techo de edificio más avanzado a la mar sobre aquellas peñas. En el segundo cuerpo de la torre se ve al interior la bonita construcción de la chimenea con arranque de ménsulas de menor a mayor en ambas paredes del ángulo plano; y próxima a la misma chimenea, en la pared del Norte, la ventana del arco que alumbraba la estancia. En el tercer cuerpo y exteriormente, la chimenea, que es cuadrada y en forma de torrecilla angular de Casa fuerte, se ve enriquecida por agraciado ornamento de pomas; y termina esta chimenea, de sillería como toda la torre, con su cornisilla y hermoso y esbelto remate a manera de pirámide, con una bola en el vértice, dando a conocer que la chimenea, mejor que de cocina, es parte de un calefactorio de regalada y confortable habitación o departamento de recreo de la Casa, que la mar acariciaba por ambos costados y cuyas preciosas vistas de mar y tierra desde allí no podían envidiar a ningunas otras del mundo. Y como las dos paredes del ángulo plano que restan de la torre han ido escalonadamente derruyéndose por la parte superior en lo alto por ambos costados, quedando la chimenea guardando el vértice de aquella pirámide, de aquí, por la forma o figura que afecta la ruina, el nombre de Picacho que le dan las gentes.
Hoy es respetado y querido este monumento por los marineros y pescadores de la ria, cuyo objeto les sirve de norte, guia y faro en dias de cerrazón y tempestad; y al infeliz pescador y marinero durará este servicio generoso mientras que la tromba de un cacique no se traslade a la isla de Vila Vella de San Tomé do Mar, con resolución de tragarse aquellos venerandos sillares y respetables molduras, como tantas otras cosas lleva engullidas el caciquismo en España".

Antonio de la Iglesia González, "Santa Mariña d'Ozo de Cambados", en Galicia Diplomática nº 7, 1889.

Datos que se sacan deste texto :

- Que existía unha calzada (moito antes da ponte actual que é moi recente) que unía a illa co continente, probablemente para facilitar o acceso con carros, esto xa o dixera Del Hoyo.

- Que existía unha ermida que foi igrexa parroquial (aporta incluso as medidas, estaría algo en pé cando el escribe?)  que Del Hoyo dixera que estaba dedicada a San Tomé e a San Sadurniño, que acabaron dando nome á illa e ao barrio. Se usamos o valor da medida do pé castelá: 0,27 mtrs, nos sae que as dimensións da igrexa serían 20,25 mtrs de largo  x 4,86 de ancho.

- Que a Torre pertenceu aos Soutomaior, e por tanto sería mandada construír por eles, anque fala dun  Pedro Pardo que ao igual que Del Hoyo penso que confunden con Sueiro Gómes de Soutomaior que tamén foi mariscal como o tal Pedro Pardo (de Cela?)

- Que a cheminea non tiña unha función de aviso e alarma, senón que era a cheminea dunha estancia dunha Torre-Pazo residencial. A Torre xa non tiña exclusivamente esa  función militar doutras torres da ría, dado que no s. XV os ataques vikingos desapareceran hai tempo e os musulmáns co avance da reconquista tiñan moita menos importancia.

- Fálase da ventana da estancia onde está a cheminea e dise: "ventana-arco", efectivamente esta ventana que agora é cadrada froito da última reconstrucción que se fixo, anteriormente tiña forma de arco e senón botade unha ollada a estas fotos:




 - Que a cheminea tiña un remate en pirámide coroado por unha bola no vértice tal como podemos ver nesta foto de Francisco Zagala, que se conserva no Museo de Pontevedra e que debe ser de finais do s. XIX, principios do XX.


 Finalmente o texto fai mención a unha práctica moi habitual entre "caciques" pero tamén entre a xente común de levar as pedras dos edificios en ruínas para facer as súas casas. Moitas casas de Santomé teñen probablemente pedras que foron desta casa forte de San Sadurniño. Como estas que aparecen aquí e que están nunha casa moi próxima á ponte que leva ao illote e que corresponden a uns canzorros ou "canecillos" (da ermida?):



- Temos un mapa de 1593 xa analizado neste blog noutra entrada no que se pode ver o illote de S. Sadurniño á dereita cunha torre e vivenda  anexa (ou será a ermida?), rodeada dunha cerca ou muralla. É posible ver tamén por detrás que había casas de veciños na mesma illa e fora dos muros da Torre-Pazo como conta tamén Jerónimo del Hoyo, que comenta que a este pequeno núcleo se lle chamou "Villa Vieja" por ser o máis antigo asentamento dos veciños de Santomé.



CONCLUSIÓNS: eu vou dar unha solución salomónica, ou tirar polo camiño do medio que se di, ao fin e ao cabo xa dicía Aristóteles algo así como que a virtude está no punto medio.

A miña hipótese é que algunha torre debeu haber na alta idade media, tendo en conta as necesidades de defensa desa época e sendo este illote un  lugar privilexiado con vistas á ría e de doada defensa militar polo seu carácter insular, como tamén o son a Lanzada ou o emprazamento das Torres do Este. Pero se efectivamente houbo esta torre, debeu ser de pouca entidade (como hai e había moitas outras por toda a ría, sen ir moi lonxe en Vilariño por exemplo) e este motivo explicaría por que non aparece citada en ninguha documentación altomedieval, nin baixomedieval, por exemplo cando os Irmadiños destrozan a maioría das fortalezas da zona.

A torre actual correspondería ao s. XV e sería probablemente feita por mandato de Sueiro Gómes de Soutomaior, O mariscal, señor de Santo Tomé do Mar e dono da fortaleza de Lantañón, fillo de Paio  Gómes de Soutomaior, embaixador do rei de Castela na corte do Gran Tamerlán e tataraneto de Paio Gómes Chariño, almirante, trovador e señor de Rianxo. Sueiro Gómes, O mariscal, deixa no seu testamento (de 1485) un marco de prata para adquirir un cáliz para a ermida de Santo Tomé (sería de recente construcción e ainda non estaba ben dotada?, outra hipótese que lanza Sindo Mosteiro). Mandaría construír Sueiro Gómes de Soutomaior esta Torre despois da revolta irmandiña de 1467-68 que destrozou o súa fortaleza de Lantañón? unha hipótese que lanzo eu.

Trátase dunha Torre-pazo con finalidade militar pero a estas alturas da idade media, tamén residencial. Un texto máis novelesco que histórico, do cronista cambadés José Caamaño Bournacell  dicía que na torre:

"Tuvieron lugar trágicas escenas y dramáticos amores: aquí se guareció la madre de Alfonso VII, Doña Urraca de Castilla, aquí esperó ansiosa la llegada de su amante Payo Gómez de Sotomayor, fugtivo en Francia, la infanta de Hungría, Doña María Gómez; aquí lloró su abandono Doña Juana de Castro, mujer por un día del rey D. Pedro y lloró también sus yerros Doña María de Ulloa en los últimos años de su vida" Cambados a la Luz de la Historia, 1933. 


 Fermoso gravado reproducido no libro de Manuel Murguía, Historia de Galicia, recollido do blog de Emilio Ínsua, por suxerencia de Sindo Mosteiro. 

Fixádevos que o enterramento de Sueiro Gómes de Soutomaior, hoxe no Museo de Pontevedra (antes na igrexa de S. Domingos de Pontevedra) reproduce por riba da fronte o motivo decorativo das bolas. 



Como se ve o illote de san Sadurniño e a torre  que nel está como un barco coas velas abertas mirando cara o mar de Arousa, nun dos lugares máis fermosos da nosa ría, como digo esta illa ten moita historia detrás e ben merecería unha excavación arqueolóxica rigorosa (total ou parcial) que nos aclare as múltiples dúbidas que os historiadores temos e que tamén si se fan ben as cousas, conte cun bo centro de interpretación, coa información exposta didácticamente que atraería sen dúbida a moitos visitantes e escolares e daría un pouco máis de vida ao barrio de Santomé, o menos visitado de Cambados polos turistas. Esperemos que a nova corporación municipal amose unha maior sensibilidade da que houbo ata agora.


E remato, agradecendo ás organizadoras do curso e aos ponentes que participaron, toda a información que me facilitaron e moi especialmente a Sindo Mosteiro que sempre me resolve as dúbidas que me aparecen. 

xoves, 9 de abril de 2015

O castro de Sta Mariña



Hai numerosas evidencias de que houbo un castro no monte da Pastora. Nestas dúas presentacións, inténtase introducir a alumnado da ESO no estudo da cultura castrexa en xeral e do castro de Sta Mariña en particular.


venres, 13 de marzo de 2015

San Sadurniño, enclave fenicio?

A propósito da aparición no Faro de Vigo dalgunhas novas relacionadas coa orixe da Torre de San Sadurniño, traemos a esta entrada unha idea que expresou o arqueólogo vilagarcián Vicente Caramés nun curso da USC celebrado no Pazo de Vista Real o pasado verán. Apuntaba V. Caramés que o illote de San Sadurniño ven pudo ter presencia de poboación fenicia, ou máis ben púnica ou cartaxinesa.


 Illote de San Sadurniño, no que se atopa a Torre

Esta presencia púnica está documentada na illa de Toralla, Vigo, e na Lanzada e se nos fixamos nas fotografías a fisonomía do enclave de S. Sadurniño é moi similar. Os navegantes cartaxineses non tiñan aínda cartas náuticas, practicaban unha navegación seguindo a costa e buscaban sempre enclaves doadamente defendibles e recoñecibles, esas dúas características as teñen todos os puntos citados, dende Cartago en Túnez, pasando por Cádiz, Torralla, A Lanzada e S. Sadurniño. Cremos por tanto  que a hipótese de Caramés pode ser moi atinada. Un motivo máis para excavar (anque sexa parcialmente) en Santomé.

Cartago, Túnez, onde os fenicios procedentes do Mediterráneo oriental (actual Líbano) estableceron unha próspera colonia. Dende Cartago estendéronse cara a península Ibérica, en Gádir (actual Cádiz) fundaron outra importante colonia. Está documentada a presencia cartaxinesa en Galicia por exemplo na cerámica aparecida en moitos castros das Rías Baixas como o de Sta Tegra.


Cidade de Cádiz asentada sobre un illote que agora está unido a terra por un tómbolo ou barra de area


Illa de Toralla, Vigo

Illote da Lanzada

sábado, 2 de agosto de 2014

O cemiterio de Santa Mariña Dozo

Aproveitamos a candidatura deste cemiterio a uns premios convocados pola revista "Adiós" para contar un pouco da súa historia.

Ainda estás a tempo de votar! ata o 30 de setembro neste enlace, na categoría de
 "mejor monumento arquitectónico"

O cemiterio de Sta Mariña está situado dentro do conxunto das ruínas da igrexa de Sta Mariña Dozo. Aconsellamos mirar esta estupenda páxina-web  do historiador  Julio González Montañés na que se fala da arte e historia do  monumento. 

Alí cóntase como a igrexa parroquial perde a súa función co traslado á  Igrexa do antigo convento dos franciscanos de Cambados que fora desamortizado e os seus monxes exclaustrados. Eu creo que son varios os motivos que explican o traslado:

- O deterioro da Igrexa de Sta Mariña

- Un conflicto de tipo político entre absolutistas e liberais entre dúas casas nobiliares de Cambados: a Igrexa de Sta Mariña pertencía ao señorío dos Condes de Monterrei, que por herdanza pasou á Casa de Alba. O duque de Alba tiña por tanto o padroado sobre a igrexa e estaba obrigado ao seu coidado, cousa que parece ser que non facía. Javier de Zárate Piñeiro, liberal, alcalde de Cambados, membro da casa de Montesacro (os señores de Santomé do Mar), manda destellar a igrexa e de aí vén a súa ruína posterior, corre o  ano de 1838 (segundo J. Caamaño Bournacell). Comenta Luís Rei con razón que "derrubou máis cousas este Zárate que o terremoto de Lisboa de 1755",   porque a el se lle atribúe tamén o desmantelamento dos edificos do convento de S. Francisco desamortizado e o derribo dos arcos do Pazo de Fefiñáns.

- Pero outro motivo debeu pesar tamén, a igrexa de S. Francisco estaba situada en lugar máis céntrico. Cando en séculos pasados se escollera o emprazamento de Sta Mariña para facer a Igrexa (xa existía un castro próximo) o núcleo máis habitado de Cambados estaba situado aí, nun lugar doadamente defendible, igual que o Illote de San Sadurniño (chamado Vila Vella). Cando os perigos das invasións pasaron, a poboación situouse ao longo de toda a liña de costa dende Fefiñáns a Santomé, cunha forma combada (de aí quizais o nome de Cambados?).

O historiador José Caamaño Bournacell aporta a data de 1838 como inicio do abandono da Igrexa de Sta Mariña, outro importante historiador cambadés (pero con menos laureles) Xaquín Sánchez Peña, dá outros datos interesantes: que a igrexa fora roubada en 1833, "entonces debió desaparecer la reliquia de la santa", que tiña un rosetón na fachada que foi vendido a uns ingleses "por unas pocas pesetas". Ou que o retablo que está hoxe na igrexa de S. Francisco era o de Sta Mariña (reformado e restaurado posteriormente). E tamén fala do proxecto que houbo a principios do s. XX de convertir o cemiterio de Sta Mariña en Panteón de galegos ilustres, baixo deseño do arquitecto de Porriño, Antonio Palacios, pero non foi adiante.

Foto do fotógrafo pontevedrás Zagala a principios de século. Apréciase no derrube do teito das capelas  o mesmo fenómeno que aconteceu co teito de madeira da nave central

Co destelle e o abandono posterior, os teitos de madeira da nave principal da Igrexa podrecen e véñense abaixo. Sta Mariña pasa a utilizarse como cemiterio. A Igrexa permitía dende finais da Idade Media o enterramento nas capelas laterais a quen puidera facer importantes donacións. As capelas laterais de Sta Mariña son aínda lugares de enterramento privado dalgunhas familias cambadesas como os Fariña-Salgado (capela da Anunciación). Tras a ruína da igrexa, a nave principal, a capela maior ... pasan a ser tamén lugares de enterramento, e cando estes se enchen, o cemiterio esténdese arredor da igrexa.

Exterior da Igrexa vista dende o lado sur, onde está hoxe a maior parte do cemiterio

Nesta foto coloreada ( en torno a 1905) é posible ver o osario que existía no lateral sur da igrexa entre a sacristía e unha das capelas. Os osarios son frecuentes nas igrexas cristiás. Usábanse para depositar os osos das sepulturas que eran valeiradas e ocupadas por novos difuntos. O Osario de Sta Mariña desmantelouse, quitáronse os adornos que tiña (están agora tirados nunha das capelas do lado norte). Pegada ao antigo osario están agora as sepulturas da familia  Pomares-Zárate. Pero conservamos isto: (compárese coa foto coloreada) unha voluta, un frontón coa escea das ánimas queimádose no purgatorio e unha caveira con dúas tibias

Non é habitual en Galicia que unha igrexa en ruínas se convirta en cemiterio, pero si en Irlanda, onde o decreto de disolución dos mosteiros feito por Enrique VIII  no s. XVI, fixo que moitas abadías quedasen abandonadas e fosen reutilizadas como camposantos. Véxanse estas dúas imaxes de Kilmacduagh, Irlanda:



pero volvamos a Sta Mariña:


Fotos incluídas no  Catálogo monumental da provincia de Pontevedra  feito por Balsa de la Vega en 1907-08. Son seguramente algunhas das fotos máis antigas conservadas


Nesta última foto non é posible ver os dous dos panteóns máis antigos e relevantes que se conservan no cemiterio de Sta Mariña: Os da familia Padín-Torrado e dos del Valle Bèchade. O primeiro é de 1904-6 e o segundo en torno a 1919. Na foto inferior si se ven os dous, á esquerda cara atrás o de Padín-Torrado, diante da entrada á igrexa o da familia Del Valle. Os dous con tonos blancos  polo revoque con cal que se daba entón á maior parte dos muros arquitectónicos. O da familia Del Valle destaca máis por ser máis novo, nesta foto debe estar recén feito. Pero empezaremos a falar polo máis antigo.




O panteón da familia Padín -Torrado foi realizado por iniciativa de Egidio Padín Torrado, membro dunha importante familia fidalga cambadesa, con pazos en Corbillón e Cambados. Tamén co tempo emparenta esta familia cos comerciantes da familia Fraga, ao casar Encarnación Padín Torrado (irmá de Egidio) con Eugenio Fraga Mascato. Entroncan na mesma familia fidalgos como os Padín e Torrado con comerciantes galegos como os Fraga . É un feito histórico repetido moitas veces no tempo, as familias fidalgas aportan patrimonio e linaxe e a burguesía comerciante o diñeiro, nunha sociedade en proceso de cambio polo auxe da industria fronte a unha sociedade rural en decadencia que basa a súa riqueza na propiedade da terra e no cobro dos foros.

Grazas á documentación facilitada por Juan Rivas Botana (dende aquí llo agradecemos), puidemos reconstruír a historia deste panteón. Sabemos que morre Egidio Padín Torrado o 28 de decembro de 1890 e que deixa estipulado no seu testamento que se constrúa un panteón familiar onde se depositen os seus restos e os da súa nai e posteriormente os dos seus familiares. Aporta para realizar a obra tres accións da compañía arrendataria de tabacos, depositadas no banco Crédit Lyonnais de Madrid. Consérvase a documentación na que a Banca de José Riestra de Pontevedra fai entrega aos legados testamentarios (dous sobriños do finado) de 8.583,8 pesetas, polo importe da venda destas accións. A solicitude de cesión de terreos no cemiterio parroquial para a construción do Panteón faise en 1893, pero non será ata 1904 en que se dea a autorización final por parte do Arcebispado de Santiago. Debido a diferenzas existentes  na extensión dos terreos polos que se pide a cesión. Eugenio Fraga Padín, avogado, e sobriño do finado, fai a xestión ante o Arcebispo e escribe:

"(...) Solicitado el terreno necesario por los cumplidores testamentarios en 4 de Octubre de 1893, calculado por el maestro de obra en 42 metros cuadrados, no se les concedió más que 15 metros de conformidad con lo informado por el Párroco desta Villa. Debido a esta insuficiencia y a otras dificultades de distinto órden, quedó hasta hoy incumplida la voluntad del testador.
En nombre de toda su numerosa familia y en especial de los dos cumplidores testamentarios sobrevivientes, acudo a V. Excma Rvma para que se amplíe la primera concesión por lo menos hasta 36 mtrs cuadrados, o sea, un rectángulo de 9 metros de largo por cuatro de ancho. (...) Extrañará a primera vista, Excmo y Rvmo Sr. la amplitud que se le quiere dar a este panteón si se tratase de una sola familia, pero como quiera que son cinco, porque cinco son los hermanos que tuvo el señor Egidio Padín Torrado, todos ellos con numerosa descendencia, hasta el punto de que los actualmente vivos ascienden a 44 y a más de 60 contando con los fallecidos y cuyas cenizas serán trasladadas(...)

Finalmente en dec. de 1903 o Arcebispo dá o visto bó á concesión de terreo que se pide, eso si advertíndolle ao cura párroco de que non dea a conformidade antes de percibir "ochocientas cuarenta pesetas para la fábrica de la iglesia". Consérvase tamén o contrato de realización da obra con Cándido Hermida que se compromete a tela rematada antes do 1  nov. de 1904. En abril de 1906 Eugenio Fraga Padín, volve solicitar ao arcebispado permiso para realizar misa na Capela-Panteón, polo que nesa data debemos supoñer que está rematado definitivamente.

 O Panteón constrúese en estilo neo-gótico, repite os motivos decorativos de bolas da igrexa anexa de Sta Mariña. Ten unha inscrición que di: "Fundado por D. Egidio Padín Torrado. Hoy de sus herederos". A frecha vermella indica o lucernario que dá luz á cripta que está debaixo.

A capela-panteón dispón dunha cripta soterrada á que se accede mediante escaleira dende a capela. Nesta cripta deposítanse  os difuntos antes de colocar os seus restos nos cinceiros do Panteón. É o que chaman en Castela "pudridero". Ao panteón foron trasladados os restos de Egidio Padín Torrado e a súa nai Ramona Torrado que repousan na parede de fondo da capela, diante sitúase un ara ou altar no que se pode oficiar misa. Nos laterais están pequenos nichos para acoller as cinzas dos difuntos, a modo dos Columbarios romanos, chamados así porque a forma e a repetición dos nichos lembra a un pombal.

Neste panteón está soterrada media historia de Cambados: xa comentamos como a familia Padín Torrado enparentou cos Fraga, que controlaron a vida política de Cambados e da provincia de Pontevedra durante máis de 50 anos. Tamén a familia Cabanillas emparentou con eles e unha filla do poeta: Aurora Cabanillas está soterrada aquí. A estas liñas familiares hai que engadir a dos Gonzalez-Pardo, os Quintanilla, os Vidal, os Botana, Caamaño Bournacell.... sería interminable reconstruír as xenealoxías familiares cambadesas, porén, un novo historiador cambades, Jacobo Domínguez, case o consegue. Consultamos as xenealoxías que nos facilitou e que preparou para o libro sobre a Historia de Cambados que está  a piques de publicar. Tamén me valín do traballo xa feito no meu libro Ramón Cabanillas Enríquez, Biografía en imaxes, publicado no 2008. Na xenealoxía familiar reconstruída a continuación todos os personaxes están soterrados neste panteón:





Interior do Panteón da familia Torrado-Padín


Imos rematando por hoxe,  queda falar do panteón da familia Del Valle. Tivemos ocasión  de falar desta familia na entrada publicada sobre a casa na que naceu Francisco Asorey . A construcción do panteón debeu realizarse nos anos finais da década de 1920. O cabeza de familia, o comerciante francés, Léon Manuel Anatole del Valle finou en 1919  (20 de nov 1846- 22 de set de 1919) e alí está soterrado. Tamén o está a súa muller Lucie Marguerite Amèlie Bèchade viúva de del Valle (19 abril 1864-1 dec 1954) e as súas fillas: María Dolores del Valle Bèchade (24 abril de 1885- 11 de out de 1967) e María del Valle Bèchade (9 de set de 1888- 8 xan 1988). María casou con Enrique Vidal Oubiñas, fillo do 1º matrimonio de  Salustiano Vidal (ver. xenealoxía anterior) que tamén está soterrado aquí. Dicir como curiosidade que este panteón tamén ten cripta.


O panteón da familia del Valle ao pé da torre da Igrexa de Sta Mariña


Xa se falou tamén noutra entrada deste blog de dous difuntos ilustres soterrados aquí como foron un fillo e a muller de Valle-Inclán e queda pendente para outro momento falar dos panteóns doutras familias cambadesas enterradas neste camposanto. 

Rematar dicindo que non esquezades votar por este cemiterio que é na miña opinión o máis bonito de Galicia, do que dicía Álvaro Cunqueiro que os seus arcos sostiñan o ceo.

luns, 3 de marzo de 2014

UN 4 DE MARZO, FAI 125 ANOS NACEU FRANCISCO ASOREY

 

Nesta casa de Fefiñáns (a da dereita)  nace fai 125 anos o escultor cambadés, sirva este artigo de pequena homenaxe. Intentaremos contar nesta entrada un pouco da historia desta casa.

Figura na partida de nacemento do escultor, conservada no Rexistro Civil de Cambados que:

 " En la villa de Cambados a las nueve de la mañana del día 6 de marzo de 1889 ante D. Ramón Salgado Betanzos, juez municipal de este distrito y D. Eulogio Silva (?), secretario, compareció D. Antonio Asorey Rey, natural de La Coruña, provincia de La Coruña, de 40 años de edad, profesión comerciante, estado casado, vecino de Cambados, según cédula personal que exhibe del corriente ejercicio nº 566, presentando para su inscripción en el registro Civil de este Juzgado un niño; y al efecto como padre del mismo declaró: Que dicho niño nació vivo en la casa del declarante, calle del Sol, nº (non figura), el día 4 de marzo del corriente año a las 8 de la noche. Que es hijo legítimo del declarante y de Dña Elisa González, natural de Cambados, provincia de Pontevedra de 34 años de edad y domiciliada en el del compareciente. Que es nieto por linea paterna de D. Manuel Asorey, natural de Santiago, difunto y de Dña Manuela Rey, natural de Santiago, difunta. Que es nieto por linea materna de D. Hipólito González, natural de Santiago, difunto y de Dña Purificación González, natural de Cambados, difunta y que al expresado niño se le había puesto el nombre de Francisco Hipólito. Todo lo cual presenciaron como testigos D. Manuel Abraldes, natural y vecino de Cambados y D. Francisco López Montes (?), natural y vecino de la misma (...)"

A partida sinala que nace nunha casa da Rúa do Sol, que hoxe chamamos praza de Asorey. A foto superior  corresponde a unha postal de principios do s. XX. Á dereita da foto está a casa natal de Asorey, na chamada daquela rúa do Sol, pola súa orientación cara o sur, logo renomeada “Calle Real”, tal como indica a postal.

No baixo da casa tiña a familia o seu negocio de telas e logo tamén nun galpón anexo (na rúa Terra Santa) unha fábrica de xabóns que acabará comprando Antonio Gelpi (xenro de Antonio Asorey). En 1895 a casa será vendida tamén a uns comerciantes de panos de Vilagarcía (herdeiros de Simón Borruel y Campo e Simeón García de la Riva) cos que a familia tiña unha importante débeda. Pouco despois vendeuse de novo a un comerciante francés, León Anatole Del Valle, que pasaba os veráns en Cambados coa súa familia; a súa bisneta Enriqueta Rubio, actual propietaria da casa, facilitounos copia da escritura de compra-venda da casa aos comerciantes vilagarcianos e outros datos interesantes que dende aquí lle agradecemos.


A escritura asínase en xaneiro de 1895, falecera xa a nai de Asorey, morreu o 21 de dec. de 1890, cando o noso escultor, derradeiro fillo da parella, tiña á penas 22 meses de idade. Na escritura faise constar que el "Sr Antonio Asorey Rey, desde el año 1878, en el que se estableció en este pueblo con el comercio de tejidos vino surtiéndose al fiado de los efectos necesarios para su establecimiento, de los almacenes de los Sres Borruel y Campo y Simeón Martínez de la Riva, situados en Vilagarcía". Enriqueta comentounos que inicialmente a familia Asorey viviu nunha casa que logo foi expropiada pola construción da estrada Vilagarcía-Gondar, a resultas do cal edificaron a actual, que se describe na escritura deste xeito:

"Una casa de nueva planta, sin número, situada en donde llaman Tierra Santa, término de la villa de Fefiñanes, en este pueblo de Cambados, con fachada a la carretera de Villagarcía a Gondar: consta de dos cuerpos, bajo y principal, convenientemente divididos: tiene anejo un cobertizo, convertido ahora en fábrica de jabón, con sus calderas y más aparatos destinados a la fabricación. Le son anejos además un pozo y un terreno destinado a huerta"


Anuncio aparecido no xornal cambadés O Umia de 1907. Antonio Gelpi era un mariño mercante orixinario de Mugardos que casou en Cambados con Blanca Asorey, irmá do noso escultor, deixa o mar e dedícase ao comercio. El mercou a fábrica de xabóns que montara Antonio Asorey. Cando morre, a súa viúva vai vivir a Xinzo de Limia onde viven aínda varios descendentes.

Parte traseira da casa coa horta. Vese ao fondo desta imaxe a galería en madeira que foi engadida polos Del Valle e o cuberto pegado á rúa que serviu como fábrica de xabón (queda un muro en ladrillo con remate triangular)

Figura como dato curioso na escritura que a finca sobre a que se asenta a casa está gravada cun foro do Pazo de Fefiñáns.


"está gravada con la pensión anual de seis concas de trigo, igual a siete litros y setenta y dos céntimos, ó sean ocho pesetas, sesenta y cinco céntimos, para el dominio de la casa-palacio de Fefiñanes, Tierra-Santa".

Os foros eran uns impostos de orixe medieval que se pagaban aos Señores feudais, neste caso aos de Fefiñáns. Foron eliminados ou redimidos (con indemnización aos propietarios) a partir de 1923, durante a ditadura de Primo de Rivera.

Os cónxuxes Antonio Asorey e  Elisa González, acumularan unha débeda cos comerciantes vilagarcianos  de panos Simón Borruel  (de sonoro apelido catalán) e Simeón García de la Riva (comerciante de orixe rioxana que inicia importantes empresas comerciais en Santiago: Almacenes Simeón e o banco Viuda e hijos de Simeón García que logo se une a Olimpio Pérez). Morta Elisa González a débeda segue a medrar e acada no momento da sinatura da escritura a cantidade de 20.000 pesetas. Débeda á que deben facer fronte Antonio Asorey e tamén os seus fillos como herdeiros de Elisa González. A esta situación xa de por si precaria únese outra débeda de 5.000 pesetas ao madeireiro Manuel Silvoso Martínez, que se avalou hipotecando a metade da horta da casa. Ante esta situación Antonio Asorey decide a venda da casa aos herdeiros dos comerciantes vilagarcianos. Fíxose unha primeira venda en 1893 que non era válida porque non figuraban os fillos (herdeiros da metade da propiedade). A nova escritura firmouse o 2 de xaneiro de 1895 e aparecen  xa Antonio Asorey González,  xa maior de idade nesa data  e os demais fillos: Araceli de 21 anos, Casta de 20, Álvaro de 18, Romberto de 14 e Blanca, Manuel e Francisco menores de 12 anos. Figuran coma testemuñas da venda os cambadeses Lorenzo Fraga Padín e Alejandro Padín Fraga.

 Segundo nos contou Enriqueta Rubio a casa orixinal tiña só catro balcóns, a parte situada enriba do estudo do fotógrafo foi engadida posteriormente, así como a última planta, unha especie de ático. Na escritura dise claramente que a casa só constaba de planta baixa e primeira planta. Tamén se engade posteriormente á primeira planta  unha galería en madeira na parte posterior da casa que mira cara a horta.

Acontecía que algúns anos antes, dende 1892, o comerciante francés, León Anatole Del Valle, a súa muller Lucie Marguerite Amélie Béchade e as súas fillas, Mª Dolores e María del Valle Béchade, pasaban os veráns en Cambados. Parece ser que alugaban a planta principal da casa aos Asorey  que se instalaban na planta baixa. A relación entre eles era casi familiar. E León del Valle unha vez resolto o enredo da venda da casa e saldadas as débedas, decide mercar a propiedade aos comerciantes vilagarcianos e asentarse en Cambados, onde a familia bota fondas raíces (no cemiterio de Sta Mariña está soterrada toda a familia).  Moitos anos máis tarde Mª Dolores, morre sen fillos e dona importantes propiedades como o Pazo de Serantellos (hoxe dos Salesianos) ou a finca da Merced. María casara co farmacéutico Enrique Vidal Oubiñas (que tiña a súa farmacia na casa situada enfronte) e entronca así con esta influente familia cambadesa.

Esta foto, facilitada por Enriqueta Rubio, foi  feita en torno ao 1900, está tomada na casa natal de Asorey. Aparecen retratados algúns membros da familia Del Valle  e probablemente tamén dos Asorey sen que poidamos precisar quen.


Quédalle pendente a Cambados facer unha homenaxe a esta familia. Houbo fai tempo unha proposta do grupo socialista cambadés de dar o nome dunha rúa a Mª Dolores del Valle que sigue esperando.

martes, 11 de febreiro de 2014

Localizan unha escultura de Francisco Asorey

Así aparecía a nova no xornal do Faro de Vigo de hoxe. Miguel Anxo Martínez daba conta da localización por parte dos herdeiros de Francisco Asorey desta escultura, "A naiciña" que se sabía que estaba en Arxentina pero descoñecíase o paradoiro exacto. Unha boa nova porque esta obra é das mellores e máis emblemáticas do artista. Porén levamos unha decepción ao contemplar a escultura, acostumados como estabamos a imaxinala a partir da imaxen en escaiola que ten o Museo de Pontevedra e as fotos da época, resulta estrano vela a cor. Sen sabelo con seguridade parece ademais que a figura foi repintada, ten sombras e tons negros que non se ven nas fotos en branco e negro. En todo caso un gran descubrimento.

 Reproducimos a continuación unha foto feita polo fotógrafo santiagués Ksado, bo amigo de Asorey que debeu de facela pouco antes de que a obra marchase para a Arxentina. Apareceu reproducida no xornal coruñés El Ideal Gallego o 20 de agosto de 1922 onde se di que a obra a comprou por 10.000 pesetas un fervoroso admirador de Asorey.