sábado, 24 de agosto de 2013

FOTO IDENTIFICADA

Pois grazas a moitos colaboradores (Xoán Antonio Pillado, Sindo Mosteiro, Jacobo Domínguez e Enriqueta Rubio) temos identificados á maior parte dos protagonistas desta foto que  é  das festas da Pastora de 1926. Clika aquí para máis info.



GRAZAS!!


FOTO ORIXINAL


mércores, 21 de agosto de 2013

O PAZO DE BAZÁN (e 3)

Seguindo o libro de José Caamaño Bournacell, Estampas de Cambados de 1953, diremos que o primeiro Bazán en instalarse en Cambados foi Pedro Juan de Bazán y Heredia, veciño de Vilanova de Arousa onde aparece censado en 1588. Casou con María Pérez de Torres e veuse instalar a Cambados, primeiro probablemente na Modia e logo na Calzada, onde constrúe o primeiro Pazo da Calzada no solar que ocupaba a casa rectoral. Caamaño baseándose nun documento da época, que como é frecuente nel non indica cal é, describe o Pazo así: "casa alta con torre de dos altos muy espaciosa, la expresada casa con capilla, oratorio, dos patios, galerías, solanas y plazuelas, con diferentes salas y salones largos " (fin de la cita).


Escudo do antigo Pazo de Bazán insertado na fachada do actual Parador de Turismo. Aparecen as armas  dos Bazán (xadrez), os Torres, as flores de lis dos pérez, as ondas dos Mariño, as bandas xaqueladas dos Soutomaior e as canas dos Canabal.

Si comenta Caamaño que ten no seu poder copia do testamento de Pedro Bazán de Torres, fillo do anterior e cura párroco de Cambados e Santomé e creador do vínculo de "Mayorazgo" ou morgado para a casa de Bazán, práctica moi común entre as familias fidalgas para evitar a división das propiedades coa herencia, xa que deste xeito herda todo o fillo máis vello.  Pedro morre en 1677 e é soterrado na capela do Rosario da igrexa de Sta Mariña, como xa o fora a súa avoa María Pérez Torres. A herencia pasa ao seu irmán Mauro Bazán de Torres que "unió su suerte en matrimonio con una dama de la más rancia nobleza gallega: Doña Catalina Manuela Abraldes de Mendoza Feijóo Sotomayor y Caamaño" (Caamaño) da linaxuda familia dos Abraldes que tiñan enterramento na Catedral de Santiago. Mauro foi correxidor de Monforte e Cambados.



Herda a casa o seu fillo Benito José Bazán Abraldes de Mendoza que se dedicou á carreira militar e ao parecer desatendeu o coidado da casa familiar polo que tivo que iniciar a súa reparación ou reedificación, o seu xenro Francisco Calderón y Andrade, casado con María Jacoba Tomasa Bazán de Mendoza que pasaban longas temporadas en Cambados. A casa pasou logo a Pedro Juan Bazán de Mendoza, irmán da anterior e que prosigue a súa restauración segundo Caamaño "cambiando su antigua estructura hasta dejarla en la forma actual, acaso no tan típica como la primitiva, al desaparecer las solanas, claustros y espaciosa torre de dos altos, que era como una magnífica atalaya frente al mar de Arosa". Deixa a continuación Caamaño unha sombra de dúbida sobre as circunstancias nas que tivo lugar o falecemento de Pedro Juan en Madrid en 1788 e o testamento que este fixo un mes antes deixando por único herdeiro ao seu fillo Benito e desdecíndose doutras decisións tomadas con anterioridade respecto á súa segunda muller e ás dotes das súas fillas e tamén mostrando a súa oposición ao matrimonio da súa filla Luisa Bazán (da que falou Sánchez-Peña) con Juan José Pardo de Lama.

Entre a descendencia de Pedro Juan Bazán temos a dúas figuras ilustres, o seu fillo Pedro Pablo Bazán de Mendoza do que xa falou Emilio Ínsua  tamén neste blog e Emilia Pardo Bazán, bisneta de Luisa Bazán e Juan José Pardo, xa citados. Esperamos ter ocasión de falar de dona Emilia e os seus vínculos con Cambados noutro momento.

Unha das fillas de Pedro Juan, María Gaspara Bazán de Mendoza casou co IV Marqués de Montesacro, Julián de Zárate y Murga de xeito que entroncan así estas dúas casas fidalgas de Cambados. Pasará posteriormente a casa a María Valvanera Izquierdo y Zárate bisneta dos anteriores que como xa dixemos morre sen fillos e deixa en testamento as propiedades "aos pobres" de Cambados. Quen se beneficiou do legado testamentario non o sabemos con exactitude pero non foron precisamente os pobres. O caso é que o Pazo é adquirido polo Estado en 1964, en parte polas xestións feitas polo daquela Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne e polo secretario de Turismo Pío Cabanillas Gallas (sobriño do noso poeta).


Esta foto debeu tomarse en datas próximas á venda do Pazo, non parece que estivese en moi mal estado de conservación polo que pensamos que foi unha mágoa que se derrubara totalmente.


O Pazo de Bazán é demolido para a construcción do actual parador do Albariño que imita a arquitectura en pedra das casas señoriais galegas pero que é de edificación moderna. Nada deixaron que saibamos do anterior pazo agás un blasón ou escudo na fachada do que xa falamos.




martes, 6 de agosto de 2013

Dúas olladas sobre A Calzada. Luís Rei

Deixamos de momento o Pazo de Bazán para poñer unha nova colaboración, esta vez do cambadés do Grove (ou viceversa), Luís Rei Núñez, que nos vai falar da Calzada de Cambados a través da visión dun poeta e un pintor, disfrutádeo.


            A Calzada de Cambados. Francisco Lloréns.  96 x 135 cm. Colección particular
 
Toda a veciñanza de Cambados e arredores sabe onde está A Calzada e poucos serán os que non pasaron ou pasearon por ela. Tamén han ser moitos os cambadeses que escoitaron ou leron o poema de Ramón Cabanillas titulado “A Calzada de Cambados”. Porén, posibelmente moi poucos saiban que existe un cadro do célebre artista Francisco Lloréns que leva o mesmo título e, consecuentemente, reproduce este singular espazo cambadés. Pois ben o lugar físico, os versos e a pintura vannos servir para contar unha historia. Velaí vai.

No estío de 1922 o pintor Francisco Lloréns Díaz veu pasar uns días de veraneo a Cambados. Veu coa súa xove esposa Eva Rodríguez e coa súa filliña Eva, que nacera o ano anterior. A vida sorríalle ao pintor xa que, ademáis do seu bo momento familiar, viña de obter a primeira medalla do Concurso Nacional de Bellas Artes o que o sitúaba alcanzando o cume da súa carreira artística.

O verán do 22 foi un verán de artistas en Cambados porque no concurso antes citado tamén foi premiado, coa terceira medalla, o escultor Francisco Asorey, que concurrira coa escultura “A Naiciña”, e como moitos críticos de arte e todos os amigos do escultor consideraron que un terceiro premio era pouca bagaxe para unha obra mestra coma aquela, organizouse en Cambados unha grandiosa homenaxe de desagravio ao noso escultor e poucos foron os artistas galegos de prestixio que faltaron á cita. Pintando, paseando coa familia e participando en festas cos amigos botou aqueles días Lloréns en Cambados.

Ese é, pois o contexto no que o pintor coruñés pintou esta obra, unha estampa familiar na que aparecen a súa muller e filla, unha imaxe optimista, retrato dun tempo seguramente feliz, para a que escolleu un marco luminoso e despexado. Así se pintou o cadro A Calzada de Cambados

O poema de Ramón Cabanillas que leva o mesmo título que a referida obra pictórica de Lloréns foi escrito no verán de 1925 e os versos saíron da pluma do vate para lembrar o cadro e honrar ao pintor. Comeza facendo xustiza á paisaxe, arte na que o poeta de Fefiñáns era un verdadeiro mestre. O ton da arrincada é alegre e calmo como o mar daquel asollado día.


Sol de vran . O mar de Arousa ,
de praia a praia tendido,
 canso de loitar , repousa .
Ceo azuado e senlleiro.
Limpóu de néboa á Curota
o maino vento mareiro.  

Esta primeira referencia á Curota xa nos dá indicios de que Cabanillas, falando do cadro, lembra a paisaxe que verdadeiramente se olla desde a Calzada, non a paisaxe pintada, porque o monte barbanzán non está na pintura de Lloréns. Pero vai ser moitos máis elementos paisaxísticos os que Cabanillas mira “de memoria” e Lloréns non viu ou non quixo meter no seu encadre, seguramente para non distraer ao espectador do que para el era o asunto central: o acougo e beleza dunha nai coidando unha neniña nunha delourada ribeira do Salnés.


Alá , na boca da ría ,
dende a solana da costa
o Con de Noro vixía.
A luz que cai brava e roxa
encende as cunchas de nácar
dos areeiros da Toxa,
atolada e cantareira
crava flechas de diamante
nos negros cons da ribeira ,
e , ardendo e brincando , chove
moída en pingas de ouro
nos pinales de Tragove.


Fai un paréntese o cronista neste punto, como groveiro de nación que é, para sinalar que nin o pintor nin o poeta “ven” nas súas respectivas obras a península de O Grove, que, porén, é o que ocupa o maior quiñón da paisaxe que se pode ollar desde a Calzada. Deixemos continuar a Cabanillas:

 
Nas ágoas craras e mornas ,
as velas albas ó sol,
agardan o leste as dornas.
Adiantan quedo quediño ,
perguiceiras, soñadoras,
durmíndose no camiño ,
deixando a popa , tras d-elas ,
leviáns ronseles de prata
coma regueiros de estrelas .


Remata o poeta a descrición da paisaxe física para comezar o rascuño da paisaxe emocional e nese punto os versos alónxanse do cadro. Mentres a quietude continúa presidindo a pintura, algo acontece no poema: un escurecemento do ánimo, un mal presaxio, unha tristura fonda e ignota que se anuncia:


Son as doce . Xoga o vento
c-o fino e dondo tanguido
 da campana do Convento ,
e rodan as badaladas
 sin rumbo, a ir e vir , voando
 coma pombas asombradas .
Da Isla a San Saturniño ,
pasa esguío , silenzoso ,
retinto corvo mariño.
Vai lanzado ras das ágoas
coma venablo firente,
agoiro de loito e bágoas.



Os versos finais do poema caballiniano supoñen unha brusca virada no fío do relato, de facto só se entenden cabal e completamente se coñecemos o cuadro de Lloréns e a historia dos personaxes:

 
¡Neniña, gomo de rosa,
que á sombra dos vellos olmos
floreces leda e ditosa 
¡Baixo os maternos coidados
bicada do mar de Arousa
na Calzada de Cambados,
que lonxe estás nesta hora
de saber que anda no aire
unha frecha feridora!

¡Dalle un bico a túa nai,
neniña, gomo de rosa!
¡Dalle un bico que se vai!



   Efectivamente a nai da neniña, Eva Rodríguez, finou no verán de 1925, tres anos despois daquel estío no que foi pintada polo seu marido na Calzada de Cambados e o poema que estamos glosando foi o pésame emocionado que Ramón Cabanillas lle dedicou ao seu amigo Francisco Lloréns.  

Luís Rei

Maio de 2013
 

xoves, 1 de agosto de 2013

O PAZO DE BAZÁN E A FESTA DO ALBARIÑO (2)

O Pazo de Bazán está moi unido ás orixes da festa do Albariño. A primeira edición da festa tivo lugar en 1953 por iniciativa de Bernardino Quintanilla. O I Concurso do Albariño fíxose na finca ou horta de Ánxel Botana (xenro de Ramón Cabanillas), repetiuse escenario na edición de 1954 e 55 e en 1956 faise na finca da casa dos Pazos ou de Ulloa.

A  primeira comida do Albariño foi na horta de Botana un 28 de agosto de 1953, festa da Pastora. Manolo Pillado  deixanos un comentario no que identifica a todos os personaxes desta foto, de esq a dta: Manuel Pillado Fernández, Bernardino Quintanilla, Notario de Vigo, Ernesto Zárate, José Otero Otero e Isidoro Millán.

Os asistentes van aumentando e a horta de Botana quédase pequena. No 1958 por mor da chuvia o xantar celébrase na Cultural en no 1959 empézase a utilizar a horta do Pazo de Bazán.

Estas fotos que aparecen a continuación corresponden ao xantar de 1959 na horta ou xardíns do Pazo de Bazán.


Presidiron o xantar de esq a dta: Alberto Casal, o escritor Álvaro Cunqueiro, a xornalista Mª Victoria Fernández España, o alcalde Andrés Iglesias, con traxe branco o escritor José María Castroviejo e á dereita de todo Antonio "Tucho" Magariños.


Tamén asisten nesta edición Celso Emilio Ferreiro e Plácido Castro del Río. A festa foi durante moitos anos un lugar de encontro de intelectuais galegos e de exaltación galeguista, como ten remarcado o xornalista Benito Leiro.


Discurso de Álvaro Cunqueiro


 Álvaro Cunqueiro foi un gran valedor da festa, asistiu moitos anos e falou repetidamente na prensa de Cambados, do Albariño e da súa festa, traemos aquí un deses estupendos artigos:


Nunha edición dos anos 70 Cunqueiro descúlpase no Faro de Vigo por non asistir ese ano á festa. O feito de que tampouco acuda o seu amigo José María Castroviejo e certo desacordo co rumbo que está tomando a celebración, son as motivacións principais:

"Pero me veo obligado a decir que en la nación de los albariñenses, José María y yo, como el escribano del Albariño, Alberto Casal, éramos, y somos, fieles de una manera muy nuestra y libre , amorosa. Y el vino Albariño lo sabía, y lo sabe. Por ello, entre otras cosas, hemos querido para el Albariño, siempre, una fiesta un poco diferente a la que se le viene haciendo, una fiesta popular y gozosa, una romería".

Pois a nós tamén nos gustaría outro tipo de festa na que a cultura teña maior presenza e os políticos  menos. Onde sexan compatibles a diversión , o consumo moderado de alcohol e a promoción turística.