domingo, 12 de xuño de 2022

A PRAZA DE FEFIÑÁNS FAI 250 ANOS

 Volvo traballar neste blog para aclarar algunhas cuestións que aparecen no último libro que publiquei: O Pazo de Fefiñáns. Historia e Arte.


 

Aparece neste libro "unha reconstrución aproximada" de como sería a praza de Fefiñáns a finais do século XVIII, cando se realiza a última das ampliacións da igrexa de San Bieito. Parece que resultou unha reconstrución algo polémica e intentarei explicar aquí polo miúdo, que me levou a imaginar así a praza. A imaxinar, repito, non a afirmar categóricamente que a praza fose así. Non sabemos como foi, nin probablemente teñamos nunca a certeza, pero en base aos argumentos que expoño no libro, e que agora intentarei explicar doutro xeito para aclaralo mellor, creo posible que fose algo similar. Imos alá:

1- A praza de Fefiñáns e o Pazo e a igrexa forman claramente un conxunto arquitectónico unitario, que dun xeito ou outro debeu estar pechado e delimitado no pasado. Por varios motivos:

 - Primeiro  porque era propiedade dos señores do pazo, é lóxico que o delimitasen con claridade, estamos no país dos marcos; ben delimitado por muros está todo o recinto de horta e xardíns. E temos a documentación, que fala claramente de arcos e murallas.

- En segundo lugar porque se celebraba un importante mercado todas as cuartas feiras (mércores), a onde acudían xentes de toda a bisbarra: Caldas, Vilagarcía, Vilanova e seguramente por mar dende a outra banda da ría de Arousa. Controlar aos comerciantes que veñen vender ao mercado (e deben pagar os correspondentes dereitos ao conde de Fefiñáns) é bastante máis doado se a praza está pechada e ten só 3 entradas (si 3 entradas, pero seguramente catro arcos). 

- Non é imposible tampouco que estes muros tivesen tamén unha función defensiva. Sabemos da participación de Gonzalo Valadares (o primeiro construtor do pazo, nunha expedición contra os turcos que atacaron a ría en 1622, páx, 41 do libro). Non eran raras tampouco nas rías os ataques dos ingleses, inimigos da coroa española. E unhas murallas poden cumprir a dobre función de delimitar e defender. As murallas das cidades medievais que existían en case todas as cidades importantes galegas, as máis cercanas, Santiago e Pontevedra, tiñan unha triple función: defensiva, fiscal (recadar impostos, o famoso portádego, ao atravesar a porta con mercadorías) e incluso sanitaria. En caso de peste, pechábanse as portas e mantíñase a cidade en corentena.

- Non hai que esquecer tampouco que exitía un peirao en Fefiñáns, propiedade tamén dos señores do pazo. Dende a altura destes muros era máis doado vixiar a actividade do peirao. Hoxe xa todos os historiadores da vila admiten que a chamada torre da homenaxe non é tal cousa, senón unha torre miradoiro, dende é fácil ver os dominios do pazo que se extendían dende alí cara a poniente, as chamadas horta grande e pequena e cara levante, a Granxa do Conde, posteriormente vendida. Ademais ver as persoas dende certa altura non deixaba de ter unha significación simbólica, nunha época histórica, chamada Antigo Réxime, na que había privilexiados e non privilexiados e era moi importante remarcar quen tiña o poder e a autoridade e a quen se lle debían pagar as rendas. Que o pazo teña unha gran torre ameada, ao modo do que se facía na época feudal ía tamén nesta liña do simbolismo do poder señorial.

E arcos e murallas, cumprían todas esas funcións a un tempo.

2- Na Idade Moderna en Galicia cambia completamente a situación política respecto da época medieval. Despois da "doma e castración" que fan os Reis Católicos coa nobreza galega, novas linaxes castelás chegan a Galicia, e as propiamente galegas deixan as súas posesións aquí en mans de capataces e mordomos e marchan á Corte castelá buscando honores e xeitos de medrar. Especialmente destacado foi o papel do conde de Lemos: presidente dos Consellos de Indias e de Italia e Vicerrei de Nápoles. Menos importante pero tamén destacados foron os postos que ocupou Xoán Sarmiento Valadares, tío de Gonzalo Valadares, o iniciador do pazo (que o acompañou un tempo en Madrid), na corte de Filipe II. A nobreza galega  bascula cara a Castela. Os nobres galegos imitan á Corte do rei. Que a organización da praza de Fefiñáns esté imitando modelos castelás, non o digo eu só, véxase a Alfredo Vigo Trasancos e Ana Goy Diz, catedráticos ambos da Universidade de Santiago, están as referencias na bibliografía do libro. Pero que haxa unha inspiración nesta arquitectura dos seus palacios non quere dicir que sexa exactamente idéntica. Xa se explica en outras partes do libro (remarco a importancia de lelo todo), que en Fefiñáns uns canteiros galegos ou quizais portugueses, están reinterpretando modelos da arquitectura renancentista e adaptándoos ao contexto galego en xeral a ao de Fefiñáns en particular. Nos palacios do rei evidentemente non había unha praza do mercado. Ademais a interpretación simbólica que achego das esculturas que adornan as fachadas vai nesta liña. Estase intentando equiparar a dinastía dos Valadares coas dinastías de reis castelás.

As pasarelas do palacio de Aranjuez que se conservan actualmente son efectivamente da época de Carlos III, pero o palacio xa fora iniciado en tempos de Filipe II e era bastante diferente do actual, e nel novamante aparecían pasarelas para comunicar pazo con edificacións anexas.

                       Vista do Sitio Real de Aranjuez, Museo del Prado, c. 1636

 

 A praza de Lerma, construída tamén no século XVII, fronte ao palacio ducal, tamén estaba pechada:

Praza de Lerma, Burgos.

 3- A controvertida "reconstrución aproximada"

 


 O estupendo debuxo de Manuel Busto, gran artista, foi feito seguindo as miñas indicacións. Pero estas houbo que adaptalas ao programa informático de deseño que se utilizou, cunha perspetiva liñal e un punto de fuga común cara onde van todas as liñas do debuxo; e tamén á necesidade de que os arcos se visen claramente. Efectivamente é un debuxo feito cunha finalidade divulgativa, para que se entenda, non un plano levantado por un arquitecto.

Si, eu xa me decatara de que a inserción do arco co adro da igrexa "parece" estar feita en diagonal. Tamén Bríxida Leiro, coa que tiven ocasión de falar mo fixo ver. Como creo que tamén debía estar algo en diagonal o arco 2 que vai do que eran as cortes dos cabalos do pazo cara onde hoxe está o bar Laya. Pero se o debuxabamos así, a perspectiva impedía ver o arco, primou unha vez máis o interese didáctico que a precisión da reconstrución.

Especular sobre medidas é moito especular. As modificacións que aí se fixeron en case 300 anos impiden sabelo con exactitude se non se fai algún tipo de cata arqueolóxica ou se recorre a arquitectos ou outro tipo de especialistas, cousa que estaba lonxe das miñas posibilidades. O adro da igrexa foi modificado, como mínimo, cando se ampliou a igrexa a finais do XVIII, e os arcos xa existían; cando se derrubaron os arcos e nos anos 70 para empedrar a praza, como por exemplo a escaleira que se eliminou. E co que vemos hoxe non podemos especular que medidas puido ter ese arco no seu momento, aínda que non parece imposible que os 4 arcos tivesen unhas medidas aproximadas. Era unha cuestión de harmonía, tan importante na arquitectura dese tempo. Que se diga na documentación para xustificar o derrube que estorbaban o paso dos carros ou de persoas a cabalo é para min unha excusa. Os mestres de obras daquela facían ben as cousas, e tiñan tempo para pensalas, non se ían facer uns arcos que non permitisen a entrada na praza máis importante da vila e o seu mercado, epicentro da actividade económica. O motivo principal ao meu entender, era de tipo político. O novo concello liberal quería eliminar "las insignias de vasallaje", os restos do Antigo Réxime, da sociedade de privilexo que agora se combate no novo réxime liberal; citar esas insignias de vasalaxe nos documentos que temos, o que nos da a entender tamén é que estes arcos tiñan como decoración os escudos dos Valadares, como segue a ter o arco conservado. Din as actas municipais: "unos signos que lejos de presenciar el mérito (...) y escandalosamente se les atribuye según puede verse (...)  el señorío y vasallaje, ejercido despóticamente por los representantes del Sr Conde de San Román sobre el pueblo..." (9-6-1842)

Si había arcos e murallas, e na documentación así se menciona. Jacobo de Castro, 1722:

"Plaza con arcos y corredores de cantería labrada" páx. 173 do libro.

Libro de actas da Deputación de Pontecedra, 1843:

"Solicitando el derribo de un pasadizo en la entrada de la Villa de Fefiñáns y de unos trozos de muralla" páx. 173.

Non é imposible que fosen transitables os muros na parte superior. Non coñecemos acaso centos de exemplos de murallas que se poden percorrer?. E se no arco conservado temos decoracións de balaustres e bolas que continuan cara a igrexa, non é lóxico supoñer que tamén se repetiran aquí? un edificio imponente e harmónico non intentaría integrar toda a contorna con motivos decorativos similares?. Esa é a idea do debuxo.

En 1842 a corporación municipal decide o derrube "tanto de la muralla como de los dos arcos". E insta a que se proceda á demolición "al término de 15 días", que non ten porque significar que se derruben en 15 días, senón que tamén pode indicar que se inicie o derrube como máximo15 días despois de aprobada a moción. Non sabemos exactamente cando se demoleron os arcos e muralla, nin en canto tempo. En 1843  vólvese falar do tema na corporación municipal, nesa altura aínda non foran derrubados. Y sobre o estado no que estaba esta muralla despois de 250 anos tampouco podemos supoñer nada. Sería lóxico que cando se procede ao derrube non tería as dimensión iniciais e si non se conservou, como si o fixo o arco existente, pode deberse a que este era necesario para comunicar pazo e horta, e o que está en uso consérvase mellor que o que non é necesario, e a esa altura de 1842 esa función defensiva perdérase. Sabemos que había incluso casas apoiadas na muralla.

O que vemos no Pazo de Oca, feito posteriormente a Fefiñáns, no século XVIII, é algo similar. Muro en arcadas e pasarela enriba que comunica pazo e igrexa e continúa máis alá.

 

"otro [arco] entre la casa de D. Joaquín M.ª Sánchez Peña Rey, hoy de José González, y el atrio de San Benito"

Creo que se entendeu mal cando cito o libro de actas da deputación de 1843, en que José María Peña quéixase dos perxuízos que lle causaría a Cayetana Álvarez o derrube da muralla, polo que intúo que a casa desta muller estaría apoiada na muralla, pero non cara a praza senón cara fóra da muralla, o que hoxe é a rúa San Benito. Quizais falar de medianeira non foi o termo máis apropiado.

Creo que pensar que "os dous arcos do flanco leste (sic) [debe dicir oeste] foran máis ben cativos, e que o muro que os unise tampouco fose gran cousa", non se corresponde coas ideas artísticas da época. Certo que nas actas municipais se fala de "la muralla que por dos arcos mal construídos, da entrada a la plaza del mercado" (Libro de actas municipal 18-4-1942) pero estamos a falar do estado duns arcos moitos anos despois de seren feitos e tamén de que se mandan derrubar, non van dicir que son marabillosos se os queren tirar. Tampouco cadra ben coa realidade dunha familia que acumulaba riqueza e títulos como os de vizcondes de Fefiñáns, marqueses de Figueiroa, condes de san Román e condes de Maceda, con rango de grandeza de España e que levaba aparellado 327.000 reais de prata de rendas anuais en 1766 (ver páx. 57 do libro).

"Ao recrear un feito histórico, é doado deixarse levar pola opción máis fermosa, chamativa, ou adecuada ao momento dende o que se está investigando. Pero convén ser rigorosos". Eu penso que o son. Foron 3 anos de traballo e consulta de moitos arquivos (Toledo, Madrid, Simancas, A Coruña) e de moitas lecturas (ver bibliografía). O resultado é un libro de 357 páxinas, documentos transcritos nunca antes publicados, e máis de 400 fotografías (para min ver as cousas é moi importante, pese a que multiplica o traballo por 3).

3- Penso que había 4 arcos

- Coñezo ben a reprodución que fixo Mon Daporta no libro “Cambados. Cen anos de Historia a través da fotografía” (2005), páxina 32. Traballo que coordinei eu coa colaboración importantísima de Adela Leiro e os outros compañeiros/as do IES Asorey e por suposto do alumnado que fixo a maior parte dos textos. Ese traballo, do que estamos orgullosísimos no Asorey e co que aínda hoxe agasallamos as persoas que nos visitan para dar algunha charla ou conferencia, levou un premio de innovación educativa da Xunta de Galicia que fun recoller eu a Santiago como coordinadora. 

Pero xa ese debuxo de Mon me chocou no seu momento. Arcos conectando casas particulares co adro da igrexa e o pazo?, a praza aberta? algo non cadraba.

Sabemos polas actas do Concello de 1842 que se manda derrubar 2 arcos. 

En sesión de 18 de abril de 1842, la Corporación presidida por Don José Luis de Fraga, acordó que “ tanto la muralla como los dos arcos que dan salida a la calle opuesta a la principal por la parte de poniente, se derriben, dejando expedito y con toda libertad aquellos tránsitos, para cuya operación se haga saber del modo más propio a D. Juan Antonio Ricoy, mayordomo apoderado de la casa de Fefiñanes, propiedad del Exclmo. Sr Conde de San Román, trate de demoler dichos arcos y murallas al término de 15 días” (páx. 171 do libro)

"dos arcos que dan salida a la calle opuesta a la principal por la parte de poniente". Na praza de Fefiñáns desembocaba o camiño real que viña de Caldas, hoxe rúa Rosalía Castro e arco conservado (parte do levante ou leste).  Era a principal vía de acceso, non só a Fefiñáns, senón ás 3 vilas, a que conectaba coa única ponte sobre o Umia entonces construída, a de Pontearnelas. Non existía aínda a avenida de Vilariño actual. Polo tanto os arcos que dan saída a la calle opuesta a la principal por la parte de poniente, teñen que ser (cítase noutros textos), o que estaba sobre a rúa real e o que conectaba co adro da igrexa. Este en concreto permitía entrar en Fefiñáns dende a rúa Carreira, o seu nome xa nos di que por ela pasaban carros (os que ían ao mercado), porque efectivamente aínda non estaba aberta a avenida de Vilagarcía. Un plano que achegou en facebook Xurxo Charlín e que creo que localizou Jacobo Domínguez, indica como había unha casa interpoñéndose e que houbo que expropiar e derrubar para abrir, a finais do século XIX a estrada Vilagarcía-Gondar que acabou atravesando a praza. Pode que fose nese momento, ou antes, cando se derrubou este último arco, pese a que non apareceu (ata agora) ningún documento que o mencione. Pero temos algunha pista:

 

Debuxo de Enrique Mayer, 1909, Museo de Pontevedra

 

Detalle do debuxo anterior


 

- Conservamos un debuxo feito polo artista acibecheiro Enrique Mayer en 1909, ano en que visitou Fefiñáns. Debuxa varios elementos de Fefiñáns, varios escudos do seu pazo e da igrexa de San Bieito, e como se pode apreciar nun deles aparece un león aguantando un escudo cos emblemas heráldicos de Gonzalo Valadares (o taboleiro de xadrez) e a súa muller María de Ozores (o león aguantando unha espada) e escribe debaixo: En el paso a la Yglesia. (Arco desaparecido hoy). Pois aí temos unha evidencia de que seguramente se lle conta que ese escudo estaba no arco que levaba á igrexa, desaparecido xa á altura de 1909. A familia do pazo tamén fala da existencia deste arco, que lles permitía asistir aos oficios dende a tribuna da igrexa. 

-  Se miramos o que queda hoxe, vese claramente como se fixeron unhas casas no espacio que antes ocuparía o muro-pasarela que levaba ao arco. As casas son esaxeradamente estreitas. Están ocupando un espacio anterior.


 

Remato dicindo que as ideas que aparecen no libro son froito dunha investigación que aínda non está completa. Así o advirto no limiar e agradecementos. Novos documentos poden achegar novos datos que contradigan o que alí se afirma. Recentemente souben dun mapa que xa contradí o que no meu libro se di sobre o Muíño da Seca e que pode indicar que o que conservamos hoxe non se fixera en 1622, senón posteriormente. Non me supón ningún problema recoñecelo. E máis rectificacións virán no futuro, espero, eso significará que se segue a investigar no pazo.

Insisto, lede o libro, non tendes nin que mercalo, o concello mercou varios exemplares, están na biblioteca Luís Rei e nas bibliotecas das parroquias. E serán benvidas pola miña parte todas as achegas ou rectificacións que se fagan. Un saúdo.

Véxase tamén: https://www.facebook.com/iago.pillado/posts/pfbid0SAEg8T9VumQvM7VNVHC7it4LAdhXfNSYB2RxqVrgTTjaoa3F2ALY6cdrcL1uG5Sml?__cft__[0]=AZXza_Ak1HY5UZPM7YPV1JIwNUN0VaW0C2PAoqf_t9zRmw_Ch157Lr7qQmdfqnouAW5JqQ32RmAscThGHtarhi_-8AjVgjJgHu_moKLdip5T-yFJKXTCUma9Czjd6LvZirwjlF8_7EXK3y_v1Iwfdwv_&__tn__=%2CO%2CP-R

mércores, 17 de abril de 2019

CAMBADOS: ONTE-HOXE (1)

Recibín estes días dúas mensaxes de lectores deste blog que me lembraron que de tanto remexer papeis de Fefiñáns o teño abandonado. Vai esta entrada por eles, especialmente para o Centro de Día.

Praza de Fefiñáns con árbores e piso terreño. Ao fondo Igrexa de s. Bieito coas escaleiras frontais eliminadas, que daban acceso directo á entrada sur da Igrexa. Lembro que algúns políticos se comprometeron a repoñer, houbo incluso resolución do Parlamento galego. Seguimos esperando.

PRINCIPIOS S. XX




Praza de Fefiñáns con árbores. Agora que xa é peonil podería ser unha posibilidade. Comentaba eu cun amigo que agora ten un aspecto un tanto "escurialense"



Ribeira de Fefiñáns. Por detrás vese a torre do Pazo, e as torres da Igrexa de Fefiñáns. Diante na Ribeira vese a nave alongada da conserveira de Cándido Carreró que pechou en 1907, tras ela parece a galería da casa dos Pillado e á dereita o muro e casa rectoral.


Xa non é posible ver a torre do Pazo ou as torres de s. Bieito


O antigo Pazo de Bazán, familia emparentada con Dona Emilia Pardo-Bazán. Foi derrubado para construír o actual Parador de Cambados.


 Mágoa non haber restaurado o pazo!



O Concello nunha vista de principios de século cando aínda non foran prantadas as palmeiras nin estaba construída a casa da muller de Plácido Castro.


Ao mellor un día había que pensar en tirar o edificio de Caixa Rural, antes Zaragozano



Fonda Calixo onde se hospedaban moitos veraneantes que ían á Toxa a tomar as augas. De aquí salían os autocares de liña cara Pontevedra e Vilagarcía. Á esquerda a casa da familia Quintanilla na que estivo un tempo o Casino de Caballeros.

O antigo Hotel Calixto consérvase case igual


 
A praza do Concello nos anos cincuenta, vese o malecón e peitoril que daba ao mar antes de que se fixeran os recheos. Conta Xoán Antonio Pillado que no peitoril xuntábase a mocidade cambadesa a falar e ver pasar a vida da vila.


Outra vista da praza do Concello e a Fonda Calixto Pereira





Cambados visto dende o peirao vello, ou de Cambados. De esquerda a dereita vense ben a casa na que viviu Plácido Castro, o Concello, por detrás a Xuventude, a casa de Quintanilla, a fonda Calixto, e o vello Salón Variedades. Por detrás as árbores da horta do pazo de Taboada ou de Silva a igrexa parroquial. Máis á dereita é posible ver a antiga ferraxería de Otero e o Pósito e por detrás as ruínas de Sta Mariña.


Vista dende o mesmo peirao vello. Os recheos para a casa Reboredo, centro de saúde e Casa do mar taparon todo.


Antiga rúa do "muelle", hoxe Avenida de Galicia que daba directamente ao mar. Ao lado do concello vese o Cine Cervantes.


O cine cervantes desaparece para facer o edificio Montblanc, pero é posible que aínda se conserve algunha casa da antiga rúa. Como a da xoiería Fariña, que aínda conserva un rótulo de imprenta Fariña.


Vista da actual avenida de Galicia que se fixo tamén con recheos cando se trazou a estrada Vilagarcía-Gondar. Ferraxería de Otero á esquerda e torre da igrexa do Hospital atrás. Aínda non se construíra o Pósito nin a cultural e non se abríra a rúa nova, de aí o nome. Tampouco están  as conserveiras de Galván e Alasá (onde hoxe está o Gadis)


Novo paseo marítimo gañado ao mar e ponte asentada nas pedras das "joritas" para conectar co illote artificial. O edificio de Gadis aínda conserva a estrutura da antiga conserveira de Alasá.


Esquerda pombal do Pazo de Taboada ou de Silva que ata aquí chegaba, dende a praza Ramón Cabanillas ou do Baco. Ao fono a Xuventude e á dereita o que queda da carballeira do Convento, porque efectivamente era do Convento de Franciscanos que aí había, expropiado polo Estado na Desamortización. Aquí fixéronse nos anos de Franco as chamadas "Casas Baratas".




A mesma vista dende o adro da igrexa, ao fondo o auditorio da Xuventude


As pedras das "Joritas". Ao fondo o Borrón. Aínda non está a conserveira de Peña, que tamén se fixo sobre recheo.


A alameda de Santomé onde hoxe está o parque infantil.



O Pazo de Montesacro, hoxe asilo, sen escalinata, que se fixo posteriormente e non é barroca como teño escoitado


Á esquerda outro edificio que había que tirar, menos mal que non son alcaldesa senón facía unha desfeita.


A torre a finais do s. XIX. Vense unhas rochas que hoxe non existen. De aquí sacouse pedra para facer moitas casas.





A illa de san Sadurniño seguramente nos anos 60-70, sen ponte.





As ruñinas de Santa Mariña sen os panteóns que se fixeron posteriormente, como o da familia de orixe francesa, os del Valle, en estilo neogótico





Por hoxe abonda. Outro día máis

luns, 2 de xullo de 2018

S.O.S. FEFIÑÁNS

Despertámonos esta fin de semana coa boa nova de que se peonalizou a praza de Fefiñáns e rúas anexas. Fecebook e instagram rebosaba de fotos da praza núa en todo o seu esplendor, sen coches, só persoas. Algún titular de xornal cenizo avisaba de que xa había hostaleiros descontentos, pero non nos van amargar o pracer de desfrutar da praza este verán. E quen sabe, ao mellor xa non volve abrirse...



Pero nesta entrada quero chamar a atención sobre outra cousa. Parece que no tema peonalización xa vamos estando dacordo, a ver se agora nos concienciamos doutro tema. Non vale de nada peonalizar se a praza en vez de estar ocupada por coches, acaba ocupada por postos de pulpo, palcos de orquestas ruidosas e inchables varios:



Hai acontecementos importantes no verán, que son xa tradicionais na vila, como a romería de san Bieito ou as festas do albariño nos que hai que facer unha excepción. Pero é que ao longo do mes de xullo e agosto hai toda unha serie de actos que usan a praza como se fose un multiusos. Non. A praza debe verse libre, como aparece na foto superior.

Non hai que organizar eventos en agosto en Cambados, a xente xa vén. E veñen a ver esta magnífica praza, coa escenografía da fachada do Pazo, non a tapemos!

Voume centrar no esperpento dun evento que se celebrou o verán pasado e témome que tamén se repetirá este ano:
  unha feira medieval!.

Que queda de medieval en Fefiñáns?, que mo expliquen.

É orixinal facer unha feira medieval? debe haber no país unhas 200.

Tampoco queda moi medieval os inchables para nenos en medio da praza.

Quen se beneficia con este evento? non o teño claro. Pero Cambados e o selo de calidade que deberiamos buscar non.

Insisto, en agosto, Fefiñáns non precisa traer xente, a xente vén soa, e veñen ver a icona do noso pobo que é a fermosura da fachada  do Pazo e esa praza libre de coches. Onde se ula a mar e se escoiten os chíos dos paxaros  e as risas dos nenos xogando.


Notades o cheiro mesturado a sardiñas, pulpo e mexo? en Cambados, que ten unha oferta gastronómica de nivel.