venres, 4 de agosto de 2017

AS ORIXES DA FESTA DO ALBARIÑO. 65 ANOS DESPOIS

Relín de novo as entradas que fixen neste blog sobre a festa do albariño e volvo sobre o tema.

A través da testemuña de Manuel Abalo Ozores, que recolle en 2012 o finado e lembrado, Xaquín Charlín, Chon, no seu blog A ti meu Cambados, sabemos como foi a orixe da festa.

A IDEA


A orixe da festa do Albariño foi e tivo o seu alumeamento nunha desas comidas que cada mércores se celebraban na Casa das irmáns Quintanilla, enriba do que hoxe é o local que ocupa a sucursal da Caixa de Aforros de Pontevedra e que, na parte do norte do baixo, achábase o resto do que, no seu día, fora Casino de Cambados. Así, nese piso e nese inmoble, naceu o "Concurso do Viño Albariño". Que como o sei? Pois moi sinxelo; porque son o único que pervive de quen sentaron, ese día e ese mércores á mesa, na casa das irmás Quintanilla e na que facía de anfitrión o seu irmán Don Bernardino que acudía, desde Vigo, todos os mércores do ano para atender aos seus clientes, como avogado, e, ao mesmo tempo, para compartir mesa e mantel con algúns dos seus numerosos amigos e baixar, logo, ao Casino a xogar a partida de dominó que (como se di no argot da curia) era preceptivo o xurala. 
 Recordo que ese mércores, cuxa data non podo precisar, achabámonos sentados á mesa das irmáns Quintanilla, o seu irmán D. Bernardino (Avogado e anfitrión), D. Ernesto Zárate (Propietario colleiteiro), D. Joaquín Álvarez Lores (Perito Agrícola), D. Francisco Reverter de Lujan (Notario de Cambados) e o que subscribe, degustando as excelencias da cociña que dirixía Pepita Quintanilla, ben servida e regada, para o seu goce, por un delicioso viño albariño elaborado polo propio D. Bernardino con uvas procedentes dunha finca pequena que posuía en Areas de Tragobe e que, por non ser un terreo de extraordinaria calidade, como el mesmo dicía, daba ou producía o mellor viño albariño. Este feito non o admitía D. Ernesto Zarate que se vangloriaba de cultivar o mellor albariño da zona, procedente do súa finca de Padrenda e polo que, ao non porse dacordo ambos sobre quen era o que tiña mellor viño ou cal deles era o de mellor calidade, debeuse facer unha especie de concurso de viños, pero no que se admitía a participación doutros caldos albariños doutros propietarios colleiteiros, para poder comparar as calidades e determinar cal era o mellor de todos eles, pero sempre na crenza de que sería un dos viños, por eles cultivado, o que saíse triunfante no evento, ben fose o de Quintanilla, ou ben o de Zarate, pois ambos eran uns bos caldos. Aquí é cando chega a sorpresa. O viño elixido nese primeiro concurso foi o de D. José Rodiño de Carballás que, a verdade sexa dita, era un verdadeiro néctar e un caldo excelente de inmellorable calidade.

A 1ª FESTA

En canto á organización da primeira festa que naceu no Casino de Cambados, lugar no que, xogando a partida de dominó con asistencia de D. Manuel Silva (avogado), D. Joaquín Álvarez (perito agrícola), D. Francisco Aguiño (militar) e D. Bernardino Quintanilla, así como os miróns de quenda dos que recordo a D. Juan Rivas e D. José Gómez Pomares (Procuradores), D. Juan Salgado (avogado) e outros, aos que se lles deu a coñecer a idea xurdida na comida e foi compartida por todos os representantes, co fin de elixir o mellor viño.

Para celebrar o acto, contouse coa colaboración de moitos cambadeses, de imborrable recordo, que puxeron todo o seu empeño en organizar unha merenda-cea que se celebrou na horta que había na parte posterior da vivenda do Procurador D. Luís Fariña, e cuxa organización correu a cargo de D. Joaquín Fole, axudado dos seus máis achegados amigos e compañeiros.


Acordouse celebrar a festa todos os anos ou en anos sucesivos, nomeando ao efecto, Notario Oficial da Festa a D. Alberto Casal Rivas e a cuxo acto acudiron moitos amigos e personalidades, todas elas, ou case todas, relacionadas co mundo de avogacía e da xudicatura, como D. Darío Fole, Secretario do Xulgado de Primeira Instancia de Cambados, o Maxistrado Sr. Belver, o avogado D. Isidoro Millán e outras moitas persoas cuxos nomes sinto non recordar.
Pero recordo, iso si, ao moi ilustre escritor D. Alvaro Cunqueiro entre os que foron expresamente invitados, sen imaxinar, "ningún dos asistentes", que algún día chegaría a ter a importancia e repercusión do que hoxe é a Festa do Albariño. Confiamos en que o siga sendo no futuro, pero sen esquecernos daquelas persoas ás que se debe o nacemento dun feito tan importante para a Vila de Cambados e a quen  confío réndaselles un cumprido e merecido recoñecemento que faga perdurar o seu recordo.



Esta testemuña foi publicada no xornal Faro de Vigo  o 11 de agosto de 1998.



Como se pode ler, Manuel Abalo non lembra a data exacta deste acontecemento, no libro de Benito Leiro sobre a Festa do Albariño xa se consultan os borradores das actas da festa e coméntase que  o 1º Concurso do Albariño celebrouse en 1953, na finca de Ángel Botana Gómez (xenro de Ramón Cabanillas). Entendo polo tanto que o que conta Manuel Abalo refírese ao acontecido en 1952.  E dende aquí empézanse a contar as edicións, para chegar en 2017 á nº 65. Non hai fotos, que eu saiba desa primeira merenda-cea que se celebrou na horta da casa de Luís Fariña pero si do ano seguinte, na horta de Botana, cando gaña o certame, agora si,  Ernesto Zárate, que aparece retratado co trofeo:



O chamado I Concurso do Albariño foi na horta de Botana un 28 de agosto de 1953, facíase coincidir coa festa da Pastora. Manolo Pillado identificou a todos os personaxes desta foto, de esq a dta: Manuel Pillado Fernández, Bernardino Quintanilla, Notario de Vigo, Ernesto Zárate, José Otero Otero e Isidoro Millán.


 Continúa celebrándose a festa na horta de Botana en 1954 e 1955. En 1956 foi na horta da casa dos Pazos (ou Pazo de Ulloa) pero os asistentes van medrando, no 1958 por mor da chuvia o xantar celébrase na Cultural, en no 1959 empézase a utilizar a ampla horta do Pazo de Bazán.

Estas fotos que aparecen a continuación corresponden ao xantar de 1959 na horta ou xardíns do Pazo de Bazán.





 Presidiron o xantar de esq a dta: Alberto Casal, o escritor Álvaro Cunqueiro, a xornalista Mª Victoria Fernández España, o alcalde Andrés Iglesias, con traxe branco o escritor José María Castroviejo e á dereita de todo o mestre, Antonio "Tucho" Magariños.



Tamén asisten nesta edición Celso Emilio Ferreiro e Plácido Castro del Río. A festa foi durante moitos anos un lugar de encontro de intelectuais galegos e de exaltación galeguista, como ten remarcado o xornalista Benito Leiro.



Discurso de Álvaro Cunqueiro


 Álvaro Cunqueiro foi un gran valedor da festa, asistiu moitos anos e falou repetidamente na prensa de Cambados, do Albariño e da súa festa, traemos aquí un deses estupendos artigos:


Nunha edición dos anos 70 Cunqueiro descúlpase no Faro de Vigo por non asistir ese ano á festa. O feito de que tampouco acuda o seu amigo José María Castroviejo e certo desacordo co rumbo que está tomando a celebración, son as motivacións principais:

"Pero me veo obligado a decir que en la nación de los albariñenses, José María y yo, como el escribano del Albariño, Alberto Casal, éramos, y somos, fieles de una manera muy nuestra y libre , amorosa. Y el vino Albariño lo sabía, y lo sabe. Por ello, entre otras cosas, hemos querido para el Albariño, siempre, una fiesta un poco diferente a la que se le viene haciendo, una fiesta popular y gozosa, una romería".

Benito Leiro recolle outra testemuña no seu libro de Fernández Aguiño, organizador da festa en varias edicións, na que se queixa da masificación actual, "os pioneiros degustaban con deleitación o viño que agora apenas se saborea".

Estas dúas testemuñas sérvenme para introducir unha reflexión cara o futuro da festa, queremos cantidade ou calidade? Queremos educar ás novas xeracións na cultura do viño e a boa gastronomía ou deixar que prevaleza a cultura do botellón?. Queremos que o Albariño volva ser unha festa da cultura, e de exaltación galeguista, na que importantes personalidades das letras ou a ciencia sexan invitadas?. Nos próximos anos deberíase reflexionar sobre isto.

A min gustaríame un tipo de festa na que a cultura teña maior presenza e os políticos  menos. Onde sexan compatibles a diversión , a boa gastronomía, o consumo moderado de alcohol e a promoción turística. Algo se avanzou nestes últimos tres anos pero queda moito por facer. É só unha opinión.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario