sábado, 2 de agosto de 2014

O cemiterio de Santa Mariña Dozo

Aproveitamos a candidatura deste cemiterio a uns premios convocados pola revista "Adiós" para contar un pouco da súa historia.

Ainda estás a tempo de votar! ata o 30 de setembro neste enlace, na categoría de
 "mejor monumento arquitectónico"

O cemiterio de Sta Mariña está situado dentro do conxunto das ruínas da igrexa de Sta Mariña Dozo. Aconsellamos mirar esta estupenda páxina-web  do historiador  Julio González Montañés na que se fala da arte e historia do  monumento. 

Alí cóntase como a igrexa parroquial perde a súa función co traslado á  Igrexa do antigo convento dos franciscanos de Cambados que fora desamortizado e os seus monxes exclaustrados. Eu creo que son varios os motivos que explican o traslado:

- O deterioro da Igrexa de Sta Mariña

- Un conflicto de tipo político entre absolutistas e liberais entre dúas casas nobiliares de Cambados: a Igrexa de Sta Mariña pertencía ao señorío dos Condes de Monterrei, que por herdanza pasou á Casa de Alba. O duque de Alba tiña por tanto o padroado sobre a igrexa e estaba obrigado ao seu coidado, cousa que parece ser que non facía. Javier de Zárate Piñeiro, liberal, alcalde de Cambados, membro da casa de Montesacro (os señores de Santomé do Mar), manda destellar a igrexa e de aí vén a súa ruína posterior, corre o  ano de 1838 (segundo J. Caamaño Bournacell). Comenta Luís Rei con razón que "derrubou máis cousas este Zárate que o terremoto de Lisboa de 1755",   porque a el se lle atribúe tamén o desmantelamento dos edificos do convento de S. Francisco desamortizado e o derribo dos arcos do Pazo de Fefiñáns.

- Pero outro motivo debeu pesar tamén, a igrexa de S. Francisco estaba situada en lugar máis céntrico. Cando en séculos pasados se escollera o emprazamento de Sta Mariña para facer a Igrexa (xa existía un castro próximo) o núcleo máis habitado de Cambados estaba situado aí, nun lugar doadamente defendible, igual que o Illote de San Sadurniño (chamado Vila Vella). Cando os perigos das invasións pasaron, a poboación situouse ao longo de toda a liña de costa dende Fefiñáns a Santomé, cunha forma combada (de aí quizais o nome de Cambados?).

O historiador José Caamaño Bournacell aporta a data de 1838 como inicio do abandono da Igrexa de Sta Mariña, outro importante historiador cambadés (pero con menos laureles) Xaquín Sánchez Peña, dá outros datos interesantes: que a igrexa fora roubada en 1833, "entonces debió desaparecer la reliquia de la santa", que tiña un rosetón na fachada que foi vendido a uns ingleses "por unas pocas pesetas". Ou que o retablo que está hoxe na igrexa de S. Francisco era o de Sta Mariña (reformado e restaurado posteriormente). E tamén fala do proxecto que houbo a principios do s. XX de convertir o cemiterio de Sta Mariña en Panteón de galegos ilustres, baixo deseño do arquitecto de Porriño, Antonio Palacios, pero non foi adiante.

Foto do fotógrafo pontevedrás Zagala a principios de século. Apréciase no derrube do teito das capelas  o mesmo fenómeno que aconteceu co teito de madeira da nave central

Co destelle e o abandono posterior, os teitos de madeira da nave principal da Igrexa podrecen e véñense abaixo. Sta Mariña pasa a utilizarse como cemiterio. A Igrexa permitía dende finais da Idade Media o enterramento nas capelas laterais a quen puidera facer importantes donacións. As capelas laterais de Sta Mariña son aínda lugares de enterramento privado dalgunhas familias cambadesas como os Fariña-Salgado (capela da Anunciación). Tras a ruína da igrexa, a nave principal, a capela maior ... pasan a ser tamén lugares de enterramento, e cando estes se enchen, o cemiterio esténdese arredor da igrexa.

Exterior da Igrexa vista dende o lado sur, onde está hoxe a maior parte do cemiterio

Nesta foto coloreada ( en torno a 1905) é posible ver o osario que existía no lateral sur da igrexa entre a sacristía e unha das capelas. Os osarios son frecuentes nas igrexas cristiás. Usábanse para depositar os osos das sepulturas que eran valeiradas e ocupadas por novos difuntos. O Osario de Sta Mariña desmantelouse, quitáronse os adornos que tiña (están agora tirados nunha das capelas do lado norte). Pegada ao antigo osario están agora as sepulturas da familia  Pomares-Zárate. Pero conservamos isto: (compárese coa foto coloreada) unha voluta, un frontón coa escea das ánimas queimádose no purgatorio e unha caveira con dúas tibias

Non é habitual en Galicia que unha igrexa en ruínas se convirta en cemiterio, pero si en Irlanda, onde o decreto de disolución dos mosteiros feito por Enrique VIII  no s. XVI, fixo que moitas abadías quedasen abandonadas e fosen reutilizadas como camposantos. Véxanse estas dúas imaxes de Kilmacduagh, Irlanda:



pero volvamos a Sta Mariña:


Fotos incluídas no  Catálogo monumental da provincia de Pontevedra  feito por Balsa de la Vega en 1907-08. Son seguramente algunhas das fotos máis antigas conservadas


Nesta última foto non é posible ver os dous dos panteóns máis antigos e relevantes que se conservan no cemiterio de Sta Mariña: Os da familia Padín-Torrado e dos del Valle Bèchade. O primeiro é de 1904-6 e o segundo en torno a 1919. Na foto inferior si se ven os dous, á esquerda cara atrás o de Padín-Torrado, diante da entrada á igrexa o da familia Del Valle. Os dous con tonos blancos  polo revoque con cal que se daba entón á maior parte dos muros arquitectónicos. O da familia Del Valle destaca máis por ser máis novo, nesta foto debe estar recén feito. Pero empezaremos a falar polo máis antigo.




O panteón da familia Padín -Torrado foi realizado por iniciativa de Egidio Padín Torrado, membro dunha importante familia fidalga cambadesa, con pazos en Corbillón e Cambados. Tamén co tempo emparenta esta familia cos comerciantes da familia Fraga, ao casar Encarnación Padín Torrado (irmá de Egidio) con Eugenio Fraga Mascato. Entroncan na mesma familia fidalgos como os Padín e Torrado con comerciantes galegos como os Fraga . É un feito histórico repetido moitas veces no tempo, as familias fidalgas aportan patrimonio e linaxe e a burguesía comerciante o diñeiro, nunha sociedade en proceso de cambio polo auxe da industria fronte a unha sociedade rural en decadencia que basa a súa riqueza na propiedade da terra e no cobro dos foros.

Grazas á documentación facilitada por Juan Rivas Botana (dende aquí llo agradecemos), puidemos reconstruír a historia deste panteón. Sabemos que morre Egidio Padín Torrado o 28 de decembro de 1890 e que deixa estipulado no seu testamento que se constrúa un panteón familiar onde se depositen os seus restos e os da súa nai e posteriormente os dos seus familiares. Aporta para realizar a obra tres accións da compañía arrendataria de tabacos, depositadas no banco Crédit Lyonnais de Madrid. Consérvase a documentación na que a Banca de José Riestra de Pontevedra fai entrega aos legados testamentarios (dous sobriños do finado) de 8.583,8 pesetas, polo importe da venda destas accións. A solicitude de cesión de terreos no cemiterio parroquial para a construción do Panteón faise en 1893, pero non será ata 1904 en que se dea a autorización final por parte do Arcebispado de Santiago. Debido a diferenzas existentes  na extensión dos terreos polos que se pide a cesión. Eugenio Fraga Padín, avogado, e sobriño do finado, fai a xestión ante o Arcebispo e escribe:

"(...) Solicitado el terreno necesario por los cumplidores testamentarios en 4 de Octubre de 1893, calculado por el maestro de obra en 42 metros cuadrados, no se les concedió más que 15 metros de conformidad con lo informado por el Párroco desta Villa. Debido a esta insuficiencia y a otras dificultades de distinto órden, quedó hasta hoy incumplida la voluntad del testador.
En nombre de toda su numerosa familia y en especial de los dos cumplidores testamentarios sobrevivientes, acudo a V. Excma Rvma para que se amplíe la primera concesión por lo menos hasta 36 mtrs cuadrados, o sea, un rectángulo de 9 metros de largo por cuatro de ancho. (...) Extrañará a primera vista, Excmo y Rvmo Sr. la amplitud que se le quiere dar a este panteón si se tratase de una sola familia, pero como quiera que son cinco, porque cinco son los hermanos que tuvo el señor Egidio Padín Torrado, todos ellos con numerosa descendencia, hasta el punto de que los actualmente vivos ascienden a 44 y a más de 60 contando con los fallecidos y cuyas cenizas serán trasladadas(...)

Finalmente en dec. de 1903 o Arcebispo dá o visto bó á concesión de terreo que se pide, eso si advertíndolle ao cura párroco de que non dea a conformidade antes de percibir "ochocientas cuarenta pesetas para la fábrica de la iglesia". Consérvase tamén o contrato de realización da obra con Cándido Hermida que se compromete a tela rematada antes do 1  nov. de 1904. En abril de 1906 Eugenio Fraga Padín, volve solicitar ao arcebispado permiso para realizar misa na Capela-Panteón, polo que nesa data debemos supoñer que está rematado definitivamente.

 O Panteón constrúese en estilo neo-gótico, repite os motivos decorativos de bolas da igrexa anexa de Sta Mariña. Ten unha inscrición que di: "Fundado por D. Egidio Padín Torrado. Hoy de sus herederos". A frecha vermella indica o lucernario que dá luz á cripta que está debaixo.

A capela-panteón dispón dunha cripta soterrada á que se accede mediante escaleira dende a capela. Nesta cripta deposítanse  os difuntos antes de colocar os seus restos nos cinceiros do Panteón. É o que chaman en Castela "pudridero". Ao panteón foron trasladados os restos de Egidio Padín Torrado e a súa nai Ramona Torrado que repousan na parede de fondo da capela, diante sitúase un ara ou altar no que se pode oficiar misa. Nos laterais están pequenos nichos para acoller as cinzas dos difuntos, a modo dos Columbarios romanos, chamados así porque a forma e a repetición dos nichos lembra a un pombal.

Neste panteón está soterrada media historia de Cambados: xa comentamos como a familia Padín Torrado enparentou cos Fraga, que controlaron a vida política de Cambados e da provincia de Pontevedra durante máis de 50 anos. Tamén a familia Cabanillas emparentou con eles e unha filla do poeta: Aurora Cabanillas está soterrada aquí. A estas liñas familiares hai que engadir a dos Gonzalez-Pardo, os Quintanilla, os Vidal, os Botana, Caamaño Bournacell.... sería interminable reconstruír as xenealoxías familiares cambadesas, porén, un novo historiador cambades, Jacobo Domínguez, case o consegue. Consultamos as xenealoxías que nos facilitou e que preparou para o libro sobre a Historia de Cambados que está  a piques de publicar. Tamén me valín do traballo xa feito no meu libro Ramón Cabanillas Enríquez, Biografía en imaxes, publicado no 2008. Na xenealoxía familiar reconstruída a continuación todos os personaxes están soterrados neste panteón:





Interior do Panteón da familia Torrado-Padín


Imos rematando por hoxe,  queda falar do panteón da familia Del Valle. Tivemos ocasión  de falar desta familia na entrada publicada sobre a casa na que naceu Francisco Asorey . A construcción do panteón debeu realizarse nos anos finais da década de 1920. O cabeza de familia, o comerciante francés, Léon Manuel Anatole del Valle finou en 1919  (20 de nov 1846- 22 de set de 1919) e alí está soterrado. Tamén o está a súa muller Lucie Marguerite Amèlie Bèchade viúva de del Valle (19 abril 1864-1 dec 1954) e as súas fillas: María Dolores del Valle Bèchade (24 abril de 1885- 11 de out de 1967) e María del Valle Bèchade (9 de set de 1888- 8 xan 1988). María casou con Enrique Vidal Oubiñas, fillo do 1º matrimonio de  Salustiano Vidal (ver. xenealoxía anterior) que tamén está soterrado aquí. Dicir como curiosidade que este panteón tamén ten cripta.


O panteón da familia del Valle ao pé da torre da Igrexa de Sta Mariña


Xa se falou tamén noutra entrada deste blog de dous difuntos ilustres soterrados aquí como foron un fillo e a muller de Valle-Inclán e queda pendente para outro momento falar dos panteóns doutras familias cambadesas enterradas neste camposanto. 

Rematar dicindo que non esquezades votar por este cemiterio que é na miña opinión o máis bonito de Galicia, do que dicía Álvaro Cunqueiro que os seus arcos sostiñan o ceo.