mércores, 21 de agosto de 2013

O PAZO DE BAZÁN (e 3)

Seguindo o libro de José Caamaño Bournacell, Estampas de Cambados de 1953, diremos que o primeiro Bazán en instalarse en Cambados foi Pedro Juan de Bazán y Heredia, veciño de Vilanova de Arousa onde aparece censado en 1588. Casou con María Pérez de Torres e veuse instalar a Cambados, primeiro probablemente na Modia e logo na Calzada, onde constrúe o primeiro Pazo da Calzada no solar que ocupaba a casa rectoral. Caamaño baseándose nun documento da época, que como é frecuente nel non indica cal é, describe o Pazo así: "casa alta con torre de dos altos muy espaciosa, la expresada casa con capilla, oratorio, dos patios, galerías, solanas y plazuelas, con diferentes salas y salones largos " (fin de la cita).


Escudo do antigo Pazo de Bazán insertado na fachada do actual Parador de Turismo. Aparecen as armas  dos Bazán (xadrez), os Torres, as flores de lis dos pérez, as ondas dos Mariño, as bandas xaqueladas dos Soutomaior e as canas dos Canabal.

Si comenta Caamaño que ten no seu poder copia do testamento de Pedro Bazán de Torres, fillo do anterior e cura párroco de Cambados e Santomé e creador do vínculo de "Mayorazgo" ou morgado para a casa de Bazán, práctica moi común entre as familias fidalgas para evitar a división das propiedades coa herencia, xa que deste xeito herda todo o fillo máis vello.  Pedro morre en 1677 e é soterrado na capela do Rosario da igrexa de Sta Mariña, como xa o fora a súa avoa María Pérez Torres. A herencia pasa ao seu irmán Mauro Bazán de Torres que "unió su suerte en matrimonio con una dama de la más rancia nobleza gallega: Doña Catalina Manuela Abraldes de Mendoza Feijóo Sotomayor y Caamaño" (Caamaño) da linaxuda familia dos Abraldes que tiñan enterramento na Catedral de Santiago. Mauro foi correxidor de Monforte e Cambados.



Herda a casa o seu fillo Benito José Bazán Abraldes de Mendoza que se dedicou á carreira militar e ao parecer desatendeu o coidado da casa familiar polo que tivo que iniciar a súa reparación ou reedificación, o seu xenro Francisco Calderón y Andrade, casado con María Jacoba Tomasa Bazán de Mendoza que pasaban longas temporadas en Cambados. A casa pasou logo a Pedro Juan Bazán de Mendoza, irmán da anterior e que prosigue a súa restauración segundo Caamaño "cambiando su antigua estructura hasta dejarla en la forma actual, acaso no tan típica como la primitiva, al desaparecer las solanas, claustros y espaciosa torre de dos altos, que era como una magnífica atalaya frente al mar de Arosa". Deixa a continuación Caamaño unha sombra de dúbida sobre as circunstancias nas que tivo lugar o falecemento de Pedro Juan en Madrid en 1788 e o testamento que este fixo un mes antes deixando por único herdeiro ao seu fillo Benito e desdecíndose doutras decisións tomadas con anterioridade respecto á súa segunda muller e ás dotes das súas fillas e tamén mostrando a súa oposición ao matrimonio da súa filla Luisa Bazán (da que falou Sánchez-Peña) con Juan José Pardo de Lama.

Entre a descendencia de Pedro Juan Bazán temos a dúas figuras ilustres, o seu fillo Pedro Pablo Bazán de Mendoza do que xa falou Emilio Ínsua  tamén neste blog e Emilia Pardo Bazán, bisneta de Luisa Bazán e Juan José Pardo, xa citados. Esperamos ter ocasión de falar de dona Emilia e os seus vínculos con Cambados noutro momento.

Unha das fillas de Pedro Juan, María Gaspara Bazán de Mendoza casou co IV Marqués de Montesacro, Julián de Zárate y Murga de xeito que entroncan así estas dúas casas fidalgas de Cambados. Pasará posteriormente a casa a María Valvanera Izquierdo y Zárate bisneta dos anteriores que como xa dixemos morre sen fillos e deixa en testamento as propiedades "aos pobres" de Cambados. Quen se beneficiou do legado testamentario non o sabemos con exactitude pero non foron precisamente os pobres. O caso é que o Pazo é adquirido polo Estado en 1964, en parte polas xestións feitas polo daquela Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne e polo secretario de Turismo Pío Cabanillas Gallas (sobriño do noso poeta).


Esta foto debeu tomarse en datas próximas á venda do Pazo, non parece que estivese en moi mal estado de conservación polo que pensamos que foi unha mágoa que se derrubara totalmente.


O Pazo de Bazán é demolido para a construcción do actual parador do Albariño que imita a arquitectura en pedra das casas señoriais galegas pero que é de edificación moderna. Nada deixaron que saibamos do anterior pazo agás un blasón ou escudo na fachada do que xa falamos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario