domingo, 2 de decembro de 2012

José Bellver. Un xuíz fotógrafo

José Bellver Álvarez ( Ponferrada, León, 1896- Pontevedra, 1968) estivo destinado en Cambados como xuíz de primeira instancia, e tamén noutras localidades como Caldas, Ortigueira ou Redondela. O seu derradeiro destino foi en Pontevedra onde se xubila coma Maxistrado da Audiencia Provincial. Alí morre en 1968.

Foi un gran afeccionado á fotografía que combina tamén co seu interese pola pintura e o cine. Durante a súa estancia en Cambados nos anos 20-30 tomou numerosas fotografías da vila, das súas rúas e monumentos e das súas xentes, recollendo esceas do mercado -que naquel entón aínda se celebraba en Fefiñáns- ou do traballo dos mariñeiros.

O fondo documental de Bellver está custodiado no Museo de Pontevedra, e en Cambados expóñense agora 62 imaxes, seleccionadas pola comisaria María Reyes Camiña. A exposición estará aberta ata o 13 de xaneiro, no Pazo de Torrado.



A Bellver, en liña coa pintura impresionista, interésalle especialmente a luz. As súas imaxes teñen un valor etnográfico e histórico, por retratar motivos da primeira metade do século XX pero tamén teñen un gran valor artístico. Prefire, coma os impresionistas, as vistas do mar e a auga, prefentemente en contraluz, como vemos na imaxe superior de dornas en Cambados fronte ao Grove.

domingo, 16 de setembro de 2012

CAMBADOS NUN MAPA DO S. XVI


Facilitáronnos unha copia dixital deste mapa, o orixinal consérvase no Arquivo Histórico Universitario de Santiago (signatura: clero 559, fol 251) e constitúe unha auténtica xoia para estudar o pasado da nosa vila. 

Lembrar que o Arquivo Universitario debe autorizar  a reprodución deste documento.

O mapa debeuse de facer para marcar lindes de terras e xurisdición da Casa de Dozo da Torre (hoxe coñecida como Ouso da Torre). Aparece nun libro de “apeos” (delimitación de lindes) do Mosteiro de S. Martiño Pinario que vai de 1579 a 1597 e a ficha do arquivo indica que o mapa corresponde a 1593. O mapa mostra a nosa vila dende o mar, na base do cal está perfectamente indicado e aparece a lenda: “Mar de la parte del  poniente”(oeste)  e están representadas as “vilas” de Cambados e Santo Tomé do Mar,  e non Fefiñáns. Xa algo debía existir nestas datas en Fefiñáns, pero non aínda o “Palacio” tal como o coñecemos hoxe. Pero o motivo polo que se fai o mapa non ten nada que ver con Fefiñáns senón coa delimitación dos señoríos de Cambados e Santomé, razón pola que cremos que non se representa nada desta vila.
Cambados aparece representado como un conxunto de casas arremuiñadas arredor dunha igrexa (con torre e campanario) e unha praza. Quizais sexa a igrexa do (daquela) Convento de S. Francisco (hoxe igrexa parroquial) e a praza debe corresponder ao que era entón o campo de S. Francisco que serviu aínda a principios do s. XX como campo da feira, onde se vendía o gando. Conservamos algunha foto antiga deste espazo, tamén chamado carballeira de S. Francisco, onde en torno a 1950 se edificaron as “casas baratas”.

Foto dos anos 50 na que se ve á esquerda o muro e horta do Pazo de Taboada ou de Silva, e á dereita ao fondo a Xuventude e en primeiro termo a carballeira de S. Francisco onde se construíron as casas baratas. 

Ao lado do núcleo de Cambados aparece a lenda: “Calle y camino que sale de Cambados para la fuente y crucero de S. Thomé”. A citada fonte e cruceiro aínda se atopan hoxe no núcleo de Santomé (lavadoiro e praza do cruceiro). É especialmente interesante o debuxo da Illa de S. Sadurniño, que o mapa chama “Villa Vieja” e o resalta varias veces: “ Entrada y salida de Villa Vieja”, marcando unha entrada cun arco de medio punto,  Torre y cerca de Villa Vieja” dando conta da existencia da Torre e dunha muralla (cerca) que a rodeaba, “Villa Vieja con mar alrededor”, remarcando o seu carácter insular. O nome de Vila Vella aparece noutros documentos como o que escribiu Xerónimo del Hoyo en 1607 que indica que o primeiro núcleo habitado foi este illote (por razóns defensivas) e dende aí a posteriormente a xente se foi instalando na liña de costa. É posible ver no debuxo como fóra da cerca da “Fortaleza” de San Sadurniño existen na illiña casas de veciños, Xerónimo del Hoyo di que “Esta islilla tiene diez y siete vecinos y son pobres. Solían ser ochenta”. Comenta Xerónimo del Hoyo que había unha calzada empedrada que cando a marea está baixa (cando “devala”) pódese cruzar. Di tamén que ten unha ermida adicada a Santo Tomé e a S. Sadurniño, que darán nome posteriormente á illa e á Vila de Santo Tomé do mar. O debuxo parece que corrobora a afirmación de Del Hoyo porque aparece unha edificación anexa á Torre, e Caamaño Bournacell escribe en 1933 no seu libro “Cambados a la luz de la historia” que aínda se podían ver os alicerces da ermida.
O debuxo proba a existencia dunha fortaleza en San Sadurniño, con muralla, torre defensiva  e ermida. O autor do debuxo fai circulares a muralla e a torre, así como tamén a torre-campanario de Sta Mariña, licenza do artista que non corresponde coa realidade do conservado hoxe, que vemos que é cadrado. A Torre parece que ten tres andares, ten merlóns (“almenas”) no remate e unha cheminea que aínda se conserva hoxe e dá conta da antiga función de vixía e alarma de ataques piratas que tiña esta edificación. O construído (que se ve no mapa) e o conservado hoxe pensamos que é da época de María de Ulloa, que tamén mandou construír por esas datas (finais do s. XV) a igrexa de Sta Mariña Dozo (ver este enlace).
Outras inscricións no mapa indican: "Camino que también va para Espiñero y entrada de la jurisdicción y propiedad de Dozo da Torre” que cremos que corresponde ao camiño que bordeando o asilo actual, pasa por diante do matadoiro e Ribeira de Mouta e continúa por Fonte de Brúa  ata o río Umia. Nese camiño aparece tamén indicado: “Crucero de S. Thomé  de la parte del Vendaval en el  mesmo camino”. Deste cruceiro tamén conservamos nunha foto a súa ubicación orixinal, á beira dos muros do Pazo de Montesacro (hoxe asilo) a carón de onde existiu posteriormente a chamada “Alameda vella”. 
Cruceiro de Santo Tomé situado a carón dos muros do asilo e ao lado de onde estaba situada a Alameda Vella de Santomé na que logo se construíron unhas casas para mariñeiros.
Destácanse no mapa varias viñas, seguramente pola súa importancia e extensión, como a “Viña de Canzela (?)” en Santomé ou "Viña de Rodrigo de Padín de la parte de la jurisdicción de la villa de Cambados"; e igualmente: "Viña de la entrada de Dozo da Torre" que estaban cercadas e que cadran no límite de separación entre as terras do señorío de Cambados e o de Santomé, neste caso o Coto de  Dozo da Torre.
Chegados a este punto é importante aclarar que na organización señorial que sigue á Idade Media,  a totalidade do territorio estaba dividido en señoríos, mandados por un señor, que podía ser laico (nobres) ou eclesiástico ( bispos e arcebispos ou abades de mosteiros). Legalmente a propiedade da terra e ás veces tamén o dereito de exercer xustiza e outras prevendas pertencía ao señor. Os campesiños traballaban estas terras e debían pagar polo seu uso uns impostos, chamados foros en Galicia, que podían ser en diñeiro ou en especie (parte da colleita ou días de traballo nas terras dos señores). En Galicia o poder da Igrexa foi moi forte, especialmente da Igrexa de Santiago que recibía numerosas doazóns en terras por parte do Rei; de feito na época medieval a Ría de Arousa era propiedade dos bispos santiagueses que logo aforaron (cederon) a varias casas nobres como é o caso dos Soutomaior, señores de Lantaño, que recibiron o señorío de Santo Tomé do Mar. O señorío de Cambados pertencía a finais da idade media ao Conde de Monterrei.
Pero sigamos co mapa, na liña costeira aparece indicado “Espiñeyro propiedad del Cabildo de Santiago” e tamén “Río Umia donde anda la barca en Dozo da Torre” e “Casal da Barca”. O mapa fai clara referencia por tanto á barca que cruzaba o río Umia trasladando pasaxeiros e mercadorías dunha beira a outra do río moito antes de que se construíra a ponte, que é de finais do s. XIX  (e que leva tamén o nome de Ponte da Barca). No propio mapa aparece debuxada na parte superior esa barca que nesta copia dixital non se ve ben pero no mapa orixinal é posible ver con claridade a tres pasaxeiros, un dos cales manexa o timón. Supoñemos probable que o barqueiro que cruza o río , e que cobraba por facelo, dependa do señor de Dozo da Torre que percibe así outra renda señorial.
Aparece logo a casa de Dozo da Torre (hoxe chamada Ouso da Torre) elemento importante do mapa e polo cal se fai. Esta casa aparece debuxada cunha torre con merlóns similar a outras do debuxo. Cremos que aínda existen restos dela na actualidade no lugar chamado Ouso da Torre. Xaquín Sánchez Peña no seu libro de Historia de Cambados escrito a principios do s. XX falaba así dela: “Está situada esta casa detrás del monte de la Pastora, hacia el lado sur, por cuyo lado limita la huerta con el río Umia. Pertenece dicho lugar a la villa de Santo Tomé do Mar. La casa es del s. XVI, no es un edificio de importancia pero le dá algo de carácter feudal una especie de torre almenada que tiene hacia el poniente. Perteneció este caserón con el de Cacabelos al hidalgo Don Antonio Fernández Cardecid, que falleció el año de 1724, siendo enterrado en S. Francisco. Esta familia estuvo emparentada con Don Francisco Peña Cardecid y Doña Josefa Montenegro, de estos desciende Valle-Inclán o Valle Peña”. Fala Sánchez Peña de épocas posteriores, de cando a propiedade pasou a outros “señores” pero é significativo que fale da relación coa casa de Cacabelos que no mapa aparece debuxada e indícase “Cacavelos, con jurisdicción, sin propiedad”. É dicir o señor do couto de Dozo da Torre debía ter dereitos xurisdicionais (aplicar xustiza, cobrar certos servizos…) sobre Cacabelos, pero non a propiedade, como ás veces sucedía.

Foto do conservado hoxe da Casa de Dozo da Torre (Ouso da Torre), a casa debe estar moi modificada respecto da orixinal pero aínda conserva algo dos merlóns ("almenas") da torre.
Aparecen no mapa os límites da xurisdición de Dozo da Torre que cara o norte viñan marcados polo “camino y crucero de longe donde llega la jurisdicción de Dozo da Torre”. Este cruceiro puidera ser o que está actualmente no lugar do Cruceiro, xa na parroquia de Vilariño. Na divisoria de augas do monte da Pastora atópase outro límite: “Aguas vertientes a la parte del oriente que es Dozo da Torre”. Pola contra o lado oeste pertence a Santa Mariña Dozo e o señorío de Cambados: “ Castro y mojón de Sta Marina por do va Dozo da Torre”. A igrexa de Sta Mariña xa pertence ao señorío de Cambados e este debuxo aporta información de como era orixinalmente, aparece por exemplo un rosetón hoxe perdido e que Sánchez Peña conta que foi vendido a uns ingleses "por unas pocas pesetas".
Quizais sexa este marco o "Mojón de Sta Marina" ao que se refire o mapa, delimita na cima do monte da Pastora por onde pasa a liña de separación entre a xurisdición de Dozo da Torre (Santomé) e Cambados. Dou con el o noso amigo Manuel Núñez.
 
Rematamos dicindo que o mapa ten escrito no seu reverso o seguinte: “Planta del Coto de Dozo da Torre, con jurisdizión zevil y criminal que lleva oy en foro de este Monasterio,  Murga,  por ceçión que le hizo el Conde de Villa umbrosa y Castro nuevo". Esta inscrición refrenda que se trata dunha delimitación de lindes e cítase ao Mosteiro (de S. Martiño Piñario onde se atopaba o documento) indicando que o aforou a (Diego de Zárate e) Murga, 1º Marqués de Montesacro que comprou o señorío de Santo Tomé do Mar ao Conde De Villaumbrosa y Castronuevo. 
Polo libro de Suso Vila sobre a casa dos Soutomaior sabemos que o señorío de Santo Tomé do Mar pertenceu na baixa idade media á familia dos Soutomaior de Lantañón. Posteiromente pasou a Enrique Enríquez de Soutomaior. Este nobre, centrado nas súas posesións en Castela non prestou moito interese a esta propiedade e perdeu o preito (despois de varias décadas de litixio) que o Arcebispo de Santiago lle puxera a Sueiro Gomes de Soutomaior en 1478 coa finalidade de recuperar os feudos do Barbanza e o Salnés que foran propiedade da mitra santiaguesa e logo aforados  aos Soutomaior. Parece probable (pero falta consultar a documentación) que pasase logo ao Mosteiro de S. Martiño Pinario,  que é o que manda facer esta delimitación do “Coto de Dozo da Torre”. Varios veciños de Santomé  téñenme comentado como as terras que no mapa aparecen como Espiñeyro foron compradas por familias ricas con motivo da desamortización (expropiación) dos mosteiros do s. XIX. Aínda un topónimo da zona alude a isto: Mar de Frades. Pero insisto hai que consultar a documentación para comprobalo. Queda para outra ocasión.
  Pido aos lectores e lectoras que se atopan erros ou non están dacordo co que poño mo fagan saber: nos comentarios do blog ou neste enderezo, mariasorey@gmail.com. Un saúdo, Maribel Iglesias.

HOSPITAIS DE CAMBADOS E FEFIÑÁNS (I)

Temos en Cambados unha rúa chamada “Hospital” porque alí houbo moitos anos un “hospital para coléricos” é dicir enfermos de cólera e outras enfermidades infecciosas. Pero non era un hospital como podemos ver hoxe, non pasaba seguramente dunha casa normal con bastantes camas nas que se tiña illados aos enfermos contaxiosos e os coidados que se lles daban non ían máis alá de atendelos, darlles de comer e rezar por eles (de aí seguramente que se sitúe a carón da igrexa). Pero sabemos que alomenos houbo dous hospitais en Cambados e un provisional que funcionou durante o andazo de gripe de 1918.

 Pazo situado diante da capela do Hospital, hoxe propiedade da familia Daporta (antes da familia de Aniceto  Vidal) aínda se ve na foto a ponte que unía a casa coa horta e deixaba libre o camino que ía cara a fonte dos píos, “o camiño do río”.

HISTORIA: OS HOSPITAIS DE CAMBADOS E FEFIÑÁNS ( II)

Falamos na entrada do sábado pasado do Hospital de Cambados, falaremos hoxe do Hospital de Fefiñáns. Tamén neste caso hai unha inscrición que nos confirma a posibilidade da existencia dende tempos antigos dun hospital en Fefiñáns. O historiador José Caamaño Bournacell, na biografía que fai do señor de Fefiñáns: Fernando de Valadares di que data de 1458, pero unha vez máis este autor non indica de onde obtén o dato. 

 Dato certo si é porén, a inscrición da que falamos, que está situada no muro sur da igrexa de S. Bieito debaixo do escudo doutro señor de Fefiñáns, pai do anterior, Gonzalo de Valladares. A inscrición lese doadamente pero hai que ter en conta as numerosas abreviaturas que utilizan. Literalmente di así:
“LOS SEÑORES DON GONZALO DE VALLADARES Y DOÑA MARÍA OZORES SU MUGER PROSIGUEN EN LO QUE SUS ANTECESORES PRINSIPIARON:  AN HECHO TORRE  CAMPANAS  OSPITAL  PLATA  Y ORNAMENTOS: NADIE TENDRA PARTE EN TODO LO HECHO DENTRO NI FUERA: NI LO TENDRAN EN LO QUE ISIERE: QUE ASI SE LO MANDAN A LOS SUSESORES A QUIENES LEGAREN EL PREMIO: ANO 1634”


A inscrición está situada no muro sur da Igrexa de S. Bieito, sobre a porta de acceso lateral á igrexa e debaixo dun escudo ou brasón de Gonzalo de Valladares e Sarmiento, I Vizconde de Fefiñáns. No escudo aparecen a coroa de vizconde, a cruz de Santiago e os símbolos familiares dos Valladares (axadrezado), Sarmiento (roeles ou círculos), Osorio (león rampante) e Soutomaior (bandas “jaqueladas”).

mércores, 1 de agosto de 2012

ÁLVARO CUNQUEIRO E A FESTA DO ALBARIÑO

Fai uns meses poidose ver na Cultural de Cambados unha exposición sobre Álvaro Cunqueiro e a Festa do Albariño. Reproducimos aquí varias das fotos que aparecían e que remarcan o apoio que o escritor dou á festa. Por que non se lle dedica a el unha estatua?.

Aconsellamos tamén ler o artigo que publica o blog de A TI MEU CAMBADOS sobre as orixes da nosa festa escrito por Manuel Joaquín Abalo Ozores.


 O escritor Álvaro Cunqueiro do que se conmemorou o ano pasado o centenario do nacemento ten fondas raíces en Cambados e na Arousa. En Cambados naceu seu pai Joaquín Cunqueiro, fillo á súa vez do avogado Carlos Cunqueiro e Mariño de Lobeira e de Carmen Montenegro da Povoa do Caramiñal. Por esta pola da familia Álvaro era curmán de Valle-Inclán. Lembraba ben Cunqueiro as súas estadías en Cambados cos seus avós. Na foto superior aparece o pai do escritor e o seu fillo sendo neno.



mércores, 18 de xullo de 2012

A TORRE DE SAN SADURNIÑO (I)



Subo nesta entrada o artigo que preparei xunto a unhas alumnas miñas sobre a historia da Torre de San Sadurniño. Presenteino como comunicación ao encontro CAMBADOS NA HISTORIA que fixo en Cambados no Museo do Viño en colaboración coa UIMP os días 26 e 27 de xullo.


A TORRE DE SAN SADURNIÑO,
 MOITAS PREGUNTAS E ALGUNHA RESPOSTA.

Mariña Busto Iglesias
Uxía Casais Fernández
Sara Falcón Fariña
Maribel Iglesias Baldonedo
Alba Rodríguez Aragunde

 Fragmento do mapa da xurisdicción de “Dozo da Torre”, s. XVII

                                 VILLA DE CAMBADOS , SAN THOME Y FAFIÑANES
“Destas villas la primera que se fundó fue San Tomé do Mar que es una islilla questá cercada de agua y quando devala queda en seco pero muy mojado y para poder entrar desde tierra a esta islilla hay una calçada de piedra gruesa, que será de alto como dos varas, y quando hay fortuna, la suele cubrir el mar y aun pasar un barco por encima. Esta isla se llama la Isla Vieja. Tiene una hermita que se llama San Tomé y también hay otro sancto que llaman San Saturnino. Tiene esta islilla una casa fuerte que por los dos lienços le rodea el mar .Dicen la fundó Pedro Pardo, el mariscal, questá enterrado en Sancto Domingo de Pontevedra, en la capilla que ahora es San Jacinto. Esta islilla tiene diez y siete vecinos y son pobres. Solian ser ochenta. No hay en esta islilla agua dulce.”     

Jeronimo del Hoyo, Canónigo y Visitador del Arzobispo de Santiago en el Asciprestazgo del Salnés, año de 1607.

Partimos neste breve traballo destes dous documentos: un esquemático debuxo conservado no Arquivo Histórico Universitario de Santiago,  para marcar lindes de terras e xurisdición da Casa de Dozo da Torre (hoxe coñecida como Ouso da Torre) e o relato do que ve o Coengo Jerónimo del Hoyo na súa visita ao Arciprestado do Salnés en 1607. Ambos documentos son en exceso esquemáticos e conteñen seguramente erros, pero son, que saibamos, os únicos que existen que nos falen con certo detalle do obxecto do noso estudo: A Torre de S. Sadurniño.
Comparemos mapa e texto, que deben corresponder a un arco de tempo similar pero extenso, o s. XVII. Di o Coengo que o asentamento no illote de S. Sadurniño é seguramente o primeiro das tres vilas históricas que hoxe constitúen Cambados. Este illote proporcionaba defensa e protección á primitiva poboación, en tempos tan inseguros como a alta idade media, sometida primeiro ao ataque de pobos xermanos  que se asentaron no territorio e logo a piratas vikingos ou normandos e tamén sarracenos (musulmáns) que saquearon as costas peninsulares durante varios séculos. De aí que ao ser o primeiro asentamento acabase chamándose, Vila Vella, ou “Villa Vieja”, tal como se ve no mapa: “Torre y cerca de Villa Vieja”, “Villa Vieja con mar alrededor”, “Entrada y salida de Villa Vieja”. Comenta tamén Jerónimo del Hoyo que había unha calzada empedrada que cando a marea está baixa (cando “devala”) pódese cruzar. Di tamén que ten unha ermida adicada a Santo Tomé e a S. Sadurniño, que darán nome posteriormente á illa e á Vila de Santo Tomé do mar. O debuxo parece que corrobora a afirmación de Del Hoyo porque aparece unha edificación anexa á Torre. E o historiador cambadés José Caamaño Bournacell comenta no seu libro “Cambados a la luz de la historia” de 1933, que nese ano aínda era posible ver os alicerces desta primitiva ermida. Logo fala o coengo que esta illa ten unha “casa fuerte que por los dos lienços le rodea el mar . Dicen la fundó Pedro Pardo, el mariscal”, e aí atopamos un primeiro erro no documento porque seguramente Del Hoyo confunde ao mariscal Pedro Pardo de Cela que nada ten que ver con esta Torre, co tamén mariscal Sueiro Gomes de Soutomaior, contemporáneo do anterior, herdeiro da fortaleza de Lantaño e señor de Santo Tomé do Mar nos anos en que a Torre seguramente foi destruída polas Revoltas Irmandiñas de 1467.



E imos coas preguntas:

-           Cando e por que se fixo a Torre de San Sadurniño?

mércores, 11 de xullo de 2012

FESTA DE SAN BIEITO

Descubro por casualidade no facebook unha entrada onde se reproduce o cadro de Xaquín Sánchez-Peña sobre as festas de S. Bieito






Aparece no blog da bodega Gil-Armada que dende aquí recomendo porque ten entre outras cousas de interese unha fermosa presentación con fotos do Pazo.

O texto que acompaña ao cadro é o seguinte:


Hoy 11 de Julio se celebra la fiesta de San Benito patrón de Fefiñáns.
“Este óleo sobre tela montada en bastidor de 55 x 77 cm en buen estado de conservación, forma parte de la colección de pinturas del Palacio de Fefiñáns.
Reproduce la fiesta de San Benito que se celebra todos los veranos el día 11 de julio en la Plaza de Fefiñáns de Cambados, con la procesión del Santo, clérigos con vestiduras de gala y estandarte, los danzantes de Covas, el tiovivo y los muñecos de los gigantes. Se observa todavía la antigua escalinata central de la iglesia posteriormente eliminada en la remodelación y enlosado de la plaza que tuvo lugar en los años 60.”
(Juan Fernando de Laiglesia. ”Arte y cultura de Galicia y norte de Portugal”, tomo II Pintura y escultura. Siglo XX en Galicia, pp 158-159. Nova Galicia Edicións, S.L.. Vigo 2006)

Engado eu, porque mo ten comentado moita xente que aparecen retratados personaxes cambadeses da época. Axudadesme a identificalos? eu creo ver a Valle-Inclán, nas primeiras filas á dereita.

Neste meu blog tendes fotos da procesión e festa de San Bieito.

domingo, 8 de xullo de 2012

CAMBADOS NO ARQUIVO PACHECO

Xaime de Sousa Guedes Pacheco, nado nunha aldea da Serra da Estrela, formárase como fotógrafo no estudio do seu irmán en Ourense. Posteriormente trasládase a Vigo onde se asocia coa viúva dun fotógrafo de orixe italiano que ten o seu estudo na rúa Príncipe que en 1915 pasa a ser propiedade exclusiva del. Recentemente o Concello de Vigo comprou o seu arquivo e iniciou unha tarefa de recuperación das máis de 100.000 imaxes que posúe.

Con motivo do traballo que fixen sobre Asorey consultei este arquivo e atopei numerosas imaxes relacionadas co escultor e algunhas tamén con Cambados que mostro agora aquí.






O antigo Balneario da Toxa creado polo Marqués de Riestra



 E non faltan tampouco estupendos retratos de estudo de Asorey e Cabanillas