sábado, 31 de outubro de 2015

OS DESCENDENTES DE DIEGO DE ZÁRATE (e III). Sindo Mosteiro

Última entrega da serie sobre a casa de Montesacro. Grazas Sindo.




Foto: Sindo Mosteiro.2012.

Co paso do tempo, o pazo de Montesacro sería residencia habitual dos marqueses nalgunhas épocas, quedando como casa de temporada noutras. Coa chegada dos Luyando, alternarían co pazo de Bermás sobre todo. Esta familia, que adoptaría algúns dos costumes do seu rango como señores da súa terra e xurisdición, mantería, porén, unha actitude máis liberal que outros do seu status, e así foi evidente cos desencontros cos vizcondes de Fefiñáns e duque de Alba, posuidores dos veciños señoríos de Fefiñans e Cambados. Na mesma liña estaban os Bazán, que incluso chegarían a preitos polo enfrontamento con algún franciscano cambadés ultraortodoxo que os acusaba de seren descendentes de xudeus, por non falar do detestable que lles resultaba aos tradicionalistas a figura daquel insigne Pedro Pablo Bazán de Mendoza, máis afín ás novas ideas revolucionarias francesas. Ambas familias chegarían a enlazar cando o IV marqués casa con María Gaspara Bazán de Mendoza. A chegada no 1856 de Jose María de Luyando Hormaechea, VII marqués de Montesacro, supón unha certa revolución en San Tomé do Mar, onde os seus habitantes trataban de estender os beneficios da condición de matriculados no mar dos mariñeiros ao resto da poboación e de levaren a cabo negocios con que superaren a crise de 1842-52 en que desaparecera practicamente a sardiña da nosa ribeira.

 Fragmento dun mapa de Cambados de 1593 no que se pode ver a "barca das Estacas" que cruzaba o río Umia. Arquivo Universitario de Santiago.

 Desde 1840 levaban o beneficio de xeito irregular da barca das Estacas, da que era arrendatario José Aragunde, a quen se lle embargan no 1860 –tras preito do marqués- 3.066 reais. Tamén se pretende embargar a Manuel Pérez del Río, depositario teórico dos fondos, ao que non se lle atopa nada. A sentencia será favorable ao marqués en data de 21 de xaneiro de 1861. O uso da barca sería imprescindible para o paso do río até a construción da ponte, iniciada no 1868 e rematada no 1878, a iniciativa dun grupo de inversores que tiraba proveito das taxas a cobraren nunha casa anexa. A ponte non será de uso público e gratuíto até a compra polo Estado, a iniciativa do marqués de Mochales, deputado en Cortes polo partido de Cambados, no 1902.

Entre os descendentes destacados desta liña está Juan Zárate y Murga, Capitán Xeneral das Canarias no 1840; Manuel Taboada Roca, X marqués de Montesacro, maxistrado do Tribunal Supremo e xenealoxista e o seu irmán Antonio, tamén destacado investigador en diferentes campos históricos. A filla de Manuel, Mª del Pilar Lourdes Taboada Fernández, é a XII e actual marquesa de Montesacro desde o 30 de marzo de 2012. Tamén se debe mencionar a Ramiro Hernán Luyando Varela de Luaces Zárate, IX marqués de Montesacro, morto no 6 de febreiro de 1937 e derradeiro habitante deste pazo antes da venda, para trasladar o asilo instalado no pazo de Torrado aquí, pola súa viúva, Juana María Grisone Vezzoso, que ao pouco marcha para casar co III marqués de Alonso-Martínez e IV marqués de Bellamar no 30 de abril de 1941.



 Praia de San Tomé do Mar e pazo de Montesacro. Foto Sindo Mosteiro, 2012.

Pero seguramente dous van ser os máis destacados, pai e fillo. Vicente de Zárate-Murga Bazán de Mendoza, V marqués de Montesacro, nacido o 21 de xaneiro de 1779 en San Tomé do Mar, era fillo de Antonio Julián de Zárate Murga e de Gaspara Bazán de Mendoza e casou con Socorro Piñeiro Cárdenas, do que resultaron os fillos Javier e Valvanera Zárate Piñeiro, VI marquesa de Montesacro. Este Vicente era membro da “Real Maestranza de Caballería de Granada”, acadando o cargo de tenente coronel da milicia provincial, en principio unha organización na reserva, que na Guerra Carlista de 1833-40 é totalmente asimilable á infantería do exército. Durante o conflito armado deuse o intento de rebelión chamado “Conspiración do Salnés”, proclamada o 26 de abril de 1835 na igrexa de Paradela, como estratexia plurinuclear en paralelo ás que lideraban o cóengo cardeal de Santiago, Gorostidi, e Antonio López, logo presos e executados. O líder era o antigo oficial José Martínez Andrade e o segundo era o propio cura de Paradela e actuaban por boa parte do Salnés tratando de estender a rebelión. Andrade, xunto co seu segundo e outros dous compañeiros, foron presos e levados á cadea de Pontevedra o 5 de maio polas milicias que dirixía Vicente Zárate, marqués de Montesacro, acuarteladas no vello convento expropiado dos franciscanos de Cambados. O 8 de xuño, a pesar das presións das elites máis conservadoras, é ordenada polo capitán xeneral do Exército do Reino de Galicia a execución dos once reos capturados até entón, dos que seis eran cregos, e todos eles procedentes das parroquias de Tremoedo, Paradela, Briallos, Leiro, Vilanova e Romai. Tamén serán xulgados en Caldas outros elementos acusados de conspiración e apoio á facción carlista, dos que sete resultaron ser tamén cregos das parroquias de Carracedo, Cesar, Baión, Leiro, Tremoedo e Deiro. A causa dos méritos contraídos o marqués sería nomeado senador pola provincia de Pontevedra no 7 de marzo de 1840, aínda que non chega a xurar o cargo. Aínda tería que ver morrer ao seu fillo e truncado sucesor, sobrevivíndoo tres anos até o 1847.

Javier Zárate Piñeiro é asasinado no 1844, segundo algúns autores, no pazo familiar de San Tomé do Mar; segundo outros é malferido na alameda e trasladado ao pazo onde agoniza ata a morte. Pero a versión que máis circula é a de que foi asasinado na alameda a causa da súa actividade como o que hoxe poderiamos chamar “depredador sexual”. Seica tiña unha afección desmedida polas saias, o que levou a que os veciños de San Tomé se confabularan para lle daren morte con sacos cheos de area da praia. Este detalle faime pensar que ben pode ser esta narración dos feitos froito dunha elaboración literaria a posteriori, tendo en conta que algo así se conta nunha noveliña de éxito daquel tempo, escrita por Prosper Mérimée, La Vénus d'Ille, publicada no ano 1837:


“Achegueime ao leito e erguín o corpo do desgraciado mozo; estaba xa teso e frío. Os seus dentes regañados e a súa cara ennegrecida expresaban as máis terribles angustias. Ao parecer a súa morte fora violenta e a agonía terrible. Non obstante, non tiña a menor mancha de sangue na roupa. Abrinlle a camisa e vinlle no peito unha marca morada que se prolongaba polas costas e o lombo. Diríase que fora entalado por un aro de ferro. Tripei algo duro que se atopaba enriba da alfombra; baixeime e vin unha sortella de diamantes.
Levei o señor de Peyrehorade e a súa dona ao seu cuarto, despois mandei que levasen a recén casada tamén alí.
-Aínda teñen vostedes unha filla –díxenlles- e deben mirar por ela.
Parecíame claro que o señor Alphonse fora vítima dun asasinato; os asasinos atoparon algún medio para se introducir pola noite no cuarto da noiva. Aquelas mazaduras no peito e a súa dirección circular poñíanme nun aperto porque un pau ou unha barra de ferro non poderían facer tal cousa. De súpeto, lembrei ter oído que en Valencia os matóns servíanse de longos sacos de coiro cheos de xabre para pegarlles ás persoas que lles encargaban matar. Entón acordeime do arrieiro aragonés e da súa ameaza.”

Javier Zárate había pouco que casara, no 1838, na Coruña con María Circuncisión Sangro (tamén chamada Manuela), coa que tiña unha filla pequena e era fillo dun gran señor. Son curiosas as coincidencias. Esta morte vai precipitar o cambio de liña, pois coa desaparición do V marqués, nin a irmá Valvanera nin a filla, María Jacoba, serán quen de defenderen os seus posibles dereitos por moito tempo, e tampouco conseguirán finalmente acadar o outro morgado familiar, o de Salinas, que pasará a Faustina, irmá de José María de Luyando. O que sucedería a esta liña, tras sentencia xudicial, sería este VII marqués de Montesacro, con sentencia definitiva do 23 de marzo de 1863, tras uns cantos anos de teceren. O personaxe de Javier de Zárate foi moi sonado na sociedade cambadesa, aínda que a narración do seu relato confunde con frecuencia feitos do seu pai cos seus. Así, é interesante citar unha carta que Ramón Cabanillas enviou a Isidoro Millán o 8 de novembro de 1955:

“De aquel decimonónico Marqués de Montesacro que murió de una paliza que un marido ultrajado le profirió con un saco de arena, una noche de invierno en la recién plantada alameda de Santo Tomé, conozco la frase testamentaria: “es mi voluntad que me entierren con bigote y perilla como buen liberal”, por boca de Joaquín. En una ocasión, en su despacho abrió un arca de castaño en que guardaba varios documentos y entre ellos, según él, la última disposición del Marqués, muy curiosa por otras cláusulas; su propósito era enseñarme el documento pero la confidencia se interrumpió por la entrada de extraños. Ese Marqués, de quien oí hablar mucho en mi juventud, parece que era un devoto de Espartero, fue Alcalde de Cambados y el que ordenó el derribo de los arcos que unían el Palacio con la actual casa de José González, la de Laya y la iglesia de San Benito. El arca de Joaquín –debe saberlo Aurora- parece que la llevó Juanín Gil, no sé si cedida o comprada, con los documentos que contenía y otros objetos que no sé que fue de ellos. El Marqués fue uno de los hijos cambadeses más interesantes. ¡Qué valle de Salnés! Si no tuviera los años que tengo, le dedicaría mis horas.”
Quizais algún día poidamos continuar esta historia, non hai máis que dar con esa arca de que fala Cabanillas. Quen sabe cantos feitos do pasado nos podería traer cara os nosos días.

Para rematar, unha pequena coda musical con que lembrar a dous personaxes interesantes: o noso primeiro marqués de Montesacro e o músico Daniel Purcell, sempre á sombra do seu xenial irmán Henry, que morrerían no mesmo ano de 1717 case á mesma idade. Compuxo Daniel unha boa presada de obras de enorme beleza, das que destacaremos “My dearest, My fairest”, interpretada neste caso por dous contratenores irrepetibles: Andreas Scholl e Philip Jaroussky.

Ningún comentario:

Publicar un comentario