sábado, 14 de setembro de 2013

CAMBADOS VISTO POR FRANCISCO LLORÉNS

Pois xa postos seguimos con pintores. Francisco Lloréns naceu na Coruña en 1874. O  pai, comerciante, era de orixe catalán, a nai galega. Seguindo a tradición familiar, Francisco iniciou estudos na Escola de Comercio da Coruña pero acaba matriculándose tamén na Escola de Artes e Oficios onde descubre a súa verdadeira vocación. Decide trasladarse a Madrid e completar os seus estudos na Escola de Bellas Artes de San Fernando, onde tivo como mestre ao paisaxista Carlos Haes. Disfrutou dunha bolsa de estudos na Academia de España en Roma que aproveita para coñecer a arte italiana e europea, especialmente de París e os Países Baixos. En 1906 volve á Coruña. Casa con Eva Rodríguez, filla dun coñecido médico coruñés en 1918, da que enviuva en 1925 dous meses despois de nacer a súa segunda filla. Deste episodio tivo ocasión de falar neste blog Luís Rei. Uns anos antes gañara a Cátedra de debuxo artístico na Escola de Comercio de Madrid, onde se instala definitivamente, a Galicia virá sobre todo nos veráns pero non perde contacto coa Terra e a Arte galega. Foi un dos organizadores da Exposición de Belas Artes celebrada na Coruña en 1917 e na que participaron os artistas galegos máis senlleiros da época dos que Lloréns era bo amigo.


Foto dos participantes na Exposición de Arte Galego no recén inaugurado Palacio Municipal do  Concello da Coruña en 1917. De esquerda a dereita de pé: Alfredo Tella, o pintor Manuel Abelenda, o xornalista Alejandro Barreiro, o pintor pontevedrés Carlos Sobrino, o arquitecto Antonio Palacios, José Seijo Rubio, o pintor Álvarez de Soutomaior, Francisco Lloréns, Castelao, Concheiro, o crítico madrileño José Francés, Emilio Madariaga (co chapeu nas mans) e González del Villar, hai dúas persoas sen identificar. Sentados: Sra de José Francés, Condesa de Pardo Bazán (que leu o discurso inaugural) e Puga (“Picadillo”), alcalde da Coruña.

 En 1920 nos xardíns do Balneario de Mondariz onde o seu amigo Cabanillas, que lle dedicou varios poemas, ingresa na Academia Galega. De pé á esquerda Lloréns, Eladio Rodríguez, secretario da Academia, Enrique Peinador, propietario do Balneario, o arquitecto de Porriño Antonio Palacios e Ramón Cabanillas. Sentada a muller de Lloréns, Eva Rodríguez. Cabanillas escribe un poema na súa honra nas costas deste retrato feito polo fotógrafo vigués Saraiba.

Participou na homenaxe ao seu amigo Asorey que lle tributaron en Cambados en 1922 e ese verán e algún máis visitou a nosa vila e deixou varios debuxos e pinturas das nosas paisaxes que hoxe traemos aquí.

A RÚA HOSPITAL




A PRAZA DE FEFIÑÁNS




E rematamos cun magnífico lenzo da praza en día de Mercado que ten unha familia de Santiago


Doutro lenzo pintado en Cambados, e do que xa se falou, descoñecemos o paradoiro e só se conserva unha fotografía en branco e negro. Alguén sabe onde pode estar?


martes, 10 de setembro de 2013

O VERDADEIRO GAITEIRO DE CAMBADOS

Gaiteiro de Cambados, Ramón de Zubiaurre, 1917, aparece a reproducción que conservan na fototeca do Ministerio de cultura


Fixen xa fai bastante tempo (2013) unha entrada sobre os cadros que Ramón de Zubiaurre pintou durante a súa estancia en Cambados en 1917. O bó da información en internet, é que é moi accesible e moita xente pode vela e corrixila. Fai uns días escribiume Encarna Magariños dende o Grove para dicirme que quizais tiña mal identificada a obra O Gaiteiro de Cambados. Efectivamente así era e grazas aos enlaces que me facilitou agora podo corrixir a información. Grazas!

Ramón de Zubiaurre, visitou Cambados no verán de 1917, acababa de casarse con Isolina Gállego e escolleron Cambados para pasar a lúa de mel. O pintor vasco aproveitou a estancia para pintar dous cadros que hoxe descoñecemos onde están, pero conservamos fotografías, e un poema que fixo o noso poeta Ramón Cabanillas  despois de haber contemplado os cadros. No xornal vilagarcián Galicia Nueva do 2 de agosto de 1917, aparece un artigo de Dositeo Ulloa no que se di o seguinte:


“Ofrecí ayer ocuparme de ellos con el espacio que merecen y voy a intentarlo, a pesar del convencimiento que tengo de que es labor superior a mis fuerzas. Dos son los cuadros. Uno, que titulará “ El gaitero de Cambados”, y otro, “Veterano del Callao”. Vamos a detenernos un momento ante el primero, de un estilo arcaizante: representa a nuestro convecino Eugenio Barros, con la clásica gaita gallega, como descansando de interpretar una “enxebre” muñeira. El parecido es inmenso y sólo como retrato tendría gran valor artístico si lo atrevido y valiente de su colorido no hiciese llamar nuestra atención al fondo del cuadro. El Palacio de los antiguos condes de Maceda, la gran plaza del Mercado, la iglesia de San Benito de Fefiñanes y, a lo lejos, unos umbrosos pinos de Tragove, de nuestro incomparable Tragove, todo ello bañado por una melancólica luz solar poniente, que principalmente se refleja en la parte superior de las dos torres de San Benito, carecerían para nosotros de mérito artístico si no nos conmovieran de manera distinta del natural; y esto es, en nuestro pobre juicio, lo que da el cuadro que nos ocupa el verdadero título de obra de arte, pues de otra manera no pasaría de ser una buena obra de selección. Todo en el cuadro de Ramón de Zubiaurre responde a un sentimiento de austeridad; así que en él nada hay inarmónico, ni insertonado ni de mal gusto. La “pose” es algo tizianesca (…). Así y todo, los dos cuadros de Zubiaurre son notabilísimos y ellos solos demostrarían que el siglo de oro de nuestra pintura no ha desaparecido. Los dos tipos de los cuadros son bastantes para levantar la bandera del regionalismo. Las dos obras de Zubiaurre serán expuestas en la “Asociación de Artistas Vascos” de Bilbao.

Nuestra cordial enhorabuena al ilustre pintor, que en el corto espacio del tiempo que estuvo entre nosotros tan bien supo interpretar a nuestra Galicia irredenta.


No cadro retrátase ao gaiteiro Eugenio Barros, en primeiro termo pero sin ocupar o centro da composición, por detrás unha cortina que corresponde seguramente á estancia do pazo no que aparece retratado. Ao fondo unha vista da "Praza do Mercado", coa Igrexa de S. Bieito, na que é posible ver a escalinata orixinal mirando cara o sur. Por detrás aparecen as casas pintadas en branco como era costume nesa época encalalas. E tamén se poden ver os piñeiros de Tragove dos que fala o texto anterior e probablemente máis ao fondo a  Illa de Arousa ou a outra banda da Ría.

E este é o poema que escribiu Cabanillas, publicado por vez primeira en A Nosa Terra o 10.10.1917 e posteriomente aparece na 2ª edición de Vento Mareiro (1922):

O GAITEIRO DE CAMBADOS

(Lenzo de D. Ramón de Zubiaurre)

Este gaiteiro celta dos ollos azuados,
un pouco destes días, un pouco lexendario,
labrego un anaquiño, mariñeiro outro anaco,
que recorda as imaxes solenes do Ticiano,
vén da caste daqueles varudos lusitanos
que loitaron de Roma cos fortes lexionarios.

Este gaiteiro celta dos ollos azuados,
no segredo curruncho da súa alma de bardo
e no fol da súa gaita, pechou os hinos sagros
e os berros loitadores dun pobo rudo e bravo
que nas noites de lúa, á soma dos cabalos,
adorou no misterio uns dioses xa enterrados,
o alalá namorante, relixioso e nostálxico,
e a alborada ridora, feita de limpos raios
do morno sol nacente, de pingotas de orballo,
de arumes das roseiras, de chíos dos paxaros.

Este gaiteiro celta dos ollos azuados,
cando o sol alumaba o vello campanario,
cando estaban desertas a praza e mais o adro,
e o mar era un espello, e o vento repousado
bicaba as pedras negras do silenzoso pazo,
veuno e trúxoo a este lenzo, con todo o seu encanto,
Don Ramón de Zubiaurre, o mozo pintor vasco.


Veterano del Callao. Ramón de Zubiaurre. 1917, está datado e asinado. Esta obra era identificada en algúns textos como o gaiteiro, está claro que non o é. Pola información que deixaron (unha vez máis) persoas anónimas nos comentarios sabemos que o cadro foi subastado en 2014.

Encarga Magariños facilítanos máis datos e envía esta nova:

Corresponde ao xornal El Progreso,5 de maio de 1919 e confirma que as dúas obras de que falamos estiveron expostas na Exposición de Bos Aires de 1919. E fala doutra obra: "Joven Gallega" que pudo pintar tamén durante a súa estancia en Cambados.



REMATAMOS PEDINDO COLABORACIÓN:

ALGUÉN SABE DO PARADOIRO DESTES CADROS?

Agradeceriamos que nos facilitasen algún dato, nós e tamén  o Museo de Bellas Artes de Bilbao que ten unha magnífica colección de pintura vasca.

Agradecemos aquí a  Mikel Urizar, xefe do arquivo deste museo, os datos que nos enviou.



sábado, 7 de setembro de 2013

"EL CLUB DE LA TIJERA"

Falouse na entrada anterior deste peculiar club que se reunía na taberna de Pepe Ínsua fronte á casa de Dona Lucila e que a súa principal ocupación era "facer traxes" aos cambadeses e cambadesas. Reproducimos de novo o texto:

“Había a la sazón en Fefiñanes, enfrente a la casa en que vivió Valle, una taberna sui generis, propiedad de Pepe Ínsua, un veterano de la guerra de Cuba, a la que concurrían, formando peña especial, unos cuantos amigos de la localidad, que pasaban el tiempo trazando planes, preparando conquistas o utilizando aliquando sus dicharacheras lenguas en reformar los trajes de los vecinos... ó de las vecinas, aun cuando en ocasiones la tal reforma saliese... un poco apretada ó excesivamente ancha. Gente joven, alegre, con inquietudes de tipo intelectual, que estaba al día del movimiento cultural de España y que seguía la campaña iniciada en torno a la figura y a la obra de Valle-Inclán. Alli se reunían, entre otros, formando la élite de la tertulia, bautizada luego con el nombre de “Club de la Tijera”, el siempre pulcro y ceremonioso Juanito Vidal, el humorista Manolo Sánchez Peña, el hercúleo Emilio Cid, el prosaico Antonio Pillado, Pepe Fraga, Pedro Vidal y su hermano Enrique".

Nunha foto que nos pasou Pitusa Vidal Cabanillas, neta do noso escritor, aparecen retratados moitos  destes personaxes, así como Ramón Cabanillas que acababa de volver de Cuba en 1912, en relación á enfermidade e morte da súa nai, e a onde retornaría uns meses despois. Corresponde á comida coa que os amigos de Cabanillas o agasallan á volta da súa primeira viaxe a Cuba. A foto foi tirada na casa de José Fraga, alcumado Furruxe, na horta do que hoxe é a biblioteca municipal e no reverso da propia foto aparecen identificados os asistentes. Moitos deles pertencen a este "selecto" clube.

 No reverso da foto aparece escrito: Banquete a Ramón Cabanillas al llegar de Cuba en su primer viaje.

E relaciona os personaxes retratados empezando por Ramón Cabanillas que é o que está con gorra, á esquerda da columna e  a continuación en sentido antihorario: Enrique Vidal Oubiñas (o farmacéutico), Antonio Pillado Otero (avó de Xoán Antonio Pillado), José Fraga Peña (propietario da casa), Joaquín Pomares Santos (está de costas), Ramón Panadero, Juan Vidal Bobo ("Juanito Vidal"), Manuel Rovira Carreró (médico), Emilio Cid Arias ("El hercúleo"), Cándido Betanzos Charlín, Pablo Roig Rovira, Leoncio González Salazar, Benito Silva Neira (músico), Manuel Ramallo, Joaquín Sánchez Peña (cronista de Cambados e irmán de Manolo Sánchez Peña, outro membro do clube), Pedro Vidal Oubiñas (irmán do farmacéutico), Ernesto Zárate Ambrós (o da festa do albariño), José Ínsua Fernández (o taberneiro?) e Leopoldo Vidal Álvarez (apenas se ve detrás da columna).

martes, 3 de setembro de 2013

VALLE- INCLÁN EN CAMBADOS

Ramón José Simón Valle Peña, máis coñecido como Ramón María del Valle-Inclán, apelido que el mesmo recuperou do seu avó, viviu en Cambados de 1912 a 1916. Cando se instala en Cambados coa súa familia tiña 46 anos. Iniciara facía tempo os estudos de dereito en Santiago que tivo que deixar debido á morte de seu pai, pero xa entón lle tiraba máis o periodismo e a literatura. Viaxou a México e Arxentina e coñeceu á actriz Josefina Blanco coa que casou. Viviu en Madrid e na tertulia do Novo café de Levante contactou e fixose célebre entre a intelectualidade madrileña. E volve a Galicia en 1912 en relación probablemente á morte da súa nai.


Casa da rúa real onde pararon Valle e a súa familia. A foto é dos anos 50, moito despois de estadía de Valle-Inclán, vese un surtidor de gasolina no primeiro termo

 E como dixemos instálase coa súa muller e a súa filla en Cambados en 1912, nunha casa alugada á Lucila Fernández-Soler viúva de Eugenio Fraga Padín, que á morte do seu home marchara a vivir a Santiago. Nesta casa estivo a primeira farmacia de Fefiñáns rexentada por Enrique Vidal. Parece ser que posteriormente viviu tamén nunha casa da rúa Carreira, propiedade do avogado José González Fraga. A estancia en Cambados alternábase con estadías breves en Madrid ou a viaxe que fixo en 1916 a Francia como corresponsal na Guerra Europea que estalara en 1914.

Valle-Inclán na casa de Dona Lucila

O historiador José Caamaño Bournacell fala da estadía de Valle en Cambados no libro Estampas de Cambados de 1953, alí conta diversas anécdotas co seu peculiar estilo medio histórico medio literario, como esta que parece que lle contou Enrique Vidal:

“Había a la sazón en Fefiñanes, enfrente a la casa en que vivió Valle, una taberna sui generis, propiedad de Pepe Ínsua, un veterano de la guerra de Cuba, a la que concurrían, formando peña especial, unos cuantos amigos de la localidad, que pasaban el tiempo trazando planes, preparando conquistas o utilizando aliquando sus dicharacheras lenguas en reformar los trajes de los vecinos... ó de las vecinas, aun cuando en ocasiones la tal reforma saliese... un poco apretada ó excesivamente ancha. Gente joven, alegre, con inquietudes de tipo intelectual, que estaba al día del movimiento cultural de España y que seguía la campaña iniciada en torno a la figura y a la obra de Valle-Inclán. Alli se reunían, entre otros, formando la élite de la tertulia, bautizada luego con el nombre de “Club de la Tijera”, el siempre pulcro y ceremonioso Juanito Vidal, el humorista Manolo Sánchez Peña, el hercúleo Emilio Cid, el prosaico Antonio Pillado, Pepe Fraga, Pedro Vidal y su hermano Enrique. Cuando esta peña tuvo conocimiento de la próxima llegada de Valle a Cambados acordó , más que rendirle un homenaje popular, exteriorizar su júbilo por la presencia de don Ramón en este pueblo,cuya figura componía tan bien en el histórico marco cambadés... Al efecto, al llegar Valle frente a la que iba a ser su morada, ve en la fachada de la citada taberna un gran rótulo en el que se leía: “El Club de la Tijera saluda al príncipe de las letras españolas don Ramón María del Valle-Inclán y se complace en darle la bienvenida, deseándole una grata estancia en esta tierra...”. A los pocos minutos se recibe en la taberna una caja de botellas de marca, con una tarjeta que decía; “Ramón María del Valle-Inclán, a ratos también canónigo de la tijera, agradece cordialmente la salutación de ese simpático y alegre Club”.

En Cambados visítano os intelectuais e amigos que tratou en Madrid. Caamaño afirma que veñen á nosa vila, o escritor Ramón Pérez de Ayala, o seu traductor ao francés M. Chaumié e os artistas Julio Romero de Torres e Rafael de Penagos, asiduos da tertulia madrileña do Novo Café de Levante. E tamén tivo que vir o pintor Anselmo Miguel Nieto, amigo dos anteriores, que lle fixo un retrato que custodia hoxe o Museo de Pontevedra e no que Valle aparece sentado, nun ambiente oscuro como lle gustaba a estes pintores de orientación simbolista (e ao mesmo Valle) e por detrás unha fiestra na que é posible ver unha vista da Ría de Arousa, probablemente pintada dende a casa de Dona Lucila.