venres, 24 de xullo de 2015

TORRE DE SAN SADURNIÑO, NOVAS HIPÓTESES

Tiven ocasión de asistir estes días no Pazo de Vista Real de Vilanova, a un curso da Universidade de Santiago (USC) dirixido polas profesoras da USC Marta Cendón e Dolores Barral e a doctoranda Alicia Padín. O curso resultou moi interesante e aclaroume algunhas dúbidas que tiña, polo que podo retomar o tema da orixe da Torre que tratei noutras entradas e aportar novos datos e novas hipóteses que pode que se acheguen un pouco máis á realidade.


 Basicamente hai dúas teorías en torno a orixe da torre:

1ª Hipótese: Que foi construída na alta idade media, s. X aprox. formando parte da estrutura defensiva que os bispos composteláns ( como Cresconio ou Sisnando) crearon na Ría de Arousa para defender a cidade de Santiago da entrada de piratas, primeiro vikingos ou normandos e logo tamén musulmáns ou sarracenos,  que pretendían chegar a Santiago e saquear a cidade e levar con eles os ricos tesouros que alí había, froito das numerosas rendas e doazóns que o rei, nobres e peregrinos en xeral facían. A función da torre sería de alarma e vixía que avisaría mediante fumes, da chegada de naves piratas que outras torres verían (Cálogo, Torres de Oeste...) e poñerían en alarma a Santiago e a toda a comarca. Hai quen dubida deste feito, por exemplo que se fose capaz de ver os fumes dunhas torres a outras, bastante distanciadas entre si, pero eu persoalmente penso,  e despois de visitar co arqueólogo Vicente Caramés (dentro do programa deste curso), que dende o excelente mirador de Lobeira, no que existiu unha fortaleza que dominaba  toda a comarca, era perfectamente visible calquer sinal de alarma.

O tema das torres ardendo e dando a alarma serían algo parecido a isto:




Datos en contra desta hipótese: A) que a Torre de S. Sadurniño non aparece mencionada en ningún documento altomedieval, como si aparecen outras. B) Que a apariencia constuctiva da torre non se asemella a outras torres máis antigas como serían a da Lanzada ou as de Oeste en Catoira.

2ª Hipótese: Que foi construída máis tardiamente no s. XV baixo patrocinio dos Soutomaior que tiñan nese momento o señorío de Santo Tomé do Mar. Datos en favor desta hipótese:

- A) As trazas constructivas (tipo de muros, decoración...) da torre, asemélllanse máis ás construccións de fins da Idade Media (baixa Idade Media). Xa aportamos neste blog unha comparativa entre unha moldura decorativa que aparece na cima da torre, e na que pouca xente repara porque está na parte exterior da torre, que só se ve dende o mar. Esta moldura decorativa é prácticamente idéntica á da torre da Igrexa de Sta Mariña que efectivamente foi construída no s. XV.


B) Os datos arqueolóxicos de que se dispón ata agora (a falta dunha excavación máis completa) din que existe un  nivel inferior de ocupación castrexa con abundante cerámica, ou sexa que se confirma que no illote houbo un castro arredor do s. IV ac. e dende ese estrato castrexo non aparece nada significativo ata os ss. XV- XVI . Estes datos facilitounos o arqueólogo municipal Ángel Acuña no transcurso do desenvolvento do curso, advertindo que era unha cata parcial e que debe ser confirmada por unha excavación máis ampla.

C) Dispoñemos de varios documentos: un mapa de 1593, un texto referido a Santomé do visitador Jerónimo del Hoyo de 1607 e un texto aparecido na revista Galicia Diplomática en 1889 de Antonio de la Iglesia que tiña localizado Sindo Mosteiro. E tamén unha foto antiga da Torre.

O texto de Jerónimo del Hoyo xa se reproduciu neste blog noutras entradas e como o texto de Antonio de la Iglesia colle datos de Del Hoyo reproduciremos só o de De la Iglesia que di así:



(...) En la avanzada isla de la Vila Vella de San Tomé do Mar se conserva únicamente pero, en malísimo estado, la calzada que unía al continente, los arruinados paredones y una puerta de arco de la ermita, o de lo que fue un tiempo su iglesia parroquial, de 75 pies de largo por 18 de ancho, y al Noroeste de la isla el llamado Picacho de San Tomé, que viene a ser el resto de la Torre de la Villa Vieja o sea de la Casa fuerte y palacio de D. Pedro Pardo el Mariscal, de D. Pedro de Sotomayor y de la Infanta doña Juana de Hungría. Quedan de este Pazo dos paredes de sillería de una torre o sea el ángulo Noroeste, besado por las blanquecinas y azuladas ondas del bello mar de Arosa. Lo demás del Pazo ha desaparecido. Por lo que de sus restos ha quedado, reconócese haber sido esta torre de tres cuerpos. Hállanse todavía por defuera al final del primero las ménsulas de las vigas, que podrían unir a la torre armaduras de techo de edificio más avanzado a la mar sobre aquellas peñas. En el segundo cuerpo de la torre se ve al interior la bonita construcción de la chimenea con arranque de ménsulas de menor a mayor en ambas paredes del ángulo plano; y próxima a la misma chimenea, en la pared del Norte, la ventana del arco que alumbraba la estancia. En el tercer cuerpo y exteriormente, la chimenea, que es cuadrada y en forma de torrecilla angular de Casa fuerte, se ve enriquecida por agraciado ornamento de pomas; y termina esta chimenea, de sillería como toda la torre, con su cornisilla y hermoso y esbelto remate a manera de pirámide, con una bola en el vértice, dando a conocer que la chimenea, mejor que de cocina, es parte de un calefactorio de regalada y confortable habitación o departamento de recreo de la Casa, que la mar acariciaba por ambos costados y cuyas preciosas vistas de mar y tierra desde allí no podían envidiar a ningunas otras del mundo. Y como las dos paredes del ángulo plano que restan de la torre han ido escalonadamente derruyéndose por la parte superior en lo alto por ambos costados, quedando la chimenea guardando el vértice de aquella pirámide, de aquí, por la forma o figura que afecta la ruina, el nombre de Picacho que le dan las gentes.
Hoy es respetado y querido este monumento por los marineros y pescadores de la ria, cuyo objeto les sirve de norte, guia y faro en dias de cerrazón y tempestad; y al infeliz pescador y marinero durará este servicio generoso mientras que la tromba de un cacique no se traslade a la isla de Vila Vella de San Tomé do Mar, con resolución de tragarse aquellos venerandos sillares y respetables molduras, como tantas otras cosas lleva engullidas el caciquismo en España".

Antonio de la Iglesia González, "Santa Mariña d'Ozo de Cambados", en Galicia Diplomática nº 7, 1889.

Datos que se sacan deste texto :

- Que existía unha calzada (moito antes da ponte actual que é moi recente) que unía a illa co continente, probablemente para facilitar o acceso con carros, esto xa o dixera Del Hoyo.

- Que existía unha ermida que foi igrexa parroquial (aporta incluso as medidas, estaría algo en pé cando el escribe?)  que Del Hoyo dixera que estaba dedicada a San Tomé e a San Sadurniño, que acabaron dando nome á illa e ao barrio. Se usamos o valor da medida do pé castelá: 0,27 mtrs, nos sae que as dimensións da igrexa serían 20,25 mtrs de largo  x 4,86 de ancho.

- Que a Torre pertenceu aos Soutomaior, e por tanto sería mandada construír por eles, anque fala dun  Pedro Pardo que ao igual que Del Hoyo penso que confunden con Sueiro Gómes de Soutomaior que tamén foi mariscal como o tal Pedro Pardo (de Cela?)

- Que a cheminea non tiña unha función de aviso e alarma, senón que era a cheminea dunha estancia dunha Torre-Pazo residencial. A Torre xa non tiña exclusivamente esa  función militar doutras torres da ría, dado que no s. XV os ataques vikingos desapareceran hai tempo e os musulmáns co avance da reconquista tiñan moita menos importancia.

- Fálase da ventana da estancia onde está a cheminea e dise: "ventana-arco", efectivamente esta ventana que agora é cadrada froito da última reconstrucción que se fixo, anteriormente tiña forma de arco e senón botade unha ollada a estas fotos:




 - Que a cheminea tiña un remate en pirámide coroado por unha bola no vértice tal como podemos ver nesta foto de Francisco Zagala, que se conserva no Museo de Pontevedra e que debe ser de finais do s. XIX, principios do XX.


 Finalmente o texto fai mención a unha práctica moi habitual entre "caciques" pero tamén entre a xente común de levar as pedras dos edificios en ruínas para facer as súas casas. Moitas casas de Santomé teñen probablemente pedras que foron desta casa forte de San Sadurniño. Como estas que aparecen aquí e que están nunha casa moi próxima á ponte que leva ao illote e que corresponden a uns canzorros ou "canecillos" (da ermida?):



- Temos un mapa de 1593 xa analizado neste blog noutra entrada no que se pode ver o illote de S. Sadurniño á dereita cunha torre e vivenda  anexa (ou será a ermida?), rodeada dunha cerca ou muralla. É posible ver tamén por detrás que había casas de veciños na mesma illa e fora dos muros da Torre-Pazo como conta tamén Jerónimo del Hoyo, que comenta que a este pequeno núcleo se lle chamou "Villa Vieja" por ser o máis antigo asentamento dos veciños de Santomé.



CONCLUSIÓNS: eu vou dar unha solución salomónica, ou tirar polo camiño do medio que se di, ao fin e ao cabo xa dicía Aristóteles algo así como que a virtude está no punto medio.

A miña hipótese é que algunha torre debeu haber na alta idade media, tendo en conta as necesidades de defensa desa época e sendo este illote un  lugar privilexiado con vistas á ría e de doada defensa militar polo seu carácter insular, como tamén o son a Lanzada ou o emprazamento das Torres do Este. Pero se efectivamente houbo esta torre, debeu ser de pouca entidade (como hai e había moitas outras por toda a ría, sen ir moi lonxe en Vilariño por exemplo) e este motivo explicaría por que non aparece citada en ninguha documentación altomedieval, nin baixomedieval, por exemplo cando os Irmadiños destrozan a maioría das fortalezas da zona.

A torre actual correspondería ao s. XV e sería probablemente feita por mandato de Sueiro Gómes de Soutomaior, O mariscal, señor de Santo Tomé do Mar e dono da fortaleza de Lantañón, fillo de Paio  Gómes de Soutomaior, embaixador do rei de Castela na corte do Gran Tamerlán e tataraneto de Paio Gómes Chariño, almirante, trovador e señor de Rianxo. Sueiro Gómes, O mariscal, deixa no seu testamento (de 1485) un marco de prata para adquirir un cáliz para a ermida de Santo Tomé (sería de recente construcción e ainda non estaba ben dotada?, outra hipótese que lanza Sindo Mosteiro). Mandaría construír Sueiro Gómes de Soutomaior esta Torre despois da revolta irmandiña de 1467-68 que destrozou o súa fortaleza de Lantañón? unha hipótese que lanzo eu.

Trátase dunha Torre-pazo con finalidade militar pero a estas alturas da idade media, tamén residencial. Un texto máis novelesco que histórico, do cronista cambadés José Caamaño Bournacell  dicía que na torre:

"Tuvieron lugar trágicas escenas y dramáticos amores: aquí se guareció la madre de Alfonso VII, Doña Urraca de Castilla, aquí esperó ansiosa la llegada de su amante Payo Gómez de Sotomayor, fugtivo en Francia, la infanta de Hungría, Doña María Gómez; aquí lloró su abandono Doña Juana de Castro, mujer por un día del rey D. Pedro y lloró también sus yerros Doña María de Ulloa en los últimos años de su vida" Cambados a la Luz de la Historia, 1933. 


 Fermoso gravado reproducido no libro de Manuel Murguía, Historia de Galicia, recollido do blog de Emilio Ínsua, por suxerencia de Sindo Mosteiro. 

Fixádevos que o enterramento de Sueiro Gómes de Soutomaior, hoxe no Museo de Pontevedra (antes na igrexa de S. Domingos de Pontevedra) reproduce por riba da fronte o motivo decorativo das bolas. 



Como se ve o illote de san Sadurniño e a torre  que nel está como un barco coas velas abertas mirando cara o mar de Arousa, nun dos lugares máis fermosos da nosa ría, como digo esta illa ten moita historia detrás e ben merecería unha excavación arqueolóxica rigorosa (total ou parcial) que nos aclare as múltiples dúbidas que os historiadores temos e que tamén si se fan ben as cousas, conte cun bo centro de interpretación, coa información exposta didácticamente que atraería sen dúbida a moitos visitantes e escolares e daría un pouco máis de vida ao barrio de Santomé, o menos visitado de Cambados polos turistas. Esperemos que a nova corporación municipal amose unha maior sensibilidade da que houbo ata agora.


E remato, agradecendo ás organizadoras do curso e aos ponentes que participaron, toda a información que me facilitaron e moi especialmente a Sindo Mosteiro que sempre me resolve as dúbidas que me aparecen. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario