domingo, 4 de outubro de 2009

CAMBADOS EN PELÍCULAS


"El Haiga que cruzó Galicia"

O xornal La Voz de Galicia do 14 de set. do 2009, faise eco, nun artigo de Miguel Anxo Fernández, da edición en DVD da película "Luna de miel" producida polo galego Cesáreo González e dirixida polo británico Michael Powel, autor entre outras películas de "As zapatillas vermellas" ou "O ladrón de Bagdad". A trama arrinca no porto de Vigo, a onde chega unha parella de extranxeiros que viaxarán por España nese coche coñecido entón como "haiga". De Vigo van a Redondela e Cambados, de onde se ven vistas do barrio de Santo Tomé, da Rúa Real e da Praza de Fefiñáns, para continuar despois a Santiago e por toda España. Unha desas imáxenes de Fefiñáns aparece recollida nesta fotografía, anque na película parece que é a toda cor.


A película é de 1958




O 16 de outubro pasado asisitimos nas adegas de Martín Códax á presentación do estupendo libro de Sabela Pillado Villaronga, "O Cine en Cambados", con permiso da autora escaneamos algunhas imaxes que aparecen agora aquí.

Da película Luna de Miel, da que xa falamos, catro novos fotogramas:


En Santomé, ao lado da actual "Casa do pescador"






Na rúa Real





Na Praza de Fefiñáns







Da película " El Hereje", dirixida por Francisco Borja Moro en 1957 temos esta imaxe. Comenta no seu libro Sabela Pillado: " O protagonista diríxese a unha poboación a carón da súa, á que denomina Castrofuerte. Cando baixa do camión que o deixa nese lugar, o que aparece é a praza da Leña de Pontevedra, e no cambio de plano, a igrexa á que se dirixe e pola que sobe as escaleiras á a de S. Bieito de Cambados. Así mesmo, o figurante que estaba apostado no alto das mesmas era un veciño de Cambados, señor José "O pajarito", que contou daquela co seu intre de sona".




Película de Cambados e O Salnés en 1959, "Galicia al día"

Armando Hermida Luaces foi un emigrante ourensán na Arxentina que fixo fortuna como comerciante de cacao. Mercou unha cámara de cine e nas viaxes que facía a Galicia rodaba material que logo montaba na Arxentina e proxectaba alí para os seus paisanos. Destacan dúas obras: "Galicia al día" un percorrido polas catro provincias galegas e "Alma Gallega". A través da web de Vivir Cambados enterámosnos da existencia do primeiro dos documentais citados que foron colgados en you tube por Abel Sineiro e tirando do fío en internet reunimos esta documentación. A cinta orixinal consérvase no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

A película da provincia de Pontevedra é de 1959 e dura 51 minutos. Empeza falando da cidade de Pontevedra e logo de Marín, Redondela, Mondariz, Vigo, Baiona... E a partir do minuto 36:15 empeza a falar de Cambados, e a continuación do Grove (41:34) e de Vilagarcía (44:36). Continúa con Pontecesures, Portonovo, Sanxenxo, Padrón, Caldas, Cuntis, A Estrada e remata co Pazo de Oca e Lalín. En definitiva un documento moi interesante. A continuación podes vela íntegra ou o fragmento referido a Cambados collido do canal de you tube de Abel Sineiro.





Ningún comentario:

Publicar un comentario