martes, 11 de febreiro de 2014

Localizan unha escultura de Francisco Asorey

Así aparecía a nova no xornal do Faro de Vigo de hoxe. Miguel Anxo Martínez daba conta da localización por parte dos herdeiros de Francisco Asorey desta escultura, "A naiciña" que se sabía que estaba en Arxentina pero descoñecíase o paradoiro exacto. Unha boa nova porque esta obra é das mellores e máis emblemáticas do artista. Porén levamos unha decepción ao contemplar a escultura, acostumados como estabamos a imaxinala a partir da imaxen en escaiola que ten o Museo de Pontevedra e as fotos da época, resulta estrano vela a cor. Sen sabelo con seguridade parece ademais que a figura foi repintada, ten sombras e tons negros que non se ven nas fotos en branco e negro. En todo caso un gran descubrimento.

 Reproducimos a continuación unha foto feita polo fotógrafo santiagués Ksado, bo amigo de Asorey que debeu de facela pouco antes de que a obra marchase para a Arxentina. Apareceu reproducida no xornal coruñés El Ideal Gallego o 20 de agosto de 1922 onde se di que a obra a comprou por 10.000 pesetas un fervoroso admirador de Asorey.