sábado, 2 de xullo de 2016

ANIVERSARIO DA MORTE DE FRANCISCO ASOREY

O 2 de xullo de 1961 morreu en Santiago de Compostela o escultor cambadés, membro das Irmandades da Fala.

Como pequena lembranza recollemos aquí algunhas fotos da súa traxectoria vital e artística


 Foto tirada na galería posterior da casa natal de Asorey en Fefiñáns. Aparecen varios membros da familia del Valle que mercaron a casa en 1895. Anos antes soían vir a pasar os veráns a Cambados e alugaban a casa da familia Asorey, eles instalábanse na planta baixa, e a famila del Valle na primeira planta, a relación entre eles era case familiar. Nesta foto pode ser o neno Paquiño Asorey o que está sentado no centro. Se se confirmara que é efectivamente Asorey, sería a foto máis antiga conservada. Corresponde a finais do s. XIX, foi tirada cunha cámara que trouxo Anatole del Valle de Francia e facilitáronma os descendentes.



Sendo aínda adolescente (14 anos) Paquiño Asorey sae en barco do porto de Vigo rumbo a Barcelona, a estudar no Colexio dos Salesianos de Sarriá, un pobo obreiro e industrial  nos arredores da metrópole catalana. Dende alí debeu enviar esta foto aos seus familiares algún tempo despois de instalarse. Na parte inferior da fotografía aparece o nome do fotógrafo e o enderezo do seu estudo en Sarriá. O futuro artista debía ter sobre 15 anos, ca 1904. FOTO: Adela Leiro. 



  Foto aparecida na publicación: "Cambados: dos tempos idos..." publicada polo Concello de Cambados en 1990 e coordinada por Luís Rei. Indica: "Asorey, Mozo. Foto enviada por Asorey a Luís García (aprox. 1910)". Se a data é correcta pode corresponder aos primeiros tempos da estadía de Asorey en Madrid, aprox. entre 1910 e 1919. A pose do cambadés na imaxe indica a seguridade e confianza coa que se enfronta un artista novo ao reto de abrirse paso como escultor na capital madrileña.







Aparece Asorey traballando no retrato do fotógrafo Enrique Guerra. Consérvase na RAG, foi doazón do pintor e amigo Luis Quintas Goyanes. Apareceu a foto na revista Vida Gallega  en 1913.



Foto tirada arredor de 1916, probablemente en Madrid. En torno a estes anos o artista cambadés coincide en Madrid co pintor Cordobés, Julio Romero de Torres así como con artistas galegos como Manuel Bujados, ambos levaban unha vida bastante bohemia (e nocturna) que probablemente Asorey compartiu. Destas vivencias seguramente saiu a inspiración para a obra conservada no Museo de Pontevedra, Lo jondo, unha visión caricaturesca e sensual dun tablao flamenco. Non debeu de durar moito esta vida para o noso artista porque pronto se sinte atraído polo ambiente compostelano, onde coñece á súa futura muller, Jesusa Ferreiro. O cambio vese nas obras de 1915: Cabaleiros negros e 1917: Rezo de Beatas. FOTO: Adela Leiro.


Xantar na finca das Pías dentro dos actos celebrados no Balneario de Mondariz polo ingreso de Ramón Cabanillas na Real Academia Galega en agosto de 1920. Asorey non podía faltar á homenaxe do seu amigo. En 1916 foran creadas por Antón Villar Ponte as Irmandades da Fala, tanto Cabanillas como Asorey e Vicente Risco (que aparecen na foto)  afiliáronse ás Irmandades. Foto: Vida Gallega



Este é un dos retratos de Asorey máis difundidos, debe corresponder a 1928, foi feita no estudo do fotógrafo vigués Pacheco. Nesta fotografía vese incluso a sinatura do fotógrafo.Foto: Adela Leiro.




Pasado o trauma da Guerra Civil, dentro do estreito marco que a ditadura de Franco permite, empezan a xurdir diversas iniciativas culturais que pretenden conservar a lingua e a cultura galega. Un exemplo disto é a creación do Padroado Rosalía de Castro que pretende comprar e restaurar a casa padronesa na que morreu a poetisa. Esta foto mostra unha reunión dos membros do padroado. Consérvase na RAG e corresponde a 1950. Aparece Asorey, que nese ano estaba preparando o monumento á poetisa galega que ía ser levantado en Padrón. Finalmente non foi el o que fixo a escultura. Tamén aparece a filla de Rosalía (sentada), Gala Murguía de Castro e tamén o arquitecto Manuel Gómez-Román que será o encargado da restauración da casa.



Corresponde esta imaxe a unha reportaxe que fixo o fotógrafo Marcelino para o xornal compostelán, La Noche en 1957. É dos últimos retratos que se fan ao artista antes da súa morte, que acontece, tal día como hoxe, un 2 de xullo, en 1961. Vese ao artista traballando na maqueta dun monumento ao futbolista Luís Otero que se ía levantar no estadio de Riazor na Coruña. Non chegou a facerse. Foto: Adela Leiro.