luns, 31 de outubro de 2016

AS IRMANDADES DA FALA EN IMAXES

Como seguramente saberedes, este ano conmemórase o centenario da creación das Irmandades da Fala (1916-2016). A intención desta iniciativa era promover o uso da lingua galega por ser parte substancial da nosa identidade e por extensión difundir todas as formas de expresión da cultura galega. O obxectivo que empeza sendo fundamentalmente cultural evolucionará cara a reivindicación política. A primeira Irmandade foi creada por Antón Villar Ponte na Coruña o 18 de maio de 1916. Tras esta iniciativa xurdiron outras por toda Galicia nas que participaron moitos personaxes do Salnés. Tal é o caso de Ramón Cabanillas, Miguel Gil Casares ou Francisco Asorey que se integran na Irmandade de Santiago. En Vilagarcía Vicente e Valentín Gómez Paratcha, Loureiro, Torres e Elpidio Villaverde, e anos despois Xosé Núñez Búa e Fermín e Luís Bouza-Brey. E ata houbo un intento de crear unha Irmandade en Cambados que non callou. Achegaríanse posteriormente ás Irmandades os cambadeses: Bernardino Quintanilla, Ramón Gil Armada e Antonio Magariños Granda.

Farei a continuación un percorrido polas imaxes máis coñecidas e significativas da experiencia das Irmandades.

I ASEMBLEA , celebrada en Lugo en novembro de 1918. O manifesto asinado nesta asemblea será a base programática do nacionalismo galego ata a 2ª República. Quedaba claro que as  Irmandades da Fala non eran só un instrumento cultural.

Non son moi recoñecibles os persoaxes que aparecen nesta foto, salvo o caso de Vicente Risco que se sitúa diante, case no centro e leva bastón e sombreiro. Tamén con bastón e sombreiro, na dereita da foto debe ser Antón Losada Diéguez. Pode ser Manuel Banet Fontenla, fundador da Irmandade de Monforte (onde era notario), o que está detras de Risco, á dereita, algo tapada a súa cara polo chapeu de Vicente. E o segundo pola esquerda (parece que leva un cigarro entre os dedos) pode ser Ramón Villar Ponte, irmán de Antón.

En agosto de 1920 ingresa na Real Academia galega Ramón Cabanillas, membro destacado das Irmandades e poeta-estandarte do movemento. A cerimonia ten lugar no Balneario de Mondariz, rexentado por Enrique Peinador, tamén socio irmandiño. Asisten numerosos membros da Academia e por suposto moitos dos seus amigos irmandiños. Aquí os vemos no xantar que se celebra na finca das Pías do citado Balneario.


Fomos capaces de identificar aos seguintes personaxes:




1- O avogado celanovés Manuel Lezón, os académicos: 2. Wenceslao Requejo, 3. Fernando Martínez Morás, 4. Andrés Martínez Salazar, 5. Bieito Fernández Alonso, 6. Marcelo Macías, 7. Amador Montenegro e 8. Francisco Asorey, 9. José Palacios (irmán do arquitecto Antonio), 10. Antón Villar Ponte, 11. Ramón Cabanillas, 12. Vicente Risco, 13. Vitor Casas, 14. O xornalista ourensá José Fernández Gallego, 15. Antonio Rey Soto, 16. Adela Lezón (filla de Manuel Lezón), 17. Eva Rodríguez (muller do pintor Lloréns), 18. Francisco Lloréns, 19. Eladio Rodríguez, 20. Antonio Palacios, 21. Uxío Carré Aldao, 22. Enrique Peinador.




IV ASEMBLEA, celebrada en Monforte de Lemos en febreiro de 1922. Tivo lugar nesta Asemblea algo que se viña xestando dende facía tempo, a división entre os compañeiros irmandiños por mor de diferenzas ideolóxicas e de actuación política. Justo F. Beramendi ten identificado os principais grupos enfrontados: unha corrente liberal-demócrata representada polos irmandiños coruñeses, partidarios da alianza con outros grupos (agraristas por exem.) e a participación nas eleccións lexislativas e municipais que convoca o réxime da Restauración (Afonso XIII). Por outro lado os tradicionalistas, representados principalmente polos membros da Irmandade ourensá e dirixidos por Vicente Risco, ven inútil a participación no corrupto sistema da Restauración. A miúdo se relacionou a este grupo coa defensa dun movemento máis de acción cultural, fronte aos coruñeses que representarían unha vía máis política. Emilio Ínsua no seu libro "A nosa terra é nosa! a xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)" publicado fai uns meses, demostra claramente que as diferenzas están na estratexia política a seguir. Risco e os ourensáns están radicalmente en contra da alianza con outros grupos políticos, especialmente españois. Queren salvagardar a "pureza" (e certo elitismo) do movemento.Como me lembrou a lectura deste estupendo libro a situación do nacionalismo galego actual !, 100 anos despois!. A ruptura consolidouse e aparece a Irmandade Nacionalista Galega (ING) dirixida por Risco. Nela intégranse (inicialmente) algunhas das figuras máis destacadas das Irmandades como Antón Villar Ponte ou Castelao.



Aparecen nesta foto na primeira fila de esq a dta: Castelao, Arturo Noguerol, Antón Losada Diéguez e no extremo Xesús Ferro Couselo. Na segunda fila Ánxel Casal (alcalde de Santiago en 1936), Antón Villar Ponte, o escritor e xornalista Roberto Blanco Torres, Ramón Otero Pedrayo e Alfonso Vázquez-Monjardín. E na fila terceira e última: o poeta Manuel Antonio, o xornalista Manuel Lustres Rivas, Ramón Villar Ponte e descoñecido.

En 1923 un grupo de universitarios vinculados ás Irmandades fundan o Seminario de Estudos Galegos, outro proxecto dos Irmandiños para fomentar o progreso cultural e científico de Galicia. Nesta foto aparecen retratados moitos dos seus membros nunha xuntanza celebrada en 1926.







1.Francisco Asorey, 2. Roberto Blanco Torres, 3. Camilo Díaz Baliño, 4. Xulio Balboa, 5. Magariños Negreira, 6. Augusto Casas, 7. López Abente, 8. Xaime Quintanilla, 9. Valeriano Villanueva, 10. Martínez López, 11. Antón Villar Ponte, 12. Castelao, 13. Luis Bouza Brey, 14. José Filgueira Martínez, 15. Ánxel Casal, 16. Evaristo Correa Calderón, 17. Catá, 18. Leandro Carré Alvarellos, 19. Lugrís Freire, 20. Otero Pedrayo, 21. Xosé Filgueira Valverde, 22. Salvador Cabeza de León, 23. Luis Tobío Fernández, 24. Vicente Risco, 25. Victoriano Taibo, 26. Requejo, 27. Luis Iglesias, 28. López Cuevillas, 29. José María Castroviejo, 30. Xavier Prado, 31 Feijóo, 32. Urbano Lugrís, 33. Urbano Losada.


25 de xullo de 1930, xantar da Barxa, Teis,Vigo.  A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)  trouxo nos seus inicios certas esperanzas de cambio do sistema político da Restauración. Así se explica a participación dalgúns dos membros Irmandiños en institucións da Ditadura (como Risco, Losada Diéguez ou Villar Ponte) pero pronto se decatan do erro e descubren ademais que o ideario Primoriveirista é fortemente antinacionalista. A represión que sigue contra os nacionalistas vai conseguir o achegamento entre os grupos enfrontados e cara o final do período da Ditadura o nacionalismo semella unido de novo.


O 25 de xullo fora instituído polas Irmandades como o día de Galicia e este 25 de xullo de 1930, recén caída a Ditadura de Primo de Rivera, os nacionalistas acoden a Vigo, esperanzados no futuro que se abre,  a celebrar este día. Iníciase a celebración cun acto de afirmación galeguista no Teatro García Barbón, onde falan Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade e Castelao e posteriormente celébrase un banquete de 200 comensais no parque da Barxa. Leronse unhas páxinas enviadas por Antón Villar Ponte que non asistiu e versos de Cabanillas e discursos de García Martí, Álvaro de las Casas, Gómez Román, Fernández Mato, Arturo Noguerol, García Ramos e Paz Andrade. Aí se tirou esta foto. Recoñecemos na primeira fila de esq. a dta a Miguel Bezares, Fernández Mato, Castelao, descoñecido, Valentín Paz-Andrade e Cabanillas. Na altura da terceira fila, nos extremos, na esq. aparece Florentino López Cuevillas e na dta o arquitecto Gómez Román. Puidera ser Ánxel Casal o que está dúas filas máis atrás de Castelao. E na Fundación Illa Couto, recoñeceron a un adolescente Xaime Illa e a seu pai entre o grupo. Un pouco á esquerda de Gómez Román, con lentes, pode ser Filgueira Valverde.


Cabanillas compón este poema para a ocasión:

NO XUNTOIRO DA BARXA

A cumprir as escuras vaguedades,
da costa verdecente ten chegado
o bardo das edades,
lanza e escudo dos bos e xenerosos,
o que apreixou outrora,
no ben acompasado
fungar dos rumorosos,
a profética voz alentadora.

Está con nós, ergueito á beira nosa,
o do céltigo clan, mestre druída
coa litúrxica fouce milagrosa,
a lira de ouro e ferro
e a barba de albas rosas frorecida;
o dos craros acentos sonorosos,
cantor dos altos feitos;
o que ordeou, para os afáns groriosos,
aparellar os esforzados peitos.
Irmáns na Causa! Os tempos son chegados!
Nestora de baril rexurdimento,
xa espertou a aldea!
Xa canta o auriol! Xa se randea
a farturenta espiga!
É forza pórse en pé! É nosa obriga
temprar as fouces, encoirar o mallo
e saír animosos, cara á veiga,
a escomenzar o redentor traballo!
Tras do loitar sin trégoa
virá o repouso á soma do carballo!

Irmáns, todos a unha! Arrodeade a leira!
Que regue a nosa Terra o suor noso
e a fouce corra no tronzar certeira!
Escoitade o puxente
berro do vagorosos:
"Diante de vós ondea
a barda de ouro ardente...!
Segade a vosa herdade!
Ai daquel que non seia valente!
Segade, galegos! Con forza! Segade!

En cidades, aldeias e escampados
Galicia enteira estremecida escoita
o brado nunca dado a esquecimento
con que nos chama, impregador, á loita
o que comanda os míticos gurrreiros
do pinal encantado de Froxán,
o que deixou os bélicos loureiros
a verdecer na estrofa que pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

Os tempos son chegados!
Arriba os bos, os fortes e esforzados!
Galicia canta e prega!
Xa madurou a espiga
na campía galega!
Como na enxebre, céltiga cantiga
da alborada que anuncia o alto gozo
das xornadas de sega,
o novo sol, o sol ridente e mozo,
está batendo á porta
da choupana gallega.

Xa proclamada a Segunda República (14-4-1931) e celebradas as eleccións a Cortes Constituíntes (nas que saen elixidos os nacionalistas Antón Villar Ponte, Castelao, Otero Pedrayo e Suárez Picallo) ten lugar a celebración da 7ª Asemblea das Irmandades. Aconteceu en Pontevedra os días 5 e 6 de decembro de 1931. Nela decídese a disolución das Irmandades e a creación do Partido Galeguista que terá como obxectivo prioritario, conseguir un Estatuto de Autonomía para Galicia. Desta xuntanza é esta célebre foto.


Presidindo a xuntanza están na mesa, de costas, Plácido Castro e Alexandre Bóveda, e de perfil Banet Fontenla e un pouco máis alá Vitor Casas. Entre os asistentes á esquerda, Filgueira Valverde e Antón Iglesias Vilarelle (na foto ten unha marca na cara), unha fila por detrás de Vilarelle e cara a dereita, con lentes, parece Otero Pedrayo. Ao fondo á dereita da foto, de pé, Castelao, e sentado escribindo, Valentín Paz Andrade.

Remato recomendando a lectura do libro citado do noso veciño Emilio Ínsua, unha obra rigorosa, algo extensa pero doada de ler pola claridade con que se expoñen as ideas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario