sábado, 23 de novembro de 2013

BENITO PARDO DE FIGUEROA

O venres pasado proxectouse no Auditorio da Xuventude unha triloxía de documentais "Atlántica memoria" sobre as figuras de catro personaxes que tiveron protagonismo na (mal?) chamada Guerra de Independencia española (1808-1814): Benito Pardo de Figueroa, o seu sobriño Baltasar Pardo de Figueroa, Joaquín Miranda Gayoso (V Conde de S. Román), e Pedro Caro Sureda (Marqués de la Romana). Todos eles foron nobres que fixeron carreira militar e os dous primeiros están directamente ligados ao Pazo de Fefiñáns. Os documentais foron elaborados por Jose Antonio Durán e a súa productora audiovisual, e proxectáronse recentemente na TVG.

Cos datos que nós tiñamos e os que nos proporcionou o visionado dos documentais, intentaremos facer unha reconstrución breve das vidas de tío e sobriño. Nesta entrada falaremos do tío.



Benito Pardo de Figueroa Valladares naceu no Pazo de Fefiñáns de Cambados en 1755. Era o fillo máis pequeno do III Marqués de Figueroa, Baltasar Manuel Pardo de Figueroa e de Ana Jacoba de Valladares, IV Vizcondesa de Fefiñáns. Como soía suceder cos fillos menores das grandes familias nobres que non herdaban o título nin as propiedades (que pasaba ao fillo máis vello), dedicouse á carreira militar, onde destacou xa dende moi novo. Viaxa a Nova Orleans, capital da Luisiana, como Capitán de infantería ás ordes do Conde de Gálvez. Rematada a Guerra dos sete anos (1756-1763), España tivo que entregar a Florida a Gran Bretaña e a cambio é compensada por Francia coa entrega da Luisiana. Neste contexto estala a Guerra de independencia das colonias inglesas de norteamérica que españois e franceses apoiarán co ánimo de debilitar ao seu tradicional inimigo inglés. Será o Conde de Gálvez e as tropas que el dirixe, quen consigan recuperar o territorio da Florida. Foi Benito Pardo precisamente unha peza importante para Gálvez na famosa batalla de Pensacola (1781), importante victoria española que permitiu posteriormente recuperar Florida. Pero máis importante foi aínda para os americanos que precisaban de todos os apoios posibles na súa loita contra os ingleses.

Tropas españolas loitando en Pensacola

Na rica e cosmopolita cidade de Nova Orleans Benito Pardo coñece á súa futura muller, daquela aínda unha nena, Adelaida Destrehan, fillastra do Conde de Gálvez. Tamén se relaciona con representantes dos rebeldes americanos coma os Adams (pai e fillo) futuros 2º e 6º presidentes dos EEUU. A victoria posterior da milicia americana sobre un experimentado e disciplinado exército inglés asombrará ao de Fefiñáns e inspirará sen dúbida a orientación das reformas militares que acomete cando volve a España.

Escudo familiar no Pazo Fefiñáns coa serea dos Mariño de Lobeira e as armas dos Valladares (axedrezado), Sarmiento (círculos ou roeles) e Figueroa (as follas de figueira)
 

En 1786 morre o conde de Gálvez e a súa viúva decibe volver a España, instalándose en Madrid. A casa convírtese nunha extensión do ambiente intelectual de Nova Orleans, onde circulaban as ideas da Ilustración e a influencia das ideas revolucionarias francesas. Anos antes tamén retornara Benito Pardo e agora decide casar coa fillastra de Gálvez, Adelaida. A viúva e os seus fillos vivían un momento de ruína económica e Benito ten o xesto de renunciar á dote que os fillos fidalgos estaban acostumados a percibir da noiva. Durante a campaña militar dos Pireneos e o Rosellón empeza a facerse célebre o reximento que dirixe, coñecido como "da Princesa". Nace o seu primeiro fillo, Benito. Continúa a súa carreira militar, é nomeado Mariscal de campo e convírtese en home de confianza de Godoy que o nomea Inspector Xeral de Infantería. Dende este posto acomete unha serie de reformas que imitan en parte as características do exército de milicias americano e que van axudar a modernizar o exército español e preparalo para as terribles loitas que virán trala invasión napoleónica.

Neste momento a coroa española sigue sendo aliada de Francia, e inimiga de Gran Bretaña, incluso despois do estalido da Revolución e o acceso ao poder de Napoleón, pero non vai ser por moito tempo. Neste contexto Napoleón decreta o bloqueo continental para boicotear o comercio inglés con calquer porto europeo. Impón así a invasión de Portugal, na que vai colaborar España. Será Benito Pardo o autor do plan de intervención hispano-francés en Portugal e en relación a isto instálase coa súa familia en Cidade Rodrigo, perto da fronteira portuguesa, alí se manifesta por vez primeira a grave enfermidade da súa muller. Buscando unha cura para ela trasládase a París, levando a Adelaida e aos seus fillos Benito e Clementina. En 1802 morre Adelaida, é enterrada no cemiterio de Montmartre de París. Profundamente deprimido dedícase aos estudos humanísticos, outra das súas paixóns. Falaba inglés, francés, portugués e  traduciu do latín ao grego ao poeta Horacio. Dende París informaba a Godoy sobre a Corte Napoleónica. En 1805 Godoy mándao como embaixador a Berlín. Alí entrevístase con Napoleón, que esixe a España a participación no bloqueo. Benito Pardo recomenda ao Marqués de la Romana para dirixir as tropas españolas que atacarán a Europa do Norte e Dinamarca para loitar cos ingleses. Participará nesta campaña o reximento da Princesa que fora entrenado por Benito Pardo, dirixido agora polo seu parente o Conde de S. Román e no que había tamén tropas galegas.

 Litografía coloreada ilustrando o libro Manual do soldado español en Alemania, editado en Munich en 1807

Pero as circunstancias históricas estaban cambiando e as alianzas políticas ían ter que ser reaxustadas. A presenza das tropas francesas no territorio español levantaba cada vez máis desconfianza, os ingleses manobraban para achegarse aos españois. Neste contexto o Marqués de la Romana asiste á deserción de parte das súas tropas en Dinamarca que se pasan a navíos ingleses para seren transportados de novo a España a loitar cos franceses, incluído o Conde de S. Román. Estamos en 1807 e Benito Pardo é enviado a S. Petersburgo como embaixador. Alí chegaranlle as tráxicas novas dos enfrontamentos entre españois e o exército napoleónico. Jose Antonio Durán considera que o de Fefiñáns dáse conta de que no momento en que o territorio peninsular se convirte no campo de batalla entre franceses e ingleses, só unha alianza entre Gran Bretaña e Rusia pode resolver a situación. E decide unha dobre estratexia, mentres el se mantén fiel ao novo monarca Xosé Bonaparte, que o ascende a xeneral, manda ao cónsul Francisco Cea Bermúdez que negocie unha alianza entre a España antinapoleónica, Gran Bretaña e Rusia. Co inicio da invasión napoleónica de Rusia é expulsado do país e refúxiase na cidade letona de Riga, onde morre en 1812. Firma a súa acta de defunción, John Quincy Adams, amigo dos tempos de Nova Orleans e agora embaixador dos EEUU en Rusia (antes de ser presidente dos EEUU). E será el quen primeiro se faga cargo da súa filla Clementina, ata que esta casa co novo embaixador en Rusia, precisamente un irmá de Cea Bermúdez.

Benito Pardo representa o prototipo de intelectual español dividido entre a simpatía pola modernidade das  ideas que saíron da Revolución Francesa e a oposición á tiranía napoleónica e as aldraxes que cometía o exército francés no teritorio peninsular. Foron chamados "afrancesados" e foron duramente represaliados cando se produce a volta de Fernando VII despois da derrota napoleónica. Outro exemplo similar é o de Pedro Pablo Bazán de Mendoza, tamén cambadés. Cremos que a traxedia "das dúas españas" que levou a tantas loitas civís nos ss. XIX e XX, é dicir o enfrontamento entre os que aspiraban á modernidade e os que querían que nada cambiase, empezou aquí. E a península viviu a contradición de ver que as tropas napoleónicas traían estas novas ideas que falaban de liberdade, igualdade e fraternidade e ao mesmo tempo comportábanse como máquinas bélicas que violaban mulleres, confiscaban a comida, queimaban os campos... A intelectualidade da época contemplouno con amargura e dubidando de que lado poñerse: a cabeza estaba nun lado, o corazón noutro.

Francisco de Goya, gravado da serie dos Desatres da guerra, Goya tamén foi considerado  un "afrancesado", en 1824 exiliouse a Francia, onde morreu
 

sábado, 9 de novembro de 2013

Un día coma hoxe, fai 54 anos, morreu Ramón Cabanillas

O xornal La Voz de Galicia publicaba esto ese día, corría o ano 1959:


A comitiva fúnebre saía da casa da súa filla Ramona, onde faleceu, na rúa Hospital. Pódese ver nesta foto que gardan no Museo de Pontevedra:

Non é posible dicilo conseguridade pero adiviñamos a alta figura de Juan Gil Armada, Marqués de Figueroa (alcumado "pito bebendo")  diante do cadaleito ou a de José Filgueira Valverde, máis á dereita, baixo o marco da porta da casa. Gran parte da intelectualidade galega asistiu ao enterro. Abaixo o poeta Celso Emilio Ferreiro portando o féretro.


A comitiva percorreu as rúas de Cambados dende a casa da filla ata o cemiterio de Fefiñáns onde sería enterrado


Nesta foto que nos facilitou Pitusa Vidal Cabanillas aparecen retratados os tres fillos varóns, José á esquerda, e á dereita primeiro Manuel e logo Ramón. Diante do cadaleiro, de traxe, o seu neto Tano.

O noso poeta ficou soterrado no Panteón familiar co epitafio que el mesmo pediu no poema "Encomenda". Pero os seus restos serían  trasladados anos despois (1967) ao Panteón de Galegos Ilustres de Santiago onde siguen hoxe.


Rematamos lembrando a petición que fixo en numerosas ocasións o académico cambadés Francisco Fernández Rei de que se indicase cunha placa a casa da rúa Real onde viviu moitos anos Cabanillas e a casa da rúa Hospital onde morreu. Así como que se sinalice un roteiro para que veciños, veciñas e visitantes,  poidan percorrer os lugares máis significativos da nosa vila relacionados coa vida do poeta.

Lembrar tamén que hoxe se fai entrega da edición deste ano do premio Cabanillas e se fai un concerto homenaxe ao poeta no auditorio da Xuventude ás 21 horas