luns, 7 de agosto de 2017

O FUTURO DA FESTA



Normalmente neste blog falo de historia, do pasado, hoxe toca falar de futuro.

Nestas festas do albariño tiven a inmensa sorte de coñecer a un grandísimo ser humano, o Doutor e investigador D.  Anxo Carracedo Álvarez, e á súa muller, médica entrañable. Non puden escoitar ben o seu discurso, enterouse polo facebook e tivo a deferencia de mandarmo, e a continuación o reproduzo. Arrecende o discurso a calidade humana, ciencia e humanismo, que nunca deberon de separararse. Pertence a esa estirpe de médicos, como deberon ser o Dr. Marañón ou  Miguel Gil Casares (moi ligado a Cambados), que eran grandes científicos que sabían moito sobre o corpo humano pero tamén sobre a alma, o espírito que anima ese corpo. E que non é posible curar un sen o outro.

Recentemente lin un artigo no que dicía un neurocientífico americano que era imposible ser un bo profesional se non eras boa persona, pódese ser bo pero nunca chegar á excelencia. E iso precisamente é o que fai grande a Carracedo, a súa calidade humana e o agarimo co que fai as cousas, co que trata aos pacientes, aos seus alumnos e alumnas, aos seus colaboradores... e este home pasou por Cambados, sen que moita xente se enterase, todos mirando a Coronado. Probablemente é o que el prefire, aos grandes seres humanos non lles gustan os focos. Pero neste blog quedará constancia para o futuro que un 6 de agosto (data tráxica para humanidade, día no que o inferno caeu do ceo) Anxo Carracedo estivo na festa do albariño de Cambados.

Reproduzo aquí o seu discurso que ten moitas claves que nos indican por onde debe ir o futuro do noso país e da nosa festa: a importancia da ciencia, da investigación, da educación... e sobre todo o  agarimo. O agarimo co que as nosas mulleres preparan as conservas (ver video de Galiñanes), e coidan as viñas, e apañan as ameixas... á vez que coidan tamén a vellos e meniños e levan flores aos camposantos. Ese é o futuro.

A vós me dirixo mulleres de Cambados, contádelle aos vosos fillos e fillas que un 6 de agosto de 2017, Anxo Carracedo estivo na festa do Albariño!.


PREGÓN DO XANTAR DO VIÑO ALBARIÑO 2017


Sra. Alcaldesa, autoridades, veciños de Cambados e do Salnés e doutras terras, amigas e amigos, boas tardes a todos.

Cando Víctor Caamaño, concelleiro de Cultura de este concello, comunicoume que pensaban en min para este pregón penseime moito si aceptar ou non, e mais nun ano no que Cambados for nomeada como Cidade Europea do viño. Era una honra inmensa para min, non merecida, e aínda por riba sabía que moita xente ilustre dera aquí o pregón, entre eles moitos escritores sobranceiros da nosa terra. Díxenlle a Víctor, ¿pero estades seguros? Eu non son Cunqueiro, nin Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Manuel María, Antón Fraguas, Fernández del Riego, ou Francisco Fernández Rei todos eles ilustres pregoeiros destas festas.

Aínda por riba eu son da terra do Xallas, terra dura, alta e fría, a terra dos feros corvos que cantaba Pondal no seu Queixumes dos Pinos e onde non medra unha vide, lonxe de esta terra amable, verde esmeralda e azul e con acios dourados no tempo da vendima.

Non sei tampouco porque me atrevín a dicir que si. Moito da culpa foi unha mensaxe que recibín do escultor cambadés Manolo Paz home feito a se mesmo e de tanto mérito e que nos axuda nun proxecto educativo no que andamos, e tamén o pensar en xente de tanta valía desta vila como a miña alumna Sabina Casalderrey -¡a miña alumna da mais mérito!-, e moitos amigos cambadeses como Maruxa Durán e Fausto Varela que impulsaron un modelo de ensino ca antiga filosofía da escola libre de ensino do que se beneficiaron os meus fillos. Tamén o recordo de algúns pais e nais con rapaces con problemas xenéticos que son un modelo de pais e de loita polos seus fillos, algúns deles aquí presentes.

Síntome moi honrado por terdes escollido de pregoeiro un médico e científico e estou moi agradecido ao Concello. Ademais de que me enche de ledicia sentirme tan querido, penso que isto significa que a investigación vaise facendo popular e goza dun recoñecemento social que antes non tiña. Isto danos folgos aos científicos para traballarmos aínda máis, pois coido que a investigación é motor do progreso, e o apoio social é vital. Este xesto do concello cambadés é un primeiro paso para que gobernos e empresarios se decaten da importancia de investigar, descubrir e aplicar os descubrimentos. Semella un aceno amable cara aos nosos investigadores –hoxe con tantas dificultades–, moitos deles a mostraren o que valen polo mundo adiante. É unha maneira de dicirlles que aquí van ter oportunidades para desenvolveren os seus talentos.

Pero unha vez dixen que sí empezaron os meus problemas. ¿Que esperarían de min os cambadeses? ¿Que contarlles? Para inspirarme fixen dúas cousas: reler moitas das obras de Cunqueiro –tan vencellado a esta terra e esta festa, e que é o meu escritor preferido e ler da xenética da uva. Paseino de marabilla co primeiro como sempre e aprendín do segundo pero de moito non me serviron.

E só onte, sen nada escrito, pensei, ¿que mellor para inspirarme que beber un bo albariño? E así fixen. Está claro que o viño con moderación favorece a creatividade e que mellor que inténtalo co mellor viño do mundo que o viño da nosa terra. Os viños teñen alma e o Albariño é Galicia, ten o seu agarimo, a súa frescura, a súa alegría ata diría eu o seu sentido do humor.

E entón decateime do moito en común que teñen facer viño e Medicina. Ambos precisan de ciencia, arte e cariño.

E na ciencia do viño como na Medicina, a xenómica, a ciencia na que no noso grupo traballamos, é de moita transcendencia. Como cada humano, cada cepeira, cada viña teñen o seu ADN que é como un libro de instrucións de cada ser vivo, que hoxe en día podemos ler e así tratar as enfermidades das viñas, como facemos cas dos humanos, e mellorar a súa produción e calidade. O século XXI e o século da xenómica tanto para saúde dos seres humanos como para as viñas e temos que facer un forte esforzo en infraestruturas e investigación para podermos manter competitivos nestas áreas.

Pero non todo son xenes no que é cada individuo ou cada cepeira. Tamén está o ambiente. Un experimento que tivo moita sona científica fai un par de anos consistiu en facer ratas idénticas que tiveron crías xenéticamente idénticas entre elas. Algunhas crías deixábanse cas nais mentres a outras separábanas delas. Aínda que tiñan o mesmo ADN as que se deixaban cas nais vivían mais e mellor e tiñan menos enfermidades e achouse que algúns xenes sufrían cambios químicos que lle chamamos metilación moi diferentes nos dous grupos. E dicir, tiñan páxinas do libro da vida, que se metilaban distinto, as tratadas con agarimo para ben e as outras para ter problemas.

Eu xa o intuía pero desde aquel artigo entendín as razóns científicas do humanismo en Medicina, e a importancia que ten darlles cariño aos doentes, collerlles a man e entender que cada persoa é un ser único e irrepetible que ten que ter todo noso respecto, cariño e atención.

E estou seguro por elo que os bos viticultores e os que producen este noso viño fan igual con cada cepeira e cando o fagan poden pensar como penso eu cando lle fago aloumiños a un alumno ou a un paciente: ¡que ben o estarei metilando!

En fin, vou rematando, meus caros veciños, meus amigos de preto e de lonxe, de aquén e alén de cordilleiras, chairas e mares.

É tempo de festa e ledicia, e pídovos que manteñamos o ánimo positivo que agora temos e a alegría que nos trae o Albariño. As cousas boas atraen cousas boas. Como dicía a miña avoa xalleira, “os que abren os brazos reciben abrazos”. Que sexan estas festas un revulsivo no noso espírito e veñan tempos de apertas, de concordia, de solidariedade e benestar.

Cambadeses, forasteiros, gozade das festas e do meigallo da festa da Albariño. Gozade da foliada, Mozos e mozas: coidado cos amores destes días, que o feitizo do viño é tamén traizoeiro e logo veñen os desenganos. Pero antes de nada gozade, que estades na idade, que a vida son dous días, as noites curtas e hai horas dabondo para durmir cando loce o sol. E bebede con moderación que e ben certo o dito de que o viño en exceso da as gañas pero quita as forzas.

Ca miña aperta para todos, ¡longa vida a Cambados e a festa do viño Albariño!


1 comentario: